CONVOCATORIA
Luns 27 de novembro do 2006
A corporación municipal de Carballo reúnese este luns, 27 de novembro, en sesión plenaria ordinaria na Casa do Concello. A orde do día inclúe unha Declaración sobre o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, con motivo da celebración desta data o pasado sábado e logo da súa lectura na Feira das Asociacións que tivo lugar a pasada semana no Xardín Municipal. Ademáis, debatirase e a adxudicación das Bolsas de Estudo e Transporte para o curso 2006-2007.
XUNTA DE GOBERNO
Luns 27 de novembro do 2006
A Xunta de Goberno Local aprobou, na súa última sesión ordinaria, as certificacións das obras número dez do Paseo Fluvial no entorno rústico do río Anllóns, por importe de 36.116,25 euros, a segunda e última da Rede de Saneamento en Taboada 1ª fase, por importe de 34.767,52 euros e única do Afirmado de camiño en Rus, por importe de 56.464,12 euros. Ademáis, a Xunta de Goberno Local aprobou concesión dunha licenza de obra para a contrucción dun edificio de 19 vivendas na rúa Alfredo Brañas.
LECER
Luns 27 de novembro do 2006
A zona do San Martiño acollerá, desde o vindeiro venres, unha pista de xeo móbil para os dous próximos meses. A iniciativa foi presentada na Casa do Concello nun acto no que tomaron parte o director do grupo Gadisa, Antonio Cortés Lobato, Manuel Martínez Bestilleiro, xestor de negocio de Caixa Galicia en Carballo, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. o concelleiro de Urbanismo, Manuel Andrade, o de comercio, Francisco Pérez, a delegada provincial da Consellería de Cultura e Deportes, Milagres Lantes e César García, director de Creativa Digital, empresa que promove a Pista de Xeo Carballo 2006. Desde o vindeiro venres, 1 de decembro, e ata o 31 de xaneiro, abrirase ao público a instalación, onde se poderán alugar os patíns en perfecto estado e recibir asesoramento por parte dos monitores que velan porque todo se desenvolva con normalidade.
ASESORAMENTO A INMIGRANTES
Venres 24 de novembro do 2006
O cónsul do Uruguai, Gonzalo Koncke Pizzorno, desprázase este sábado, 25 de novembro, a Carballo para atender os problemas e consultas de todos os cidadáns uruguaios residentes na comarca de Bergantiños. O cónsul vai estar á disposición dos interesados a partir das 10,00 horas na sala acondicionada para este fin polo Concello, no Pazo da Cultura.
OBRAS
Venres 24 de novembro do 2006
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, ven de asinar coa UTE Gaos Contratas y Construcciones SL e Obras y Contratas Aedes SL o contrato para a construcción da rotonda entre as rúas do Sol, Santa Ana, Oriente, Vila de Negreira e Milagrosa. O orzamento destinado para os traballos ascende a 173.795,05 euros. O prazo máximo de duración do contrato é de seis meses, contados a partir do día seguinte á sinatura da Acta de Comprobación de Replantexamento.
CULTURA
Venres 24 de novembro do 2006
O Pazo da Cultura acolle este domingo 26 de novembro, a partir das 19,00 horas, a ópera Bastián e Bastiana, de W.A. Mozart. A ópera é unha das principais novidades que ofrece este ano o programa do Novembro con Música do Concello de Carballo. Ofrécese a posibilidade de escoitar unha ópera en galego, cunha representación estreada no Festival Mozart da Coruña. Debido á expectación xerada e ao interese detectado no público, a Concellaría de Cultura puxo a disposición dos interesados as entradas no Museo de Bergantiños, podendo retirarse 4 entradas por persoa como máximo. As entradas son gratuitas.
OBRAS
Xoves 23 de novembro do 2006
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou este xoves o convenio coa Consellería de Política territorial, Obras Públicas e Tranposrtes para a ampliación da Ponte da Casilla. O convenio foi remitido á propia Consellería para que se proceda á súa sinatura por parte da administración autonómica. O orzamento destinado para tal fin é de até un máximo de 175.059,04 euros, en dúas anualidades para 2006 e 2007.
OBRAS E SERVIZOS
Xoves 23 de novembro do 2006
A corporación municipal de Carballo debatirá o vindeiro luns, en sesión plenraria ordinaria, a aprobación do Plan de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal 2007, no que se recollen os investimentos que o Concello ten previsto realizar no POS 2007, integrado por un total de 13 obras e un importe total de 687.656,41 euros. Na relación das actuacións figuran catro depuradoras e unha rede de saneamento en diferentes zonas do municipio, co obexctivo do grupo de goberno de sanear a zona rural e mellorar o servizo. Estas obras suceden ás recollidas o pasado exercicio no Plan de Investimentos Locais, cunha inversión cercana aos 800.000 euros, e no que se incluían melloras na rede de saneamento das parroquias de Oza, Ardaña, Bértoa, Noicela, Sofán, Sísamo, Entrecruces, Goiáns e Cances.
MULLER
Xoves 23 de novembro do 2006
A Delegada Provincial de Igualdade e do Benestar, Tereixa Novo, foi a encargada de inaugurar a Feira das Asocaicións que, desde as once da mañán e ata as sete da tarde, se pode visitar na Praza do Concello. Vintetres asociacións que traballan con e para a muller -cinco máis que na edición do pasado exercicio- participan da iniciativa, que organizan o Concello de Carballo e o Centro de Información á Muller. A Feira das Asociacións está enmarcada dentro das actividades deseñadas polo Concello co gallo da celebración, o 25 de novembro, do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller.
CONVOCATORIA
Mércores 22 de novembro do 2006
Este mércores, 22 de novembro, celebraranse as comisións informativas de Acción Social, Participación e Persoal e de Urbanismo e Desenvolvemento, previas á sesión plenaria ordinaria do vindeiro luns. A comisión informativa de Acción Social, Participación e Pesoal comeza ás 18,30 horas, mentres que a de Urbanismo e Desenvolvemento está prevista para as 18,45 horas.
CARBALLO LIMPO
Mércores 22 de novembro do 2006
O Polígono Industrial de Bértoa conta xa con recollida selectiva de papel, unha nova acción da campaña Carballo Limpo do Concello de Carballo. O servizo entrou en funcionamento coa colocación de cinco colectores de iglú, destinados á reciclaxe de papel de oficina, ampliando así a recollida que se fai no Punto Limpo e á recollida de cartón.
MULLER
Mércores 22 de novembro do 2006
Ao redor dunha vintena de asociacións que traballan con e para a muller participan este xoves, 23 de novembro, na Feira das Asociacións que organizan o Concello de Carballo e o Centro de Información á Muller. A Feira das Asociacións está enmarcada dentro das actividades deseñadas polo Concello co gallo da celebración, o 25 de novembro, do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller. O acto de inauguración correrá a acargo da delegada provincial de Igualdade e do Benestar, Tereixa Novo.