GALARDÓN
Venres 29 de xuño do 2007
Cruz Vermella Española fixo entrega esta mañá ao Concello de Carballo, a través da súa Asamblea Local, dun Diploma de Honra pola colaboración prestada ao longo dos últimos anos. A presidenta da Asamblea Local, Matilde Anido, fixo entrega do diploma ao alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, nun acto no que tamén participaron o vicepresidente da Cruz Vermella en Carballo, Juan Cancela, e a súa coordinadora, Jessica Pérez. Carballo pasa a ser así un dos poucos concellos de Galicia que conta con esta distinción.
CULTURA
Xoves 28 de xuño do 2007
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, recibiu na Alcaldía do Concello ao Grupo de Teatro Nueva Vida, do Centro Penitenciario de Teixeiro, que esta tarde actúa no Pazo da Cultura. O grupo está composto por quince persoas que representarán, a partir das 19,00 horas, a obra Unha comedia de vida. Na recepción tamén estivo presente a concelleira de Cultura, Belén Lendoiro.
ENSINO
Xoves 28 de xuño do 2007
A Escola Oficial de Idiomas de Carballo ven de abrir o prazo de acceso e matrícula para o curso 2007/2008 en idiomas sen preinscrición. Poderán formalizar a matrícula os aptos presenciais en xuño de 2007, a alumnado do plan de potenciación de idiomas en IES (que supere ciclo en xuño de 2007) e o alumnado de That´s English! que supero ciclo en xuño de 2007. O prazo estará aberto até o 13 de xullo. No mes de setembro abriranse outros prazos de inscrición para outros supostos.
LITORAL
Xoves 28 de xuño do 2007
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acudiu no día de onte a Santiago para participar no acto de entrega de bandeiras azuis aos concellos galegos que contarán con este distintivo na época estival. A praia de Razo contará, un ano máis, con este distintivo que recoñece o cumprimento de requisitos de calidade de augas, servizos e realización de actividades de información, educación e xestión ambiental.
ECONOMÍA
Mércores 27 de xuño do 2007
A concellaría de Promoción Económica do Concello de Carballo iniciará en breve unha rolda de contactos cos principais sectores empresariais da localidade. O obxectivo das reunións será o de coñecer de primeira man as necesidades e propostas dos empresarios de cara ao desenvolvemento do concello.
CULTURA
Mércores 27 de xuño do 2007
O Concello de Carballo, o Café Valle Inclán e a Marcha Mundial das Mulleres de Bergantiños organizan este mércores, 27 de xuño, a conversa con María Reimóndez, autora de O club da calceta, dentro do proxecto Literactúa. O acto terá lugar no Café Valle Inclán, a partir das 20,30 horas, e a autora será presentada por Fina Bastón, da Marcha Mundial das Mulleres. O club da calceta conta a historia de seis mulleres moi diferentes entre si que acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas frustracións pero, tamén, un lugar onde toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala. Inspiradas na figura liberadora da tía Davina, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Fernanda van facendo ás lectoras e lectores partícipes da súa historia desde un multiperspectivismo que desfai os fíos dunha sociedade machista.
COMERCIO
Mércores 27 de xuño do 2007
Dous técnicos da empresa pública Mercasa, dependiente da Sociedad Estatal de Participaciones Industriales e do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, desprazáronse onte martes a Carballo para dar a coñecer os bocetos do futuro edificio comercial de Carballo, que sustituirá á infraestructura actual do mercado de abastos. Na xuntanza, celebrada na Casa do Concello, particiaron todos os grupos políticos da corporación municipal a excepción do Partido Popular, que non puido acudir por problemas de axenda.
GOBERNO
Martes 26 de xuño do 2007
Os grupos municipais de BNG e PSDG-PSOE de Carballo alcanzaron un acordo para gobernar na localidade e garanten un número de 12 concelleiros no grupo de goberno. Logo das xuntanzas celebradas entre ambas formacións ao longo destas últimas semanas, o acordo estableceuse coas cesións ao PSOE das áreas de Urbanismo e Medio Ambiente, ademais das que xa xestionou a formación socialista durante a pasada lexislatura.
TERCEIRA IDADE
Martes 26 de xuño do 2007
O Concello de Carballo ven de ampliar o prazo para participar do II Encontro para os nosos Maiores No Carballiño, Ourense, que organiza a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Os interesados poderán apuntarse até o vindeiro xoves, 28 de xuño. O encontro terá lugar o sábado 7 de xullo e haberá servizo de autobús gratuíto polas parroquias a partir das 07,30 horas e a partir das 08,00 horas en Carballo. De momento, xa hai anotadas máis dun centenar de persoas.
SAN XOÁN 2007
Martes 26 de xuño do 2007
Logo de celebrarse os días grandes do San Xoán 2007, onde a música foi unha das grandes protagonistas, as celebracións prolongaranse até o vindeiro domingo, 1 de xullo, coa tradicional Festa do Bosque. Este martes, 26 de xuño, celébrase o Día do Neno no Parque do San Martiño, de 17,00 h. a 20,00 h., cun parque de xogos gratuito e coa organización de diferentes actividades lúdicas. A partir das 22,00 horas haberá unha nova verbena coa Orquestra Charleston Big Band e, ás 24,00 horas, a gran sesión de fogos de artificio a cargo de Pirotecnia Rocha.
SAN XOÁN
Venres 22 de xuño do 2007
A concellaría de Tráfico, Polícía e Proteccción Civil, en colaboración coa Comisión de Festas do San Xoán, ven de establecer un dispositivo especial de seguridade e reordenación do tráfico para a celebración das festas patronais de Carballo. Durante as festas, permanecerán pechadas varias rúas ao tráfico cando estas se utilicen para diferentes actividades, coma os concertos, concursos ou procesións. As rúas onde se realicen os concursos e actuacións, como as carrilanas, pasarrúas, etc, deberán estar sen coches, polo que se demanda a colaboración da cidadanía para o disfrute da festa.
SAN XOÁN
Venres 22 de xuño do 2007
Unha das grandes actuacións desta edición das festas do San Xoán será o concerto que o vindeiro luns, 25 de xuño, ofrecerá La Mala Rodríguez na praza do Concello. A artista presentará o seu novo traballo a partir das 23,30 horas, ampliando así a variada oferta musical que comeza no día de hoxe no paseo de Rego da Balsa. Será cun concerto de rock&roll, a partir das 23,00 horas, no que participarán Los Justicieros, Straitjackets, Pontani Sisters e George Kaiser. Antes, ás 22,30 horas, comezará na praza do Concello a actuación das orquestras París de Noia e Olympus.