INDUSTRIA
Xoves 12 de abril do 2007
O plan de sectorización dos sectores A e B da terceira fase do polígono industrial de Bértoa permanecerá exposto ao público durante os vindeiros trinta días. As zonas afectadas contan cunha superficie de 426.300 e 114.400 metros cadrados. O Diario Oficial de Galicia publicou onte o anuncio correspondente, trala aprobación inicial da Xunta de Goberno Local a principios do pasado mes de marzo. Os titulares catastrais dos terreos afectados, un total de 179 parcelas, recibirán de forma simultánea as correspondentes notificacións.
CULTURA
Mércores 11 de abril do 2007
A Comisión de Festas de San Xoán 2007 ven de aprobar as Bases da Convocatoria do Concurso do Cartel Anunciador das Festas de San Xoán, que se celebrarán entre o 21 e o 27 de Xuño. Os autores poden utilizar calquera técnica e o gañador recibirá un premio de 450 €. As obras poderán presentarse até o 7 de maio no Pazo da Cultura. Na edición anterior presentaron obras ao redor de 25 concursantes, tanto de Carballo como doutros concellos de toda Galicia.
SEGURIDADE
Mércores 11 de abril do 2007
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, participará este xoves da xuntanza que, na Dirección Xeral de Tráfico, se dará a coñecer o Plan de mellora de seguridade viaria para a Costa da Morte. A asociación Íntegro, a Confederación Galega de Minusválidos e os concellos da Costa da Morte asinaran xa un convenio para desenvolver o plan, dirixido a xóvenes de entre 14 e 20 anos, previo paso á súa presentación na Dirección Xeral de Tráfico.
ENSINO
Mércores 11 de abril do 2007
O Pazo da Cultura acolleu este mércores a presentación das I Xornadas de Informática e Educación Física, que organiza o IES Isidro Parga Pondal e que contan, entre outros, coa colaboración do Concello de Carballo. O obxectivo das mesmas é o de relanzar estes dous ciclos formativos, que se imparten no instituto, dando a coñecer á mocidade da súa existencia en toda a comarca de Bergantiños. Na presentación das xornadas estiveron presentes o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o director do IES Isidro Parga Pondal, Carlos Fernández.
CULTURA
Martes 10 de abril do 2007
Máis de 5.000 persoas participaron durante a pasada fin de semana de Panxea 2007, un festival no que o pan, a música e, sobre todo, a solidariedade, foron os protagonistas. Nesta primeira edición da Feira solidaria, o obxectivo de colaboración estivo situado nos campamentos de refuxiados saharauis. Os fondos recadados no evento serán destinados a fariña para pan e material musical educativo para as escolas de nenos e nenas con necesidades educativas especiais da Uilaia de Smara.
SERVIZOS
Martes 10 de abril do 2007
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinará este mércores, 11 de abril, un contrato para dotar de alumeado público á rúa Gran Vía. O acto de sinatura terá lugar na Casa do Concello logo da adxudicación da actuación por importe de 105.286,04 euros. Ademais de favorecer o tránsito de peóns e facer máis vistosa a rúa, a actuación mellorará a seguridade do tráfico con máis iluminación.
INDUSTRIA
Martes 10 de abril do 2007
O primeiro trimestre do ano 2007 segue a confirmar a alza espectacular na tramitación de licenzas para a construción de vivendas en Carballo. No núcleo urbano xa se tramitaron licenzas para a construción de bloques de edificios para 290 vivendas, unha cifra que case triplica ás solicitadas o ano pasado no mesmo período. Nas zonas de núcleos rurais, as solicitudes de licenzas ascenden a 12 para vivendas unifamiliares. En total, son 302 vivendas no concello neste primeiro trimestre de ano, unha cifra moi superior á rexistrada no primeiro semestre de 2006, cun total de 124 licenzas.
MULLER
Luns 9 de abril do 2007
O Centro de Información á Muller ven de abrir o prazo para anotarse no curso de Risoterapia e Relaxación que se celebrará desde o 26 de abril até o 21 de xuño no Pazo da Cultura. O curso impartirase os xoves, en oito sesións dunha hora e media de duración cada unha, en horario de 20,00 a 21,30 horas. O número de prazas é limitado a vinte persoas en cada curso, vai dirixido a toda a poboación, pero Terán preferencia aquelas persoas que nunca asistiran ao curso.
SERVIZOS
Luns 9 de abril do 2007
A sesión plenaria ordinaria deste mes de abril incluirá na súa orde do día o proceso de contratación para a creación dunha primeira fase do carril bici entre Carballo e Razo. Este primeiro tramo cubriría o traxecto entre Carballo e a ponte de Oza, o que suporá o primeiro paso para a unión das dúas localidades.
CULTURA
Luns 9 de abril do 2007
O Pazo da Cultura acolleu este luns, 9 de abril, a presentación das Xornadas Balnearios: historia, economía, cultura e saúde, que se desenvolverán os días 13 e 14 de abril en Carballo. Esta segunda edición das xornadas sobre a historia local, logo da celebración dunhas referentes ao Wolframio o ano pasado, céntrase nun aspecto funadamental da historia de Carballo, como son as augas termais. As xornadas son abertas ao público e a matrícula é gratuita. No acto de presentación participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a concelleira de cultura, Belén Lendoiro, o escritor, Xan Fraga e o presidente da Asociación Socio Pedagóxica Galega, Xoán Costa.
HOSTALARÍA
Mércores 4 de abril do 2007
O Concello de Carballo ven de abrir a prazo para solicitar a ocupación do dominio público local con terrazas de hostalaría. Os interesados en instalar unha terraza nos seus negocios deberán ter en conta as normas reguladoras da Ordenanza correspondente, podendo recoller o impreso para formular a solicitude no propio Concello. O prazo permanecerá aberto até o día 30 de abril de 2007.
NOVAS TECNOLOXÍAS
Mércores 4 de abril do 2007
O vindeiro martes, 10 de abril, dará comezo un novo obradoiro de Iniciación á Informática e Internet en Carballo, da man da Rede de Dinamización da Sociedade da Información. Os interesados nesta e outras temáticas vinculadas ás Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación poden achegarse á Aula de Informática ou chamar ao teléfono 981 757 362 para informarse. O horario de atención ao público é de 10,00 a 14,00 horas, de luns a venres.