CULTURA
Luns 7 de maio do 2007
O Pazo da Cultura acolleu este luns, 7 de maio, a presentación do programa das Letras, a desenvolver en Carballo durante este mes de maio con motivo da celebración do día das Letras Galegas o vindeiro día 17. O propio día da festividade, o Concello de Carballo volverá a desenvolver o maratón de lectura Oito horas lendo, no Xardín Municipal de 11,30 a 19,00 horas. Os interesados en participar do mesmo poden inscribirse no Pazo da Cultura ou no número de teléfono 981 704 300. O maratón contará coa actuación da Banda Municipal de Gaitas e sucederá ao tamén tradicional Concurso Infantil de Pintura, a desenvolver na Praza do Concello a partir das 11,00 horas.
NOVAS TECNOLOXÍAS
Luns 7 de maio do 2007
O Salón de Plenos do Concello de Carballo acolleu este luns, 7 de maio, a presentación de Carballo Porta Aberta, un modelo de administración dixital que entrará en funcionamento a partir do primeiro luns do vindeiro mes de xuño. Este proxecto, financiado nun 45% pola Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, pretende que o cidadán poda facer certos trámites ou solicitudes desde a súa casa, traballo, etc., de forma que se evite o desprazamento á Casa Consistorial. Carballo Porta Aberta enmárcase no anteproxecto de Lei sobre Administración Electrónica que se está a tramitar no Congreso dos Diputados e que garantirá á cidadanía o dereito a facer os trámites mediante os novos medios de comunicación. O Concello de Carballo adiántase unha vez máis e lánzase a iniciar a prestación de servizos telemáticos cumprindo gran parte dos obxectivos e requisitos do citado anteproxecto.
CULTURA
Venres 4 de maio do 2007
O Pazo da Cultura de Carballo acolle esta fin de semana as dúas últimas representación do ciclo Primavera en Danza, coas actuacións de Inquedanza e 10&10 Danza. Este venres, 4 de maio, será o turno do espectáculo En la cuenca de tus ojos da compañía galega Inquedanza. Esta compañía, fundada no ano 2006 na Coruña, está integrada por catro bailaríns de orixe cubana, e dirixida polo coreógrafo Armando Martén que é, ademais, profesor de danza do Conservatorio de Música e Danza da Deputación da Coruña.
INDUSTRIA
Venres 4 de maio do 2007
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presentará o vindeiro xoves na delegación provincial de Industria, xunto cunha representación da Asociación de Veciños de Lema e afectados pola posible construcción do parque eólico de Pedrarrubia, a súa oposición ao proxecto. O rexedor local argumentará ante o delegado provincial, José Luis Barcia, a postura de oposición do Concello á construcción do parque eólico. A xuntanza sucede á redacción dun informe que reflexa as observacións ao proxecto do arquitecto municipal, consideradas como alegacións.
COMERCIO
Venres 4 de maio do 2007
Coa pretensión de impulsar o comercio en Carballo, o Centro Comercial Aberto e o Centro Comercial Bergantiños Haley únense por segundo ano consecutivo para por en marcha a campaña Primavera de cine, unha iniciativa que premitirá á cidadanía, a través dos comercios asociados a estes dous centros, contar con descontos para acudir ao cine. A promoción presentouse este venres no local do Centro Comercial Aberto, nun acto no que estiveron presentes o director xerente de Creativa Dixital, César García de Seárez, o xerente do Centro Comercial Aberto, Mari Carmen Freire, o director de Marketing do Grupo Gadisa, Antonio Cortés, o concelleiro de Industria e Comercio de Carballo, Francisco Pérez, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.
CONVOCATORIA
Xoves 3 de maio do 2007
O Pazo da Cultura acolle este xoves, 3 de maio, a celebración dunha xornada sobre A iniciativa lexislativa en materia de igualdade no ámbito do emprego no contexto autonómico. No acto, previsto para as 20,00 horas, contará coa participación da delegada provincial da Consellería de Traballo, María Debén.
BALANCE MENSUAL
Xoves 3 de maio do 2007
O Grupo Municipal de Intervención Rápida de Carballo tivo que participar en 21 emerxencias durante o pasado mes de abril, que arroxou un total de 100 intervencións. No tocante ás emerxencias, destacan en Carballo 6 por accidentes de tráfico e limpezas, 7 por limpezas de estradas, 3 por incendios urbáns, un incendio nun colector e un rescate dun afogado.
NOVAS TECNOLOXÍAS
Xoves 3 de maio do 2007
A Casa do Concello acolleu este xoves, 3 de maio, a presentación do proxecto Cidades Dixitais 2, que pretende promover a implantación da sociedade da información nas administracións locais. No acto de presentación estiveron presentes o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a diputada provincial Raquel Jabares, e técnica da empresa Econet, que xestiona este tipo de programas europeos para a Deputación de A Coruña, Graciela Garrido. Carballo, xunto con Culleredo, Valdoviño e Noia, forma parte desta segunda fase do proxecto, que neste momento se atopa en proceso de deseño e actuación orzamentaria.
CULTURA
Mércores 2 de maio do 2007
O Pazo da Cultua acolle este mércores, 2 de maio, ás 20.30 horas na sala de exposicións, a inauguración da exposición Paseo pola arquitectura de Galicia, de Pedro Castro. A mostra está composta de 22 obras que retratan distintos detalles da arquitectura galega feitas en plumillas.
MEDIO AMBIENTE
Mércores 2 de maio do 2007
A Brigada de Medio Ambiente do Concello de Carballo ven de proceder á limpeza de tres novos basureiros situados en Bas, na parroquia de Sísamo, Cadaboso, na parroquia de Artes, e na pista cara Oza, no polígono de Bértoa. Ademais, os operarios municipais procederon á retirada de voluminosos deixados fóra da data establecida.
TURISMO
Mércores 2 de maio do 2007
O Salón de Actos de Caixanova en A Coruña acolle este xoves, 3 de maio, a clausura do proxecto TURMAS, do que participou, entre outros concellos de toda a Costa da Morte, o de Carballo. O proxecto TURMAS está desenvolvido pola Deputación da Coruña, en coordinación con vinte concellos das comarcas de Costa da Morte e Ría de Muros, tres do norte de Portugal e o Parque Natural do Litoral Norte, tamén de Portugal.
URBANISMO
Luns 30 de abril do 2007
O Concello de Carballo ven de obrigar, logo dunha inspección realizada a unha parcela situada no acceso á praia de Pedra do Sal, en Noicela, á demolición dunha vivenda por parte do seu propietario. Dase a circunstancia de que, no ano 2003, fixerase unha primeira inspección a esta vivenda, construída con fábrica de ladrillo e cuberta de uralita.