Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A web do Concello incorpora a visión da praia de Razo a través dunha webcam

NOVAS TECNOLOXÍAS

A web do Concello incorpora a visión da praia de Razo a través dunha webcam

Mércores 11 de xullo do 2007

O Concello de Carballo ven de incorporar a esta páxina web un enlace que permite ver a praia de Razo, en tempo real, a través dunha webcam. O enlace está situado na marxe superior dereita desta páxina e servirá como un novo medio de promoción turística do espazo natural de Razo e Baldaio. O Concello situará na zona carteis sobre esta medida, acorde coa Lei de Protección de Datos.

O grupo de goberno califica de ‘grande oportunidade’ a incorporación de Carballo ao Eixo Atlántico

PROMOCIÓN

O grupo de goberno califica de ‘grande oportunidade’ a incorporación de Carballo ao Eixo Atlántico

Mércores 11 de xullo do 2007

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, José Manuel García Guillín, compareceron este mércores ante os medios de comunicación para valorar a incorporación de Carballo ao Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular. Ambos acudiron no día de onte á asamblea xeral que se celebrou na localidade portuguesa de Vilanova de Gaia, na que se decidiu, ademais, a entrada das localidades galegas de Viveiro, Lalín, O Barco de Valdeorras e Verín, e das portuguesas de Barcelos, Mirandela, Matosinhos, Famaliçao e Vila do Conde. José Manuel García Guillín calificou a incorporación de Carballo ao Eixo Atlántico como "unha grande oportunidade". Na súa opinión, trátase dunha "ferramenta moi útil co fin de dinamizar as potencialidades de desenvolvemento de Carballo en ámbitos como o turismo, o desenvolvemento social, o desenvolvemento sostible, modernización da administración, deportes, planeamento e transportes".

A Brigada de Medio Ambiente procedeu á limpeza da fonte de Arnados

MEDIO AMBIENTE

A Brigada de Medio Ambiente procedeu á limpeza da fonte de Arnados

Martes 10 de xullo do 2007

A Brigada de Medio Ambiente do Concello de Carballo está a proceder a varias actuacións para mellorar os servizos da cidadanía. A última corresponde á limpeza da fonte de Arnados, en Razo, co baldeado e limpeza manual, ademais do mantemento do entorno. A fonte de Arnados xa fora limpada a finais de 2006, xunto con outras fontes e lavadoiros do municipio.

A exposición do VII Premio de creación fotográfica Luis Ksado abre o programa do Verán Cultural

CULTURA

A exposición do VII Premio de creación fotográfica Luis Ksado abre o programa do Verán Cultural

Martes 10 de xullo do 2007

O Pazo da Cultura acolle desde hoxe e até o vindeiro 24 de xullo a exposición do VII Premio de creación fotográfica Luis Ksado, unha colección de fotografías seleccionadas e premiadas na última edición deste certame que organiza a Deputación da Coruña. A través das imaxes, que amosan as moitas maneiras de captar o mundo que nos rodea, mostrásenos a riqueza creativa e a capacidade de impresionar que define o feito fotográfico. A exposición forma parte da programación do Verán Cultural do Concello de Carballo, e que conta xa con varias actuacións para a vindeira fin de semana.

O Concello xestiona a súa incorporación ao Eixo Atlántico en Portugal

XUNTANZA

O Concello xestiona a súa incorporación ao Eixo Atlántico en Portugal

Martes 10 de xullo do 2007

O Concello de Carballo pasará a formar parte do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular logo da asamblea xeral que se está a celebrar no día de hoxe na localidade portuguesa de Vilanova de Gaia, e na que toman parte o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín. O Eixo Atlántico está formado, na actualidade, por 18 municipios de Galicia e o norte de Portugal e no día de hoxe, ademais da incorporación de Carballo, decidirase a entrada das localidades galegas de Viveiro, Lalín, O Barco de Valdeorras e Verín, e das portuguesas de Barcelos, Mirandela, Matosinhos, Famaliçao e Vila do Conde.

Aberto o prazo de matrícula no Conservatorio de Música de Carballo

ENSINO

Aberto o prazo de matrícula no Conservatorio de Música de Carballo

Luns 9 de xullo do 2007

Desde este luns, 9 de xullo, e até o 20 de xullo, estará aberto prazo de matrícula para o alumnado do Conservatorio de Música de Carballo ou para os interesados en acceder aos estudos neste centro nas diferentes modalidades. O prezo da matrícula ordinaria (un curso completo por especialidade) é de 180,30 €. No caso dos alumnos de nova admisión o prezo é de 198,38 €. O alumnado que realiza a preinscrición para 1° curso de Grao Elemental non deberá aboar ningunha taxa. Para a realización destes ou outros trámites deberán dirixirse á primeira planta do Pazo da Cultura ou ben chamar por teléfono ao número 981 704 300.

A Xunta de Goberno Local aproba seis novas certificacións de obra

CONVOCATORIA

A Xunta de Goberno Local aproba seis novas certificacións de obra

Luns 9 de xullo do 2007

A Xunta de Goberno Local de Carballo deu o visto bo, na sesión ordinaria celebrada este luns, á aprobación de seis certificacións de obra para diferentes actuacións no municipio. Son as referentes á certificación cuarta da obra Edificio Centro Socio-cultural de Sofán. Fase II, por importe de 18.732,63 euros, a terceira da obra Ordenación e urbanización de Praza Municipal en Bértoa, por importe de 40.430,81 euros, a cuarta da obra Construcción rotonda entre as rúas Sol, Santa Ana, Oriente, Vila de Negreira e Milagrosa, por importe de 22.751,58 euros, a única da obra Modificado nº 1, urbanización e Constenla e Casadelas, por importe de 43.548,37 euros, a única da obra Dotación de capa de rodadura á Rúa Perú, por importe de 29.831,95 euros e a cuarta da obra Supresión de barreiras arquitectónicas en edificios municipais, por importe de 21.558,95 euros.

Carballo acollerá desde o xoves a I Xira de Karting Indoor de Galicia

LECER

Carballo acollerá desde o xoves a I Xira de Karting Indoor de Galicia

Luns 9 de xullo do 2007

A Casa do Concello acolleu este luns, 9 de xullo, a presentación da I Xira de Karting Indoor de Galicia, que se desenvolverá en Carballo desde o xoves día 12 até o domingo día 15. A iniciativa desenvolverase no Parque do San Martiño e os asistentes poderán vivir a emoción de subirse a un kart e experimentar as sesnsacións desta modalidade deportiva de motor. A entrada ao recinto será gratuita e a viaxe en kart costará seis euros, aínda que o Centro Comercial Bergantiños Haley repartirá 1.200 bonos cun 50% desconto. Ademais, o Concello de Carballo xa repartiu 600 entradas entre os centros de ensino da localidade, para que o seu alumnado poda disfrutar do evento. Ademais do Centro Comercial, patrocinan esta iniciativa Rhino´s, Motor Canedo, Estación de Servizo Carvolta e Thunder Road Cicles.

A bandeira azul ondeará na praia de Razo desde esta tarde

LITORAL

A bandeira azul ondeará na praia de Razo desde esta tarde

Venres 6 de xullo do 2007

Este venres, 6 de xullo, terá lugar na praia de Razo o acto de izada da bandeira azul que ondeará no litoral carballés durante a época estival. A colocación deste distintivo terá lugar ás 16,00 horas e significa para o areal de Razo o cumprimento de requisitos de calidade de augas, servizos e realización de actividades de información, educación e xestión ambiental.

O debate en torno ás dedicacións exclusivas centrou o interese da primeira sesión plenaria da lexislatura

SESIÓN PLENARIA

O debate en torno ás dedicacións exclusivas centrou o interese da primeira sesión plenaria da lexislatura

Venres 6 de xullo do 2007

O Salón de Plenos do Concello de Carballo acolleu onte xoves, 5 de xullo, a primeira sesión plenaria da lexislatura, de carácter extraordinario. O punto referente ás dedicacións exclusivas e retribucións monopolizou o debate entre goberno e oposición. A proposta saíu adiante cos doce votos a favor do grupo de goberno (BNG e PSOE) e os votos en contra da oposición (PP e TEGA). Estes últimos calificaron de inxustificable o aumento de dedicacións exclusivas en relación á pasada lexislatura, mentres que desde o goberno defendeuse a necesidade da medida para a importancia do municipio.

Música, maxia, danza e teatro, protagonistas do ‘Verán Cultural’

CULTURA

Música, maxia, danza e teatro, protagonistas do ‘Verán Cultural’

Venres 6 de xullo do 2007

A concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, presentou esta mañá no Pazo da Cultura o programa do Verán Cultural do Concello de Carballo, que se vai desenvolver durante os meses de xullo e agosto na localidade. A música, o teatro, a danza e a maxia son os protagonistas dun extenso e variado programa pensado para todas as idades, dividido en dez xornadas e sumando un total de 20 actuacións. A maior parte das actividades desenvolveranse ao aire libre, sendo a Praza do Concello e o Xardín Municipal os referentes para disfrutar das mesmas. Dúas exposicións e outras actividades novas, como a I Xira Galega Karting Indoor ou a segunda feira literaria Praza dos Libros completan o programa.

Preto de 400 maiores de Carballo participarán do ‘II Encotro para os nosos Maiores’ no Carballiño

TERCEIRA IDADE

Preto de 400 maiores de Carballo participarán do ‘II Encotro para os nosos Maiores’ no Carballiño

Xoves 5 de xullo do 2007

Preto de 400 maiores do concello de Carballo participarán este sábado, 7 de xullo, do II Encontro para os nosos Maiores no Carballiño, Ourense, que organiza a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. O prazo de inscrición mantívose aberto até finais da pasada semana, recibíndose unha grande cantidade de solicitudes tanto nos Servizos Socias do Concello coma no Pazo da Cultura.

Compartir: