INDUSTRIA
Venres 1 de decembro do 2006
O Concello de Carballo ven de recibir o plan de sectorización da terceira fase do polígono industrial de Bértoa, nos dous ámbitos de 426.300 e 114.400 metros cadrados. O plan foi realizado por Proyfe SL e a Oficina de Planeamento SA e permitirá dar o seguinte paso de cara ao desenvolvemento da terceira fase, que pasará a ter unha superficie de 1.800.000 metros cadrados.
DEPORTE
Venres 1 de decembro do 2006
A Sala de Xuntas do Concello de Carballo acolleu a presentación da terceira edición do Torneo Internacional de Balonmán Concello de Carballo, a celebrar os días 6, 7 e 8 decembro nos pavillóns Vila de Noia e Carballo Calero. Nove clubes tomarán parte dun torneo que reunirá a uns 240 deportistas. Son o Xiria, Porriño, Ademar de León, Cinse, Oar, Camariñas, Bueu, Oleiros e Maia Stars de Portugal. O mércores día 6 haberá unha xornada completa para os equipos de categoría benxamín e alevín, mentres que o xoves día 7 celebrarase a primeira xornada o torneo das categorías infantil, cadete e masculino, pola tarde, para dar paso o venres ás dúas últimas xornadas, de mañán e de tarde. O sistema de competición será de liguilla e enfrontaranse todos contra todos, coa participación de catro equipos por categoría.
LECER
Venres 1 de decembro do 2006
Este venres tivo lugar a inauguración oficial da pista de xeo ubicada no aparcamento do San Martiño, e que funcionará desde hoxe até o vindeiro mes de febreiro. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o concelleiro de Industria e Comercio, Francisco Pérez, e a delegada provincial de Cultura e Deportes, Milagros Lantes, foron os encargados de cortar a cinta que daba por inaugurada a instalación. No acto participaron tamén representantes de Creativa Dixital, Centro Comercial Bergantiños Haley e Caixa Galicia. O director xeral de Deporte non puido finalmente acudir á inauguración, como estaba previsto, aínda que conformou a súa presenza o día 19 de decembro na pista de xeo.
CULTURA
Xoves 30 de novembro do 2006
O Pazo da Cultura de Carballo acolle este venres, a partir das 19,30 horas, a estrea de Bolboreta, a última montaxe da compañía Títeres Trompicallo. É unha proposta novidosa de títeres de mesa, con música en directo e unha espectacular escenografía móbil. A entrada ao espectáculo é libre e gratuita.
ACCESIBILILDADE
Xoves 30 de novembro do 2006
O alcalde de Carballo recollerá este venres, no Cocello de Rábade, o I Premio Galego á Eliminación de Barreiras Arquitectónicas Manuel Ignacio Piñeiro. O acto terá lugar ás 18,00 horas e no mesmo farase entrega do galardón ao Concello de Carballo, que gozou da unanimidade do xurado á hora das votacións. A Asociación de Minusválidos Íntegro foi a que fixo a proposta no seu día, xa que unha das condicións da presentación de candidaturas era que tiña que vir da man dunha asociación integrada en COGAMI. Desde o ano 2003, o Concello de Carballo ten potenciado a tarefa da eliminación das barreiras arquitectónicas dentro do termo municipal, a nivel urbanístico e no interior dos edificios, tanto públicos coma privados.
CULTURA
Xoves 30 de novembro do 2006
O Pazo da Cultura acolleu este xoves a presentación do programa Carballo EnDanza, unha iniciativa coa que se pretende dar a coñecer a danza contemporánea a través das actuacións de tres compañías. Os espectáculos terán lugar os días 5, 6 e 7 de decembro no Pazo da Cultura. A entrada é gratuita con invitación, podéndose recoller éstas no Museo de Bergantiños até o 5 de decembro. Unha persoa poderá retirar, como máximo, catro invitacións. As compañías que actuarán en Carballo son Pepe Hevía, de Cataluña, Disque Danza, de Vigo e Nova Galega de Danza.
CULTURA
Mércores 29 de novembro do 2006
O Pazo da Cultura será escenario, o vindeiro sábado 2 de decembro, do concerto que porá o broche final a unha nova edición do Novembro con Música do Concello de Carballo. A Banda Municipal de Carballo será a encargada de despedir a programación, cunha actuación que terá lugar a partir das 21,00 horas. O Novembro con Música achegou, nesta edición, un total de 13 actuacións desde o pasado 3 de novembro.
CULTURA
Mércores 29 de novembro do 2006
O Pazo da Cultura acolle este mércores, a partir das 21,00 horas, unha nova representación do certame de teatro afecionado organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade. A compañía compostelana Eis Teatro representa El método Grohölm, segunda das obras a representar no Pazo da Cultura.
TURISMO
Mércores 29 de novembro do 2006
O Museo de Bergantiños acolleu a presentación do Plan de Calidade Turística para a Costa da Morte, un conxunto de productos, instrumentos e metodoloxías baseados no Modelo de Aproximación á Calidade Turística, que desde a Secretaría General de Turismo se pon a disposición das empresas e servizos turísticos da Costa da Morte para facilitar a mellora progresiva da calidade na prestación de servizos. Trátase dun programa destinado a incrementar a calidade das empresas da zona, mellornado así a calidade dos productos turísticos da Costa da Morte e, por tanto, a calidade da propia Costa da Morte como destino turístico.
LECER
Martes 28 de novembro do 2006
O director xeral de Deportes, Santiago Domínguez, estará presente o vindeiro venres no acto de inauguración oficial da pista de xero de Carballo. A iniciativa desenvólvese por segundo ano consecutivo na localidade e o recinto permanecerá aberto durante os meses de decembro e xaneiro.
CULTURA
Martes 28 de novembro do 2006
O Pazo da Cultura acolle esta semana a representación de tres obras dalgunhas das mellores compañías de teatro afecionado feito por xóvenes de Galicia, a través do certame organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade. As seis mellores compañías seleccionadas polo xurado deste certame representarán o seu espectáculo en Carballo e Arteixo os días 28, 29 e 30 de novembro, ás 19,30 horas no Centro Cívico Cultural de Arteixo e ás 21,00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo.
TURISMO
Martes 28 de novembro do 2006
O Museo de Bergantiños acolle este mércores, 28 de novembro, a presentación pública da nova edición do Plan de Calidade Turística para a Costa da Morte 2006-2007. No acto está confirmada a presenza do deputado provincial Pablo Villamar, o xerente do Plan de Dinamización Turística, Ignacio Dosil, dous técnicos da empresa Estratexias e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. O comezo da presentación está previsto para as 12,00 horas.