OBRAS E SERVIZOS
Xoves 14 de maio do 2009
Os operarios principiarán o luns 18 de maio cos traballos para mellorar as instalacións do parque infantil da Praza do Concello de Carballo (na imaxe). Por ese motivo, a partir da semana que vén está previsto cercar a zona de xogos para poder desenvolver as melloras, que está previsto que duren dúas semanas, aproximadamente, e que o Concello espera que causen as menores molestias posibles. Esta actuación forma parte dun plan do Goberno municipal para avanzar no acondicionamento de espazos de uso público, situados tanto na capital municipal como nas parroquias. Está previsto realizar un investimento de arredor de 900.000 euros, dos cales preto de 500.000 servirán para acondicionar o parque de Rego da Balsa, incluíndo tamén a instalación de xogos infantís.
O CONCELLO INVITA AOS VECIÑOS A ACUDIR
Mércores 13 de maio do 2009
O Concello homenaxea ao carballés Alfredo Brañas no 150 aniversario do seu nacemento e invita a tódolos veciños e veciñas que o desexen a asistir a este acto, que ten lugar o sábado 16 de maio na Igrexa de San Domingos de Bonaval, no Panteón de Galegos Ilustres, a partires das 12.00 horas. O Concello de Carballo pon a disposición dos cidadáns que o desexen un autobús para que poidan asistir de balde a esta homenaxe que contará coa presenza do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, ademais de representantes da familia Brañas, da Asociación de Escritores en Lingua Galega, do Concello de Cambados, da Real Academia Galega, da Universidade de Compostela, da Fundación Alfredo Brañas, do Concello de Santiago de Compostela e da Xunta de Galicia.
PROGRAMA DAS LETRAS
Martes 12 de maio do 2009
Máis dun centenar de caricaturas sobre os acontecementos máis sobresaíntes da historia da Autonomía Galega, os feitos que definiron esta etapa e os persoeiros que foron os seus protagonistas conforman a exposición 'A Autonomía Galega nas caricaturas de Siro López', que vén de ser inaugurada no Pazo da Cultura carballés. A mostra, incluída no Programa das Letras de 2009 e organizada pola Deputación da Coruña, recolle unha selección das viñetas que o humorista gráfico Siro publicou no xornal 'La Voz de Galicia' dende 1985 ata 2006. Trátase dun percorrido en clave de humor pola historia máis recente de Galicia. Os veciños e veciñas que queiran visitar a exposición poden facelo na sala do soto do Pazo da Cultura de 18.00 a 21.00 horas entre o 12 e o 27 de maio.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 11 de maio do 2009
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación provisional das obras 'Edificación destinada a Escola taller de Carballo. Fase III. Cerramento Naves 1-2-3' e 'Edificación destinada a Escola Taller en Carballo. Fase IV' por un importe total de 3.720.643 euros (3.125.250 euros no caso da cuarta fase e 595.394 euros nas outras tres). No primeiro caso a empresa adxudicataria provisional é Construcciones López Cao SL, e no segundo unha Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Atlántica de Construcción SL e AIN Empresa de Servicios para la Construcción SL. O prazo de execución para o cerramento externo das tres naves da Casa dos Oficios do Proxecto Forum (no barrio da Milagrosa) das que xa están levantados os alicerces é de catro meses. Para a fase catro, que permitirá practicamente rematar o complexo, o prazo de execución é de quince meses.
17 DE MAIO
Xoves 7 de maio do 2009
Durante todo o mes de maio Carballo converterase nun bulir de actividades para festexar o Día das Letras, que se conmemora o 17 de maio. Os libros e a lectura terán un grande protagonismo nun completo programa de actividades, xunto con autores como Ramón Piñeiro, o escritor homenaxeado este ano 2009, e Alfredo Brañas, no 150 aniversario do seu nacemento. Contacontos, exposicións, teatro, concertos e a animación á lectura en tódalas súas expresións -contacontos, festivais,presentacións de libros- serán os protagonistas dun Programa das Letras que se estende dende hoxe, 7 de maio, ata o 31. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, animan a tódolos veciños e veciñas a participar no completo abano de actividades.
REDE DE DINAMIZACIÓN DA SOCIEDADE DA INFORMACIÓN
Mércores 6 de maio do 2009
A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, en colaboración co concello de Carballo, anuncia novas actividades de achegamento ás Novas Tecnoloxías que terán lugar no mes de maio en Carballo. Para conmemorar o 17 de maio, Día das Letras Galegas, Día de Internet e Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información a Rede de Dinamización levará a cabo en Carballo a actividade 'Bergantiños: pasado e presente'. Esta iniciativa está orientada ao colectivo de maiores no que retomarán o blog de 'Cóntame. lembranzas de Carballo'. Con esta actividade o que se trata é de que os e as maiores da zona que participen nos diferentes obradoiros que constitúen a citada iniciativa relaten coas súas verbas os recordos que teñen de cando eran cativos, como lembran Carballo e os seus arredores, como cambiou ... Asemade poderán subir ao citado blog fotografías que teñan gardadas na casa da comarca bergantiñán de hai anos.
NOVAS TECNOLOXÍAS
Martes 5 de maio do 2009
A Policía Local de Carballo conta dende hoxe cun novo sistema de comunicacións dixitais que permite coordinar as situacións de emerxencia, despregar con maior eficiencia os efectivos e obter unha cobertura total no municipio en tempo real que permitirá "axilizar as xestións da Policía" e "mellorar a calidade do servizo que se ofrece á cidadanía", segundo explica Benedito Viña, Concelleiro de Seguridade e Tráfico. Este novo sistema permitiralle á Policía Local comunicacións absolutamente fiables e confidenciais, mellorará a calidade de audición da voz con respecto á tecnoloxía usada ata o momento, permitirá ver nun mapa en tempo real posicionados todos os equipos e saber en todo momento en qué punto exacto do municipio se atopan as persoas que portan un equipo.
NOVAS TECNOLOXÍAS
Luns 4 de maio do 2009
O Telecentro de Carballo, que entrou en funcionamento hai preto de dez meses, xa conta con 584 usuarios rexistrados e un total de 370 veciños e veciñas teñen participado nos seus obradoiros -un total de 43-, destinados a promover as novas tecnoloxías entre a poboación do Concello. Son datos aportados polo propio telecentro a través de Soraya Suárez, dinamizadora da Sociedade da Información no Concello. Ao longo do mes de abril a Rede de Dinamización continuou co seu traballo labor na difusión das novas tecnoloxías coa celebración dun total de tres obradoiros tecnolóxicos, a través dos que se formaron 28 persoas e que se estenderon ao longo de 24 horas.
OBRAS E SERVIZOS
Xoves 30 de abril do 2009
O Concello de Carballo vén de inaugurar a nova Praza do Outeiro, situada na rúa da Concordia da capital municipal e fronte ao edificio dos novos xulgados. Trátase dunha obra realizada polo alumnado da Escola Obradoiro do Concello, e conta cun hórreo cedido pola familia García Facal, ademais dun parque infantil, mobiliario urbano e zonas verdes. A praza ten unha superficie total de 2.750 metros cadrados e o Alcalde, Evencio Ferrero, desexou que se converta nun novo espacio para o lecer na capital municipal e agradeceu a colaboración dos profesores e dos alumnos e alumnas da escola obradoiro na construción da praza, denominada do Outeiro debido ao nome do antigo camiño que atravesaba o lugar.
REDE XIANA
Mércores 29 de abril do 2009
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Formación e Emprego que dirixe María Manso, participa nun proxecto da Rede de Formación e acceso ao mundo laboral impulsada dende a Deputación provincial da Coruña. Un total de 90 concellos de toda a provincia poñen en marcha a Rede Xiana (de Xestión Integral, Accesibilidade, Novas Tecnoloxías e Adaptabilidade no mercado laboral galego), co obxectivo de fomentar o emprego, mellorando a formación e capacitación profesional das persoas desempregadas. Está iniciativa está dirixida a municipios de menos de 50.000 habitantes, e o Concello carballés foi seleccionado para impartir varias actividades formativas.
TRES APOSTAS DISTINTAS DURANTE A FIN DE SEMANA
Mércores 29 de abril do 2009
O programa cultural Primavera EnDanza chega á súa fin esta fin de semana con tres apostas ben diferentes e chegadas de Galicia e Cataluña. O xoves 30 de abril unha lembranza dos anos 20 plasma o universo feminino con BStudio Danza e ‘Sono Silente’. O Venres 1 de maio a compañía catalana Nats Nus Dansa conta a historia de Tari, un estraño personaxe, nunha proposta feita para conmover e chea de sensibilidade. Trátase do espectáculo ‘Momentari’, unha aposta dirixida especialmente para os máis cativos e cativas pero no que tamén hai espazo para sorprender aos adultos. Por último, o broche final corre a cargo do Centro Coreográfico Galego, con ‘Giseliña’, o domingo 3 de maio. Nesta representación baseada no ballet clásico, o coreógrafo Cisco Aznar converte o romanticismo en surrealismo, achegándose ao imaxinario galego. Tódolos espectáculos custan 3,5 euros, 2,5 con desconto.
TRECE ACTUACIÓNS E 205 POSTOS DE TRABALLO
Martes 28 de abril do 2009
O Concello de Carballo vén de anunciar o comezo das obras nos proxectos incluídos no Fondo Estatal de Investimento Local, un total de 13 actuacións que contan cun orzamento global de 5.327.070 euros e que suporán a creación de 205 postos de traballo, entre persoas xa ocupadas e integradas nas empresas adxudicatarias dos traballos e persoas ocupadas de nova contratación exclusivamente para o desenvolvemento destas obras. Trátase de proxectos "para cubrir numerosas demandas", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero, e que prentenden "redundar na mellora da calidade de vida dos carballeses e carballesas". O Subdelegado do Goberno, José Manuel Pose Mesura, visitou a vila para ver os traballos de primeira man e quixo subliñar a selección de melloras realizada polo goberno local "con amplitude de miras e con proxectos que pretenden compensar o centro urbano e a zona rural".