POBOACIÓN
Mércores 3 de setembro do 2008
O Concello de Carballo xa sobrepasou os 31.000 habitantes, segundo os datos proporcionados polo Padrón municipal. Dende o 2 de setembro de 2008 o municipio supera a cifra dos 31.002 veciños e veciñas. Aínda que esta cifra está suxeita a fluctuacións e é un dato provisional á espera das actualizacións das altas e baixas do Padrón, o municipio amosa unha tendencia á alza no incremento poboacional, unha tendencia consolidada no Concello dende hai uns anos.
NOVAS TECNOLOXÍAS
Mércores 3 de setembro do 2008
O Goberno local acaba de contratar o subministro e instalación dun equipamento de telecomunicacións para a colocación dun transmisor de Televisión Dixital Terrestre (TDT) no lugar de San Paio -en Entrecruces- co obxectivo de paliar os problemas de recepción nesta zona do Concello. Pola súa orografía esta área é un dos puntos negros do municipio, non só no que re refire ao sinal dixital, senón tamén analóxico. A instalación deste transmisor xa principiou ao longo desta semana, e o Concello espera que as deficiencias estean corrixidas a principios do mes de outubro, cando o repetidor estará operativo.
DEPORTES
Martes 2 de setembro do 2008
Ata doce equipos procedentes de diferentes puntos de España e Portugal disputan esta fin de semana -entre o venres 5 e o sábado 6 de setembro- o 'V Torneo Internacional de Balonmán Concello de Carballo'. Os equipos das categorías cadete feminino e infantil, cadete e xuvenil masculino de clubs tan prestixiosos como o ABC de Braga ou o Ademar de León convivirán durante dous días cos equipos locais das Escolas de Xiria.
SANIDADE
Luns 1 de setembro do 2008
O Centro de Saúde de Carballo amplía o seu servizo coa implantación dente as tres da tarde dos venres ata as oito da mañá dos luns do servizo do Punto de Atención Continuada (PAC), para facilitar que os veciños poidan contar con atención sanitaria ininterrompida durante as fins de semana. Así o acaba de confirmar a Xerencia de Atención Primaria da Coruña á Concellaría de Sanidade que dirixe Lourdes Rey, aínda que o servizo xa comezou a xestionarse ao longo do pasado mes de agosto.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 1 de setembro do 2008
A Xunta de Goberno Local carballesa deu o 1 de setembro o visto bo ao expediente de contratación que rexerá a adxudicación da ‘Elaboración do estudo director para a mellora de abastecemento no termino municipal de Carballo’, que analizará en profundidade o sistema de suministro de auga do Concello, e que tentará atopar o xeito de mellorar este servizo. Con esta medida, o Concello espera adiantarse aos posibles problemas que poderían xurdir no futuro neste ámbito, debido ao forte crecemento que a capital municipal está a experimentar e ás necesidades das diferentes parroquias.
PECHE DO VERÁN CULTURAL 2008
Venres 29 de agosto do 2008
A programación do Verán Cultural 2008 de Carballo chega hoxe ao seu peche coa celebración do xa habitual Festival de Música e Baile Tradicional no que as agrupacións do municipio teñen un importante papel, ocupando a Praza do Concello a partir das 22.00 horas. Pero antes da chegada desta fin de festa, a Concellaría de Cultura encheu as tardes e noites de xullo e agosto coa posta en marcha de numerosas actividades, cunha selección de propostas dos máis variados estilos.
CARBALLO SAUDABLE
Xoves 28 de agosto do 2008
O próximo domingo 31 de agosto a Praza do Concello de Carballo acolle a celebración do Feirón de Verán, que aglutina non só a oferta habitual do mercado, senón tamén a celebración da feira do automóbil Berocasión e a posta en marcha da iniciativa 'Merca-do-bo'. Incluída dentro das actuacións de 'Carballo Saudable', 'Merca-do-bo' pretende informar sobre a importancia de emprender unha dieta equilibrada na que predominen os produtos frescos e da terra.
MANTEMENTO
Mércores 27 de agosto do 2008
O Concello de Carballo comezou esta semana o proceso para instalar hitos de sinalización diante dos contedores situados no casco urbano para evitar que os usuarios estacionen os seus vehículos e impidan a recollida do lixo. Ata o de agora, os puntos dos contedores estaban indicados coa correspondente sinalización horizontal amarela de prohibido aparcar, pero ante a falta de respecto dos veciños por estas indicacións, o goberno local ten previsto instalar balizas que impedirán definitivamente o estacionamento dos automóbiles.
MANTEMENTO
Luns 25 de agosto do 2008
O Concello carballés ten previsto emprender un proceso para renovar os xogos infantís situados nos parques municipais, especialmente en dous dos principais do casco urbano, como son o Parque do Anllóns e o Xardín Municipal. Nestes momentos a Concellería de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas xa iniciou o proceso para a contratación dos novos xogos, polo que está previsto que as instalacións poidan estar colocadas ao longo do próximo outono. O orzamento previsto para a realización destas melloras é aproximadamente de 100.000 euros.
PRAZA DOS LIBROS
Venres 22 de agosto do 2008
Ugia Pedreira, ben coñecida por ser a voz de Marful, e Guadi Galego, cantante de Berrogüeto, modelan un repertorio que pretende plasmar o espírito mariñeiro do Norte en Nordestin@s. A Praza do Concello acolle hoxe -22 de agosto- a partir das 22.30 horas un concerto que recolle unha escolma de música popular revisada, que se xunta coas propias composicións destas dúas vocalistas que estarán acompañados polo músico de jazz Abe Rábade.
DEPORTES
Xoves 21 de agosto do 2008
Dende hoxe -xoves 21 de agosto- e ata o próximo domingo 24, todos os rapaces e rapazas de Carballo que o desexen poderán practicar deporte e desfrutar das Olimpiadas a través da carpa 'Galiza nos Xogos Olímpicos 2008', que estará situada no aparcamento do Centro Comercial Bergantiños Haley durante catro días. En horario de 10.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 22.00 horas ós máis pequenos poderán practicar nestas instalacións deportes coma o voleibol, o baloncesto, o badminton ou o futbito baixo a supervisión de varios monitores.
VERÁN CULTURAL 2008
Xoves 21 de agosto do 2008
A Praza dos Libros abre as súas portas coa vocación de ser un medio para que os veciños e veciñas se acheguen ao libro e á lectura, e coa intención de ser unha "festa da palabra, da literatura e da música", ademais de ser un medio, en comunión coa feira de Carballo, para a venda de produtos "para o corpo e para a alma". Así o expresou a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, durante a inauguración desta iniciativa, que encheron de verbas e música o autor Lino Braxe e o músico Miguel Ladrón de Guevara durante a representación dun pregón dramatizado.