Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Concello solicita unha subvención para a contratación de 12 traballadores para o Grumir

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

O Concello solicita unha subvención para a contratación de 12 traballadores para o Grumir

Martes 20 de xaneiro do 2009

A corporación carballesa vén de celebrar o 19 de xaneiro unha Xunta de Goberno na que consta a solicitude dunha subvención -ao abeiro dunha orde de axudas da Consellería de Traballo- para contratar a 12 traballadores desempregados para o Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir) de Protección Civil de Carballo. Trataríase de 3 encargados-condutor e nove peóns por un período de 12 meses. Estas axudas da Xunta están destinadas ao fomento do emprego a través de programas de cooperación.

O Concello sinaliza a recollida selectiva e de lixo nos colectores do casco urbano e do rural

MEDIO AMBIENTE

O Concello sinaliza a recollida selectiva e de lixo nos colectores do casco urbano e do rural

Luns 19 de xaneiro do 2009

O Concello de Carballo, a través das Concellarías de Servizos e Medio Ambiente, principia esta semana unha campaña para a colocación de sinalizacións nos colectores de lixo e de envases lixeiros do casco urbano e do rural para lembrar aos veciños e veciñas a correcta utilización dos contedores, especificando os horarios para o depósito de residuos ou o tipo de lixo que cómpre depositar en cada colector. A información ofrecerase a través de varios tipos de adhesivos que se irán colocando en cada contedor a medida que se vaian limpando nas próximas semanas.

Aprobado o contrato para emprender o cerramento de tres das naves da Casa dos Oficios

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobado o contrato para emprender o cerramento de tres das naves da Casa dos Oficios

Luns 19 de xaneiro do 2009

A Xunta de Goberno Local de Carballo vén de aprobar o contrato que rexerá a adxudicación dos traballos para o cerramento de tres das naves da Casa dos Oficios do barrio da Milagrosa denominado 'Execución destinada a Escola Taller de Carballo. Fase III. Cerramento de naves 1-2-3'. A través do expediente de contratación apróbase tamén o proxecto, elaborado polo arquitecto Manuel Carbajo e que conta cun orzamento de contrata de 700.545 euros. Desta cantidade, a Deputación provincial achegará 500.000 euros a través dun convenio de colaboración co Concello carballés asinado o pasado 22 de decembro para a 'Creación do complexo Casa dos Oficios'.

Aprobadas actuacións por 5,3 millóns de euros a través do Fondo Estatal de Investimento Local

SESIÓN PLENARIA EXTRAORDINARIA

Aprobadas actuacións por 5,3 millóns de euros a través do Fondo Estatal de Investimento Local

Venres 16 de xaneiro do 2009

A corporación carballesa vén de celebrar unha sesión plenaria extraordinaria na que o único punto da orde do día foi a aprobación dos proxectos municipais para o Fondo Estatal de Investimento Local, que ten un importe de 5.325.352 euros, inclúe 13 actuacións e a creación de 122 postos de traballo directos no Concello. De entre tódolos proxectos previstos, destaca como o máis cuantioso a reforma integral da piscina Vila de Noia da capital municipal (na imaxe) por 993.078 euros. O obxectivo é transformar as instalacións para convertelas nun espazo de ocio e lúdico con servizos coma un spa ou unha zona de baño que non sexa exclusivamente para practicar natación.

O orzamento para 2009 supón un incremento dun 25 por cento respecto ao do exercicio anterior e supera os 26 millóns de euros

OS INVESTIMENTOS REAIS ACHÉGANSE AOS 10 MILLÓNS

O orzamento para 2009 supón un incremento dun 25 por cento respecto ao do exercicio anterior e supera os 26 millóns de euros

Venres 16 de xaneiro do 2009

O orzamento do Concello de Carballo para o exercicio de 2009 chega ata os 26.725.518 euros, cun incremento global dun 25 por cento respecto ao do ano pasado (de 21.307.416 euros). As contas tamén inclúen unha operación de crédito de 2,5 millóns de euros e aínda excluíndo este empréstito, a suba respecto ao exercicio anterior é dun 15 por cen. Trátase dun orzamento "no que prima moito o investimento e o gasto social para dinamizar Carballo", en verbas da Concelleira de Facenda, María Jesús Vázquez. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliña que, incluíndo os proxectos do Fondo Estatal, "os investimentos en Carballo superan en 2009 os 15 millóns de euros, máis que o orzamento completo do ano 2003" (de 14 millóns). Este dato reflicte, segundo Ferrero "que as circunstancias económicas actuais non van resentir o progreso de Carballo".

Sae a concurso a adxudicación de parcelas da primeira fase de ampliación do parque empresarial de Bértoa

PUBLICADAS NO DOG AS BASES DA CONVOCATORIA

Sae a concurso a adxudicación de parcelas da primeira fase de ampliación do parque empresarial de Bértoa

Xoves 15 de xaneiro do 2009

O DOG publica hoxe o concurso para a adxudicación de parcelas da primeira fase de ampliación -de 718.482 metros cadrados- do parque empresarial carballés de Bértoa. Os terreos, propiedade de Xestur Coruña SA, están divididos en 147 parcelas con superficies que van dende os 600 metros cadrados e os 57.000 euros de prezo, ata os 32.000 metros e máis de dous millóns de euros de prezo (sen IVE). Os interesados en presentar as solicitudes para este primeiro concurso de adxudicación poden facelo ata o próximo 13 de febreiro nas oficinas de Xestur Coruña na Ronda de Nelle da capital provincial.

A maxia, o teatro a música e as exposicións artellan a oferta lúdica e de ocio dos Venres Culturais

PROGRAMACIÓN ENTRE XANEIRO E ABRIL

A maxia, o teatro a música e as exposicións artellan a oferta lúdica e de ocio dos Venres Culturais

Xoves 15 de xaneiro do 2009

A estabilidade, a diversidade de estilos e a elevada calidade das actuacións son as principais características do programa dos Venres Culturais de Carballo que artellará boa parte da oferta lúdica e de ocio no municipio durante as próximas semanas e ata o mes de abril. Así o manifesta a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, que expón unha proposta na que a maxia -coa novidade de actuacións para adultos-, a música - clásica, pop ou de autor-, o teatro -con monicreques e obras de sala- e as exposicións -de escultura, pintura ou fotografía- conforman o groso do programa, sen esquecer o xa habitual apartado 'En familia'.

Remata en Carballo a última etapa do ciclo de charlas para nais e pais do programa 'Aprender para educar'

EDUCACIÓN

Remata en Carballo a última etapa do ciclo de charlas para nais e pais do programa 'Aprender para educar'

Xoves 15 de xaneiro do 2009

O Concello de Carballo retoma este venres 16 de xaneiro o programa de charlas incluídas no programa 'Aprender para educar'. Neste caso, os interesados e interesadas poderán escoitar as claves dos 'Dereitos e deberes dos adolescentes' cunha charla a cargo de Carme Loureiro López, do CSM Fingoi. 'Aprender para educar' é unha iniciativa organizada polo Concello de Carballo xunto coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG) e está dirixida a nais e pais que queiran formarse para aprender, reflexionar e adquirir seguridade diante da tarefa de educar. Neste caso, a cita é no Pazo da Cultura a partir das 20.00 horas.

Carballo destina os 5,3 millóns do Fondo Estatal a 13 proxectos que crearán 122 postos de traballo

OS INVESTIMENTOS REAIS PARA 2009 CHEGAN AOS 15 MILLÓNS DE EUROS

Carballo destina os 5,3 millóns do Fondo Estatal a 13 proxectos que crearán 122 postos de traballo

Sábado 10 de xaneiro do 2009

O goberno carballés investirá os 5.325.352 euros do Fondo Estatal de Investimento Local en trece proxectos que servirán para crear un total de 122 postos de traballo directos no municipio. O obxectivo destas actuacións é incrementar "a calidade dos servizos dos cidadáns e contribuír á transformación do conxunto urbano e rural de Carballo", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero. Os proxectos abordan melloras nas instalacións municipais, a creación de centros sociais, melloras de cara á humanización do centro da capital municipal, a creación de saneamentos e a mellora da seguridade viaria. Así mesmo, o Concello carballés contará no exercicio de 2009 coa dispoñibilidade de 15 millóns de euros para destinar a investimentos reais, sumando o capítulo 6 dos orzamentos -duns 10 millóns de euros- e a cantidade do Fondo Estatal.

Os Reis Magos chegan a Carballo para percorrer a vila montados nas súas carrozas

CABALGATA ENTRE AS 17.00 E AS 20.00 HORAS

Os Reis Magos chegan a Carballo para percorrer a vila montados nas súas carrozas

Luns 5 de xaneiro do 2009

Os cativos e cativas de Carballo poden transmitirlle hoxe aos Reis Magos de Oriente todos os seus desexos porque as súas Maxestades percorren as principais rúas da vila para anunciar a chegada dos agasallos que entrarán pola noite en tódalas casas carballesas. O Concello de Carballo e a Asociación Fogar da Xuventude organizan esta cita -patrocinada polo Haley e Gonzacar- que comeza ás 17.00 horas no Centro Comercial Bergantiños e que remata na carpa da Praza do Concello ás 20.00 horas, e na que Melchor, Gaspar e Baltasar saudarán aos nenos e nenas en cadansúa carroza repartindo caramelos e agasallos.

Aprobada a adxudicación definitiva de paneis de enerxía solar térmica na piscina Vila de Noia

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobada a adxudicación definitiva de paneis de enerxía solar térmica na piscina Vila de Noia

Domingo 4 de xaneiro do 2009

A Xunta de Goberno Local, celebrada o luns 4 de xaneiro, vén de aprobar a adxudicación definitiva da obra de 'Instalación de enerxía solar térmica e reforma da produción de ACS na piscina municipal de Carballo', que suporá a instalación de paneis solares na piscina Vila de Noia da capital municipal. A empresa responsable dos traballos é Ifecgas Pereira SL e o prezo de adxudicación de 182.476,10 euros. O prazo de execución é o ofertado polo licitador de 57 días dende a firma da acta de replantexamento. Esta actuación virá a completar os traballos de reforma integral que nestes momentos están a piques de rematar nesta piscina, que se realizan con cargo a FEIL (Fondo Estatal de Investimento Local) e que contan cun orzamento de 892.182,16 euros.

O Concello, a Dirección Xeral de Comercio e o CCA únense para favorecer as vendas do comercio tradicional

PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Concello, a Dirección Xeral de Comercio e o CCA únense para favorecer as vendas do comercio tradicional

Venres 2 de xaneiro do 2009

Durante dous días a Praza do Concello e o centro carballés contarán con obradoiros, unha biblioteca infantil, inchables xigantes, teatro de monicreques, paiasos e malabares ou incluso cunha aula tecnolóxica con ordenadores. Trátase da campaña 'Comercio Galego Vivo', organizada pola Dirección Xeral de Comercio e o Concello que o venres 2 e o sábado 3 de xaneiro, espera animar "a tódolos consumidores a que merquen no comercio local", en verbas da propia Directora Xeral de Comercio, Ana Rúa, que inaugurou as actividades acompañada polo Alcalde, Evencio Ferrero.

Compartir: