NOVAS TECNOLOXÍAS
Sábado 4 de outubro do 2008
O Concello de Carballo invita aos veciños e veciñas que o desexen a coñecer o 'Proxecto de provisión dun servizo de Internet no rural por banda ampla para o municipio de Carballo'. A presentación é o venres 7 de novembro ás 20.00 horas no Telecentro situado no segundo andar do Pazo da Cultura. Está previsto que asistan o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín; e representantes dunha das empresas interesadas en desenvolver o proxecto.
O CONCELLO PIDE APOIOS COA RECOLLIDA DE SINATURAS
Venres 3 de outubro do 2008
O Concello acaba de presentar aos carballeses e carballesas o proxecto Temunde, unha proposta coa que a Administración Local opta aos fondos europeos do programa Concerto, que apoia a comunidades locais no desenvolvemento de iniciativas en prol da sustentabilidade e da eficiencia enerxética. O Temunde xorde como unha proposta que pretende cubrir, a través de fontes renovables, o suministro de calor e electricidade de preto de 2.000 veciños e veciñas dos barrios da Milagrosa, A Casilla e O Igrexario, e que conta cun orzamento global de 12 millóns de euros.
OUTONO DE TEATRO
Venres 3 de outubro do 2008
Unha vez máis, o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) complementa o seu completo programa de teatro de sala no auditorio do Pazo da Cultura con outros espectáculos de pequeno formato que atraen cada ano a numerosos veciños e veciñas nunha concorrida procesión polos locais de hostalería da capital municipal. Unha ducia de pubs, cafetarías e tascas de Carballo acollen propostas nas que se mesturan o teatro, os monólogos, a música ou o cabaré nesta X edición da Rúa dos Contos, na que o venres 3 e o sábado 4 de outubro haberá ata once ofertas nas que elixir.
FORMACIÓN E EMPREGO
Xoves 2 de outubro do 2008
A Consellería de Innovación, a través da Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape), organiza no Viveiro de Empresas do Polígono de Bértoa tres cursiños gratuítos destinados á formación de empresarios e traballadores. Abordaranse temas como o Comercio Electrónico, a Factura Electrónica ou o DNI Dixital e terán nove horas de duración cada un, aproximadamente. As inscricións formalízanse a través do Fegape e cada actividade contará cun aforo dunhas 15 persoas. O obxectivo destes cursiños -que se desenvolverán entre o 13 de outubro e o 18 de novembro- é formar aos empresarios na sociedade da información e nas novas tecnoloxías.
MEDIO AMBIENTE
Xoves 2 de outubro do 2008
O Consello da Xunta autorizou hoxe -2 de outubro- á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible a investir 2.800.068 euros na dotación dunha Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) e de colectores xerais para a zona costeira de Baldaio. O orzamento estará dividido en tres partidas distribuídas en tres anualidades diferentes. Así, neste ano destinarase ás obras unha cantidade inicial de 280.007 euros; haberá un segundo investimento de 2.482.100 euros en 2009; e, finalmente, completarase o orzamento previsto cunha partida de 37.961 euros en 2010.
POLÍTICA TERRITORIAL
Xoves 2 de outubro do 2008
O Consello da Xunta aprobou hoxe -2 de outubro- a declaración de utilidade pública e dispuxo a urxente ocupación dos terreos necesarios para que a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes acometa as obras de construción da autovía Carballo-Berdoias, de 42,4 quilómetros de lonxitude, pertencente á que será a nova infraestrutura viaria de alta capacidade da Costa da Morte. Con este trámite iníciase o proceso de expropiacións dos 1.955 predios afectados pola construción dunha autovía na que a Xunta investirá 249 millóns de euros.
MEDIO AMBIENTE
Mércores 1 de outubro do 2008
O Concello carballés pon o punto e final esta fin de semana -en concreto o sábado 4 de outubro- aos ciclos de obradoiros e circuítos de 'Ciencia Divertida', que tiveron como obxectivo educar na sustentabilidade e no coidado da natureza a toda a cidadanía. Esta actividade, organizada pola Concellaría de Medio Ambiente que dirixe José Antonio Viña, contou cunha grande afluencia, sobre todo por parte dos máis cativos, que puideron reflexionar sobre temas como a prevención da seca, o cambio climático, a reciclaxe, as enerxías renovables ou o desenvolvemento sostible.
SERVIZOS
Martes 30 de setembro do 2008
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Servizos que dirixe Luís Lamas, informa das limitacións para o depósito de lixo nos colectores municipais de residuos. Así, dende este departamento lémbrase aos cidadáns que os residuos orgánicos só deben depositarse no colector entre as 19:00 e as 22:00 horas da tarde, sempre nunha bolsa pechada, e de luns a sábado. Deste xeito, o Concello recorda aos veciños e veciñas que a ordenanza prohíbe baixar o lixo en domingo.
SESIÓN PLENARIA
Martes 30 de setembro do 2008
A corporación de Carballo celebrou o luns 29 de setembro unha sesión plenaria ordinaria na que os concelleiros deron o visto bo por unanimidade á cesión de terreos para a creación dunha terceira Galescola na capital municipal, que se situaría no entorno dos polígonos urbanos que se están desenvolvendo arredor da rúa Perú -entre as rúas Bos Aires e Pontevedra. Este novo servizo contará con seis módulos de ensino e o recinto edificarase nuns terreos de 2.300 metros cadrados. O goberno local espera con esta nova obra, que se une ao centro 'As Landras' -que este ano se ten incorporado á rede de Galescolas do Consorcio Galego- e á futura Galescola do entorno da estrada de Razo, completar a rede pública de escolas infantís do Concello.
OUTONO DE TEATRO
Martes 30 de setembro do 2008
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Belén Lendoiro, informa das condicións e prezos para a compra de bonos, minibonos e entradas para as representacións incluídas no Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de 2008. Como noutras ocasións, poñeránse á venda a través da taquilla do Pazo da Cultura. No caso dos bonos (a 43 euros), a venda principia hoxe -martes 30 de setembo-, mentres que os minibonos (a 26 e 21 euros) e as entradas (todas a 5 euros excepto para as obras 'Don Juan Tenorio' e 'Brokers', que serán a 10 euros) estarán a disposición do público a partir do próximo luns 6 de outubro. Non se admiten reservas nin de bonos nin de minibonos.
NOVAS TECNOLOXÍAS
Luns 29 de setembro do 2008
Os rapaces dos colexios 'A Cristina' de Carballo e 'San Vincenzo' de Vimianzo foron os protagonistas da inauguración oficial, a través dunha multitudinaria videoconferencia, do novo Telecentro e Aula de Informática do Concello carballés. A cita estivo presidida nas instalacións do Pazo da Cultura polo Subdirector Xeral de Telecomunicacións e Audiovisual da Xunta de Galicia, Manuel Conde Mouzo, así como polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Tamén estivo presente -xunto cos alumnos do seu Concello- o rexedor de Vimianzo, Alejandro Rodríguez, a través das pantallas deste novo centro tecnolóxico que xa está a disposición dos veciños e veciñas.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 29 de setembro do 2008
A Xunta de Goberno Local do Concello de Carballo aprobou hoxe -luns 29 de setembro- na súa sesión ordinaria o proxecto das obras de 'Derrubo dun edificio de 10 vivendas e locales' situado na rúa do Sol e que ten un orzamento base de contrata que supera os 100.000 euros. Mediante a execución destes traballos, o Concello carballés pretende ampliar o aproveitamento da zona da ribeira do río Anllóns, que nalgúns puntos da capital municipal está invadida por varios bens inmobles.