DEPORTE
Martes 30 de decembro do 2008
O Pavillón da Zona Escolar (Vila de Noia) de Carballo acolle o domingo 4 de xaneiro un partido amigable entre as seleccións absolutas masculinas de balonmán de Galiza e Arxentina. Unha cita gratuíta que se enmarca dentro dos actos do 25 aniversario da Federación Galega de Balonmán e da Asociación Deportiva Xiria de Carballo, organizadoras da cita xunto co Concello e a Consellería de Cultura e Deporte. Precisamente o presidente da Federación Galega, Xosé Luís Pérez Ouro, subliña que "o balonmán débelle moito a este Concello e a esta comarca", de aí a elección de Carballo para a celebración do encontro.
CARBALLO MOVIDA SEGURA
Martes 30 de decembro do 2008
O Concello de Carballo pon en marcha dúas liñas de Noitebús para empregar na noite de Fin de ano entre as 1.00 e as 8.00 horas para poder acudir a Malpica, Ponteceso e A Coruña. No caso de Malpica e Ponteceso, trátase dunha liña circular que pasa por Coristanco, Agualada, Cereo, Xornes, Ponteceso e Malpica. No segundo, o servizo transcorre pola estrada comarcal AC-552 pasando por núcleos como Arteixo, Lañas, Paiosaco, A Laracha ou Proame. O prezo dos billetes é de 2 euros para unha viaxe de ida e volta e a compañía de autobús encargada do servizo neste caso é a Compañía Metropolitana de Transportes da Coruña.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
Martes 30 de decembro do 2008
A campaña 'Comercio Galego Vivo', posta en marcha pola Dirección Xeral de Comercio, chega a Carballo coa colaboración do Concello para encher de animación e actividades para os máis cativos e cativas a Praza do Concello. O venres 2 e o sábado 3 de xaneiro a vila contará con obradoiros, unha biblioteca infantil, inchables xigantes, teatro de monicreques, paiasos e malabares ou incluso cunha aula tecnolóxica con ordenadores. A campaña complétase cun festival infantil organizado polo Concello e o Centro Comercial Aberto (CCA) o domingo 4 pola tarde. O obxectivo destas iniciativas é incentivar a demanda do pequeno comercio local -especialmente nas datas de Reis- tendo en conta a actual conxuntura económica.
DEPORTE
Venres 26 de decembro do 2008
O piloto de motos carballés Fran Gómez Pallas xa o ten todo listo para afrontar por sexta vez a aventura do rally Dakar, que este ano ten lugar entre o 3 e o 18 de xaneiro e transcorre por América do Sur durante máis de 1.350 quilómetros con saída e chegada en Bos Aires. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, recibiu a este deportista no Concello para desexarlle sorte e apoialo nesta nova andaina na que conta co patrocinio institucional do Concello de Carballo, da Deputación da Coruña e da Fundación do Deporte Galego.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Martes 23 de decembro do 2008
A Xunta de Goberno Local de Carballo celebrada o luns 22 de decembro deu luz verde ao expediente de contratación para a edificación da cuarta fase da Casa dos Oficios de Carballo por un orzamento de contrata de 3.299.008 euros -cun horizonte de financiamento que chega ata o ano 2010- e cun prazo total de execución de 18 meses, segundo consta no proxecto de obra realizado polo arquitecto Manuel Carbajo. O procedemento elixido para a adxudicación dos traballos é aberto. Avanzan así os trámites para a execución do proxecto da Casa dos Oficios que suporá a creación dun gran centro de formación no barrio da Milagrosa.
PRESENTACIÓN DO CALENDARIO DE 2009
Martes 23 de decembro do 2008
O Concello principia unha campaña de promoción turística denominada 'Vive Carballo' destinada a difundir o patrimonio, os espazos de interese da vila e os seus recursos. A través dunha páxina web e tamén mediante produtos como camisetas, pegatinas ou mesmo o calendario de 2009, o obxectivo é a posta en valor da oferta turística do municipio. A iniciativa tamén está dirixida aos propios carballeses e carballesas, para que eles mesmos poidan redescubrir os recursos do Concello, e ademais "cada un dos veciños e veciñas poderán ser guías turísticos e promotores dos nosos recursos", segundo subliña o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín.
FORMACIÓN
Martes 23 de decembro do 2008
A Escola Obradoiro que se está desenvolvendo en Carballo nestes momentos entra a partir de agora nunha nova etapa. Así, os 40 alumnos e alumnas desta actividade veñen de asinar os contratos cos que xa poderán dar os seus primeiros pasos no mundo laboral a través das prácticas. Nun acto que contou coa presenza do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e do Tenente de Alcalde, José Antonio Viña, os rapaces e rapazas rubricaron o comezo da súa nova actividade, que principia o 27 de decembro.
O PROXECTO ACADA UN ORZAMENTO DE 250 MILLÓNS
Luns 22 de decembro do 2008
Xa están iniciadas as obras de construción da autovía Carballo-Berdoias, o principal eixo da vía de alta capacidade da Costa da Morte. O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, colocou hoxe en Carballo a primeira pedra desta nova infraestrutura, acompañado da Conselleira de Política Territorial, María José Caride, do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e do Tenente de Alcalde, José Antonio Viña. O orzamento previsto para a actuación acada os 250 millóns de euros do total de 350 millóns que a Xunta está a investir no eixo de altas prestacións da Costa da Morte que enlazará Carballo con Brens (Cee) e Sardiñeiro (Fisterra).
FORMACIÓN E EMPREGO
Luns 22 de decembro do 2008
O Concello de Carballo e a Deputación da Coruña formalizaron o luns 22 de decembro un convenio de colaboración que permitirá financiar o proxecto da Casa dos Oficios cun importe total de 700.000 euros, dos que o organismo provincial achega 500.000 -arredor do 70 por cento do total. Este acordo, asinado polo Alcalde carballés, Evencio Ferrero, e o Presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda, servirá para axudar co financiamento da construción das naves do recinto que aínda están sen finalizar. Está previsto que os traballos recollidos neste convenio estean rematados no verán de 2009.
CULTURA
Luns 22 de decembro do 2008
O Concello de Carballo pon en marcha ao longo do ano 2009 unha Aula Municipal de Teatro afeccionado para "estimular a creación artística" e propoñer unha actividade "formativa e de lecer" para adultos, en verbas da Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro. O obxectivo desta iniciativa é ampliar o coñecemento do teatro que xa hai na vila e enfocalo dende outra perspectiva, ampliando a oferta xa existente a través de citas de renome como o Outono de Teatro (FIOT) ou da programación estable que hai ao longo de todo o ano. O actor, autor e director teatral Artur Trillo, ben coñecido na vila polas súas intervencións no FIOT e por desenvolver boa parte da súa actividade en Cee, será o encargado de dirixir a escola.
FORMACIÓN
Venres 19 de decembro do 2008
A Escola Obradoiro que se está desenvolvendo en Carballo nestes momentos entra a partir de agora nunha nota etapa. Así, María Manso Cid, Concelleira de Formación, Emprego e Participación Veciñal informa de que o vindeiro martes 23 de decembro ten lugar no Centro Municipal de Formación a firma dos contratos dos 40 alumnos e alumnas desta actividade, que xa poderán dar os seus primeiros pasos no mundo laboral.
OBRAS
Venres 19 de decembro do 2008
O Consello da Xunta vén de autorizar un convenio de colaboración entre a Consellería de Política Territorial e o Concello de Carballo para acometer a mellora da travesía de Malpica da capital municipal. Segundo o acordo que se asinará proximamente, a Consellería financiará cun total de 907.000 euros as obras de acondicionamento e mellora da seguridade viaria do treito da estrada autonómica AC-416 (entre os puntos quilométricos 0 e 1,360) ao seu paso polo núcleo urbano de Carballo, mentres que o Concello aporta 240.000 euros, chegando o importe total da actuación a 1.150.000 euros.