MEDIO AMBIENTE
Xoves 22 de febreiro do 2007
Logo da suspensión das saídas a Razo e Baldaio, por mor do mal tempo, este xoves comeza en Carballo a nova campaña de sensibilización ambiental promovida polo Concello e dirixida aos escolares da localidade. Seiscentos escolares participarán, ao longo do primeiro cuatrimestre deste ano, de actividades, obradoiros e charlas sobre biodiversidade e medio natural ou obradoiros de elaboración de xoguetes con residuos. Na xornada de hoxe, monitores especializados acudiron ao IES Parga Pondal para dirixir as primeiras charlas, que continuarán durante a xonrada de mañán venres.
INDUSTRIA
Xoves 22 de febreiro do 2007
O Concello de Carballo ven de recibir o plan de sectorización da terceira fase do polígono industrial de Bértoa, nos dous ámbitos de 426.300 e 114.400 metros cadrados. Xestur volveu a remitir o plan de sectorización ao Concello, logo de que éste fixera a subsanación e modificacións pertinentes logo da primeira remisión, a finais do pasado mes de xaneiro. A documentación relacionada por Xestur comprende o estudio de sostenibilidade ambiental, impacto territorial e paisaxístico, o estudo xeotécnico, textos, plans e anexos.
MULLER
Mércores 21 de febreiro do 2007
O Centro de Información á Muller de Carballo organiza, para o vindeiro mes de marzo, a realización dun curso de Autoestima e Habilidades Sociais. O prazo de inscrición para participar do mesmo estará aberto até o 2 de marzo. O curo de Autoestima e Habilidades Sociais realizarase en oito sesións dunha hora e media de duración cada unha.
CONVOCATORIA
Mércores 21 de febreiro do 2007
A Casa do Concello acolle este mércores, 21 de febreiro, a reunión da comisión informativa de Asuntos Económicos e Especial de Contas. A convocatoria, previa á celebración da sesión plenaria ordinaria do vindeiro lunes, está fixada para as 19,00 horas. A comisión informativa conta na orde do día con cinco puntos para o seu debate.
CULTURA
Mércores 21 de febreiro do 2007
Este xoves, 22 de febreiro, ábrese o prazo para a presentación de solicitudes para participar do programa organizado pola Deputación da Coruña Vivir o Mundo, que pretende achegar aos rapaces e rapazas da provincia a París, cidade de gran interese monumental e cultural. O Concello de Carballo conta con 12 prazas adxudicadas para unha viaxe da que se poderán beneficiar aqueles que teñan entre 12 e 14 anos (ambas incluidas) no mes de abril de 2007. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto até o 15 de marzo de 2007. A duración da viaxe é de catro días e tres noites, con réxime de pensión completa e o desprazamento, tanto a ida como o regreso, farase en autobús desde os concellos ata a algún dos aeroportos existentes na provincia e, en avión, desde estes até París.
LINGUA
Luns 19 de febreiro do 2007
O Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo chega neste ano á súa terceira edición. O certame, que outorga un primeiro premio de 1.000 euros e un segundo de 350, realízase desde 2005 e en colaboración con oito medios de comunicación escritos, que publicarán os dous artigos gañadores. Esta iniciativa convócaa a Concellaría de Cultura, Ensino e Normalización Lingüística, desde o Servizo de Normalización Lingüística municipal do Concello de Carballo, entidade comprometida coa dinamización social do uso do galego, e busca os obxectivos de promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e de crear espazos nos xornais para analizar esta situación.
CULTURA
Luns 19 de febreiro do 2007
Este martes, 20 de febreiro, rematan en Carballo as festas do Antroido. O tradicional enterro da sardiña porá o punto e final a unha celebración que encheu de colorido as rúas da localidade durante toda a fin de semana. O enterro da sardiña será o último acto a realizar este martes, a partir das 21,30 horas, con saída da Praza do Concello e chegada ao Parque do Anllóns, onde se devolverá a sardiña ao río. O grupo de teatro afecionado Vagalume Animación realizará unha divertida representación durante o acto. O Concello subvencionará aos dez primeiros grupos participantes do enterro. Ademáis deste último acto, durante este luns e o martes haberá outras actividades para seguir celebrando esta tradicional festa en Carballo.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 19 de febreiro do 2007
A Xunta de Goberno Local incluiu, na sesión ordinaria celebrada este luns, a candidatura da praia das Saíñas para a obtención de bandeira azul no ano 2007. A convocatoria completa inclúe os arenais, ademáis, de Razo e Pedra do Sal, que xa obtiveron este distintivo durante a última tempada de praias. Foi un dos acordos adoptados na sesión deste luns, na que se aprobaron, ademáis, as certificacións segunda e final da obra Rede de Saneamento en Espiño-Ramil, por importe de 8.112,74 euros, a primeira da obraRede de saneamento na parroquia de Oza, 1ª fase, por importe de 43.563,15 euros, e a primeira da obra Rede de saneamento en Rapadoiro 1ª fase - Noicela, por importe de 36.815,28 euros.
OBRAS
Sábado 17 de febreiro do 2007
A Concellería de Cultura e Ensino do Concello de Carballo ven de intensificar a actuación no plan de mellora e acondicionamento nos locais sociais e antigas escolas unitarias das parroquias. O plan, desenvolvido desde finais de 2005, durante todo o ano 2006 e agora en 2007, pretende que os residentes e asociacións de veciños das parroquias podan dispoñer da súa utilización e dinamizar así a vida social desas zonas. O obxectivo que persegue esta actuación é o de achegar os servizos ás parroquias e que estas dispoñan dos mesmos servizos e infraestructuras que na zona urbana. Este plan ven a complementar ás actuacións que se levan a cabo co adecentamento do Centro Social de Berdillo e o Local Social de Sofán.
ENSINO
Venres 16 de febreiro do 2007
A Escola Oficial de Idiomas de Carballo ven de abrir o prazo de matrícula das probas para a obtención do ciclo elemental de inglés. Éste permanecerá aberto até o 15 de marzo, sendo requisito indispensable ter superado o Graduado Escolar, 2º de ESO ou equivalentes.
DEPORTE
Venres 16 de febreiro do 2007
O Concello de Carballo foi escenario da presentación do Campionato Galego Infantil de Natación, que se vai celebrar esta fin de semana na localidade, concretamente na piscina Carballo Calero. Preto de 200 nadadores -120 en categoría masculina e 77 en feminina- daranse cita en Carballo para participar do evento, que terá lugar o sábado 17 de febreiro, a partir das 11,00 horas pola mañán e 17,30 horas pola tarde, e o domingo 18 de febreiro, a partir das 10,00 horas pola mañán e das 17,00 horas pola tarde. Polo que respecta á competición, todas as probas disputaranse contrarreloxo.
CULTURA
Venres 16 de febreiro do 2007
O mal tempo rexistrado este venres no concello obrigou a suspender a festa e baile escolar de disfraces que se ía celebrar na Praza do Concello a partir das 11,30 horas. O alumnado dos centros educativos da localidade viuse na obriga de celebrar o inicio do Antroido no colexio, se ben polas rúas de Carballo xa se pode intuir e palpar o ambiente festivo típico destas datas, cos máis pequenos lucindo os seus disfraces. Arranca o Antroido en Carballo nun día no que está prevista a realización dun obradoiro sobre o Antroido no mundo, na Ludoteca Municipal a partir das 18,00 horas. Xa pola noite, a Charanga 68+1 actuará na Praza do Concello e rúas de Carballo, de 20,00 a 01,00 horas, mentres que ás 21,00 horas terá lugar a inauguración oficial das festas, a cargo de Festicultores Group, unha nova e orixinal forma de dar a saída a unha das festas máis representativas da comarca.