CULTURA
Venres 13 de febreiro do 2009
O programa do Antroido 2009 nace coa vontade de "crear un ambiente festivo para unha festa de rúa". Así o manifestou a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, durante a presentación das actividades que se desenvolverán entre os días 20 e 24 de febreiro para honrar a Don Carnal. Entre as apostas deste ano, destaca un espectáculo de pirotecnia, música e baile a cargo de Troula Animación, o xa tradicional Concurso de disfraces, comparsas e carrozas do domingo de Antroido e o recuperado Enterro da Sardiña, ademais dos bailes, obradoiros e actividades dirixidas especialmente para os máis cativos e cativas.
CULTURA
Xoves 12 de febreiro do 2009
A programación dos Venres Culturais continúa no Pazo da Cultura de Carballo, neste caso co teatro e coa maxia. O venres 13 é a actuación do mago Martín Camiña, que presenta o espectáculo 'Feitizo', no que se mesturan a maxia, o humor e a participación do público. Con ingredientes como as cartas, o escape da camisa de forza, a folla da guillotina, panos, cigarros, xornais, espadas ou billetes, Martín Camiña constrúe a súa actuación, especialmente dirixida para adultos. Por outra banda, o domingo 15 de febreiro a compañía Katarsis presenta o seu espectáculo 'Pacama', que está dirixido exclusivamente para nenos e nenas de entre 1 e 3 anos.
MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
Martes 10 de febreiro do 2009
O organismo autónomo Augas de Galicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, ten en marcha proxectos no Concello de Carballo por preto de nove millóns de euros. Así o expresou o Secretario Xeral da Consellería e Presidente de Augas de Galicia, Jorge Antonio Santiso Blanco, durante unha visita institucional na que estivo acompañado polo delegado provincial de Medio Ambiente, Manuel Tajes. Nestes momentos están en execución actuacións en Razo e Baldaio e vén de ser adxudicado no Consello da Xunta un novo proxecto en Ardaña. Así mesmo, están en tramitación novas actuacións en Baldaio e na rúa Sol da capital municipal.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
Luns 9 de febreiro do 2009
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Manuel García Guillín, organiza o mércores 11 de febreiro unha sesión informativa á que invita a tódolos empresarios e empresarias interesados, así como aos veciños e veciñas que o desexen, para falar da ampliación, así como do proceso para a adxudicación de parcelas que está aberto nestes momentos no parque empresarial de Bértoa. A cita é a partir das 20.00 horas no salón de actos da Casa da Xuventude da capital municipal. Está previsto que asistan a esta xuntanza técnicos e representantes de Xestur Coruña SA, entidade encargada do desenvolvemento do polígono carballés.
VENRES CULTURAIS
Venres 6 de febreiro do 2009
O venres 6 de febreiro continúa a programación dos Venres Culturais, neste caso co ciclo Docespop, que principia co concerto do artista Hendrik Röver. Despois dunha traxectoria vital unida a Los Deltonos, o cantante, guitarrista e compositor cántabro dálle renda solta ás súas inquedanzas máis persoais no seu primeiro disco en solitario, titulado 'Esqueletos', no que recolle composicións que leva facendo dende hai tempo. A cita é ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura carballés.
CULTURA
Venres 6 de febreiro do 2009
O sábado 31 de xaneiro as 10.30 horas reuniuse no Pazo da Cultura de Carballo o xurado do XI Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís para fallar os premios do concurso, que nesta edición teñen un importe de 1850 euros. Este ano teñen participado 180 fotografías realizadas por 93 fotógrafos, resultando gañadora do primeiro premio, dotado con 700 euros e diploma, a fotografía denominada 'Sen título', presentada por Javier Arcenillas Pérez. O segundo premio foi a parar a mans de Esteban R. Léyton, tamén cun traballo 'Sen título', que gaña 450 euros e un diploma.
DEPORTE
Venres 6 de febreiro do 2009
O piloto de motos carballés, Fran Gómez Pallas, vén de rematar a súa aventura no Rally Dakar, ao que acudiu por sexta vez e no que conseguiu cruzar a liña de meta. O Concello de Carballo rendeulle onte unha homenaxe pola súa andaina, na que representou á vila por terras arxentinas e chilenas, onde transcorreron as etapas dun rally con saída e chegada en Bos Aires. O Alcalde, Evencio Ferrero, manifestou que "a calquera carballés lle ten que encher de orgullo que un de nós nos estea representando nunha das probas de maior seguimento a nivel mundial", e quixo felicitar a Fran Gómez polo seu rally, ao que acudiu co patrocinio institucional do Concello de Carballo, da Deputación da Coruña e da Fundación do Deporte Galego.
OBRAS
Xoves 5 de febreiro do 2009
Veñen de comezar a principios desta semana os traballos para a creación de beirarrúas en Vivente, na parroquia de Ardaña. As obras desenvólvense no tramo que vai dende a capela de Vivente ata Santa María, co obxectivo de conectar as novas beirarrúas coas xa existentes no mesmo ámbito. O proxecto está incluído no Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación provincial para 2008 e foi adxudicado á empresa Alejandro Martínez e Hijos por un importe de 147.668 euros. O prazo de execución previsto é de seis meses.
A NOVA INFRAESTRUTURA DARÁ SERVIZO A 2.000 HABITANTES
Xoves 5 de febreiro do 2009
O Consello da Xunta acaba de darlle luz verde -a proposta da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible- ao proxecto para a construción da rede de colectores xerais e depuradora de Ardaña, que prestará servizo aos municipios de Carballo e Coristanco. Trátase dunha planta de tratamento de augas residuais que dará servizo ás parroquias de Rus, Ardaña, Entrecruces -en Carballo- e Erbecedo -en Coristanco- e supón un investimento de 2.774.179 euros, que serán financiados na súa totalidade pola Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (Eposh).
SEGUNDO ANDAR DA CASA CONSISTORIAL DE 9.00 A 14.00 HORAS
Mércores 4 de febreiro do 2009
Carballo pon a disposición dos veciños e veciñas do municipio un espazo na casa consistorial, así como dous membros do persoal do Concello, para axudar na tramitación das solicitudes de axudas como compensación dos danos causados polo temporal que asolou a comarca os pasados días 23 e 24 de xaneiro. Os interesados e interesadas poden acudir á sala de xuntas do segundo andar do concello en horario de 9.00 a 14.00 horas, onde recibirán información e atención personalizada. Tamén pode obterse máis información sobre as axudas a través das ordes publicadas no DOG do 3 de febreiro.
IGUALDADE E BENESTAR
Martes 3 de febreiro do 2009
O goberno carballés vén de aprobar en Xunta de Goberno Local un convenio de colaboración e cooperación entre o Concello e a asociación de inserción laboral Mulleralia para a xestión dun Banco de Tempo municipal. Este acordo ten unha vixencia de tres anos e a medida será coordinada pola Concellaría de Igualdade que dirixe Lourdes Rey. Está previsto que o Banco de Tempo conte coa súa sede nun dos espazos do primeiro andar do ambulatorio vello da capital municipal, que será acondicionado para o desenvolvemento da medida, desenvolvida por un axente de tempo. O Concello actúa como promotor da iniciativa e proporciona o local, mentres que Mulleralia xestiona os gastos de persoal e supervisa o correcto funcionamento do Banco.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 2 de febreiro do 2009
A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria o 2 de febreiro vén de adxudicar de xeito provisional os contratos para a dotación da segunda fase do proxecto 'Saneamento en Paradela e depuradora, parroquia de Sofán' e da segunda fase da 'Rede de saneamento en Cances da Vila, parroquia de Cances'. As dúas actuacións están incluídas no Plan de Cooperación Provincial (PCP) adicional e suman un importe de 119.248 euros, cun investimento de 73.080 euros no caso de Paradela e de 46.168 no de Cances da Vila. En ámbalas dúas actuacións, o prazo de execución previsto para a realización dos traballos é de seis meses.