XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 27 de outubro do 2008
Despois de que o pasado 5 de setembro o Proxecto Fórum Carballo recibira o seu visto bo definitivo no Ministerio de Administración Públicas en Madrid, agora o Concello continúa cos trámites necesarios para desenvolver esta iniciativa de dinamización socioeconómica e sostible que permitirá rematar o complexo da Casa dos Oficios no barrio da Milagrosa e impulsar outras actuacións para revitalizar este barrio. Así, a Xunta de Goberno Local do 27 de outubro aprobou o expediente de contratación para o 'Deseño do centro de Dinamización socioeconómica sostible de Carballo para o Proxecto Fórum', cofinanciado conforme ao Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder).
'AGARIMOS PARA TODA A VIDA'
Venres 24 de outubro do 2008
O Concello e a 'Asociación amigos de los perros de Carballo' veñen de asinar un convenio polo que desenvolverán nos próximos meses unha campaña de sensibilización -que terá lugar principalmente nos medios de comunicación, nos centros especializados, nas feiras e nos colexios do municipio- co obxectivo de concienciar á cidadanía na responsabilidade de ter unha mascota e tentar animar aos veciños e veciñas a que adopten animais que teñen sido abandonados. A 'Asociación amigos de los perros' será a encargada de desenvolver as tarefas de sensibilización, mentres que o Concello carballés financia estas actuacións con arredor de 3.000 euros.
SESIÓN PLENARIA ORDINARIA
Venres 24 de outubro do 2008
A corporación de Carballo celebra un pleno ordinario o 27 de outubro no que un dos principais asuntos da orde do día é a aprobación do proxecto de abastecemento de auga para o val de Baldaio, que afecta ás parroquias de Lema, Rebordelos, Noicela e Vilela, e tamén ás larachesas de Lendo e Lemaio. Trátase dunha actuación de 1.740.000 euros e que na súa meirande parte se desenvolverá en terras carballesas. A administración local aporta un total de 339.000 euros para o desenvolvemento do proxecto, dos que arredor de 100.000 se investirán ao longo de 2009.
TRÁFICO
Venres 24 de outubro do 2008
Despois de que os operarios municipais pintaran no mes de setembro 129 novas prazas de estacionamento en zona azul nas vías máis céntricas da capital municipal, ao longo desta semana xa rematou a implantación da sinalización vertical nestas zonas, polo que a partir de agora estas prazas están xa completamente operativas e os infractores poden ser obxecto de sancións. Esta nova regulación afecta ás rúas Igrexa, San Xoán, Vázquez de Parga, Pontevedra, Estrela, Ourense, Ponte, Avenida de Fisterra e Río Anllóns.
FIOT
Xoves 23 de outubro do 2008
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) 2008 decidiu outorgar o galardón do Xograr de Outono desta edición á polifacética directora, autora e actriz Dorotea Bárcena. Trátase dunha das pioneiras do teatro galego, implicada activamente no nacemento do teatro en Galicia a través de diferentes facetas profesionais. A decisión da concesión deste galardón foi adoptada pola Asociación Cultural Telón e Aparte xunto cos anteriores Xograres do Outono, Celso Parada, Artur Trillo, Vítor Mosqueira e Quico Cadaval, que elexiron á nova premiada pola súa rica traxectoria profesional e polo seu importante papel no desenvolvemento do teatro en Galicia.
OUTONO DE TEATRO
Xoves 23 de outubro do 2008
Despois de que a pasada fin de semana o público enchera por completo as gradas do Pazo da Cultura e respondera con salvas de aplausos ás propostas de Teatro Meridional e Lagarta Lagarta, as próximas funcións de sala pertencen ao teatro internacional. As compañías Teatro delle Ariette, chegada dende Italia, e João Garcia Miguel, dende Portugal, fan que o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) acade a súa faciana máis cosmopolita. 'Teatro da mangiare?' e 'Burguer ® King Lear' unen dúas propostas completamente diferentes e orixinais.
SINATURA
Martes 21 de outubro do 2008
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de formalizar estes días co delegado provincial de Vivenda, Xoán Carlos Bascuas, a sinatura para a cesión dunha parcela de 500 metros cadrados que permitirá a construción de vivendas de protección autonómica no barrio da Milagrosa. Unha vez cumprido este requisito, a Consellería de Vivenda que dirixe Teresa Táboas xa pode iniciar de xeito inmediato os trámites da contratación, que implica a creación do proxecto e a realización da obra, actuacións que serán realizadas por unha única empresa para axilizar o proceso.
NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Luns 20 de outubro do 2008
O Pazo da Cultura de Carballo acolle o vindeiro venres 24 de outubro a partires das 19.00 horas un 'Encontro dos Axóuxeres' para bebés e familias, unha iniciativa co obxectivo de favorecer o uso do galego como lingua habitual nas comunicacións no seo da familia. É unha proposta para beber cantigas, brincadeiras e aloumiños, metelos nos petos e levalos para a casa, para que o galego siga de pais e nais a fillos e a fillas. Ver, cheirar, gustar, tocar, escoitar, falar con todos os sentidos, isto é o Encontro dos Axóuxeres, un espectáculo de palabras, arrolos, música, poesía, teatro, un encontro para festexar a lingua galega.
NORMALIZACIÓN DOS DISCAPACITADOS
Luns 20 de outubro do 2008
O Concello de Carballo recibirá este ano un dos catro premios ONCE-Galicia á Solidariedade, que teñen como obxectivo recoñecer o labor das persoas, asociacións ou organismos que traballan pola integración e a normalización dos discapacitados físicos ou psíquicos da comunidade autónoma. En concreto, o fallo do xurado resalta as 'accións desenvolvidas a prol da integración das persoas discapacitadas e, en especial, pola iniciativa de contratar no ano 2004, por un período de dez anos, os servizos de limpeza viaria de todo o municipio bergantiñán ao Centro Especial de Emprego Aspaber-UTE, que da emprego a 24 persoas das cales 17 son traballadores con discapacidade psíquica'.
OBRAS
Venres 17 de outubro do 2008
Os operarios da empresa Ramón Vázquez principiaron ao longo desta semana a obra civil para instalar semáforos na travesía de Bértoa da capital municipal. Estes traballos, que contan cun orzamento aproximado de 30.000 euros, supoñen o primeiro paso de cara á urbanización e humanización desta avenida e os sinais -que se situarán na zona da igrexa- permitirán a regulación do tráfico e favorecerán a seguridade dos peóns que habitualmente frecuentan esta vía. Segundo informan dende a empresa que executa as obras, está previsto que a actuación esté lista nun prazo aproximado de 15 ou 20 días.
OUTONO DE TEATRO
Venres 17 de outubro do 2008
Despois dunha brillante estrea do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), as funcións de sala continúan en Carballo. Os espectáculos que marcaron o arranque do festival supuxeron un grande éxito de público -coas localidades agotadas para algunha das representacións-, unha aposta dispar e unha mestura dos clásicos e a vangarda que contou co favor da audiencia. Agora dúas compañías que xa coñecen o FIOT tentarán manter o listón en alto esta fin de semana. Teatro Meridional -que xa gañou o premio do público en 2003- e Lagarta Lagarta serán os encargados de encher o auditorio do Pazo da Cultura.
FORMACIÓN E EMPREGO
Venres 17 de outubro do 2008
A Concelleira de Formación e Emprego do Concello de Carballo, María Manso Cid, informa de que un total de 11 empresas de Carballo, Coristanco e Zas colaboran co Centro Municipal de Formación de Carballo na realización de prácticas profesionais no sector da automoción, no sector eléctrico e no textil. O Centro de Formación pretende, con esta actividade, aumentar a capacitación dos alumnos e alumnas para un mellor desenvolvemento do seu campo profesional, asegurándose así que as habilidades e capacidades dos estudantes en prácticas encaixan coas necesidades e demandas reais do mercado de traballo.