PANEIS EMPRESARIAIS
Mércores 13 de xuño do 2007
O Observatorio Económico Local de Carballo organizou o xoves 13 de xuño unha nova mesa redonda que levou por título Panel de Comercio Exterior. Neste novo encontro, incluído no ciclo Paneis Empresariais, representantes de diferentes institucións e empresas debateron sobre a situación actual da actividade exportadora. Foi ás 18:00 horas no Salón de Plenos do Concello de Carballo.
PROGRAMAS DE COOPERACIÓN
Luns 11 de xuño do 2007
A Consellería de Traballo da Xunta de Galicia ven de adxudicarlle ao Concello de Carballo unha subvención destinada á contratación de tres traballadores desempregados por un período de seis meses. Un deles vai desempeñar o seu labor no Centro de Información á Muller mentres que os outros dous o farán na Casa dos Oficios, un na perfilería de aluminio e o outro no cerramento exterior de naves.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 11 de xuño do 2007
Entre os diferentes acordos alcanzados na sesión ordinaria do luns 11 de xuño, a Xunta de Goberno Local do Concello de Carballo resolveu a adxudicación do contrato de ampliación das obras do paseo fluvial do río Anllóns, por un importe de 191.400 euros, e maila dos traballos de apertura de camiños en Baldaio, por 50.344. Os prazos de execución serán, respectivamente, de 6 meses e de 60 días a partir da sinatura das correspondentes actas de replanteo.
MEDIO AMBIENTE
Mércores 6 de xuño do 2007
Máis dunha trintena de alumnos de ASPABER volveron a participar este mércores, 6 de xuño, na limpeza do litoral carballés, con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente. Se onte o alumnado facía a limpeza no areal de Razo, hoxe desprazouse a Baldaio, a Lagoa e Pedra do Sal para continuar a posta a punto do litoral antes do comezo, o vindeiro sábado, da temporada de praias.
OBRAS
Mércores 6 de xuño do 2007
O Concello de Carballo ven de iniciar a posta a punto dos dous aparcamentos gratuitos que se utilizan de xeito provisional no casco urbán da localidade. Son os situados en Rego da Balsa, detrás da antiga estación de autobuses, e na Horta do Casino. Os traballos iniciáronse onte no aparcamento situado detrás da antiga estación de autobuses, xa que é o que o que se atopa en peores condicións para o seu uso.
BALANCE MENSUAL
Martes 5 de xuño do 2007
O Grupo Municipal de Intervención Rápida de Carballo tivo que participar en 17 emerxencias durante o pasado mes de maio, que arroxou un total de 91 intervencións. No tocante ás emerxencias, destacan en Carballo 12 por accidentes de tráfico e limpezas, 1 excarceración, 1 por incendios urbáns, 1 incendio nun colector, 1 escape de gas e a colaboración nun incendio forestal en Coristanco.
MEDIO AMBIENTE
Martes 5 de xuño do 2007
Como xa ocorrera hai un ano, 32 alumnos de ASPABER participaron este 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, nunha xornada de limpeza da praia de Razo. Mañá mércores continuará a limpeza no areal de Baldaio, guiada por catro monitores que acompañaron ao alumnado en todo momento durante esta xornada. A praia de Razo presenta xa un bo estado para o comezo da temporada de praias, prevista para o vindeiro sábado 9 de xuño.
NOVAS TECNOLOXÍAS
Martes 5 de xuño do 2007
Carballo PortaAberta, o modelo de administración dixital que pretende que a cidadanía poda facer certos trámites ou solicitudes desde a súa casa, traballo, etc., de forma que se evite o desprazamento á Casa Consistorial, superou as cen altas o día da súa posta en marcha, polo que os cen primeiros en darse de alta no servizo recibirán un Pendrive de 1Gb. A partir de agora, todos aqueles que se dean de alta no mes de xuño, entrarán no sorteo dunha PDA Phone HTC P3600 (ou modelo similar), para poder acceder ó Concello Online desde onde se queira (non inclúe a alta no servizo movil). O sorteo farase no mes de xullo e a cada usuario se lle asignará o seu número de solicitude. O persoal do Concello de Carballo non poderá participar nesta promoción.
SERVIZOS
Luns 4 de xuño do 2007
A Consellería de Medio Rural está a proceder estes días ao acondicionamento de varias pistas do concello no rural. Son máis dunha decena os camiños que están a ser acondicionados e, nesta mesma liña de actuación, o Concello de Carballo está a redactar un novo proxecto para remitir á propia Consellería e actuar en máis lugares do municipio.
OBRAS
Luns 4 de xuño do 2007
A mesa de contratación do Concello de Carballo ven de adxudicar a terceira fase do paseo do Río Anllóns, entre outras obras, correspondente ao tramo que vai do Parque do Anllóns até o Muíño do Quinto. Na actualidade estanse a culminar os últimos traballos da primeira fase, que vai desde a Ponte da Milagrosa até O Bosque, e xa se adxudicou a segunda fase, que chega até a Ponte de Bértoa desde este último lugar.
NOVAS TECNOLOXÍAS
Luns 4 de xuño do 2007
Este luns, 4 de xuño, comeza a funcionar Carballo PortaAberta, un modelo de administración dixital, financiado nun 45% pola Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, que pretende que a cidadanía poda facer certos trámites ou solicitudes desde a súa casa, traballo, etc., de forma que se evite o desprazamento á Casa Consistorial. Carballo PortaAberta enmárcase no anteproxecto de Lei sobre Administración Electrónica que se está a tramitar no Congreso dos Diputados e que garantirá á cidadanía o dereito a facer os trámites mediante os novos medios de comunicación. O Concello de Carballo adiántase unha vez máis e lánzase a iniciar a prestación de servizos telemáticos cumprindo gran parte dos obxectivos e requisitos do citado anteproxecto.
CULTURA
Venres 1 de xuño do 2007
Os integrantes do Coro do Conservatorio de Música de Carballo serán os encargados de pechar o ciclo Xoves Intérpretes, incluído no Programa das Letras do Concello de Carballo, e que se ven desenvolvendo no Pazo da Cultura desde o pasado martes. O último dos concertos terá lugar este venres, 1 de xuño, a partir das 19,00 horas no Pazo da Cultura.