Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Aberto o prazo de inscrición para participar nos Campamentos Deportivos e Campus de Fútbol da Deputación da Coruña

PROGRAMACIÓN DEPORTIVA

Aberto o prazo de inscrición para participar nos Campamentos Deportivos e Campus de Fútbol da Deputación da Coruña

Venres 25 de maio do 2007

Rematado o prazo de solicitude para participar no programa Campus de Fútbol 2007, xestionado pola Deputación da Coruña, o Concello de Carballo foi incluído nesta actividade para a que se lle adxudicaron 5 prazas. As datas nas que se desenvolverá a actividade son do 15 ao 21 de xullo de 2007, sendo o prazo de inscrición para achegar as solicitudes do 24 de maio ao 25 de xuño de 2007. En canto aos Campamentos Deportivos, o Concello de Carballo conta con 30 prazas adxudicadas. AS datas nas que se desenvolverá a actividade son do 8 ao 14 de xullo de 2007, sendo o prazo de inscrición para achegar as solicitudes do 24 de maio ao 18 de xuño de 2007.

Aberto o prazo de inscrición para participar nos concursos do San Xoán 2007

CULTURA

Aberto o prazo de inscrición para participar nos concursos do San Xoán 2007

Venres 25 de maio do 2007

As Festas do San Xoán deste ano incluirán novamente actividades participativas cunha dimensión moi lúdica que teñen moi boa acollida entre a cidadanía de Carballo e, en especial, entre os máis novos. Con elas preténdese recuperar e fomentar tradicións tan importantes na celebración popular do San Xoán como as cachelas, xogos populares ou incorporar ás Festas un elemento tan importante en Carballo como o río Anllóns. Durante tres días poderase desfrutar de actividades moi divertidas e entretidas tanto para o público infantil como adulto e no que o importante é a participación entre a veciñanza de Carballo, polo que a Comisión anima a tomar parte activa da XX edición do Concurso de Cachelas, o VII Gran Prix de Carrilanas e o X Descenso do Anllóns.

A Xunta de Goberno Local reúnese o vindeiro luns en sesión ordinaria

CONVOCATORIA

A Xunta de Goberno Local reúnese o vindeiro luns en sesión ordinaria

Venres 25 de maio do 2007

A Xunta de Goberno Local de Carballo obordará o vindeiro luns, 28 de maio, a partir das 13,30 horas, unha nova sesión ordinaria na que se contempla a aprobación dos expedientes de contratación das obras Depuradora en Nétoma, parroquia de Razo e Depuradora en Queo, parroquia de Bértoa. Ambas obras están incluídas no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal e Rede Viaria Local 2007. Ademais, contémplase a adxudicación dos expedientes de contratación de catro obras incluídas nese mesmo plan. Son o Acondicionamento de praza municipal en Ramil, Acondicionamento de pista en Rus, Afirmado de camiño de Arnados a Razo da costa e Subministro de material de oficina consumible con destino ao Concello de Carballo.

O Concello xestiona a ampliación da rúa Carballo Calero

URBANISMO

O Concello xestiona a ampliación da rúa Carballo Calero

Xoves 24 de maio do 2007

O Concello de Carballo está a xestionar a apertura do tramo da rúa Carballo Calero coa finalidade de prolongar esta vía ata confluir coa rúa Carré Aldao. O Concello está a conversar cos propietarios da finca sobre a que se faría a prolongación, que contempla o acondicionamento do seu firme para permitir a circulación de vehículos nese tramo.

Presentada a terceira edición do Torneo Internacional de Fútbol 7 Concello de Carballo

DEPORTE

Presentada a terceira edición do Torneo Internacional de Fútbol 7 Concello de Carballo

Xoves 24 de maio do 2007

A Casa do Concello acolleu este xoves, 24 de maio, a presentación da terceira edición do Torneo Internacional de Fútbol 7 alevín Concello de Carballo, organizado polas Escolas de Fútbol Luis Calvo Sanz. A fase previa do torneo, da que participarán 42 clubes de toda Galicia, comezará a desenvolverse este sábado, 26 de maio, e terá continuidade os días 9 e 10 de xuño no campo municipal de As Eiroas. A fase final, a celebrar nas instalacións de Conservas Calvo o 15, 16 e 17 de xuño, contará coa presenza das Escolas Luis Calvo Sanz, ademais de con equipos do renome de Valencia, Sporting de Lisboa, Sevilla, Deportivo, Athletic de Bilbao, Valladolid e Zamora.

Industria anuncia a mellora do suministro eléctrico no lugar de Alborín

INDUSTRIA

Industria anuncia a mellora do suministro eléctrico no lugar de Alborín

Mércores 23 de maio do 2007

A delegación provincial de Industria ven de comunicar ao Concello de Carballo a mellora do suministro eléctrico no lugar de Alborín, na parroquia de Rus, a raíz da reclamación presentada polo Concello ante a empresa UDESA e a propia delegación provincial. Segundo informa Industria, a empresa presentou o pasado mes de abril o proxecto de Liña de Media Tensión, Centro de Transformación e Rede de Baixa Tensión para Alborín e solicitou a autorización administrativa e a aprobación do mesmo.

Presentado o partido que enfrentará ás seleccións española e portuguesa de balonmán feminino en Carballo

DEPORTE

Presentado o partido que enfrentará ás seleccións española e portuguesa de balonmán feminino en Carballo

Mércores 23 de maio do 2007

A Casa do Concello acolleu este mércores, 23 de maio, a presentación do partido amistoso que enfrentará ás seleccións de España e Portugal o vindeiro venres, no Pavillón Vila de Noia, a partir das 20,30 horas. O encontro serviralle ao combinado nacional de preparación para a eliminatoria que disputará fronte a Turquía, clasificatorio para o Campionato de Europa. A entrada ao partido será gratuita. A organización do evento corre a cargo do Padroado Deportivo Municipal de Carballo e colabora a Federación Galega de Balonmán e as Escolas de Balonmán XIRIA de Carballo.

CarballoeSMáS permitirá coñecer os resultados electorais municipais a través do móbil

NOVAS TECNOLOXÍAS

CarballoeSMáS permitirá coñecer os resultados electorais municipais a través do móbil

Martes 22 de maio do 2007

O novo servizo de comunicación do Concello de Carballo, CarballoeSMáS, permitirá coñecer o vindeiro domingo, 27 de maio, os datos de participación e resultados electorais municipais. Aquelas persoas que se den de alta no servizo recibirán ao longo do día información sobre o índice de participación (ás 14.00 horas e 18,00 horas), ademáis dos resultados co escrutinio entre o 60-80% e o escrutinio ó 100% (resultados definitivos). O Concello dispón do número 981090070, co que se poñerá en contacto coa cidadanía e viceversa.

O Concello informa sobre a lei de Promoción de Autonomía Persoal

SERVIZOS SOCIAIS

O Concello informa sobre a lei de Promoción de Autonomía Persoal

Martes 22 de maio do 2007

Os Servizos Sociais do Concello de Carballo están a atender a presentación de solicitudes e prestando información sobre a lei de Promoción de Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia. A lei entrou en vigor o pasado mes de xaneiro e, desde o pasado día 7 de maio, están a presentarse en toda Galicia as solicitudes para a súa valoración. Esta lei establece diferentes axudas para persoas con algún grado de dependencia e, nun primeiro momento, estase a valorar o grado de dependencia en virtude da solicitude presentada polo usuario.

Finalizou o prazo para participar na creación do blog ‘En-Blogad@s con Carballo’

NOVAS TECNOLOXÍAS

Finalizou o prazo para participar na creación do blog ‘En-Blogad@s con Carballo’

Luns 21 de maio do 2007

A Rede de Dinamizadores da Sociedade da Información da Consellería de Innovación e Industria, no Concello de Carballo, dará comezo ao obradoiro de creación de Blogs para a xuventude, En-Blogad@s con Carballo, mañá martes 22 de maio,ás 18,00 horas na Aula de Informática (Antigas Escolas do Xardín), logo de rematar o prazo de inscrición ás 13,00 horas de hoxe luns.

A música será protagonista nos actos que pecharán o Programa das Letras

CULTURA

A música será protagonista nos actos que pecharán o Programa das Letras

Luns 21 de maio do 2007

O Programa das Letras do Concello de Carballo achegará o vindeiro sábado, 26 de maio, un concerto de música gospel ao Pazo da Cultura. O espectáculo, previsto para as 21,00 horas, está organizado polas Igrexas Evanxélicas de Vigo e abrirá os actos incluídos no programa para a ultima semana do mes de maio. A música será a protagonista desas datas, xa que está prevista a celebración de catro novos concertos máis.

Compartir: