PREVENCIÓN DE LUMES FORESTAIS
Mércores 24 de agosto do 2005
O Concello de Carballo acóllese á nova normativa de prevención de incendios da Consellaría de Medio Rural que establece unha serie de prohibicións para épocas de máximo perigo, como é o caso dos montes galegos nos últimos días. O Goberno municipal precintará as barbacoas públicas das áreas recreativas e anuncia a todas as comisións de festas que non está permitido lanzar foguetes, globos nin "calquera outro artefacto que poida producir ou conter lume", segundo a resolución publicada no Diario Oficial de Galicia do 24 de agosto.
ACTIVIDADES INFANTÍS
Martes 23 de agosto do 2005
A ludoteca municipal de Carballo acolle durante o verán unha media de 50 nenos ao día, de entre 3 e 14 anos de idade, que acoden ás súas instalacións para participar en diversas actividades relacionadas cos xogos e coa lectura. Dende a súa apertura, este servizo conta xa con 1.355 socios.
PAGAMENTO DE IMPOSTOS
Martes 23 de agosto do 2005
O Servizo de Xestión e Inspección tributaria do Concello de Carballo continúa coa campaña de comprobación dos contribuíntes obrigados a pagar a taxa pola recollida de lixo que non presentaron a declaración de alta no padrón correspondente a este imposto.
DOAZÓN DE SANGUE
Luns 22 de agosto do 2005
A campaña de doazón de sangue desenvolvida en Carballo foi un éxito, segundo sinalaron os responsables do Centro de Transfusión de Galicia. O número de doazóns, 126 en total, superou nun 26% a media mensual do ano pasado. Desta cifra, 15 correspóndelle a veciños que se achegaron por primeira vez á unidade móbil, o que supuxo duplicar a media habitual de novos doantes.
CATASTRO DE BENS INMOBLES
Luns 22 de agosto do 2005
O Concello de Carballo continúa coa segunda fase dos traballos de revisión do Catastro de bens inmobles rústicos. Os veciños de Ardaña e Artes poderán retirar as súas cédulas de propiedade de fincas rústicas os días 29, 30 e 31 de agosto e o día 1 de setembro, en horario de 9.00 a 14.00 horas.
VERÁN CULTURAL
Venres 19 de agosto do 2005
O festival Rockarballo reúne esta fin de semana a sete grupos de pop e rock da zona, que estarán acompañados por dúas bandas de maior experiencia: Ruxe Ruxe, que actuará o venres 19 e Talesien, que estará o sábado 20 de agosto. Os concertos celébranse este ano na Praza do Concello, a partir das 22.30 horas.
ANIMACIÓN Á LECTURA
Venres 19 de agosto do 2005
O Concello de Carballo organiza a tradicional Feira do Libro entre os días 25 e 28 de agosto. Nesta décimo-primeira edición haberá actividades programadas para público de todas as idades, dende espectáculos de maxia ou obradoiros de monicreques para os máis pequenos, ata as últimas novidades da literatura galega e a sinatura de exemplares. Na feira participan 8 casetas, unha máis ca o ano pasado, e "agárdase que o número de asistentes supere con creces os 3.500 da edición anterior", segundo indicou a concelleira delegada de Cultura, Ensino e Normalización lingüística, Belén Lendoiro.
PAGAMENTO DE IMPOSTOS
Xoves 18 de agosto do 2005
O Concello de Carballo comezará a remitirlle aos contribuíntes, a partir do luns 22 de agosto, 13.754 cartas informativas sobre a campaña de recadación dos tributos de cobro periódico e por recibo do ano 2005 correspondentes ao Imposto sobre Actividades Económicas e ao Imposto sobre bens inmobles: rústicos, urbanos e de características especiais.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Xoves 18 de agosto do 2005
O Concello de Carballo elaborará un plan de eliminación de barreiras arquitectónicas para lle facilitar ás persoas con mobilidade reducida o tránsito polo o casco urbano, así como a entrada aos edificios municipais. A Xunta de Goberno local deu conta deste proxecto durante a súa reunión do 18 de agosto.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Xoves 18 de agosto do 2005
A Xunta de Goberno local de Carballo acordou, na súa reunión ordinaria do 18 de agosto, solicitarlle unha subvención á Consellaría de Xustiza, Interior e Administración local para a normalización da lingua. O Concello destinará esta axuda económica ao mantemento do Servizo de Normalización Lingüística municipal así como á organización de diversas campañas e actividades que está a realizar este departamento.
EMPREGO
Mércores 17 de agosto do 2005
O Concello de Carballo incorporará once persoas para colaborar en diferentes proxectos municipais. Os interesados deberán estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia e no Programa Labora - Xuventude con Experiencia para poder optar ás prazas, posto que serán estes organismos os que lle remitan ao Concello a listaxe de candidatos para que faga a selección.
INCENDIOS
Mércores 17 de agosto do 2005
Os Grupos Municipais de Intervención Rápida (Grumir) póñense ao servizo da coordinadora contra incendios da Consellaría de Medio Rural, co obxectivo de contribuír a controlar os lumes de alta intensidade que se están a producir na zona de Carballo nos últimos días.