III EDICIÓN DA FEIRA DA SOLIDARIDADE E A DIVERSIDADE
Mércores 8 de abril do 2009
A Praza do Concello, o Parque do San Martiño e a Casa da Xuventude acollen do 6 ao 17 de abril a terceira edición da feira da solidariedade e a diversidade de Carballo, o festival Panxea. A música, os obradoiros para os máis cativos e cativas, un ciclo de cine árabe ou unha chocolatada popular son algunhas das actividades, a maioría delas concentradas en torno ao xoves 9 e o venres 10 de abril, coincidindo co xoves e o venres santo. Panxea nace como unha iniciativa que pretende converterse nunha feira en torno á multiculturalidade, conmemorando o Día contra a discriminación racial e ofrecendo un programa completo de actividades para tódalas idades. Panxea abre unha fiestra solidaria tanto aos carballeses como aos visitantes da vila.
CONCELLARÍA DE DEPORTE
Mércores 8 de abril do 2009
A Deputación da Coruña vén de aprobar o proxecto para a instalación de alumeado no novo campo de fútbol do complexo das Eiroas. Esta actuación está incluída da Terceira Fase do Plan Especial de Iluminación nos Campos de Fútbol Municipais de herba artificial e ten un orzamento de 95.589 euros. Desta cantidade, o Concello aporta 35.589 euros, mentres que o organismo provincial contribúe ao financiamento dos traballos cos 60.000 euros restantes. Nestes momentos, o novo campo de fútbol anexo das Eiroas está en pleno proceso de remodelación, coa creación dun novo módulo de vestiarios e a dotación dun manto de céspede artificial.
ABERTO O PRAZO ATA O 15 DE ABRIL
Martes 7 de abril do 2009
A organización da III Carreira Pedestre da Costa da Morte, que se celebrará en Carballo o vindeiro día 19 deste mes, está a facilitar a tramitación da inscrición, que poderá facerse ata o vindeiro día 15. Neste senso, os corredores adultos poderán anotarse directamente a través da Internet, nas páxinas web de El Correo Gallego, co-organizador da cita xunto coa Concellaría de Deporte do Concello de Carballo, e tamén na páxina web ChampionChip. Nesta edición serán repartidos máis de 4.000 euros, cincuenta trofeos e dez lotes de agasallos. Ademais, este ano creouse o premio ao mellor colexio, que estará dotado dun lote de material deportivo. Os mellores clasificados de Costa da Morte e Carballo serán tamén agasallados.
OBRAS E SERVIZOS
Venres 3 de abril do 2009
O Concello de Carballo pon en marcha un plan de actuacións nos parques infantís municipais ao longo de 2009 para avanzar no acondicionamento de espazos de uso público, situados tanto na capital municipal como nas parroquias. Está previsto realizar un investimento de arredor de 900.000 euros, dos cales preto de 500.000 servirán para acondicionar o parque de Rego da Balsa, incluíndo tamén a instalación de xogos infantís. Así mesmo, realizaranse melloras na praza dos Xulgados, no parque Eduardo Pondal (na zona Bergantiños), no Parque do Hospital (no polígono urbano 29), no parque do Anllóns e na Praza do Concello. No caso das parroquias actuarase en Vivente, San Paio, A Brea e Vilela.
O VENRES 3 E O DOMINGO 5 DE ABRIL
Venres 3 de abril do 2009
Esta fin de semana o programa dos Venres Culturais entra na súa recta final con dúas propostas moi diferentes. Por unha banda, a canción de autor de Xabier Díaz, e pola outra a 'Bolboreta' de Títeres Trompicallo, para os máis cativos. Xabier Díaz presenta o seu traballo 'Coplas para Icia', o venres 3 de abril a partires das 21.00 horas no Pazo da Cultura. Dende Santiago, os monicreques entreterán aos máis pequenos cun conto no que os protagonistas son un monstro, un rei e unha nena que viven moitas aventuras. Neste caso, a cita é o domingo 5 de abril a partires das 18.00 horas, tamén no auditorio do Pazo da Cultura.
MEDIO AMBIENTE
Xoves 2 de abril do 2009
A Concellaría de Medio Ambiente que dirixe Xosé Antonio Viña solicita aos veciños e veciñas que cumpran coa normativa da Ordenanza municipal que regula a protección e tenencia de animais e non permitan que os seus cans anden ceibes polos espazos públicos, especialmente polo Paseo do Anllóns. Así, segundo a norma, "os animais deberán circular suxeitos con correa ou cadea". As infraccións poden supoñer sancións económicas que van dende os 150 aos 300 euros, así que para lembrar o cumprimento da ordenanza, operarios de Aspaber veñen de colocar ao longo do Paseo do Anllóns carteis que prohiben que os cans anden soltos.
DO 6 AO 17 DE ABRIL NA PRAZA DO CONCELLO
Xoves 2 de abril do 2009
A Praza do Concello acolle do 6 ao 17 de abril a terceira edición da feira da solidariedade e a diversidade de Carballo, o festival Panxea. A música, os obradoiros para os máis cativos e cativas, un ciclo de cine árabe ou unha chocolatada popular son algunhas das actividades, a maioría delas condensadas en torno ao xoves 9 e o venres 10 de abril, coincidindo co xoves e o venres santo. Panxea nace como unha iniciativa universal que pretende "respectar as diferenzas e acadar que tamén sexamos sensibles a esas diferenzas", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero, ademais de ser un atractivo para a xente que visite a vila durante a Semana Santa.
CARBALLO MEDRA
Xoves 2 de abril do 2009
O Concello de Carballo xa conta con 31.047 habitantes, a maioría mulleres, e a idade media da poboación do municipio é de 42,8 anos, reducindo a media de anos anteriores. Son algúns dos datos do barómetro anual municipal, que serve para amosar moitas das claves anuais do pulso do concello. Os datos demográficos amosan, así mesmo, que o saldo vexetativo é positivo, ademais de que o padrón recibiu ao largo de 2008, 4.370 altas por 995 baixas. No que respecta aos veciños e veciñas doutras nacionalidades, continúa a medrar o colectivo uruguaio, con 218 persoas (7 máis que o ano anterior).
SANIDADE
Mércores 1 de abril do 2009
A Xerencia de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde para a Área Sanitaria da Coruña vén de iniciar no centro de saúde de Carballo o Programa de Retinografías Dixitais, do que se beneficiarán un total de 70.412 veciñas e veciños dos concellos de Carballo, Ponteceso, Laracha, Cabana, Coristanco, Malpica e Laxe. Trátase dunha proba diagnóstica que permite a prevención e a detección precoz por parte dos médicos de familia da retinopatía diabética, unha enfermidade que supón unha das principais complicacións das persoas con diabetes, posto que afecta á retina, e que pode chegar a provocar cegueira.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
Mércores 1 de abril do 2009
A Antena Local da Cámara de Comercio en Carballo vén de presentar as súas propostas de traballo para o ano 2009, centradas principalmente no eido formativo e en iniciativas destinadas a paliar a actual crise económica. Así, a Cámara espera poder desenvolver ao longo do presente exercicio accións que permitan "facerlle fronte" a un momento "especialmente complexo", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero. O rexedor engade que o Concello carballés está sempre disposto a poñerse a disposición da Cámara de Comercio para sacar adiante iniciativas e propostas destinadas a revitalizar o comercio e o mundo empresarial.
CONCELLARÍAS DE CULTURA E EDUCACIÓN
Mércores 1 de abril do 2009
A exposición 'Fauna alada de Galicia' permanece ata o 28 de abril na sala de exposicións do soto do Pazo da Cultura de Carballo. Trátase dunha mostra didáctica da Obra Social Caixa Galicia que ten como obxectivo promover o coñecemento e o interese pola fauna alada silvestre galega. Está formada por máis dunha trintena de paneis fotográficos na que se nos achega o comportamento de animais coma os morcegos, os paxaros ou incluso os insectos voadores. A exposición conta ademais conta con tres paneis interpretativos que detallan dun xeito sinxelo e ameno o funcionamento do voo animal.
SESIÓN PLENARIA DE ABRIL
Martes 31 de marzo do 2009
A corporación de Carballo vén de sacar adiante na sesión plenaria ordinaria do mes de marzo a aprobación inicial da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello, un documento que regula a situación laboral e salarial dos empregados municipais. O acordo implica a actualización económica das retribucións complementarias dos funcionarios, que neste ano 2009 aumentarán un 15,93 por cento, cunha achega das arcas municipais de 228.393 euros. Despois desta aprobación, ábrese un período de exposición pública e de presentación de alegacións, aínda que o goberno local espera que a RPT reciba o seu visto bo definitivo no mes de maio.