CARBALLO SAUDABLE
Venres 7 de novembro do 2008
O Concello carballés vén de poñer en marcha o desenvolvemento da campaña 'Vida sen tabaco' -dentro do marco do programa 'Carballo Saudable'. O obxectivo desta iniciativa é o de fomentar entre a poboación hábitos saudables relacionados co tabaquismo. Entre as medidas que se van adoptar, destaca a elaboración e distribución de carteis, especialmente entre os locais de hostalería, para indicar o cumprimento da Lei 28/2005 de medidas sanitarias frente ao tabaquismo.
OFERTA CULTURAL
Venres 7 de novembro do 2008
O 'Novembro con Música 08' principia o venres 7 de novembro cun invitado de excepción, o Orfeón Caixa Galicia 'Terra a Nosa' que presenta no auditorio do Pazo da Cultura o obradoiro 'A Capella', cun repertorio de cancioneiros españois do século XVI que xa ten visitado Nova Iorque e Washington. A agrupación fará un repaso pola música vogal da idade media enmarcando o comezo dun completo programa de concertos que centrará a actividade cultural en Carballo durante o mes de novembro e a primeira semana de decembro.
PROMOCIÓN DA CREACIÓN ARTÍSTICA
Venres 7 de novembro do 2008
O Concello de Carballo abre o prazo para participar nunha nova convocatoria do Certame Fotográfico 'Xosé Manuel Eirís', que xa vai pola súa edición número XI. Con este Certame o Concello de Carballo quere contribuír á creación artística e a fomentar a divulgación da fotografía. Así mesmo, esta iniciativa pretende perpetuar o recordo do que foi animador cultural de Carballo, Xosé Manuel Eirís, a través dunha das súas afeccións. Como novidade, nesta edición incorpórase a posibilidade de entregar as obras en branco e negro ou cor.
PATRIMONIO
Xoves 6 de novembro do 2008
O proceso de revisión catastral que principiou no Concello de Carballo en outubro de 2003 acaba de entrar na súa última fase de desenvolvemento. Neste momento, a Dirección General del Catastro do Ministerio de Hacienda ten fixados os novos valores catastrais de todas as propiedades -solares e construcións- que, despois da aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de 2003, atópanse dentro do chan urbano (urbano consolidado, urbano non consolidado e urbanizable delimitado) e dos núcleos rurais do municipio.
Xoves 6 de novembro do 2008
O autobús-escola fletado pola Dirección Xeral de Xuventude para informar á mocidade sobre o proxecto 'Xuventude en acción' chegou o xoves 6 de novembro ata o IES Alfredo Brañas de Carballo onde contou con moita aceptación entre os mozos e mozas. Con motivo da Semana Europea da Xuventude, que ten lugar entre os días 2 e 9 de novembro, este autobús visita 11 vilas e cidades de Galicia para animar aos xóvenes entre 13 e 30 anos a poñer en marcha actividades e proxectos que beneficien á súa comunidade local ou que lles permita realizar intercambios con outros mozos e mozas da Unión Europea.
ANÁLISE DAFO
Mércores 5 de novembro do 2008
O Concello de Carballo acaba de principiar un proceso para mellorar a xestión dos servizos deportivos municipais coa elaboración dunha análise, realizada pola empresa AFP Grupo Consultores del Deporte SL, que sente as bases para a futura xestión e planificación. O obxectivo desta iniciativa, presentada polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, é, en verbas deste último, "acadar uns servizos modernos, de maior calidade, que atendan a todos os veciños e veciñas, que teñan en conta aos axentes deportivos de Carballo e que aproveiten as fortalezas do modelo actual".
PROGRAMACIÓN CULTURAL
Luns 3 de novembro do 2008
Cando os veciños e veciñas de Carballo aínda están coa resaca que deixou a última fin de semana do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), ao escenario do Pazo da Cultura xa chega a oferta do 'Novembro con música 2008'. Un total de 23 agrupacións serán as protagonistas de 12 concertos para todos os públicos, con actuacións para os máis pequenos dentro da proposta 'En familia', e coa presenza de formacións como o Orfeón Caixa Galicia ou a Orquestra de Cámara da Sinfónica de Galicia. Os actos son todas as fins de semana entre o 7 de novembro e o 4 de decembro.
XVII EDICIÓN DO FIOT
Xoves 30 de outubro do 2008
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) chega á súa fin. Toda vez que a pasada fin de semana a traxedia e a intensidade dramática foron as protagonistas nas táboas do Pazo da Cultura, e despois de que Yllana puxera un aclamado contrapunto humorístico colgando o cartel de 'non hai billetes', chega o peche do FIOT. O Premio do Público do ano 2007, que recaeu no Centro Dramático Galego (CDG), e unha estrea en Galicia da man do famoso clown belga Joseph Collard, marcarán o remate da edición máis brillante e internacional do Festival.
CARBALLO SAUDABLE
Mércores 29 de outubro do 2008
Arredor de 120 veciñas de Carballo teñen participado ao longo do último mes e medio nos obradoiros do Curso de Hábitos Saudables incluído nas Xornadas de Saúde para Mulleres que se están desenvolvendo no Concello. Este cursiño -que rematou esta semana- consistiu na celebración de catro sesións, tanto na capital municipal como nas parroquias de Razo, Sofán -na imaxe as veciñas desta parroquia co seu diploma- e Cances, nas que se abordaron temas como a alimentación saudable, a saúde no fogar, a saúde mental ou a saúde sexual e afectiva. Dende a Concellaría de Igualdade e Sanidade que dirixe Lourdes Rey amosan a súa satisfacción polo elevado índice de participación.
DOROTEA BÁRCENA RECOLLE O VENRES 31 O XOGRAR DE OUTONO
Mércores 29 de outubro do 2008
O Festival Internacional Outono de Teatro retoma o mércores 29 de outubro os espectáculos de sala cunha compañía que xa ten estado en Carballo ata sete veces coas súas representacións. O peculiar e exitoso humor de Yllana volta cunha nova aposta, 'Brokers', un retrato do salvaxe mundo das finanzas. Catro tiburóns dos negocios, fanáticos da moda de marca, das últimas tecnoloxias e do culto ao corpo, perseguen o éxito na era do furor consumista, nunha carreira polo triunfo que descobre os seus medos máis ocultos. A estas alturas, as entradas xa están esgotadas e os afortunados que teñan un ticket teñen unha cita ás 21.00 horas no Pazo da Cultura.
SESIÓN PLENARIA
Martes 28 de outubro do 2008
A corporación carballesa celebrou unha sesión plenaria ordinaria o 27 de outubro na que se aprobou por unanimidade o proxecto para emprender a dotación dun sistema de abastecemento de augas para o val de Baldaio. Este proxecto afecta ás parroquias de Lema, Rebordelos, Noicela e Vilela, e tamén ás larachesas de Lendo e Lemaio. Trátase dunha actuación de 1.740.000 euros que na súa meirande parte se desenvolverá en terras carballesas. A administración local aporta un total de 339.000 euros para o desenvolvemento do proxecto, dos que arredor de 100.000 se investirán ao longo de 2009.
OUTONO DE TEATRO
Luns 27 de outubro do 2008
O salón de actos do Pazo da Cultura presidiu esta fin de semana un dos momentos máis emotivos do Festival Internacional Outono de Teatro. Os integrantes do grupo Ártabro reuníronse 20 anos despois para lembrar o nacemento desta compañía que deveniu no xermolo do que hoxe é o FIOT. Chegados dende Santiago, Monforte ou incluso Canarias -ademais dos que seguen residindo en Carballo-, os membros desta compañía de teatreiros que marcou un fito coa obra 'Non lle busques tres pernas ao alcalde', viviron unha xornada emocionante, de volta atrás e, sobre todo, de lembrar "que o pasamos moi ben", en verbas de José María de la Viña, daquela director do espectáculo.