Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Os 'Náufragos' de Teatro Galileo retoman a programación dos Venres Culturais

A CITA É O VENRES 27 ÁS 21.00 HORAS

Os 'Náufragos' de Teatro Galileo retoman a programación dos Venres Culturais

Venres 27 de febreiro do 2009

Despois da programación de Antroido, o venres 27 de febreiro continúa a programación dos Venres Culturais co espectáculo teatral 'Náufragos' a cargo da compañía galega Teatro Galileo. Un matrimonio de clase alta e un amigo común son vítimas dun naufraxio nunha illa deserta, onde deben facer fronte a un novo xeito de vida. Naquel espazo hostil para os tres personaxes, comezan a establecerse novos xeitos de relacións sentimentais, sobre todo, cando aparece unha cuarta persoa que complica as cousas. A cita é ás 21.00 horas no Pazo da Cultura.

A Escola de Idiomas organiza unha representación teatral de contos e música en francés

CULTURA

A Escola de Idiomas organiza unha representación teatral de contos e música en francés

Mércores 25 de febreiro do 2009

O Concello de Carballo e a Escola Oficial de Idiomas invitan a todos aqueles que coñezan a lingua francesa a asistir á representación da asociación L’Herbe d’Or que terá lugar o luns 2 de marzo ás 20.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. O espectáculo, titulado 'Gros comme ça', é unha mestura de teatro, contacontos e cancións. O tema da obra é o amor, historias de amor contadas e cantadas con moito humor, que ao fin e ao cabo son iguais dos dous lados dos Pirineos. O espectáculo será en francés pero tamén estará salpicado dalgunha breve tradución para facilitar a comprensión da obra a todos os asistentes.

A comitiva fúnebre do Enterro da Sardiña pecha as actividades do Antroido 2009

CULTURA

A comitiva fúnebre do Enterro da Sardiña pecha as actividades do Antroido 2009

Martes 24 de febreiro do 2009

Coa finalidade de dinamizar as festas do Antroido, fomentando a participación de tódolos veciños e veciñas nunha actividade vencellada a esta celebración, o Concello de Carballo organiza o Enterro da Sardiña para pechar o Don Carnal de 2009. O martes 24 a partires das 21.30 horas unha comitiva fúnebre sae dende a Praza do Concello para realizar un percorrido que transcorre polas rúas Coruña e Hórreo, a praza de Galicia, a rúa Fomento e que chega ata o parque do Anllóns, lugar onde se celebrará o enterro. Para animar a actividade está prevista a colaboración do grupo de teatro Vagalume.

O Concello pon en marcha un Banco de Tempo en colaboración coa asociación Mulleralia

IGUALDADE E BENESTAR

O Concello pon en marcha un Banco de Tempo en colaboración coa asociación Mulleralia

Luns 23 de febreiro do 2009

O Concello de Carballo e a asociación Mulleralia -entidade sen ánimo de lucro destinada á integración social e laboral das mulleres con desvantaxe social- veñen de poñer en marcha o Banco de Tempo municipal, unha iniciativa que persegue a conciliación da vida laboral e familiar dos veciños e veciñas a través do intercambio de servizos comunitarios entre os seus usuarios. A Concellaría de Igualdade será a encargada de supervisar esta actividade, na que pode participar calquera persoa maior de idade. As oficinas do Banco de Tempo están situadas no primeiro andar do edificio do antigo ambulatorio e están abertas de 9.30 a 13.30 horas.

O programa do Antroido carballés principia co 'Lume', os trasnos e meigas de Troula Animación

CULTURA

O programa do Antroido carballés principia co 'Lume', os trasnos e meigas de Troula Animación

Venres 20 de febreiro do 2009

O venres 20 de febreiro principia o programa de Antroido do Concello de Carballo cun programa dirixido a tódalas idades e que inclúe obradoiros, bailes, actuacións e o xa tradicional Concurso de disfraces, comparsas e carrozas, co peche o martes 24 no Enterro da Sardiña. Pero antes, o broche de inicio do Antroido pono o venres a compañía Troula Animación a partir das 00.00 horas coa representación do espectáculo 'Lume' (na imaxe) na Praza do Concello e na Rúa da Estrela. Diabólicos trasnos, diaños, meigas e mortos vivintes saen á rúa para desfrutar da noite, queimando e mandando ao inferno o peor dos pesadelos entre lumes e fogos.

O Concello de Carballo organiza o Feirón de Primavera coa colaboración do Centro Comercial Aberto

PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Concello de Carballo organiza o Feirón de Primavera coa colaboración do Centro Comercial Aberto

Venres 20 de febreiro do 2009

O Concello de Carballo e o Centro Comercial Aberto (CCA) participan conxuntamente na organización dunha Feira de Oportunidades coincidindo co Feirón de Primavera, que se desenvolverá os días 28 e 29 de marzo. Unha gran carpa, instalada no San Martiño albergará os stands montados para que os comerciantes dos distintos sectores expoñan e liquiden os excedentes da campaña de inverno, e mesmo artigos de primavera a prezos atractivos para o cliente. Como nos anteriores feiróns, na Praza do Concello instalarase a carpa de Merca-do bo, dedicada á promoción dos produtos da zona.

O Concello lembra que as sancións por depositar voluminosos na rúa pode chegar a 500 euros

SERVIZOS E MEDIO AMBIENTE

O Concello lembra que as sancións por depositar voluminosos na rúa pode chegar a 500 euros

Xoves 19 de febreiro do 2009

O Concello de Carballo lembra aos veciños e veciñas que o depósito de lixo como mobles, colchóns, electrodomésticos ou outro tipo de voluminosos na rúa ou nun dos colectores para recollida domiciliaria -de orgánicos, vidro, de envases ou papel- pode implicar unha sanción de ata 500 euros, segundo se recolle na Ordenanza de Limpeza. De feito, neste momento estanse estudando algúns casos que, por reiterativos, serán obxecto de sanción. Os cidadáns que queiran desfacerse deste tipo de residuos deben facelo unicamente no Punto Limpo ou a través do Punto Limpo Móbil.

O Pazo da Cultura acolle a proxección de 'A outra escola', unha película documental rodada no CRA Ponte da Pedra

EDUCACIÓN: ESCOLAS UNITARIAS

O Pazo da Cultura acolle a proxección de 'A outra escola', unha película documental rodada no CRA Ponte da Pedra

Mércores 18 de febreiro do 2009

A Concellaría de Educación de Carballo que dirixe Mar Eirís invita aos veciños e veciñas que o desexen á proxección da longametraxe documental 'A outra escola' de Nemedón Produccións Audiovisuais. A cita é o xoves 19 de febreiro ás 19.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. Boa parte deste documental tense rodado no CRA (Colexios Rurais Agrupados) Ponte da Pedra, na Escola Unitaria da Rega (na imaxe), en Bértoa. O obxectivo da película é contar a historia do primeiro contacto dun grupo de nenos e nenas co mundo educativo, a importancia dos seus profesores e a importancia da escolarización no seu medio natural.

Unha cuadrilla de Aspaber limpa as marxes do paseo do Anllóns entre a Milagrosa e o cemiterio de Bértoa

OBRAS E SERVIZOS

Unha cuadrilla de Aspaber limpa as marxes do paseo do Anllóns entre a Milagrosa e o cemiterio de Bértoa

Mércores 18 de febreiro do 2009

Un grupo de rapaces e rapazas do centro especial Aspaber do Concello de Carballo está traballando na limpeza do paseo do Anllóns en todo o seu percorrido, dende A Milagrosa, na capital municipal, ata o cemiterio de Bértoa. Os labores consisten na retirada de herbas e vexetación dos bordes do carreiro do paseo de xeito manual, de forma que se evita o emprego de herbicidas prexudiciais. Os traballos, que durante esta semana transcorren no Bosque do Añón, estanse realizando nas dúas marxes do río.

Os veciños e veciñas xa poden dispoñer do servizo público de transporte adaptado do 065

BENESTAR

Os veciños e veciñas xa poden dispoñer do servizo público de transporte adaptado do 065

Martes 17 de febreiro do 2009

O Concello de Carballo xa conta co servizo de transporte adaptado do 065. Con esta iniciativa, as persoas dependentes ou con discapacidades poden achegarse aos centros de saúde ou sociais e cubrir as súas necesidades de desprazamento, o que lles permite levar unha vida máis autónoma e normalizada, con independencia do seu lugar de residencia. Os destinatarios son os veciños e veciñas residentes no Concello, que teñan recoñecida a súa situación de dependencia, en calquera os seus graos, ou de discapacidade -a partir do 65 por cento- e acreditada a súa imposibilidade de utilizar medios de transporte colectivos.

Aprobado o proxecto para a ampliación da rede de colectores da parroquia de Razo

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobado o proxecto para a ampliación da rede de colectores da parroquia de Razo

Luns 16 de febreiro do 2009

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria o 16 de febreiro vén de aprobar o proxecto de 'Ampliación de rede de colectores en Razo', que conta cun orzamento de 231.997 euros. Trátase dunha actuación que acaba de pasar a supervisión de Augas de Galicia e que agora recibe a ratificación por parte do Concello. Augas de Galicia será o organismo encargado dos traballos, que servirán para ampliar o sistema de saneamento e abastecemento de augas xa existente na parroquia carballesa.

As rúas Río Sar e Santa Eufemia da capital municipal pasarán a ser de sentido único

TRÁFICO

As rúas Río Sar e Santa Eufemia da capital municipal pasarán a ser de sentido único

Luns 16 de febreiro do 2009

As rúas Río Sar e Santa Eufemia da capital municipal carballesa serán de sentido único a partires do mércores 18 de febreiro. A primeira destas vías está situada entre a avenida de Fisterra e a Avenida da Milagrosa, mentres que a Santa Eufemia está situada ao final da Gran Vía en paralelo á avenida de Bértoa. O concelleiro de Tráfico, Benedito Viña, explica que esta última rúa será de sentido único en dirección A Coruña, e poderá empregarse como incorporación á estrada comarcal AC-552. No caso da Río Sar, o acceso será tamén dende a vía comarcal -á altura da avenida de Fisterra- cara ao barrio da Milagrosa e a zona dos Xulgados.

Compartir: