PROGRAMACIÓN DEPORTIVA
Mércores 7 de decembro do 2005
O Concello de Carballo ven de abrir o prazo de inscrición para participar da Campaña de Esquí que, para nenos de 10 a 13 anos, organiza a Deputación da Coruña. Ata o 24 de febreiro de 2006 pódense recoller no Concello as solicitudes, que se dirixirán ao Sr. Alcalde-Presidente do Concello de Carballo, presentándose no Rexistro Xeral, no primeiro andar.
REVISIÓN CATASTRAL
Venres 2 de decembro do 2005
O Concello de Carballo ven de rematar os traballos previos de revisión do catastro de bens inmobles rústicos. Desde o día 12 ata o 30 de decembro, ambos incluidos, expoñeranse ao público no Pazo da Cultura os planos e a documentación de todo o término municipal. Nesta revisión contabilizáronse 63017 parcelas e 12573 titulares.
CULTURA
Venres 2 de decembro do 2005
Un concerto de música pop e a actuación da Banda Municipal de Carballo poñerán fin, esta fin de semana, ao programa do Novembro con Música do Concello de Carballo. O venres 2 de decembro, a partir das nove da noite, será o turno para o grupo Nadadora de O Grove e os ourensáns de Boy Elliot. Un dobre concerto de música pop que comezará ás nove da noite, no Pazo da Cultura.
ASESORAMENTO A INMIGRANTES
Venres 2 de decembro do 2005
O cónsul do Uruguai, Gonzalo Koncke Pizzorno, desprázase o sábado 3 de decembro a Carballo para atender os problemas e consulas de todos os cidadáns uruguaios residentes na comarca de Bergantiños. O cónsul vai estar á disposición dos interesados a partir das 10.00 horas na sala acondicionada para este fin polo Concello, no Pazo da Cultura.
COMUNICACIÓNS
Venres 2 de decembro do 2005
Os alcaldes de Carballo, Laracha e Arteixo acordaron demandar, á Cámara de Comercio de A Coruña, a elaboración dun estudo de viabilidade do proxecto para a posible construcción dunha liña de metro lixeiro entre Carballo e A Coruña. Así ven de acordarse nunha xuntanza que os tres rexedores municipais mantiveron no Concello de Carballo, e na que tamén puxeron de manifesto a necesidade de demandar un plan de tráfico e transporte entre as localidades.
PROGRAMACIÓN DEPORTIVA
Xoves 1 de decembro do 2005
O Concello de Carballo acolleuse, un ano máis, á Campaña de Esquí que, para nenos de 10 a 13 anos, organiza a Deputación da Coruña. A actividade está enmarcada dentro da programación deportiva do ente provincial para o ano 2006 e desenvolverase, no caso dos rapaces de Carballo, entre o 11 e o 18 de marzo. As idades dos rapaces participantes son para os que naceron entre o dez de marzo de 1992 e o 11 de marzo de 1996, e é imprescindible que sexan veciños do Concello de Carballo.
CULTURA
Xoves 1 de decembro do 2005
O Pazo da Cultura de Carballo acolle este xoves, 1 de decembro, a celebración da derradeira xornada da fase final do Certame teatral Na Vangarda 2005. Trátase da representación de dúas novas obras das seis incluidas no programa que se desenvolve na localidade ata hoxe xoves. Neste caso son dúas compañías de Santiago e Ouresne as que achegan os seus espectáculos ao multiusos carballés.
COMUNICACIÓNS
Xoves 1 de decembro do 2005
Os alcaldes de Carballo, Evencio Ferrero, Laracha, José Manuel López, e Arteixo, Manuel Pose, reúnense esta tarde na Casa do Concello para tratar, de forma conxunta, a posibilidade de implantar unha liña de metro lixeiro que una Carballo con A Coruña. A xuntanza convocouna o rexedor carballés, quen xa dera os primeiros pasos en torno a esa posibilidade cunha recente reunión con representantes da Cámara de Comercio de A Coruña, Antena Cameral de Carballo e Comisións Obreiras.
CULTURA
Mércores 30 de novembro do 2005
O Pazo da Cultura de Carballo acolle este mércores 30 de novembro a celebración da segunda xornada da fase final do Certame teatral Na Vangarda 2005. Trátase da representación de dúas novas obras das seis incluidas no programa que se desenvolve na localidade ata a xoves 1 de decembro. Neste caso son dúas compañías de Pontevedra e Vigo as que achegan os seus espectáculos ao multiusos carballés.
REUNIÓN CO INEGA
Mércores 30 de novembro do 2005
O director do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Ramón Doldán, visitou co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a piscina Carballo Calero, onde o grupo de goberno estudia a posibilidade de utilizar enerxía solar térmica para calentar a auga. Segundo manifestou Ramón Doldán "existen piscinas públicas e moitas privadas nas que xa se utiliza a enerxía solar térmica para calentar a auga. O precio do combustible fai que a utilización desta enerxía sexa hoxe en día máis competitiva. O investimento só fai referencia á instalación e a eficiencia enerxética é moi grande. Queremos coñecer o proxecto que existe en Carballo e colaborar para que saia adiante". Evencio Ferreo, na mesma liña, suliñou que "desde o Concello queremos impulsar estas enerxías e, no caso da piscina, cóntase con reforzar e abaratar costes de manteñemento cun novo sistema térmico da auga".
OBRAS
Mércores 30 de novembro do 2005
O Concello de Carballo ten previsto instalar catro novas marquesinas no municipio, en virtude do convenio de colaboración asinado coa Consellaría de Política Territorial, Obras públicas e Transportes da Xunta de Galicia, na Xunta de Goberno Local do pasado 3 de outubro. As marquesinas xa foron contratadas e está prevista a súa instalación en dúas vías de titularidade autonómica durante o vindeiro mes de decembro. A achega económica realizada pola Consellería foi de 10.000 euros para a dotación de dúas marquesinas na C-552 -á altura de Bértoa- e outras dúas na estrada que une Carballo con Ordes.
TEATRO AFECIONADO
Martes 29 de novembro do 2005
O Pazo da Cultura de Carballo acolle desde hoxe martes, 29 de novembro, até o vindeiro xoves a final do Certame Galego de Novos Creadores Na Vangarda, que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade. Durante tres días os interesados poderán difrutar de seis representacións de compañías de teatro afecionado de Santiago, Lugo, Pontevedra, Vigo e Ourense.