CONSULTA NESTA NOVA O DOCUMENTO ÍNTEGRO
O Concello de Carballo presenta o seu cuarto Plan de Igualdade para que se converta nunha “ferramenta de cambio social”
Evencio Ferrero apelou ao compromiso de toda a sociedade para “seguir traballando en igualdade, porque só así se pode chegar á xustiza”
Venres 8 de marzo do 2019 Carballo ao día
Equipo técnico do CIM
O IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre as Mulleres e os Homes de Carballo xa é unha realidade. Presentárono o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Igualdade, Maica Ures, e o equipo técnico do Centro de Información á Muller (CIM) na véspera dunha data tan simbólica coma este 8 de Marzo. Pero, máis ca un símbolo, Maica Ures expresou o seu desexo de que este documento, que podes consultar ao final desta nova, “sexa unha ferramenta de cambio social, unha folla de ruta viva e dinámica e realista encamiñada a reducir as desigualdades de xénero e a seguir traballando para rematar coa violencia de xénero e cos feminicidios”.
O IV Plan de Igualdade, aprobado na última Xunta de Goberno Local, representa “a continuidade do compromiso que o Concello de Carballo ten adquirido para mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza”, engadiu a concelleira.
Como podedes comprobar botándolle unha ollada ao documento, o PIOM divídese en cinco grandes áreas:
- Coordinación, formación e sensibilización: “Neste primeiro punto xa temos moito traballado , xa que a inclusión das perspectiva de xénero xa está presenta nas distintas áreas municipais”, indicou Maica Ures.
- Carballo coeduca: Os obradoiros de xoguete non sexista que se están a levar a cabo nos centros escolares son, entre outras propostas, unha mostra do traballo desenvolvido neste ámbito.
- Conciliación: O principal expoñente é o programa Concilia, que leva xa máis de 10 anos axudando a moitas familias a conciliar. Este ano, para dar resposta ás necesidades dos/as usuarios/as ampliouse o horario e o ámbito de actuación, incluíndo, ademais dos colexios Fogar e Bergantiños, o Gándara-Sofán.
- Participación e benestar: “Este é un punto fundamental _indicou Maica Ures_, por iso xa estamos dando os primeiros pasos creando o grupo de participación social CAMIÑANDO POLA IGUALDADE. É unha iniciativa na que tanto homes como mulleres participamos e traballamos en prol da igualdade, porque este camiño temos que facelo en conxunto”.
- Prevención da violencia de xénero: Ademais de campañas de sensibilización, a actuación neste ámbito require da posta a disposición das mulleres e as súas familias de todos os recursos dispoñibles.
O alcalde de Carballo, pola súa banda, aludiu aos dereitos que foi conquistando a muller nas últimas décadas e á necesidade de seguir avanzando nesa conquista ata acadar a igualdade, que debe ser un obxectivo de toda a sociedade. “Sigamos traballando en igualdade _dixo_ porque só así se pode chegar á xustiza. Non podemos permanecer no mesmo sitio, e dende logo non podemos retroceder”, rematou Evencio Ferrero.