DEPORTE
Venres 9 de febreiro do 2007
A Dirección Xeral para o Deporte, o Concello de Carballo e a Federación Galega de Atletismo organizan este sábado, 10 de febreiro, a Fase Provincial de Campo a Través do Deporte en Idade Escolar nas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete. A proba disputarase no Polígono Industrial de Bertoa, de 11,00 a 14,00 horas. 500 atletas de toda a provincia tomarán parte na proba, na que o Fogar Triatlón Carballo competirá con doce deportistas, formando dous equipos en categoría infantil e cadete. Na presentación do evento estiveron presentes o xerente do Padroado Deportivo Municipal, Francisco García, o xefe do Servicio Provincial de Deportes de A Coruña, Enrique Rodríguez, o presidente do Fogar, Antonio Varela, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.
CULTURA
Venres 9 de febreiro do 2007
O Pazo da Cultura acolle este venres, 9 de febreiro, a partir das 21,00 horas, a representación de Sempre ao lonxe, a cargo da compañía Mofa e Befa. A actuación está incluida na programación dos Venres Culturais do Concello de Carballo e trátase do último espectáculo desta compañía que, co seu habitual espírito perverso e transgresor, propoñen, sempre desde o humorunha reflexión sobre a conformación multiétnica da idade actual. Unha variada mostra de diferentes e singulares etnias que demostran que a interculturalidade e a convicencia entre culturas, razas e modos de pensar é posible.
OBRAS PÚBLICAS
Xoves 8 de febreiro do 2007
O Concello de Carballo somete a información pública, durante o espazo de 30 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no DOG, o anteproxecto de construcción e explotación da nova infraestructura viaria Costa da Morte: vía de alta capacidade Carballo-Berdoias. O documento, remitido pola Consellería de Política Territorial ao Concello de Carballo, recolle os tipos de vía elexidos para desenvolver en cada un dos treitos, logo de que a Dirección Xeral de Obras Públicas considerara que, no anteproxecto de construcción e explotación da vía de alta capacidade Carballo-Fisterra, sometido a información pública no ano 2005, a solución proposta non daba unha resposta axeitada ás demandas sociais e económicas na área xeográfica afectada pola actuación.
VIVENDA E SOLO
Xoves 8 de febreiro do 2007
O Consello da Xunta aprobou este xoves, 8 de febreiro, o proxecto sectorial e proxecto de urbanización da primeira fase do polígono industrial de Bértoa. O Consello tamén declarou de utilidade pública e interese social este proxecto e a necesidade de ocupación dos terreos afectados para a súa execución, o que permitirá iniciar o expediente de expropiación dos predios que non sexan adquiridos de mutuo acordo cos seus propietarios. A primeira fase do parque empresarial de Carballo terá unha superficie de 730.000 metros cadrados.
SEGURIDADE
Xoves 8 de febreiro do 2007
A xunta local de seguridade celebrou este xoves, 8 de febreiro, unha nova reunión na Casa do Concello. Na mesma púxose de manifesto o descenso xeralizado das infraccións penais durante o ano 2006, baixando nun 30,81% con relación ao ano 2005. A xuntanza estivo presidida pola subdelegada de Goberno en A Coruña, Obdulia Taboadela, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Ademáis, participaron da mesma o concelleiro de Policía e Seguridade, Ramón Eirís, membros das forzas de seguridade de Carballo e da Agrupación de Tráfico da Guardia Civil.
CULTURA
Mércores 7 de febreiro do 2007
Este xoves, 8 de febreiro, terá lugar no Pazo da Cultura o acto de inauguración da exposición En liña discontinua, de Nacho M. Baamonde, composta de 19 obras realizadas con distintas técnicas de gravado. A exposición permanecerá aberta durante un mes, é dicir, até o vindeiro 8 de marzo.
CULTURA
Mércores 7 de febreiro do 2007
Desde o pasado 29 de xaneiro está aberto o prazo para participar do Enterro da Sardiña do Antroido 2007, convocado polo Concello de Carballo a través da Concellería de Cultura. O obxecto da celebración é o de promocionar unha das festas tradicionais máis celebrada do concello como é o Antroido, e máis concretamente o remate deste. O Enterro da Sardiña celebrarase o martes 20 de febreiro a partir das 21,30 horas e consistirá nun percorrido que se iniciará na Praza do Concello, Rúa da Igrexa e Parque do San Martiño, lugar onde se celebrará o enterro. O prazo de inscrición permanecerá aberto até o día 16 de febreiro.
CONVOCATORIA
Mércores 7 de febreiro do 2007
A xunta local de seguridade reúnese este xoves, 8 de febreiro, na Casa do Concello a partir das 12,00 horas. A subdelegada de Goberno en A Coruña, Obdulia Taboadela, presidirá unha nova reunión da xunta local de seguridade, á que está prevista a asistencia dun responsable da Agrupación de Tráfico de la Guardia Civil, ademáis dos representantes políticos e das forzas de seguridade en Carballo. A reunión servirá para analizar os datos da seguridade cidadán rexistrados no pasado exercicio.
CULTURA
Martes 6 de febreiro do 2007
A novela Herba Moura, de Teresa Moure, é a segunda das propostas do programa Literactúa do Concello de Carballo. Logo da primeira experiencia do proxecto, coa obra Tres segundos de memoria de Diego Ameixeiras, tócalle o turno a esta novela, gañadora do Premio Xerais de Novela 2005, que nos traslada, da man dun personaxe contemporáneo chamado Einés Andrade, ao século XVII, onde nos atopamos coa figura dun Descartes humano e fráxil -nunha perspectiva inédita do filósofo- e, sobre todo, coa figura de dúas mulleres: a raíña Christina de Suecia e Hélène Jans, unha entráñabel meiga residente en Amsterdam.
CULTURA
Martes 6 de febreiro do 2007
O Grupo Instrumental Século XX ofrece este mércores, 7 de febreiro, un concerto no Pazo da Cultura de Carballo. A actuación enmárcase dentro do programa dos Venres Culturais do Concello de Carballo e complementa á programación ofertada inicialmente. O concerto comezará ás 20,30 horas e a entrada é gratuita. O Grupo Instrumental Século XX nace no ano 1996 como homenaxe ao ‘Gran Século’ e coa finalidade de interpretar as súas mellores obras de música de cámara desde o principio do século XX até os nosos días.
SERVIZOS SOCIAIS
Luns 5 de febreiro do 2007
Este luns, 5 de febreiro, procedeuse á sinatura do contrato para a oficina de asesoramento a inmigrantes e emigrantes retornados, que presta este servizo nos Servizos Sociais do Concello de Carballo. O asesoramento a inmigrantes e emigrantes retornados facilita aspectos, a este colectivo, tales como o asesoramento legal, tramitacións (permisos de traballo, situación legal, etc.) ou formación aos traballadores.
ASESORAMENTO A INMIGRANTES
Luns 5 de febreiro do 2007
O cónsul do Uruguai, Gonzalo Koncke Pizzorno, desprazouse o pasado sábado a Carballo para atender os problemas e consultas de todos os cidadáns uruguaios residentes na comarca de Bergantiños. O cónsul estivo a disposición dos interesados na sala acondicionada para este fin polo Concello, no Pazo da Cultura.