VENRES CULTURAIS
Venres 13 de marzo do 2009
Continúan os Venres Culturais en Carballo con dúas ofertas ben distintas. Para o público adulto, o teatro de Producións Teatrais Excéntricas chega ao Pazo da Cultura o venres 13 a patires das 21.00 horas. O espectáculo 'No comment: Obra', coa presenza do actor Víctor Mosqueira, afonda na vida de tres operarios da construción civil, procedentes de distintas culturas, situados no piso 81 dun rañaceos na illa neoiorquina de Manhattan. O domingo 15, o programa 'En familia' trae a maxia de Symbiosis Producións nunha aposta na que se mesturan estilos, cancións e cine, e no que non existe a palabra imposible. A partir das 18.00 horas, tamén no Pazo da Cultura.
COMERCIO E PROMOCIÓN ECONÓMICA
Venres 13 de marzo do 2009
O Concello de Carballo e o Centro Comercial Aberto(CCA) colaboran na organización do Feirón de Primavera, que se desenvolverá os próximos días 28 e 29 de marzo. O obxectivo desta cita -incluída dentro dunha campaña da Concellaría de Promoción Económica para potenciar as feiras e o comercio local e que principiou en 2008 co Feirón de Outono- é o de favorecer a dinamización económica, especialmente nun momento de dificultade. Nesta ocasión, o Feirón contará con dous atractivos principais: unha Feira de Oportunidades situada no aparcamento do San Martiño; e a carpa Merca-do bo, que pretende fomentar a dieta atlántica e os produtos locais.
A CITA É O XOVES 12 DE MARZO ÁS 20.30 HORAS
Mércores 11 de marzo do 2009
A Concellaría de Igualdade, a través do Centro de Información á Muller (CIM) conmemora o Día Internacional da Muller Traballadora coa representación dunha obra de teatro o xoves 12 de marzo ás 20.30 horas no Pazo da Cultura. O espectáculo, titulado ‘Rotas’ está dirixido a tódalas persoas sensibilizadas coas problemáticas das mulleres. A entrada é de balde con invitacións. Os interesados e interesadas poden recollelas nas oficinas de Servizos Sociais do Concello ou na taquilla do Pazo da Cultura o día da función a partir das 19.30 horas.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
Venres 6 de marzo do 2009
O Concello de Carballo e a Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober) organizan, dentro dos seus plans de formación e incremento da competitividade empresarial, un seminario titulado 'Clasificación de empresa para a contratación no sector público'. O obxectivo desta actividade é facilitar o acceso dos empresarios do entorno á obra pública e "poñer medios para que o empresariado local sexa quen de sacar a cabeza nestes momentos dificultade", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero. Unha empresa clasificada como contratista para a administración pública "non só será máis competitiva en Carballo, senón en todo o seu entorno", segundo o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín.
A MEDIDA PERMITIRÁ AFORRAR O 80 POR CENTO DA ENERXÍA CONSUMIDA
Venres 6 de marzo do 2009
A Concellaría de Tráfico que dirixe Benedito Viña informa de que o sábado 7 de marzo realizaranse os traballos para a substitución de 446 das ópticas dos semáforos do municipio carballés por lámpadas de tecnoloxía LED, que permitirán reducir o consumo enerxético destes sinais nun 80 por cento. Esta medida adóptase a través dun acordo con Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDEA), dependente do Ministerio de Industria.
CULTURA
Venres 6 de marzo do 2009
O Concello de Carballo principia o programa dos Venres Culturais de marzo con dúas apostas ben diferentes. Nunha das actuacións da fin de semana, a cantautora de Arteixo Silvia Penide presenta o seu último traballo 'Desafinante crónica', nun concerto íntimo no que tamén avanzará algún novo tema da man da súa guitarra. No outro extremo, o programa 'En familia' -dirixido aos máis cativos e cativas- trae dende Santiago á compañía Pistacatro Produtora de Sonos con 'Ringorrango': un espectáculo de circo e teatro, con humor, malabares e instrumentos musicais onde a diversión é a principal protagonista.
UNHA DELEGACIÓN DO CONCELLO DE ARES VISITOU O CENTRO DE FORMACIÓN
Xoves 5 de marzo do 2009
Os 40 alumnos e alumnas da Escola Obradoiro do Concello de Carballo -que conta con 5 especialidades, remata en decembro de 2009 e nestes momentos desenvolve o seu período de prácticas- veñen de principiar esta semana os traballos que permitirán a creación dun parque e unha zona verde no entorno do CEIP Bergantiños da capital municipal. Este espazo contará cunha zona de ocio para maiores así como cun parque infantil. Parte do mobiliario urbano será elaborado polos propios integrantes desta Escola Obradoiro, que nestes momentos están a piques de rematar as melloras da zona verde situada na praza dos Xulgados. Os alumnos e alumnas tamén traballan no acondicionamento dos postos exteriores do mercado e na Casa dos Oficios.
XESTUR COMPROMÉTESE A FACILITAR A COMPRA DOS TERREOS
Xoves 5 de marzo do 2009
Xestur mantén aberto o proceso para a adxudicación de parcelas da primeira fase de ampliación -de 718.482 metros cadrados- do parque empresarial carballés de Bértoa. Os terreos, propiedade de Xestur Coruña SA, están divididos en 147 parcelas con superficies que van dende os 600 metros cadrados ata os 32.000 metros. O uso destas parcelas será industrial de primeira, industrial ou terciario, sendo a maioría para uso industrial e o seu tamaño medio de entre 2.000 e 4.000 metros cadrados. Os interesados en presentar as solicitudes poden facelo nas oficinas de Xestur Coruña na Ronda de Nelle da capital provincial.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Martes 3 de marzo do 2009
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o luns 2 de marzo a adxudicación definitiva da segunda fase da 'Rede de saneamento en Paradela e depuradora na parroquia de Sofán' e a segunda fase da 'Rede de saneamento en Cances da Vila, parroquia de Cances' por 73.080 e 46.168 euros respectivamente. En total, trátase dun investimento que se achega aos 120.000 euros e que está incluído no Plan de Cooperación adicional da Deputación da Coruña. En ámbolos dous casos, o prazo de execución dos traballos é de seis meses. Nos dous proxectos, as obras serán realizadas por Construcciones Ramón Vázquez y Reino.
SESIÓN PLENARIA
Martes 3 de marzo do 2009
A corporación carballesa aprobou por unanimidade na sesión plenaria celebrada o luns 2 de marzo unha moción na que se demanda apoio aos empresarios de Carballo para a adquisición de parcelas no polígono industrial de Bértoa. A corporación solicita información para determinar o prezo final dos terreos e insta á Xunta de Galicia a que adopte as medidas necesarias para que os emprendedores poidan acceder a solo industrial en Carballo e a Costa da Morte a prezos competitivos. Por último, a moción tamén subliña a necesidade de que se ofrezan facilidades de pago para os empresarios que queiran implantar os seus proxectos no parque de Bértoa.
MEDIO AMBIENTE
Luns 2 de marzo do 2009
O xoves 5 de marzo celébrase o Día Mundial da Eficiencia Enerxética. O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Medio Ambiente que dirixe Xosé Antonio Viña, únese a esta iniciativa co ánimo de divulgar as boas prácticas enerxéticas entre a cidadanía e coa idea de convidar a facer unha reflexión sobre o uso que se lle dá á enerxía nas facianas máis cotiás da vida diaria. O obxectivo e fomentar o uso intelixente da enerxía, reducindo o consumo, aforrando cartos e colaborando coa conservación do medio ambiente.
TRES TRAMOS DE ESTRADAS AUTONÓMICAS PASAN A SER DE TITULARIDADE MUNICIPAL
Sábado 28 de febreiro do 2009
O Concello de Carballo amplía o contrato de xestión de limpeza viaria que vén realizando o Centro Especial de Emprego Aspaber UTE para achegar o servizo a novos polígonos do casco urbano, así como a 19 núcleos rurais. No caso da capital municipal, a limpeza ampliarase a zonas recentemente urbanizadas -como por exemplo o entorno da avenida de Razo-, mentres que no caso do rural o acordo recolle a realización da limpeza tres veces ao ano. O contrato increméntase nunha cantidade anual de 51.114 euros -para chegar aos 292.864 euros- e supón, en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero, "unha aposta importante por Aspaber, que merece o apoio do Concello".