CARBALLO CEDE OS TERREOS PARA UNHA TERCEIRA GALESCOLA
Sábado 27 de setembro do 2008
A corporación carballesa celebra o luns 29 de setembro unha sesión plenaria ordinaria na que un dos principais asuntos da orde do día é a creación dunha comisión con representantes de todos os grupos políticos, técnicos e tamén veciños das parroquias afectadas para poder emprender o deslinde entre os concellos de Carballo e A Laracha. O obxectivo é definir claramente as fronteiras entre os dous municipios, que transcorren polas parroquias de Sofán, Berdillo, Bértoa, Vilela, Noicela e Rebordelos.
CARBALLO SAUDABLE
Venres 26 de setembro do 2008
O sábado 27 de setembro principian na parroquia de Cances os primeiros obradoiros de hábitos saudables das ‘Xornadas de Saúde para Mulleres’, un programa específico destinado a coidar a condición física e mental das veciñas de Carballo. A través de varios cursiños e charlas, e dentro do programa ‘Carballo Saudable’, as beneficiarias poderán reflexionar sobre os prexuízos para o seu benestar e tentar atopar os mecanismos para combater estas situacións que minan a súa saúde.
FORMACIÓN
Venres 26 de setembro do 2008
Os emprendedores de Carballo contarán nos próximos días cun apoio para poder elaborar un plan de empresa e solicitar un microcrédito que lles permita levar adiante a súa idea de negocio. Así, o Concello e a Obra Social de Caixa Galicia organizan o cursiño gratuíto 'Cómo elaborar un plan de empresa para solicitar un microcrédito', unha iniciativa na que poderán participar un total de 20 persoas e que pretende apoiar aos emprendedores "nunha situación económica difícil na que interesa o desenvolvemento deste tipo de cursos", en verbas do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín.
FIOT
Venres 26 de setembro do 2008
A XVII edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) arrinca asumindo riscos e novidades, afrontando a súa faciana máis internacional, lembrando o pasado e mirando cara ao futuro coa intención de ser "o festival de referencia en Galicia", segundo explicou o presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, e tamén co reto de "darlle unha estabilidade ao teatro" e "situar a Carballo no panorama cultural de Galicia", en verbas do Alcalde da vila, Evencio Ferrero. Así o subliñaron na presentación que tivo lugar o venres 26 de setembro no Pazo da Cultura e que contou coa presenza do 'rei da comedia', o humorista carballés Rober Bodegas.
ENTREVISTA EN SANTIAGO
Mércores 24 de setembro do 2008
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado pola Concelleira de Educación, Mar Eirís, expuxo onte -martes 23 de setembro- ante o Secretario Xeral de Educación, Benito Fernández Rodríguez, e ante a subdirectora de Ordenación Educativa, Paz Filloy, as principais necesidades dos centros escolares do municipio e as deficiencias que existen no Concello en materia educativa. A pesares de que en principio estaba prevista a presencia da Conselleira, Laura Elena Sánchez Piñón, finalmente non puido asistir á reunión. Os representantes municipais subliñaron, entre outras cousas, a necesidade de ampliar o número de aulas nos colexios de cara ao próximo curso 2009-2010, sobre todo polo aumento de nenos e nenas en idade de escolarización que se ten producido nos últimos tempos.
FACENDA
Luns 22 de setembro do 2008
O Concello de Carballo emprende a campaña de cobro dos padróns fiscais de setembro de 2008. Por resolucións da Alcaldía do pasado 27 de agosto, a administración local aprobou as cantidades relativas ao Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) de 2008, ao Imposto sobre Bens Inmobles Urbanos e ao Imposto sobre Bens Rústicos. No primeiro caso, a recadación é de 245.542,87 euros; no segundo, de 3.036.473,61 euros; e por último, a taxa sobre bens rústicos supón 34.134,81 euros. O período de cobro dos ditos tributos abrangue desde o día 15 de setembro ate o 20 de novembro, ambos os dous inclusive.
CARBALLO LIMPO
Venres 19 de setembro do 2008
Os traballadores do Centro Especial de Emprego Aspaber-UTE, concesionario do servizo de limpeza viaria do Concello e Carballo, acaban de principiar os traballos para proceder ao saneamento e baldeado de todos os contedores de lixo do municipio. O proceso comezou polo casco urbano, para logo irse estendendo pouco a pouco ata as parroquias do rural ata completar o territorio. Estes labores están incluídos dentro da iniciativa Carballo Limpo, que comprende diversas accións destinadas a conservar a natureza e o medio ambiente.
TRÁFICO
Venres 19 de setembro do 2008
Os operarios municipais comezaron ao longo desta semana o proceso para pintar as 129 novas prazas de estacionamento en zona azul que se están implantando nas vías máis céntricas da capital municipal. Nos últimos días xa rematou a sinalización dos aparcamentos en rúas como a Igrexa ou a San Xoán, e en breve rematarase co resto das afectadas: Vázquez de Parga, Pontevedra, Estrela, Ourense, Ponte, Avenida de Fisterra e Río Anllóns. Sen embargo, a Concellaría de Tráfico que dirixe Benedito Viña quere aclarar que o sistema non estará operativo ata que se instale a sinalización vertical correspondente para zona azul, o que non ocorrerá ata dentro duns días.
SUBVENCIÓNS
Xoves 18 de setembro do 2008
A Secretaría Xeral de Emigración acaba de anunciar no DOG a concesión de 49.000 euros en axudas para o Concello de Carballo que servirán para desenvolver actividades entre o colectivo de inmigrantes do municipio ao longo deste ano. Estas subvencións obtéñense ao abeiro de dúas resolucións da Xunta polas que se regula a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de aportacións a concellos para a realización de programas destinados a favorecer os procesos de integración da poboación inmigrante extra comunitaria -para o que se concederon 34.000 euros-, así como para o colectivo de emigrantes retornados -para o que se aportarán 15.000.
OBRAS
Mércores 17 de setembro do 2008
A Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia acaba de concederlle ao Concello de Carballo unha subvención de 130.591 euros para a reforma e mellora das instalacións da piscina Vila de Noia da capital municipal. A administración local concorreu á convocatoria do departamento autonómico para a concesión de axudas destinadas á realización de obras de infraestruturas deportivas de titularidade pública ou privada e para a adquisición de equipamentos deportivos. A subvención ten carácter bianual, estando prevista unha inversión de 50.591 euros para o ano 2008 e de 80.000 para o próximo exercicio de 2009.
TRÁFICO
Mércores 17 de setembro do 2008
Ao longo desta semana os operarios teñen iniciado as obras para a implantación de pasos de peóns elevados na capital municipal carballesa. Polo de agora, está prevista a colocación de tres destas infraestruturas no entorno de tres das rúas que conforman unha das principais arterias do casco urbano, entre a estrada de Razo e a estación de autobuses: a rúa Baixa, a rúa Perú e a Luís Calvo. Estes novos sinais de tráfico provocan un lixeiro desnivel na calzada que obriga aos condutores a reducir a velocidade do seu vehículo, o que favorecerá a seguridade dos veciños e veciñas que a diario atravesan estas vías.
EMPRENDEDORES
Martes 16 de setembro do 2008
O Concello de Carballo, a través da sua Axencia de Emprego e coa colaboración da Obra Social Caixa Galicia, organiza un curso gratuíto que leva por título 'Cómo elaborar un plan de empresa para solicitar un microcrédito'. A actividade inclúe contidos prácticos relacionados coa creación de empresas e está dirixido a persoas emprendedoras cunha idea concreta de negocio para autoempregarse e que necesiten financiamento.