SUMINISTRO ELÉCTRICO
Xoves 19 de xaneiro do 2006
As melloras que se estaban a realizar na subestación eléctrica da Brea foron as causantes dos fallos no suministro eléctrico rexistrados en varios puntos do Concello nas últimas horas. Así o manifestaron dende Unión Fenosa, despois de que o Concello se puxera en contacto coa empresa suministradora e a Delegación Provincial de Industria, para correxir canto antes as deficiencias.
INCREMENTA O TEU INTERESE
Xoves 19 de xaneiro do 2006
O Concello de Carballo, a través do Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coa Policía Local e dentro da campaña Incrementa o teu interese, de promoción lingüística no ámbito socioeconómico de Carballo, distribuirá 5.000 discos de control para o aparcamento na Zona Azul co lema da campaña. Estes discos pódense recoller nas dependencias da Policía Local e no Pazo da Cultura.
XUNTANZA NA DELEGACIÓN PROVINCIAL
Xoves 19 de xaneiro do 2006
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro delegado de Medio Ambiente, Manuel Pan, veñen de manter unha xuntanza co Delegado Provincial da Consellaría de Medio Ambiente, Manuel Tajes, na que falaron de diferentes demandas do Concello nesta área, como a contenerización soterrada, depuración na rede de alcantarillado ou a instalación das Illas Verdes. O Delegado provincial valorou moi positivamente as propostas do Concello e estudiará as mesmas no vindeiro mes, para confirmar que actuacións gozarán coa colaboración da Consellaría.
CULTURA
Mércores 18 de xaneiro do 2006
O grupo de cámara da Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a dirección de Vladimir Prjevalski, será o encargado de abrir os concertos previstos na programación dos Venres Culturais do Concello de Carballo. A cita é este venres, 20 de xaneiro, a partir das 21,00 horas no Pazo da Cultura.
REUNIÓN DE PORTAVOCES
Mércores 18 de xaneiro do 2006
Os grupos políticos da Corporación Municipal manteñen este mércores, 18 de xaneiro, unha xuntanza na que abordarán diferentes aspectos da actualidade local. O Regulamento de Participación Cidadá, os estatutos do Padroado Deportivo Municipal e a denominación de nomes de rúas son os principais temas a debatir nun encontro previsto para as 17,00 horas.
XUNTANZA
Mércores 18 de xaneiro do 2006
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro delegado de Medio Ambiente, Manuel Pan, manteñen este xoves, 19 de xaneiro, unha xuntanza co Delegado Provincial da Consellaría de Medio Ambiente, Manuel Tajes, en A Coruña. A reunión servirá para falar de diferentes demandas do Concello nesta área, como a contenerización soterrada, depuración na rede de alcantarillado ou a instalación das Illas Verdes.
EMPREGO
Martes 17 de xaneiro do 2006
O Centro Municipal de Formación Ocupacional pecha a oferta de traballo presentada pola superficie comercial MERCADONA S.A. coa formalización das contratacións do persoal para a nova área que abrirá no vindeiro mes de marzo, segundo informou o concelleiro de Participación Veciñal, Emprego e Promoción Económica, Manuel Trigo. O número total das contratacións efectuadas pola empresa referida ascende a 31 persoas, das cales 26 proceden da preselección efectuada previamente polo Centro Municipal de Formación e soamente 5 son prazas reservadas para traslados procedentes de outros supermercados da mesma cadea.
DEPORTE
Martes 17 de xaneiro do 2006
O Concello de Carballo ven de conseguir, ante a Consellaría de Educación, a autorización para que os veciños e veciñas do municipio podan facer uso das pistas polideportivas do Colexio Fogar-Instituto Alfredo Brañas fora de horario escolar. O Concello fixo un notable esforzo para permitir o uso destas instalacións, debido á forte demanda de, sobre todo, xente nova do municipio.
TRABALLO
Martes 17 de xaneiro do 2006
O Servizo Público de Emprego Estatal-Inem, no seu Plan de Modernización e co ánimo prestar mellores y máis eficaces servizos ao cidadán, ven de implantar o Sistema RATEL -Rede de Atención Telemática-. Trátase de ofrecer ao usuario do Servizo Público de Emprego Estatal a posibilidade de consultar calquera dúbeda en torno a prestacións, sen necesidade de acudir a unha oficina de emprego e só marcando o número 901119999.
LECER
Luns 16 de xaneiro do 2006
A pista de xeo habilitada no Pavillón Polideportivo Bergantiños pechou as súas portas o pasado domingo. A iniciativa foi todo un éxito no período de nadal, xa que acudiron ás instalacións máis de 12.000 persoas no mes que estivo en funcionamento. A pista de xeo volverá a ter un espazo en Carballo o vindeiro inverno, trala boa acollida que tivo entre os veciños de Carballo e a comarca de Bergantiños.
CULTURA
Luns 16 de xaneiro do 2006
O teatro e a música serán os protagonistas dos Venres Culturais que o Concello de Carballo oferta ata o vindeiro mes de abril. A concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presentaron un extenso programa que conta con actuacións de primeira liña para todas as idades. A representación de Hamlet, un clásico da literatura universal, a cargo da compañía R.T.A, será o prato forte do programa. Baixo a dirección de Lino Braxe, a obra conta cun reparto de primeiro nivel dentro da escea galega, con actores e actrices como Luis Tosar, Manuel Manquiña, Víctor Mosquera ou Flor Maceiras.
PATRIMONIO
Luns 16 de xaneiro do 2006
Este luns, 16 de xaneiro, comezan os traballos de elaboración do Inventario de Bens Municipal, baixo a supervisión do concelleiro de Patrimonio, José Antonio Viña, e o secretario municipal. A empresa encargada de realizar eses traballos conta cun prazo de seis meses para a súa conclusión. O goberno municipal pretende así mellorar un servizo que posibilitará a localización, documentación, e rexistro de tódolos bens do Concello que sexan inventariables. A súa elaboración costará en torno aos 80.000 euros.