Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Concello aproba un empréstito de 2,5 millóns de euros para completar os investimentos do orzamento de 2009

SESIÓN PLENARIA ORDINARIA

O Concello aproba un empréstito de 2,5 millóns de euros para completar os investimentos do orzamento de 2009

Martes 28 de abril do 2009

A corporación carballesa vén de celebrar unha sesión plenaria ordinaria na que un dos principais puntos da orde do día foi a aprobación dunha operación de crédito de 2,5 millóns de euros para completar o apartado de investimentos reais do orzamento de 2009. Grazas a este empréstito, que será subscrito con Caixa Galicia, entidade financeira que presentou a mellor oferta, está previsto financiar en parte o proxecto de renovación do mercado municipal ou continuar coa construción do centro de dinamización Fórum Carballo, situado na Milagrosa. Así mesmo, asumirase a achega municipal necesaria para mellorar a travesía de Malpica e afrontaranse outros gastos relacionados con melloras urbanísticas ou a creación de dúas novas Galescolas municipais, entre outras actuacións.

O Concello solicita unha subvención á Vicepresidencia para a elaboración do III Plan de Igualdade de Carballo

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

O Concello solicita unha subvención á Vicepresidencia para a elaboración do III Plan de Igualdade de Carballo

Luns 27 de abril do 2009

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar na sesión ordinaria desta semana a solicitude dunha subvención ante a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar por un importe total de 6.000 euros para elaborar o III Plan de Igualdade do Concello de Carballo. A administración local concorre a unha convocatoria pola que se regulan as axudas para dinamizar o compromiso coa igualdade entre mulleres e homes. No mesmo apartado de subvencións, a Xunta de Goberno aprobou solicitar á Deputación Provincial unha axuda para a limpeza de praias por un importe de máis de 31.000 euros.

A corporación de Carballo celebra nova sesión plenaria o vindeiro luns 27

SESIÓN ORDINARIA

A corporación de Carballo celebra nova sesión plenaria o vindeiro luns 27

Venres 24 de abril do 2009

A corporación de Carballo celebra o luns 27 de abril unha nova sesión plenaria ordinaria. A orde do día contempla, entre outros asuntos, a adxudicación da operación de crédito que acomete o Concello de Carballo e mais as dacións de conta da liquidación do orzamento 2008.

A compañía galega Entremáns e o ballet de Carmen Roche centran o programa da fin de semana de Primavera EnDanza

CONCELLARÍA DE CULTURA

A compañía galega Entremáns e o ballet de Carmen Roche centran o programa da fin de semana de Primavera EnDanza

Venres 24 de abril do 2009

Os espectáculos de sala do programa Primavera EnDanza comezan esta fin de semana con dúas apostas ben distintas. Por unha banda, hoxe venres a compañía galega Entremáns aposta polo movemento, a fusión co mundo sonoro e a modernidade con 'Concerto Desconcerto'; por outra, chega dende Madrid o Ballet de Carmen Roche para representar, o domingo, unha versión do popular conto de Andersen 'El patito feo', neste caso cunha proposta máis familiar, con mestura de estilos como o hip-hop ou o baile máis clasico para todos os públicos.

As obras do Plan de Infraestruturas do Medio Rural chegan á súa recta final

ONCE ACTUACIÓNS

As obras do Plan de Infraestruturas do Medio Rural chegan á súa recta final

Xoves 23 de abril do 2009

O Plan Especial de Infraestruturas do Medio Rural aprobado en 2008 está próximo a completar o seu programa de obras. A través deste PEIM, o Concello de Carballo quere mellorar a calidade do transporte e as comunicacións nas áreas rurais do municipio. A día de hoxe, a meirande parte das actuacións xa están finalizadas e as poucas restantes atópanse xa en período de execución.

Máis de mil persoas inscritas na III Carreira Pedestre Costa da Morte que se celebra en Carballo

DOMINGO 19 DE ABRIL

Máis de mil persoas inscritas na III Carreira Pedestre Costa da Morte que se celebra en Carballo

Venres 17 de abril do 2009

A organización da III Carreira Pedestre Costa da Morte, que transcorre en Carballo o domingo 19 de abril, informa de que hai máis de mil persoas inscritas para participar nesta multitudinaria cita deportiva. Trátase dunha cita que aglutina a tódolos municipios das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra e que contará con participantes de categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil, ademais de adultos, tanto masculina coma feminina. Nesta edición serán repartidos máis de 4.000 euros, cincuenta trofeos e dez lotes de agasallos. Ademais, este ano creouse o premio ao mellor colexio, que estará dotado dun lote de material deportivo. Os mellores clasificados de Costa da Morte e Carballo serán tamén agasallados.

Carballo achega o baile contemporáneo aos veciños e veciñas co programa Primavera EnDanza

CONCELLARÍA DE CULTURA

Carballo achega o baile contemporáneo aos veciños e veciñas co programa Primavera EnDanza

Xoves 16 de abril do 2009

Conseguir que a danza sexa algo atractivo para tódolos públicos e facer que esta arte sexa accesible, "non algo minoritario e exclusivo, senón que se achegue ao público en xeral", en verbas da Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, é un dos principais obxectivos do programa Primavera EnDanza, que desenvolve a súa andaina entre o 23 de abril e o 3 de maio. Nesta a súa sétima edición, tres compañías galegas, unha madrileña e unha catalana centran un variado programa de espectáculos que conta con multitude de actividades paralelas -charlas, obradoiros ou encontros cos espectadores- destinadas a que o público desfrute da danza e aprenda a entendela mellor.

Carballo acolle en xullo o V Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística da Universidade da Coruña

CONCELLARÍA DE CULTURA

Carballo acolle en xullo o V Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística da Universidade da Coruña

Mércores 15 de abril do 2009

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja, veñen de asinar hoxe un convenio de colaboración entre as dúas entidades que representan para a realización en Carballo no mes de xullo do V Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística, que terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo os días 15, 16 e 17 de xullo de 2009. Esta edición, que se desenvolve en Carballo por segundo ano consecutivo, centrarase no argumentario e na análise do compromiso individual coa lingua galega, e nel participarán diversos expertos en normalización lingüística de Galiza e doutras partes do estado.

Carballo promove a reflexión social sobre a situación da lingua galega co V Premio a artigos xornalísticos

OUTORGARASE UN PREMIO DE 1.200 EUROS E A PUBLICACIÓN DO ARTIGO GAÑADOR

Carballo promove a reflexión social sobre a situación da lingua galega co V Premio a artigos xornalísticos

Mércores 15 de abril do 2009

O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración con dez medios de comunicación escrita, convoca por quinto ano consecutivo o Premio a artigos xornalísticos normalizadores, un certame que ten como obxectivos promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o uso do galego na prensa escrita. Ao certame pódense presentar artigos xornalísticos inéditos de opinión que traten algún tema concreto relacionado coa defensa e promoción da lingua galega ou con experiencias útiles ou favorábeis para a dinamización da lingua, coa política lingüística, etc.

Aprobado o convenio para a xestión do futuro Centro de día da praza de Vigo

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobado o convenio para a xestión do futuro Centro de día da praza de Vigo

Martes 14 de abril do 2009

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar esta semana un Convenio de colaboración co Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar para a xestión do Centro de día de Carballo, que nestes momentos se está construíndo na praza de Vigo da capital municipal, xunto á actual residencia para a terceira idade. Segundo este acordo -que ten unha vixencia de dez anos- é o Consorcio o que asume o control do servizo, desempeñando labores como a contratación do persoal, a elaboración dun proxecto de atención xerontolóxica e tódalas xestións que se deriven da cesión de uso do Centro, ademais dos gastos derivados do seu funcionamento e do seu equipamento unha vez rematadas as obras construtivas.

O Concello finaliza os traballos para crear unha senda peonil no Outón, parroquia de Rus

OBRAS

O Concello finaliza os traballos para crear unha senda peonil no Outón, parroquia de Rus

Luns 13 de abril do 2009

O Concello de Carballo vén de rematar hai uns días as obras de mellora na estrada AC-400 (que une Cerceda e Santa Comba), á altura do Outón, na parroquia de Rus. Esta actuación consiste na creación dunha senda peonil nas dúas marxes da vía, nunha lonxitude de preto dun quilómetro. A administración local asume a realización deste proxecto, que pretende mellorar a seguridade viaria creando un espazo para os peóns nunha estrada con grande intensidade de circulación, como é a AC-400, no tramo que transcorre polo Concello carballés. Esta actuación vén a completar o proxecto realizado pola Consellería de Política Territorial para mellorar esta vía, unha actuación que contou cun orzamento superior aos dous millóns de euros.

Aprobado o expediente de contratación para a redacción do proxecto para remodelar o mercado municipal

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobado o expediente de contratación para a redacción do proxecto para remodelar o mercado municipal

Luns 13 de abril do 2009

O Concello vén de sacar adiante, na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local do 13 de abril, o expediente de contratación para a 'Redacción do proxecto básico e de execución da obra de remodelación do mercado municipal de Carballo". Ábrese así o proceso de licitación desta actuación, que ten un orzamento previsto de 95.000 euros e que segue un sistema de adxudicación de negociado con publicidade. Desta forma principian os trámites para emprender unha reforma integral do edificio, do que só está previsto conservar a estrutura. O obxectivo da administración local é que os traballos principien ao longo deste ano 2009.

Compartir: