CULTURA
Xoves 14 de decembro do 2006
O Concello de Carballo ven de presentar unha nova edición do Nadal Cultural, un extenso programa que se desenvolverá durante un mes e no que a música, o cine, maxia, danza e teatro coparán boa parte das actuacións. Os actos comezarán este venres, día 15 de decembro e rematarán co Concerto de Nadal o 7 de xaneiro. Un mes para disfrutar dun programa no que na súa concepción tívose moi en conta aos verdadeiros protagonistas do Nadal, os nenos. A programación para esta fin de semana complétase co Festival de Panxoliñas o sábado e o concerto de Il Vecchio Borgo o domingo, ambas actividades a desenvolver no Pazo da Cultura.
TRÁFICO
Mércores 13 de decembro do 2006
Os recentemente abertos tramos da avenida de Bergantiños e rúa Pontevedra permanecerán pechados ao tráfico até que o tempo permita facer o traballo de aglomerado para facilitar a circulación de vehículos. A choiva dos últimos días afectou considerablemente a estes dous enclaves, xerando algún desperfecto que impide o normal tránsito dos coches.
SERVIZOS SOCIAIS
Mércores 13 de decembro do 2006
A delegada provincial da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, Tereixa Novo, anunciou onte a inversión de 168.000 euros que a Xunta de Galicia realizará o vindeiro ano na Residencia de Maiores da Praza de Vigo. Fíxoo a delegada provincial na visita que fixo ás instalacións, acompañada polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o novo director, Alfonso Novoa. Tereixa Novo anunciou, igualmente, que apoiará a solicitude de ampliación das instalacións formulada desde o Concello. Éste traballa na negociación dunha permuta que permita dispoñer dunha parcela de tres solares, de máis de 300 metros cadrados, situados nun dos laterais da Residencia.
URBANISMO
Mércores 13 de decembro do 2006
A mesa de contratación acordou, por unanimidade de todos os seus membros, propor ao Pleno que declare deserto o concurso de contratación da construción e explotación do aparcadoiro e do edificio comercial da Praza do Concello. A mesa de contratación reuniuse este mércores, 13 de decembro, e adoptou a decisión por unanimidade logo de comprobar os informes que descartaban a viabilidade da oferta presentada pola UTE Benal-Aldesa.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 11 de decembro do 2006
A Xunta de Goberno Local procedeu á concesión, na xuntanza celebrada este luns, de dúas licenzas de obra para outros tantos edificios en Carballo. A suma total das vivendas que albergarán os dous edificios é de 20. Trátase dun edificio na rúa Gran Vía, de 6 vivendas, e outro na rúa Vicente Risco, esquina con Pascual Veiga, de 14 vivendas. Ademáis, aprobouse a licenza para a construcción dunha vivenda unifamiliar no lugar das Travesas, na parroquia de Sísamo.
SERVIZOS SOCIAIS
Luns 11 de decembro do 2006
A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través da Secretaría Xeral do Benestar e a Dirección Xeral de Acción Social, van de abrir o prazo de presentación de solicitudes para os maiores do concello que queran participar no Programa de Termalismo Social do Imserso, para as quendas dos meses de febreiro a agosto e de setembro a decembro de 2007. Os que non dispoñan das mesmas, xa remitidas polo Imserso ao domicilio dos solicitantes do ano pasado, poden recollelas nos Servizos Sociais do Concello de Carballo. Tamén poden descargarse os modelos na páxina do Programa de Termalismo Social, onde pode ampliarse a información desta iniciativa.
SERVIZOS
Martes 5 de decembro do 2006
O Concello de Carballo procede estes días á colocación de mobiliario urbán nas rúas Vázquez de Parga e Fomento. Con esta nova fase complétase ao mobiliario xa colocado en ambas rúas, co fin de facer máis atractiva e dotar de máis servizos á zona centro do casco urbán. O suministro de mobiliario está composto por bancos, sillas, papeleiras e xardiñeiras.
BALANCE MENSUAL
Martes 5 de decembro do 2006
O Grupo Municipal de Intervención Rápida de Carballo tivo que participar en 19 emerxencias durante o pasado mes de novembro, que arroxou un total de 128 intervencións. No tocante ás emerxencias, destacan en Carballo 7 por accidentes de tráfico e limpezas, 7 por limpezas de estrada, 3 anegamentos, 1 incendio urbán e 1 escape de gas.
CULTURA
Martes 5 de decembro do 2006
O Pazo da Cultura acolle este martes, 5 de decembro, a primeira das actuacións do programa Carballo EnDanza, unha iniciativa coa que se pretende dar a coñecer a danza contemporánea a través das actuacións de tres compañías. A encargada de abrir as actuacións é a compañía Pepe Hevia con Delicado abismo, un espectáculo suxerente e emotivo no que a danza se mestura coa pintura, a través das imaxes, das cores, das mans e dos rostros presentes na obra da pintora catalá Montserrat Gudiol. A actuación comezará ás 21,00 horas.
VISITA
Luns 4 de decembro do 2006
Este luns, 4 de decembro, o Intendente Municipal de Canelones, D. Marcos Carámbula, visita o Concello de Carballo. Estará acompañado do Cónsul Xeral de Uruguai, D. Gonzalo Konche e o Xefe de Asuntos Internacionais da Intendencia de Canelones, D. Igor Santander. O programa da visita inclúe a súa recepción na Alcaldía por parte do alcalde e membros da Corporación Municipal, acto previsto para as 19:00 horas.
OBRAS
Luns 4 de decembro do 2006
O Concello de Carballo asina este martes, 5 de decembro, un contrato para a adquisición dun terreo colindante ao Centro Social de Berdillo, no lugar da Garrida, co fin de mellorar o aproveitamento do seu entorno. A adquisición do terreo permitirá liberar espazo nas inmediacións da construcción e levar a cabo certas melloras que contribuirán a facer un espazo máis armónico e agrupado.
PARTICIPACIÓN CIDADÁN
Luns 4 de decembro do 2006
O Concello de Carballo ven de poñer en marcha tres puntos de información Administratel, unha iniciativa que pretende o achegamento do cidadán á administración. Dacordo co Regulamento de Participación Cidadán, aprobado hai uns meses e co que se pretende o achegamento do cidadán ao goberno local e á participación na súa administración, o Concello pretende que esa participación sexa áxil, intuitiva, moderna e accesible. A instalación das tres terminales de Administratel permitirá o acceso á información, xestións municipais, turismo, prácticas e voluntariado, formación universitaria, bolsas de emprego ou mensaxes a correos electrónicos e teléfonos móbiles de balde.