PRESENTADA A CAMPAÑA DE DIVULGACIÓN DA UCA
A UAD reconvértese en Unidade de Condutas Adictivas para adaptarse ás actuais demandas asistenciais
As demandas de tratamento por adicción ao alcohol e/ou o tabaco xa duplican ás demandas de tratamento por substancias ilegais
Sábado 24 de novembro do 2018 Carballo ao día
Lourdes Suárez e Evencio Ferrero, na presentación da UCA
A partir de agora hai que retirar do vocabulario as siglas da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) e incorporar as da Unidade de Condutas Adictivas (UCA). O cambio de denominación, polo que tamén empezan a optar outros centros da rede galega, obedece ao cambio de pacientes que chegan a este servizo de titularidade municipal pero de ámbito supracomarcal (no noso caso abrangue os 15 concellos das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra), sostido con fondos da Xunta, fundamentalmente, e unha axuda da Deputación.
A directora da UCA, a psicóloga Lourdes Suárez, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, deron a coñecer o cambio de denominación, que vén acompañado dunha campaña de difusión para dar a coñecer o servizo en toda a Costa da Morte. Centros de saúde, institutos e entidades sociais serán algúns dos destinatarios de información, recompilada nun tríptico e que tamén estará dispoñible en breve nunha sección específica dentro da páxina web municipal.
“Queremos que a xente deixe de vernos coma o ‘centro da metadona’, porque a realidade é que o número de demandas de tratamento por substancias legais coma o alcol e/ou o tabaco xa duplica o número de demandas de tratamento por substancias ilegais”, explicou Lourdes Suárez.
Novos programas
Lourdes Suárez explicou os programas de tratamento
No ano 2013 arrancaron os programas de atención ao alcoholismo e o tabaquismo así coma os de adiccións “sen substancia”. “Detectouse que era moi importante para evitar desprazamentos ás persoas que sofren estas problemáticas e facilitar non só que puidesen iniciar un tratamento, senón mantelo no tempo”, sinalou a directora da UCA.
Este ano, ata o 20 de novembro, a UCA tratou a 96 pacientes no programa de deshabituación alcohólica e realizou cinco grupos de deshabituación tabáquica, nos que participaron 23 pacientes remitidos polos seus médicos de atención primaria ou dende servizos hospitalarios. A estes pacientes sumáronselle outros que foron tratados de maneira individualizada por non poder participar nos grupos. Neste mesmo período de tempo, polo programa de dispensación de metadona, o máis coñecido da antiga UAD, pasaron 85 pacientes.
No ano 2016 incorporáronse dous novos programas que permiten tratar con derivados opiáceos a pacientes oncolóxicos e de unidades de dor. Este ano utilizaron este servizo 5 persoas. Tamén funciona dende o 2016 o programa de adiccións comportamentais: xogo patolóxico, adicción ás novas tecnoloxías, ás compras ou ao sexo tamén poden ter solución na UCA de Carballo.
No folleto informativo, que pode descargarse máis abaixo, especifícanse a grandes trazos todos os programas que ofrece a Unidade de Condutas Adictivas, sempre de forma gratuíta, garantindo a confidencialidade e dunha maneira totalmente voluntaria. “É un privilexio que Carballo conte con este servizo”, asegurou Lourdes Suárez, que agradeceu a “sensibilidade” do Concello, a través da Concellaría de Sanidade e Terceira Idade, cuxa titular é Mª Carmen Regueira.
24 anos en servizo
A realidade é que o número de demandas de tratamento por substancias legais coma o alcol e/ou o tabaco xa duplica o número de demandas de tratamento por substancias ilegais”, explicou Lourdes Suárez
O alcalde, pola súa banda, reiterou unha vez máis a necesidade de que unha unidade destas características forme parte do Servizo Galego de Saúde, e non que 24 anos despois da súa posta en marcha siga sendo un servizo municipal financiado mediante convenios. Evencio Ferrero destacou o labor que desenvolve o equipo de profesionais que traballan na UCA, e o carácter público e gratuíto do servizo, no que este ano xa foron atendidos 423 pacientes e que dende a súa apertura acumula xa 1.550 historias clínicas.
As persoas que precisen información concreta poden dirixirse á sede da UCA na praza do Médico Eduardo Mariño (antigo ambulatorio, xunto ao centro de saúde de Carballo) ou chamar ao 981 756 275.