Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Fórum Carballo nace coa vocación de dinamizar un territorio de 70.000 habitantes a través da innovación e a creación de emprego

FORMACIÓN E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

O Fórum Carballo nace coa vocación de dinamizar un territorio de 70.000 habitantes a través da innovación e a creación de emprego

Venres 30 de xaneiro do 2009

O Fórum Carballo vén de vivir a súa presentación en sociedade co obxectivo de converterse nun proxecto de cohesión territorial que a través da innovación e a creación de emprego poida transformarse nun axente dinamizador do barrio da Milagrosa, de Carballo e dos 70.000 habitantes da comarca de Bergantiños, poñendo en marcha iniciativas que incrementen a competitividade do tecido produtivo da área de influencia de Carballo. O proxecto finánciase cos fondos europeos Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) o que, en verbas do Tenente de Alcalde, José Antonio Viña, supón abrir "unha nova vía" xa que o Concello concorreu "nunha convocatoria europea con éxito por primeira vez". O Alcalde, Evencio Ferrero, subliña a aposta do Fórum pola sostibilidade ambiental e territorial nun "proxecto de futuro".

O teatro de Santiago e os monicreques de Albacete enchen a programación dos Venres Culturais

VENRES 30 DE XANEIRO E DOMINGO 1 DE FEBREIRO

O teatro de Santiago e os monicreques de Albacete enchen a programación dos Venres Culturais

Xoves 29 de xaneiro do 2009

A programación dos Venres Culturais para esta fin de semana céntrase fundamentalmente no teatro. O venres 30 de xaneiro a compañía santiaguesa Bacana representa o musical 'Hendaya mon amour' a partir das 21.00 horas, con protagonistas como Adolfo the Hit 'Fito', ou Francisco Frango 'Paco'. O domingo 1 de febreiro, neste caso ás 18.00 horas, continúa o ciclo 'En familia' coa compañía La tirita de teatro, que chegada dende Albacete fai a súa particular versión de monicreques de 'El Romeo y la Julieta'. As dúas actuacións son no auditorio do Pazo da Cultura.

O Concello solicita a recuperación e posta en valor do Refuxio de Pescadores de Bértoa

SESIÓN PLENARIA

O Concello solicita a recuperación e posta en valor do Refuxio de Pescadores de Bértoa

Mércores 28 de xaneiro do 2009

A corporación carballesa aprobou por unanimidade de tódolos grupos -na sesión plenaria ordinaria do 26 de xaneiro- unha moción na que se solicita á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible que realice as actuacións necesarias para a recuperación e posta en servicio do Refuxio de Pescadores de Bértoa como responsable deste enclave. Trátase dun lugar que durante moito tempo ten sido punto de encontro para os pescadores e para as familias carballesas, e que nos últimos tempos ten caído no desuso. O obxectivo é acondicionar e recuperar este espazo.

O complexo da Casa dos Oficios do barrio da Milagrosa acolle a presentación do Proxecto Fórum

VENRES 30 DE XANEIRO ÁS 12.00 HORAS

O complexo da Casa dos Oficios do barrio da Milagrosa acolle a presentación do Proxecto Fórum

Mércores 28 de xaneiro do 2009

O complexo da Casa dos Oficios do barrio da Milagrosa acolle o venres 30 de xaneiro ás 12.00 horas a presentación para os veciños e veciñas do Proxecto Fórum Carballo, unha iniciativa que busca a mellora competitiva, o fomento do emprego e o desenvolvemento sostible no marco do tecido produtivo de Bergantiños. O Proxecto Fórum ten como obxectivo ser un dinamizador socio económico do municipio e supón un investimento total de 4.658.185 euros que será aportado na súa maioría a través dos fondos Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) con 3.260.729 euros, e nun 30 por cento polo Concello, con 1.397.455 euros.

O goberno aproba unhas contas de 26,7 millóns de euros, as máis elevadas da historia do Concello

SESIÓN PLENARIA

O goberno aproba unhas contas de 26,7 millóns de euros, as máis elevadas da historia do Concello

Martes 27 de xaneiro do 2009

O goberno carballés sacou adiante -en sesión plenaria ordinaria celebrada o 26 de xaneiro- o orzamento de Carballo para o ano 2009 por un importe de 26,7 millóns de euros, as contas máis altas na historia do Concello que ademais supoñen un incremento dun 25 por cento respecto ás do ano 2008. Os investimentos reais rondan os dez millóns de euros e recollen proxectos como a creación dun novo mercado municipal, a construción da Casa dos Oficios, a mellora da travesía de Malpica ou a creación dun edificio de usos múltiples no polígono industrial de Bértoa. O orzamento conta, así mesmo, cunha operación de crédito de 2,5 millóns de euros destinada a financiar os proxectos con cargo aos recursos propios do Concello.

A Xerencia de Atención Primaria incorpora ao Centro de Saúde dous novos médicos de familia

SANIDADE

A Xerencia de Atención Primaria incorpora ao Centro de Saúde dous novos médicos de familia

Martes 27 de xaneiro do 2009

O Servizo Galego de Saúde, a través da Xerencia de Atención Primaria da Coruña, vén de anunciar a incorporación, dende o pasado día 20 de xaneiro, de dous novos médicos de familia ao cadro de persoal do Centro de Saúde de Carballo. Así, a Xerencia está levando a cabo no Concello actuacións dentro do desenvolvemento do Plan de Mellora de Atención Primaria 2007-2011 co obxectivo de potenciar o servizo en Carballo e facilitar unha mellor atención nas instalacións da rúa Ambulatorio.

A mellora da travesía de Malpica estará rematada en 2010 cun investimento dun millón de euros

ASINADO O CONVENIO ENTRE O CONCELLO E POLÍTICA TERRITORIAL

A mellora da travesía de Malpica estará rematada en 2010 cun investimento dun millón de euros

Luns 26 de xaneiro do 2009

Os traballos para acondicionar a travesía de Malpica da capital municipal carballesa estarán rematados a mediados do ano 2010. Así o manifestou a Conselleira de Política Territorial, María José Caride, durante a sinatura do convenio que permitirá incrementar a seguridade viaria da rúa tanto para condutores como para peóns, así como dotala dos servizos urbanos necesarios. O custo dos traballos chega a 1.150.000 euros, dos que Política Territorial aporta 910.000 e o Concello os 240.000 euros restantes. "Este convenio materializa unha demanda de moitos carballeses", subliñou o Alcalde, Evencio Ferrero, que asinou o documento en presencia do Tenente de Alcalde, José Antonio Viña.

Os servizos de emerxencia retiraron 140 árbores de vías públicas no municipio durante o temporal

BALANCE PROVISIONAL

Os servizos de emerxencia retiraron 140 árbores de vías públicas no municipio durante o temporal

Luns 26 de xaneiro do 2009

Os operarios dos servizos de emerxencia chegaron a retirar un total de 141 árbores das vías do municipio entre o pasado venres 24 e sábado 25 de xaneiro durante o temporal que azoutou a comunidade e que puxo a toda Galicia en alerta vermella. O Concello de Carballo mobilizou un operativo con 15 membros do Grumir (Grupo Municipal de Intervención Rápida), 9 da Brigada de Obras e 5 policías locais. Tamén estiveron axudando na limpeza de vías e na retirada de árbores unha pala mecánica e tres tractores pluma. Polo de agora, o balance de danos é provisional porque aínda se están cuantificando as consecuencias do temporal.

Licitada a contratación da cuarta fase da Casa dos Oficios por 3,3 millóns de euros

FORMACIÓN E EMPREGO

Licitada a contratación da cuarta fase da Casa dos Oficios por 3,3 millóns de euros

Venres 23 de xaneiro do 2009

O Concello de Carballo vén de licitar os traballos para a edificación da cuarta fase da Casa dos Oficios de Carballo por un orzamento de contrata de 3.299.008 euros -cun horizonte de financiamento que chega ata o ano 2010- e cun prazo total de execución de 18 meses, segundo consta no proxecto de obra realizado polo arquitecto Manuel Carbajo. Así o publica o Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 22 de xaneiro. O procedemento elixido para a adxudicación dos traballos é aberto e os interesados teñen 26 días naturais para presentar as súas ofertas.

Arrinca o programa dos Venres Culturais coa actuación da Real Filharmonía de Galicia

A CITA É O 23 DE XANEIRO ÁS 21.00 HORAS

Arrinca o programa dos Venres Culturais coa actuación da Real Filharmonía de Galicia

Xoves 22 de xaneiro do 2009

A Real Filharmonía de Galicia é a agrupación musical encargada de abrir os Venres Culturais, un programa de actividades que centrará a programación de ocio en Carballo ata o mes de abril. O venres 23 de xaneiro ás 21.00 horas no Pazo da Cultura, os interesados e interesadas poden desfrutar dun concerto dirixido pola prestixiosa batuta de Maximino Zumalave (na imaxe). O repertorio do concerto consiste na interpretación de dúas obras de Joseph Haydn: o Concerto para Violonchelo nº 2 en Re maior e a Sinfonía nº 82 en Do maior, 'El oso'. Plamen Velev estará ao violonchelo.

O Concello e Caixanova colaboran na posta en marcha dun programa cultural para escolares

MÚSICA E TEATRO PARA NENOS E NENAS DE INFANTIL E PRIMARIA

O Concello e Caixanova colaboran na posta en marcha dun programa cultural para escolares

Xoves 22 de xaneiro do 2009

O Concello de Carballo e a Obra Socio Cultural de Caixanova poñen en marcha un programa educativo e cultural para nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria dos centros escolares carballeses no que a música e o teatro son os protagonistas. Os gaiteiros, as viaxes de Marco Polo, os animais de granxa ou os contos infantís centran as actividades que se desenvolverán entre xaneiro e maio deste ano. Un dos obxectivos deste programa, en verbas de Manuel García, director comarcal de Caixanova, é "educar aos nenos en valores como a xenerosidade ou o compañeirismo". Todas as actuacións terán lugar no Pazo da Cultura dentro do horario lectivo dos cativos e cativas.

Carballo recibe o premio Millenium Século XX-XXI pola eliminación de barreiras arquitectónicas

A ENTREGA DO GALARDÓN É O XOVES 22 DE XANEIRO

Carballo recibe o premio Millenium Século XX-XXI pola eliminación de barreiras arquitectónicas

Mércores 21 de xaneiro do 2009

A asociación Unidade Provincial de Parapléxicos da Coruña, dacordo con tódalas asociacións e fundacións que configuran o proxecto 'Unidos por un fin común', veñen de conceder o Premio Millenium Século XX-XXI do ano 2008, así como un diploma acreditativo, ao Concello de Carballo. O motivo desta distinción é o labor destacado na eliminación de barreiras arquitectónicas. Estes premios -que van pola súa quinta edición- concédense a diversas persoas e organismos en recoñecemento ao seu labor en favor da integración e benestar das persoas con discapacidades físicas.

Compartir: