SERVIZOS SOCIAIS
Luns 19 de marzo do 2007
A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar ven de facer unha convocatoria para participar dun programa de turismo de saúde. O obxecto da iniciativa consiste nuns días de vacacións e descanso en zonas turísticas, balnearios, etc., ubicados en Galicia, noutras comunidades do Estado ou noutro país, dirixido a persoas maiores e os seus cónxuxes. Ofértanse un total de 32 prazas gratuítas para as persoas que acrediten unha situación de precariedade económica que lles impida sufragar os gastos da praza. Así mesmo, tamén se ofertan 100 prazas cunha subvención dun 50% para as parellas que cumpran as súas vodas de ouro neste ano. Os interesados en participar do programa poder informase nos Servizos Sociais do Concello de Carballo, pranta baixa, en horario de 11,00 a 13 horas de luns a venres. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 11 de abril de 2007.
MEDIO AMBIENTE
Venres 16 de marzo do 2007
O Concello de Carballo repartirá o vindeiro día 21 de marzo, coincidindo coa celebración da Día da Árbore, 110.000 landras de carballo en colaboración co diario La Voz de Galicia. Ese día, os lectores do períodico recibirán con cada exemplar unha landra, envasada e etiquetada polos traballadores de Aspaber.
ECONOMÍA
Venres 16 de marzo do 2007
O grupo de goberno presentou no Concello de Carballo o documento orzamentario para 2007, que se someterá a aprobación na sesión plenaria ordinaria deste mes de marzo, a celebrar o luns día 26. O Presuposto Xeral cífrase en 19.996.205,85 euros de ingresos e 19.844.476,81 euros de gastos. Formúlase cun superávit de 151.729,04 para respectar o Plan Económico aprobado no ano 2005. O capítulo de inversións recolle unha partida de 5.633.395,19 euros.
CULTURA
Venres 16 de marzo do 2007
O concello de Carballo será sede, o vindeiro 23 de marzo, da entrega da XVI edición dos Premios Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia, presentada este xoves no Pazo da Cultura. Nese acto participaron Xaime Corral, presidente da Federación de Libreiros, Ramón Tasende, da Libraría Brañas de Carballo, Antonio Fernández Maira, coordinador xeral de Federación, e Belén Lendoiro, concelleira de Cultura de Carballo. O obxectivo destes premios, que outorga a Federación de Libreiros de Galicia e que naceron en 1991, é recoñecer o traballo de promoción e divulgación do libro e da lectura en galego, desenvolvidos por persoas, entidades e institucións da sociedade galega. Para isto outórganse galardóns en sete categorías: centro de ensino, libro de ano, obra editorial do ano, institución, medios de comunicación e novas tecnoloxías, libraría e autor/a do ano.
OBRAS
Xoves 15 de marzo do 2007
O Boletín Oficial da Provincia ven de publicar a adxudicación das obras para realizar a urbanización da travesía entre as rúas Pan e Lirios do concello de Carballo. A empresa encargada de realizar a mellora será Construcciones Boalva, sendo o importe de licitación de 80.118,14 euros.
CULTURA
Xoves 15 de marzo do 2007
As psicólogas Marta Vázquez e Beatriz Menéndez Canzobre ofrecerán este venres, 16 de marzo, a quinta e penúltima das charlas do ciclo Aprender para Educar, que o Concello de Carballo, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Deputación da Coruña puxeron en funcionamento na localidade a finais do mes de xaneiro. O programa supón un lugar de encontro e formación dirixido a pais e nais e que ten como obexctivo o reforzo da familia como marco fundamental da educación e como elemento de desenvolvemento da personalidade. A quinta conferencia do ciclo está prevista para o venres, no Pazo da Cultura, a partir das 20,00 horas.
OBRAS
Xoves 15 de marzo do 2007
O Concello de Carballo asina este venres o contrato para a realización da segunda fase do Paseo Fluvial do Río Anllóns, que comprende unha actuación desde a estación depuradora do Bosque do Añón até a ponte de Bértoa. O importe da adxudicación ascende aos 288.332,55 euros, sendo o prazo de execución de seis meses a contar desde o día seguinte á sinatura da acta de replanteo. O obxectivo da actuación é o de adecuar o contorno do río Anllóns, ao seu paso polo concello de Carballo, a ambas marxes no treito do Bosque do Añón á antiga depuradora e desde ésta á ponte de Bértoa. A lonxitude medida polo eixo do río é de 1460 metros, ademáis de 170 metros pola marxe esquerda da zona do Bosque até enlazar coa actuación da primeira fase.
DEPORTE
Mércores 14 de marzo do 2007
As piscinas de Carballo Calero e Vila de Noia incrementaron os usos nun 10% durante o ano 2006. Así se desprende do balance que ven de presentar o Padroado Deportivo Municipal, nun acto no que estiveron presentes o alcalde de Carballo e concelleiro de Deportes, Evencio Ferrero, e o xerente do Padroado Deportivo Municipal, Francisco García. En total rexistráronse 129.757 usos, fronte aos 117.813 de 2005.
CONVOCATORIA
Mércores 14 de marzo do 2007
A Comisión Informativa de Asuntos Económicos e Especial de Contas reúnese esta tarde, a partir das 19,00 horas, para abordar o Orzamento Xeral do Concello para o exercicio 2007. Na xuntanza, convocada polo concelleiro de Facenda, Patrimonio e Contratación, José Antonio Viña, farase entrega aos representantes de cada un dos grupos municipais dunha copia da proposta económica, que ronda os vinte millóns de euros.
CULTURA
Mércores 14 de marzo do 2007
Os equipos de normalización lingüística (ENL) dos centros de ensino de Carballo, por iniciativa do ENL do CEIP Canosa-Rus, acordaron iniciar un proceso que remate coa petición á Real Academia Galega de que en 2008, ou nun prazo máximo de catro anos, se lle dedique o Día das Letras Galegas ao poeta e dramaturgo carballés Xesús San Luís Romero (Carballo, 1872 - Santiago, 1966). Para isto, todos os ENL asinaron unha declaración de apoio á solicitude e agora esténdese esta petición a todas as asociacións de Carballo, a todas as anpas, á prensa local, ás zapatarías e ao propio Concello de Carballo.
INDUSTRIA
Martes 13 de marzo do 2007
O Boletín Oficial da Provincia ven de sacar a información pública a solicitude de autorización, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental dun parque eólico para Carballo. Está promovido pola empresa Eólica Galenova e, se compre todos os trámites, ubicarase na zona de Vixía, afectando principalmente á parroquia de Vilela.
PATRIMONIO
Martes 13 de marzo do 2007
A Consellería de Cultura e Deporte, da Xunta de Galiza, ven de autorizar a limpeza, sinalización e posta en valor do Castro de Ouxas, situado na parroquia de Entrecruces. Os técnicos da Administración autonómica aceptaron a proposta presentada polo Concello de Carballo e, agora, solicitarán o permiso dos donos do monte para poder realizar o proxecto. Unha vez se presenten os permisos, non haberá ningún problema para iniciar os traballos, segundo a propia Consellería.