Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Concello reparte máis de 4.000 euros en premios e subvencións nos concursos convocados no programa de Festas de San Xoán

CONCELLARÍA DE CULTURA

O Concello reparte máis de 4.000 euros en premios e subvencións nos concursos convocados no programa de Festas de San Xoán

Martes 26 de maio do 2009

Un ano máis a Comisión de Festas incluirá no programa do San Xoán 2009 tres actividades lúdicas e participativas que teñen moi boa acollida por todos os carballeses e cada vez unha maior tradición. Con elas preténdense recuperar e fomentar tradicións tan importantes na celebración popular do San Xoán como as cachelas, recuperar xogos populares como as carrilanas ou incorporar ás festas un elemento tan importante en Carballo como o río Anllóns. No transcurso das celebracións participantes e espectadores poderán disfrutar de tres divertidos e entretidos concursos: Cachelas, Gran Prix de Carrilanas e Descenso do Anllóns. Este ano, entre estes tres certames, repartiranse máis de 2. 630 euros en premios e un total de 4.020 euros entre premios e subvencións.

Adxudicadas redes de saneamento en Goiáns, Berdillo e Sofán por un importe de 120.000 euros

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Adxudicadas redes de saneamento en Goiáns, Berdillo e Sofán por un importe de 120.000 euros

Luns 25 de maio do 2009

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación provisional de tres obras de saneamento noutras tantas parroquias do Concello carballés. Trátase da segunda fase da 'Rede de saneamento en Xoane, parroquia de Goiáns' por 32.167 euros, da terceira fase da 'Rede de saneamento en Añón, parroquia de Berdillo', por 37.120 euros; e da terceira fase da 'Rede de saneamento en Paradela, parroquia de Sofán', por 49.880 euros. O prazos de execución previstos para os traballos son de catro meses, dous meses e un mes, respectivamente. Trátase de tres proxectos incluídos no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal, da Deputación da Coruña, e o seu importe conxunto achégase aos 120.000 euros.

O Pan de Carballo e a 'Ternera Gallega' centran a oferta do Feirón Gastronómico do 31 de maio

PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Pan de Carballo e a 'Ternera Gallega' centran a oferta do Feirón Gastronómico do 31 de maio

Venres 22 de maio do 2009

O Concello de Carballo celebra o domingo 31 de maio o Feirón Gastronómico, a cuarta cita dos Feiróns de Tempada que promove a Concellaría de Promoción Económica co obxectivo de impulsar o comercio local e potenciar os mercados de cada quinto domingo de mes. Nesta ocasión, o feirón céntrase nas IX Xornadas Gastronómicas e Culturais, que estarán orientadas á promoción dos produtos de 'Ternera Gallega'. Así mesmo, o Pan de Carballo protagoniza a oferta de Merca-do bo, unha iniciativa que informa sobre a importancia dunha dieta equilibrada con produtos frescos e da terra para acadar unha alimentación sa. Estas actividades aglutinaranse en torno a unha carpa de 300 metros cadrados que estará situada na Praza do concello, diante do edificio da casa consistorial.

O pleno aborda a aprobación dun Plan Económico Financeiro para unha operación de crédito de 2,5 millóns de euros

SESIÓN PLENARIA ORDINARIA

O pleno aborda a aprobación dun Plan Económico Financeiro para unha operación de crédito de 2,5 millóns de euros

Venres 22 de maio do 2009

A corporación aborda na sesión plenaria ordinaria do mes de maio a aprobación dun Plan Económico Financeiro trala subscrición dun empréstito de 2,5 millóns de euros no orzamento de 2009. A través desta operación de crédito poderán financiarse proxectos como a renovación do mercado municipal ou a construción do centro de dinamización Fórum Carballo, situado na Milagrosa. Así mesmo, afrontaranse outros gastos relacionados con melloras urbanísticas ou a creación de dúas novas Galescolas municipais, entre outras actuacións. Mediante o Plan Económico, o Concello realiza unha estimación de gastos e ingresos para evitar desequilibrios financeiros. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliña a "excelente" saúde económica municipal e asegura que o Concello "non debería ter ningún problema para afrontar esta nova carga".

Preto de 300 xogadores participan no III Torneo de Hoquei a Patíns Concello de Carballo

DEPORTE

Preto de 300 xogadores participan no III Torneo de Hoquei a Patíns Concello de Carballo

Xoves 21 de maio do 2009

Un total de 27 equipos de once clubs e aproximadamente 300 xogadores participan no III Torneo de Hoquei a Patíns Concello de Carballo, co organizado pola Escola Lubiáns e que terá lugar os días 5 e 6 de xuño no pavillón Bergantiños da capital municipal. Nesta ocasión a cita adquire un carácter máis internacional, xa que tres clubs de Portugal participan nesta competición. Así, están no torneo: o anfitrión Escola Lubiáns, o HC Liceo, o HC Cambre, o Colexio Obradoiro, Santa María del Mar, o Santo Domingo, o Cerceda, o CH Compostela, Compañía de María, o Universidade de Oviedo-Mieres e o HC Braga, ademais da Selección Galega Xuvenil. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quere subliñar a importancia que este torneo vai adquirindo en cada edición, o que tamén fala da categoría do Escola Lubiáns.

O Centro de Promoción Económica de Carballo nace para dinamizar o territorio municipal e os seus diferentes sectores produtivos

AS XORNADAS CARBALLO EMPRENDE CÉNTRANSE NA LOITA CONTRA A CRISE

O Centro de Promoción Económica de Carballo nace para dinamizar o territorio municipal e os seus diferentes sectores produtivos

Xoves 21 de maio do 2009

O Viveiro de Empresas do polígono de Bértoa de Carballo acolle a segunda edición das xornadas Carballo Emprende, un marco que serviu, durante a inauguración deste foro empresarial, para presentar en sociedade o novo Centro de Promoción Económica de Carballo (CPEC), un edificio situado a carón do Viveiro e que nace "para dinamizar o territorio municipal e os seus diferentes sectores produtivos", en verbas do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín. Trátase dunha iniciativa que persegue converterse nun referente para a actividade empresarial, tanto no apoio á consolidación de empresas asentadas, como no fomento da emprendeduría, a nivel municipal, comarcal e incluso na Costa da Morte. "Un complemento para o viveiro de empresas", en verbas do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, "que axude a crear unha nova dinámica en beneficio da economía produtiva e do noso empresariado".

Doce candidaturas optan aos galardóns na segunda edición dos Premios Carballo Emprende

INAUGURACIÓN DO NOVO CENTRO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

Doce candidaturas optan aos galardóns na segunda edición dos Premios Carballo Emprende

Mércores 20 de maio do 2009

Un total de doce propostas aspiran a gañar os galardóns na segunda edición dos premios Carballo Emprende. Hai que lembrar que o concurso conta con dúas categorías: Premios a Ideas Empresariais e Premio a Programas de Fomento da Emprendeduría. No primeiro caso presentáronse un total de nove proxectos, mentres que no segundo hai tres candidaturas. O martes 19 de maio reuniuse por primeira vez o xurado para avaliar as propostas e deliberar sobre a súa decisión. Está formado polos representantes da Cámara de Comercio Carlos Fernández Bermúdez e Juan Manuel Cancela Sánchez; e, en representación do Concello, polo responsable de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín e pola Axente de Emprego e Desenvolvemento Local, Paula Lema Pena.

Mil escolares dos centros de ensino de Carballo participarán na IV Semana do Libro e a Lectura

PROGRAMA DAS LETRAS

Mil escolares dos centros de ensino de Carballo participarán na IV Semana do Libro e a Lectura

Mércores 20 de maio do 2009

O domingo 24 de maio comeza en Carballo a IV Semana do Libro e a Lectura, unha cita organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG) en colaboración con Caixanova e o Concello de Carballo, que pretende crear un lugar de encontro para pequenos e adultos, para nais e pais e para profesionais do ensino onde espertar a curiosidade polos libros e a lectura, o desexo por ler e buscar estratexias para desenvolver hábitos lectores e habilidades lectoras, especialmente entre os máis cativos e cativas. Nesta edición participará alumnado de todos os centros de ensino de Carballo, con un total de 992 escolares de Infantil, Primaria e ESO, ademais de todos os veciños e veciñas que o desexen. Nas últimas tres edicións un total de 3.000 escolares e arredor de 5.000 persoas teñen participado nesta cita en Carballo, un dos acontecementos relacionados co libro e a lectura "que máis xente atrae en toda Galicia", en verbas do presidente da ASPG, Xoán Costa.

Iniciados os traballos para reformar o parque infantil do Xardín Municipal

OBRAS E SERVIZOS

Iniciados os traballos para reformar o parque infantil do Xardín Municipal

Martes 19 de maio do 2009

Os operarios municipais veñen de principiar esta semana os traballos para mellorar as instalacións do parque infantil do Xardín Municipal da Praza do Concello de Carballo. Por ese motivo, a partir do luns 18 de maio e ata o 31 deste mes está previsto cercar a zona de xogos para poder desenvolver unhas melloras que o Concello espera que causen as menores molestias posibles. Esta actuación forma parte dun plan do Goberno municipal para avanzar no acondicionamento de espazos de uso público, situados tanto na capital municipal como nas parroquias. Está previsto realizar un investimento de arredor de 900.000 euros, dos cales preto de 500.000 servirán para acondicionar o parque de Rego da Balsa, incluíndo tamén a instalación de xogos infantís.

Principian os traballos para urbanizar e dotar de servizos a rúa Muíño da capital municipal

FONDO ESTATAL DE INVESTIMENTO LOCAL

Principian os traballos para urbanizar e dotar de servizos a rúa Muíño da capital municipal

Luns 18 de maio do 2009

Hoxe veñen de principiar os traballos de 'Urbanización e dotación de servizos na rúa Muíño', da capital municipal, unha mellora incluída nos proxectos do Fondo Estatal de Investimento Local (FEIL) e que foi adxudicada a Excavaciones y Obras Candal SL por un importe de 336.336,20 euros. Está previsto que a rúa estea cortada ao tráfico por un período aproximado de seis meses, o prazo de execución das obras, aínda que estes cortes realizaranse por tramos. Neste momento as obras estanse realizando no treito da rúa Muíño situado entre as rúas Emilio Pardo Bazán e Vázquez de Parga, onde xa se está procedendo ao levantamento do firme. Coa realización desta actuación está previsto dar emprego a 22 persoas, a metade a través de postos directos e outros 11 a través de ocupación indirecta.

O teatro, a lembranza de Alfredo Brañas e o maratón de lectura centran o Programa das Letras

CULTURA

O teatro, a lembranza de Alfredo Brañas e o maratón de lectura centran o Programa das Letras

Venres 15 de maio do 2009

Esta fin de semana continúa o Programa das Letras 2009, con diversas actividades destinadas a todos os públicos e que abranguen un amplo abano de posibilidades: contacontos, música, homenaxes, lectura ou teatro conforman unha oferta cultural centrada na festa do 17 de maio. Una das citas máis importantes é o domingo, co maratón de lectura 'As letras en voces', un dos actos de maior relevancia dos que organiza o Concello, tanto pola súa tradición como polo número de persoas que participan. Con esta actividade, lémbrase a obra dos escritores que foron homenaxeados no Día das Letras ademais de renderse un recoñecemento á lingua galega como vehículo de expresión e creación e como un dos expoñentes esenciais da nosa cultura.

As xornadas Carballo Emprende céntranse no apoio ás empresas nun escenario de crise económica

OS DÍAS 20 E 21 DE MAIO

As xornadas Carballo Emprende céntranse no apoio ás empresas nun escenario de crise económica

Venres 15 de maio do 2009

"O apoio ás empresas nun momento de conxuntura económica de crise", segundo as verbas do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, é un dos principais obxectivos das xornadas Carballo Emprende 2009, un foro de emprendedores e oportunidades de negocio que ademais de ofrecer numerosas claves sobre a situación económica conta cuns premios que distinguen as mellores ideas para poñer en marcha unha empresa. Ademais, no marco desta iniciativa, inaugúrase o novo Centro de Promoción Económica de Carballo, un edificio municipal situado no polígono empresarial de Bértoa que centrará todas as actividades que se realicen no Concello relacionadas co mundo empresarial e que tamén servirá para coordinar as liñas de acción e os programas en materia de promoción económica.

Compartir: