XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 5 de febreiro do 2007
A Xunta de Goberno Local procedeu á concesión, na xuntanza celebrada este luns, de catro licenzas de obra para outros tantos edificios en Carballo. A suma total das vivendas que albergarán os catro edificios é de 84. Trátase dun edificio na rúa Tarragona, de 10 vivendas, outro na Avenida Finisterre, de 27 vivendas e outro na rúa Camelias, de 9 vivendas. Ademáis, fóra da orde do día aprobouse a licenza de obra para outro edificio de 38 vivendas. En canto a vivendas unifamiliares, aprobáronse licenzas para unha en Casais, na parroquia de Entrecruces, unha en Ardaña e outra en Lagarteira, na parroquia de Sofán.
OBRAS
Venres 2 de febreiro do 2007
A mesa de contratación ven de propor para a adxudicación de dúas actuacións para a obra Ampliación de beirarrúas e dotación de equipamento urbano na rúa Gran Vía.
CULTURA
Venres 2 de febreiro do 2007
O Pazo da Cultura de Carballo acolle esta fin de semana dous concertos de música, incluidos na programación dos Venres Culturais do Concello de Carballo. Este venres, 2 de febreiro, é o turno do grupo Maraya Zydeco, mentres que o domingo, 4 de febreiro, a actuación correrá a cargo do Grupo Paganini Ensemble. Os primeiros actuarán ás 21,00 horas, mentres que os segundos farano ás 20,00 horas. A entrada, en ambos casos, é libre.
SERVIZOS SOCIAIS
Venres 2 de febreiro do 2007
O vindeiro luns, 5 de febreiro, procederase á sinatura do contrato para a oficina de asesoramento a inmigrantes e emigrantes retornados, que presta este servizo nos Servizos Sociais do Concello de Carballo. O asesoramento a inmigrantes e emigrantes retornados facilita aspectos, a este colectivo, tales como o asesoramento legal, tramitacións (permisos de traballo, situación legal, etc.) ou formación aos traballadores.
OBRAS
Venres 2 de febreiro do 2007
Esta semana veñen de comezar os traballos da obra Ordenación e urbanización da praza municipal en Bértoa. O proxecto recolle a colocación dunha barandilla de madeira para protexer o entorno de caídas e do tráfico rodado. Na marxe dereita realizarase un pequeno paseo, que supón a ampliación e continuación do que ven do río. Así, limpiarase e rexuntarase un valado de pedra tradicional, colocando bancos de madeira no seu largo e, ao final do mesmo, unha área de xogos deportivos de madeira delimitados por unha barandilla baixa de madeira. Nun extremo da praza, preto da marquesina do bus, instalaranse xogos infantís homologados, nun espazo destinado aos máis pequenos.
ENSINO
Xoves 1 de febreiro do 2007
O Consello Escolar de Galicia ven de iniciar unha campaña para darse a coñecer a toda a comunidade educativa. A vicepresidenta do mesmo, Milagros Blanco, estivo este mércores no Pazo da Cultura de Carballo para fomentar a idea da implicación de todos os sectores sociais para ter un ensino público de calidade, ademáis de para apoiar o proxecto de constitución do Consello Escolar Municipal. Este xa está aprobado en Carballo, aínda que non está en marcha debido á falta dun trámite administrativo.
BALANCE MENSUAL
Xoves 1 de febreiro do 2007
O Grupo Municipal de Intervención Rápida de Carballo tivo que participar en 27 emerxencias durante o pasado mes de decembro, que arroxou un total de 140 intervencións. No tocante ás emerxencias, destacan en Carballo 10 por accidentes de tráfico e limpezas, 14 por limpeza de estradas e 2 incendios urbáns.
CULTURA
Xoves 1 de febreiro do 2007
A psicopedagoga Mercedes Mourenza Fernández ofrecerá este venres, 2 de xaneiro, a segunda das charlas do ciclo Aprender para Educar, que o Concello de Carballo, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Deputación da Coruña veñen de por en funcionamento na localidade. O programa supón un lugar de encontro e formación dirixido a pais e nais e que ten como obexctivo o reforzo da familia como marco fundamental da educación e como elemento de desenvolvemento da personalidade. A segunda conferencia do ciclo está prevista para o venres, no Pazo da Cultura, a partir das 20,00 horas.
MULLER
Mércores 31 de xaneiro do 2007
Desde este mércores, 31 de xaneiro, o Centro de Información á Muller, situado até o momento na rúa Camiño Novo, pasa a ter as súas dependencias na área de Servizos Sociais, situadas na pranta baixa do edificio do Concello de Carballo. O CIM manterá o horario de atención ao público que viña ofrecendo ás usuarias. Para consulta coa asesoría xurídica do CIM é indispensable solicitar cita previa. Os teléfonos de atención ao público seguen a ser os números 981700688 e 638123460.
SERVIZOS
Mércores 31 de xaneiro do 2007
Operarios da Brigada de Obras do Concello de Carballo, especialistas en xardinería, veñen de rematar o proceso de poda das árbores dos parques, zonas urbáns e áreas escolares da localidade. Logo deste proceso vaise a proceder a unha nova actuación sobre os macizos de flor das zonas verdes, á espera da entrada da primavera.
CULTURA
Mércores 31 de xaneiro do 2007
O escritor Diego Ameixeiras conversará hoxe no Pub Silfo de Carballo, a partir das 20,30 horas, cos lectores e lectoras do seu libro Tres segundos de memoria. A actividade enmárcase dentro do proxecto Literactúa, polo que o Concello de Carballo, desde a Concellaría de Cultura, Ensino e Normalización Lingüística, adquire o compromiso de fomentar o libro e a lectura en galego. Literactúa nace coa vontade de estabilizar e darlle continuidade a ese fomento do libro e da lectura en galego e de englobar e tecer pontes entre outras propostas que xa se desenvolven desde o Concello. A proposta concreta consiste en propor, para cada trimestre, a lectura de tres libros, un por mes. O último mércores de cada mes, o autor ou a autora do libro proposto virá a Carballo para participar nun acto de conversa cos seus lectores e lectoras nun estabelecemento hostaleiro da localidade. O programa distribúese en tres trimestres: xaneiro, febreiro e marzo; abril, maio e xuño e setembro, outubro e novembro.
PLENO
Martes 30 de xaneiro do 2007
Manuel Trigo renunciou, na sesión plenaria ordinaria celebrada onte luns no Concello de Carballo, ao seu cargo de concelleiro da corporación municipal. O xa ex edil socialista foi despedido con palabras de eloxio polas diferentes formacións políticas do concello. O seu lugar no Salón de Plenos, até o remate da lexislatura, ocuparao Pedro Luis Fernández Pombo.