RECEPCIÓN NA ALCALDÍA
Mércores 20 de agosto do 2008
O Tenente de Alcalde de Carballo, José Antonio Viña -Alcalde accidental debido á ausencia do rexedor, Evencio Ferrero, en período de vacacións- recibiu na casa do concello ao equipo paralímpico español de deportes de inverno, que está completando estes días a súa preparación de cara á próxima tempada practicando surf na praia de Razo. A selección nacional -que tamén tivo a oportunidade de departir co Concelleiro de Deportes, Marcos Trigo, e coa Concelleira de Sanidade, Lourdes Rey- ultima os adestramentos de cara aos próximos Xogos Paralímpicos.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Martes 19 de agosto do 2008
O Concello e a ‘Asociación amigos de los perros de Carballo’ asinarán un convenio de colaboración para a posta en marcha dunha campaña de sensibilización para o coidado das mascotas dentro do ámbito municipal, segundo se aprobou na Xunta de Goberno Local celebrada o luns 18 de agosto. O obxectivo desta iniciativa será actuar ante a situación de abandono e maltrato que sofren moitos animais de compañía e concienciar á poboación da súa responsabilidade e das obrigas que deben asumir os donos e coidadores de cans. Está previsto que esta campaña comece ao longo deste mes de agosto.
TURISMO E PROMOCIÓN ECONÓMICA
Luns 18 de agosto do 2008
A Concellaría de Promoción Económica pon en marcha este mes unha campaña para fortalecer as feiras de Carballo. O responsable da área, Xosé Manuel García Guillín, pretende potenciar os mercados de cada quinto domingo de mes, apostando polos catro feiróns que se celebran ao longo do ano. Cada cita terá as súas propias peculiaridades e estará acompañada dun programa de actividades.
VERÁN CULTURAL
Sábado 16 de agosto do 2008
Carballo acollerá entre o 21 e o 24 de agosto unha nova edición da Praza dos Libros, unha feira literaria que ten como obxectivo a promoción da lectura, das librarías da comarca, dos autores galegos e da cultura de rúa. Durante catro días o Xardín Municipal acollerá dez casetas que se encherán de libros, actividades lúdicas, presentacións, música, escritores e incluso recitais poéticos para que os veciños e veciñas poidan desfrutar dos libros.
AFORRO ENERXÉTICO
Mércores 13 de agosto do 2008
Comezaron na piscina Carballo Calero da zona Bergantiños da capital municipal carballesa os traballos para a instalación de paneis de enerxía solar térmica que permitirán quecer a auga sanitaria das duchas e do vaso destas instalacións. O proxecto adxudicouse o pasado mes de xullo á empresa Clece SA, que despois de estar varios días co traslado de materiais iniciou hoxe -13 de agosto- as melloras.
OBRAS
Luns 11 de agosto do 2008
O Concello de Carballo anuncia que está previsto que ao longo desta semana dean comezo as obras para a creación dunha nova glorieta no entorno do acceso ao parque empresarial de Bértoa, na estrada comarcal AC-552. Os traballos están incluídos no proxecto de ampliación do polígono industrial que está en marcha nestes momentos, e que inclúe a creación de novos viais e accesos para a infraestrutura. Dende a pasada fin de semana xa pode observarse a sinalización horizontal de obras na estrada AC-552.
CARBALLO SAUDABLE
Venres 8 de agosto do 2008
O areal de Razo acolle este domingo 10 de agosto un torneo de volei-praia enmarcado dentro das actividades de ‘En vacacións móvete’, un programa dirixido especialmente aos rapaces e rapazas de entre 14 e 18 anos que pretende facer do deporte unha práctica habitual entre a mocidade, poñendo en marcha iniciativas relacionadas coa natureza. A cita será no areal a partires das 11.00 horas.
VERÁN CULTURAL
Venres 8 de agosto do 2008
A música de raíz e o rock progresivo son algunhas das influencias de Brath, unha agrupación que leva máis de vintesete anos de carreira e que o domingo 10 de agosto presenta na Praza do Concello de Carballo o seu último traballo, ‘Ás portas de Lug’. A partir das 22.30 horas, Brath tentará transportar ao público carballés a través da historia, a música e a mitoloxía galegas cos característicos sons incluídos no seu último álbum, pero tamén retrocedendo ata ‘O latexo de fogo’, a súa anterior proposta, e facendo unha retrospectiva pola súa dilatada traxectoria.
VERÁN CULTURAL
Xoves 7 de agosto do 2008
O hip-hop, o new style e a danza moderna. Son algúns dos estilos que poderán verse o venres 8 de agosto de man da compañía galega As Dríadas, que presenta o seu espectáculo ‘In-nova’. A fusión de diversos bailes e a liberdade e espontaneidade dos integrantes deste elenco marcan este show que nace baixo o lema de ‘Únete nós!’. A partires das 20.00 horas o Xardín Municipal será o escenario para a presentación desta aposta especialmente dedicada ao público máis novo.
RECEPCIÓN NO CONCELLO
Xoves 7 de agosto do 2008
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a presidenta do Parlamento cantonal de Xenebra, a cormelana Dolores Cruz, estreitaron os vencellos que existen entre os dous territorios tras unha visita institucional celebrada no concello. Durante esta cita, Dolores Cruz resaltou a situación de respecto que viven os galegos e bergantiñáns que traballan na emigración en Xenebra; e Evencio Ferrero subliñou a importancia de que persoeiros da Costa da Morte acaden postos de responsabilidade nun país como Suiza. Con esta primeira visita oficial da presidenta do Parlamento cantonal, o Concello carballés achégase aínda máis a un territorio no que viven e traballan moitos veciños do municipio.
URBANISMO
Mércores 6 de agosto do 2008
A unanimidade presidiu as dúas reunións que mantiveron esta semana os integrantes da Comisión de Urbanismo do Concello de Carballo, que estiveron analizando as alegacións e propostas para a zona rural do municipio dentro da revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O exame afecta aos 300 núcleos rurais do Concello, aínda que a Comisión -da que forman parte representantes dos catro grupos políticos da corporación- detense só nos casos que supoñen algún tipo de dúbida.
SANIDADE
Martes 5 de agosto do 2008
O Concello de Carballo, o seu servizo de Protección Civil e o Centro de Transfusión de Galicia (CTG) poñen en marcha unha iniciativa, enmarcada dentro de ‘Carballo solidario’, que ten como obxectivo promover a participación dos veciños e veciñas nas campañas de doazón de sangue. Para facilitar a colaboración dos cidadáns, a unidade móbil do CTG estará estacionada na Praza do Concello o mércores 6 e o xoves 7 de agosto en horario de 10.00 a 14.00 horas, e de 16.00 a 21.00 horas, ámbolos dous días.