XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 30 de marzo do 2009
A Xunta de Goberno Local vén de dar luz verde á aprobación inicial do proxecto de urbanización do polígono 34 do PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) situado na capital carballesa no entorno das rúas Pedrafurada, Mirtos, Orquídeas e a avenida de Malpica. Segundo consta no PXOM, neste ámbito, desenvolvido a través do sistema de cooperación, está previsto que os propietarios realicen unha cesión de chan ao Concello destinado á creación de viais e unha praza pública. O expediente será sometido ao trámite de información pública durante un prazo de 20 días a partir da publicación deste acordo no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
SESIÓN ORDINARIA DA CORPORACIÓN
Venres 27 de marzo do 2009
A corporación de Carballo celebra o luns 30 de marzo unha sesión plenaria ordinaria na que un dos principais puntos da orde do día refírese á aprobación inicial da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello, un documento que regula a situación laboral e salarial dos empregados municipais. O acordo implica a actualización económica das retribucións complementarias dos funcionarios, que neste ano 2009 aumentarán un 15,93 por cento, cunha achega das arcas municipais de 228.393 euros. Esta cantidade obterase a través dun suplemento de crédito con cargo ao remanente de tesourería, -que supera os 1,8 millóns de euros- e a través dun acordo tamén incluído na orde do día da sesión.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
Venres 27 de marzo do 2009
O Concello de Carballo e o Centro Comercial Aberto(CCA) colaboran na organización do Feirón de Primavera, que se celebra esta fin de semana, os días 28 e 29 de marzo. O obxectivo desta cita -incluída dentro dunha campaña da Concellaría de Promoción Económica para potenciar as feiras e o comercio local e que principiou en 2008 co Feirón de Outono- é o de favorecer a dinamización económica, especialmente nun momento de crise. Nesta ocasión, o Feirón contará con dous atractivos principais: unha Feira de Oportunidades situada no aparcamento do San Martiño; e a carpa Merca-do bo, que pretende fomentar a dieta atlántica e os produtos locais.
POLÍGONO NÚMERO 26
Xoves 26 de marzo do 2009
Os operarios veñen de comezar hoxe -xoves 26 de marzo- as obras para rematar a urbanización do polígono 26 da capital municipal carballesa, situado no entorno da rúa Perú e Rego da Balsa e cunha superficie aproximada de 34.000 metros cadrados. Unha vez feitas as probas de carga, estase colocando unha capa de aglomerado nos viais internos abertos no polígono. Unha vez finalizada esta etapa, continuarase coa rúa Perú e a zona da glorieta de Ponte da Pedra, ata rematar os traballos de urbanización por completo. Nestes momentos, os operarios están traballando no entorno de Rego da Balsa.
VENRES CULTURAIS
Xoves 26 de marzo do 2009
Os Venres Culturais de Carballo non descansan, e o venres 27 de marzo agóchanse baixo o paraugas do programa Docespop para presentar a música de Remate, nome tralo que se atopa o músico madrileño Fernando Martínez de la Serna. Trátase dun cantante heterodoxo, de grande amplitude estilística e con facilidade para moverse ao seu aire por diferentes estilos. Presenta o seu último traballo, 'Safe&Sound' no Pazo da Cultura a partires das 21.00 horas, nun concerto de 90 minutos de duración. O prezo ordinario da entrada é de 3 euros, 2 euros con desconto.
CONCELLARÍA DE CULTURA
Xoves 26 de marzo do 2009
O Centro Social de Berdillo acolle este sábado 28 de marzo o II Encontro de Asociacionismo de Carballo, co obxectivo de desenvolver dinámicas participativas entre colectivos e de procurar o traballo en rede entre entidades. Estas xornadas pretenden ser un foro a partir do cal se procuran atopar puntos en común que lles permitan ás asociacións coñecer diversas experiencias e traballar en equipo. O anterior encontro tivo lugar no centro de Aspaber o pasado 15 de novembro e nel unhas 30 entidades acordaron seguir mantendo os encontros trasladándoos ás parroquias para coñecer mellor o traballo que están a desenvolver as diferentes asociacións.
CONCELLARÍA DE EDUCACIÓN
Mércores 25 de marzo do 2009
O Concello de Carballo vén participando dende o ano 2008 no Programa de apertura de centros educativos fóra do horario lectivo da Consellería de Educación, unha iniciativa que permite a utilización das instalacións dos colexios públicos despois do remate das clases para motivar o desenvolvemento de actividades deportivas, artísticas, de saúde, lecer e tempo libre que proporcionen unha formación integral ao alumno e que promovan estilos de vida saudables. O Concello obtivo unha subvención de 21.607 euros que serviu para o desenvolvemento durante o ano 2008, das escolas de verán e que dende xaneiro de 2009, e ata final de curso, facilita a realización de obradoiros educativos.
DEPORTE
Martes 24 de marzo do 2009
Carballo acolle o vindeiro día 19 de abril a III Carreira Pedestre Popular da Costa da Morte, organizada polo Concello e polo Grupo Correo Gallego. Trátase dunha cita que aglutina a tódolos municipios das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra e que contará con participantes de categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil, ademais de adultos, tanto masculina coma feminina. Na carreira tomarán parte, así mesmo, numerosos centros escolares da comarca e a cita pretende fomentar a práctica do atletismo e do deporte, ademais de converterse "nunha festa que ocupe as rúas de Carballo", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero.
VENRES CULTURAIS
Venres 20 de marzo do 2009
A programación dos Venres Culturais continúa o venres 20 de marzo cunha aposta chegada dende Madrid. A compañía (In)constantes Teatro representa 'La lluvia amarilla', a partir das 21.00 horas no Pazo da Cultura. Este espectáculo conta o paso fulminante dos últimos dez anos da vida de Andrés, xa que con el desaparece o último habitante dunha vila abandonada do Perineo aragonés. A memoria, o tempo, a vontade, a natureza, a identidade e o abandono do home e do mundo rural configuran a crónica triste dun mundo que desaparece. O espectáculo dura 75 minutos e o prezo da entrada é de 3,5 euros, de 2,5 euros con desconto.
O GOBERNO LOCAL CALCULA QUE ENTRARÁ EN VIGOR EN MAIO DESTE ANO
Mércores 18 de marzo do 2009
O Concello de Carballo vén de pechar esta semana o documento que regula a situación laboral e salarial dos empregados municipais, unha Relación de Postos de Traballo (RPT) que servirá para organizar o Concello en áreas de xestión e que permitirá "mellorar as relacións laborais, estabilizar o emprego, reducir a súa precariedade e establecer unha estrutura salarial equitativa", en verbas do Concelleiro de Persoal, Benedito Viña. O obxectivo tamén é axilizar os servizos de atención ao cidadán e está previsto que o novo documento se someta á súa aprobación na próxima sesión plenaria deste mes. O goberno local espera que o documento reciba o visto bo definitivo en maio deste ano.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Martes 17 de marzo do 2009
Membros da corporación carballesa reunidos en Xunta de Goberno Local o luns 16 de marzo, veñen de aprobar certificacións de obra por un importe de 323.000 euros. Entre elas destacan os 131.851 euros da urbanización do polígono 26 da capital municipal (no entorno de Rego da Balsa e a rúa Perú), do que faltan por executar 225.000 euros dun orzamento total de 742.000. Así mesmo, rematouse a obra de urbanización da travesía entre a rúa do Pan e a rúa Lirios, e están a piques de finalizar as certificacións do proxecto básico de execución dos vestiarios e o cerramento do campo de fútbol das Eiroas, así como varias redes de saneamento en Oza.
OBRAS E SERVIZOS
Luns 16 de marzo do 2009
Esta semana veñen de principiar no parque infantil do Parque do Anllóns os traballos para substituír o caucho e os xogos para os nenos e nenas situados nestas instalacións. Trátase cunha actuación na que tamén se renovará o parque infantil situado na praza do Concello e que supón a implantación de 713 metros cadrados de caucho e 14 xogos nas dúas instalacións. A empresa Galopín, con sede en Cerceda, foi a adxudicataria do subministro de material cun orzamento de 21.973 euros, mentres que son os operarios da Brigada de Obras quen están levando a cabo os traballos.