SESIÓN PLENARIA ORDINARIA
Sábado 27 de xuño do 2009
A corporación de Carballo celebra o luns 29 a sesión plenaria ordinaria do mes de xuño, na que un dos principais puntos da orde do día é a aprobación dun suplemento de crédito por un importe de 481.866,10 euros con cargo ao remanente de tesourería. Dentro das partidas incluídas nesta operación financeira, destacan as destinadas á construción dun centro social en Cances e á dotación de paneis de enerxía solar na piscina Vila de Noia da capital municipal, actualmente en proceso de reforma. O pleno da Deputación provincial vén de aprobar esta semana o acordo para poder financiar nun 80 por certo o importe destas instalacións, e o goberno local leva ante o pleno a aprobación dos importes necesarios para completar o financiamento, con 37.095 euros para os paneis solares e 64.235 para a creación dun edificio cultural en Cances, para o que xa hai terreos dispoñibles.
SERVIZOS
Venres 26 de xuño do 2009
Os areais de Razo e Pedra do Sal volven a contar un ano máis coa Bandeira Azul, un distintivo de calidade que outorga cada ano a ONG Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor e que xa luciron estas praias carballesas no verán de 2008. Esta bandeira recoñece non só a calidade das augas, senón tamén a calidade dos servizos, da xestión ambiental, da seguridade e en xeral das instalacións das que dispoñen estes espazos naturais. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña, xunto con Concelleiro de Praias, Benedito Viña, procederon o venres 26 de xuño ao izado das dúas bandeiras que permanecerán nos areais ata a finalización da tempada de verán, que principiou oficialmente o xoves 11 de xuño, e que está previsto que remate o 10 de setembro.
DEPORTE
Venres 26 de xuño do 2009
Un total de oito clubs de renome toman parte na fase final do V Torneo Internacional de Fútbol 7 Concello de Carballo, que se celebra no Campo de Fútbol Municipal As Eiroas entre o venres 26 e o domingo 28 de xuño. Trátase do FC Barcelona, do Atlético de Madrid, o Deportivo da Coruña, o Celta de Vigo, a UD Almería, o Luis Calvo Sanz o holandés FC Groningen e o gañador da fase previa, disputada entre 20 dos mellores clubs galegos, o Conxo de Santiago, que lle gañou na final ao Ural da Coruña. Os enfrontamentos principian o venres 26 a partires das 18.00 horas; o sábado 27 son a partires das 10.00 horas e o domingo péchase o torneo con enfrontamentos, tamén, dende as 10.00 horas.
CULTURA
Venres 26 de xuño do 2009
O IX Gran Prix de Carrilanas e a Festa do Bosque marcan o 27 e o 28 de xuño os últimos compases das festas patronais de Carballo. Poren, na fin de semana tamén hai espazo para o deporte, coa disputa da fase final do V Torneo Internacional de Fútbol 7 Concello de Carballo, da final do Trofeo de Fútbol de Peñas ou do Trofeo Club Ciclista Carballo; ou para a música, coa celebración da XIII Mostra de Habaneras que organiza cada ano a Coral Polifónica de Bergantiños e con múltiples orquestras como a TVG ou a Olympus. O peche do programa o marcan, como vén sendo habitual, os fogos de artificio, o domingo 28 a partires das 00.00 horas e a cargo da Pirotécnica Rocha. Un punto de final para a Semana Grande de Festexos que aínda colea o luns 29 co Día do Neno, que supón descontos nas barracas e atraccións situadas no San Martiño.
SAN XOÁN 2009
Martes 23 de xuño do 2009
O mércores 24 e o xoves 25 son os días centrais, en canto a concertos, das Festas de San Xoán 2009. O grupo granadino indie-pop Lori Meyers e os arxentinos Dios salve a la reina, co seu tributo ao mítico grupo Queen, encherán cos acordes de dúas ofertas ben distintas a Praza do Concello de Carballo. Ademais, non hai que esquecer a celebración do XII Descenso do Anllóns, o xoves 25, que un ano máis animará aos veciños e veciñas co seu percorrido pola canle do río. Neste momento están inscritas 31 balsas, e a saída é no bosque do Añón (Ponte de Bértoa). Todo o descenso estará animado polos sons de Charanga.es. Pasacalles, verbenas, concertos e a degustación de chourizos ao viño no Parque do Anllóns, veñen a completar a oferta festeira para os días grandes do San Xoán.
CONCELLARÍA DE CULTURA
Luns 22 de xuño do 2009
O luns 22 de xuño principian oficialmente as Festas de San Xoán 2009, a partir das 12.00 horas co disparo das bombas de palenque. Aínda que o programa de festexos xa arrincou co festival Rockin', celebrado o 19 de xuño con grande éxito de público, o luns é o día do pregón, que este ano ten como protagonista ao humorista carballés Rober Bodegas. Os actos dan comezo ás 21.00 horas, co concerto da Banda Municipal de Música de Carballo que dirixe Vicente Pérez Planells, no que interpretarán varias pezas do seu amplo repertorio. Ás 21.30 horas será xa o momento do pregón, da man do cómico guionista e creador de contos Rober Bodegas, que comezou a súa andaina no Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) gañando o Certame de dramatización de monólogos cómicos no ano 2003 e tamén impoñéndose no certame de comedia 'Bienal da caricatura', de Ourense.
FESTAS DE SAN XOÁN
Luns 22 de xuño do 2009
O martes 23 xuño ten lugar no casco urbano carballés o tradicional concurso de cachelas do programa das Festas de San Xoán, que chega este ano á súa XXII edición, e na que están inscritos un total de 15 participantes con cachelas repartidas por diferentes puntos da vila. O xurado comeza o percorrido a partires das 19.00 horas para avaliar o traballo dos concursantes e poder outorgar os 1.650 euros que hai asignados entre premios e subvencións. Está integrado por tres membros da Comisión de Festas e un membro do Corpo de Bombeiros, que fará as recomendacións sobre protección e seguridade que deben adoptar os participantes.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 22 de xuño do 2009
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar en sesión ordinaria a adxudicación definitiva da obra 'Reforma do Padroado Deportivo Municipal' para habilitar as oficinas deste servizo no complexo deportivo da zona escolar de Carballo, na rúa Vila de Noia. A empresa que realizará os traballos é Construcciones Riotorto SL, por un importe de 63.770 euros. O prazo de execución das obras ofertado polo licitador é de dous meses, contados a partir do día seguinte á sinatura da acta de replantexamento. Por outra banda, a sesión tamén serviu para sacar adiante os expedientes de contratación de seis actuacións incluídas no Plan de Obras e Servizos (POS) 2009, por un importe total de 685.969 euros, e que afectan fundamentalmente a saneamentos e afirmado de camiños.
NOVAS TECNOLOXÍAS
Venres 19 de xuño do 2009
O Concello de Carballo vén de estrear unha nova "plataforma de internet", en verbas do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, que introduce tres novas páxinas web diferenciadas enfocadas á atención cidadá, ao ocio e o turismo, e aos negocios e o investimento empresarial, baixo os epígrafes, respectivamente, de Atención Cidadá, Vive Carballo e Inviste en Carballo. O obxectivo destas tres páxinas é atender as distintas necesidades dos usuarios, dependendo da información que demanden. A nova web xurde dentro dun proxecto incluído dentro de Carballo Conect@, unha iniciativa que condensa a Axenda Dixital Local do Concello de Carballo cos obxectivos de fomentar o uso das Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación e promover as infraestructuras necesarias para mellorar substancialmente a conectividade a estas tecnoloxías.
BARÓMETRO MUNICIPAL
Venres 19 de xuño do 2009
O Concello de Carballo xa conta con 31.161 habitantes, segundo os últimos datos actualizados do Padrón Municipal. A maioría son mulleres, e a idade media da poboación do municipio é de 42,8 anos, reducindo o algaritmo de anos anteriores. Son algúns dos datos do barómetro anual municipal, que serve para amosar moitas das claves anuais do pulso do concello. Os datos demográficos amosan, así mesmo, que o saldo vexetativo é positivo, ademais de que o padrón recibiu ao largo de 2008, 4.370 altas por 995 baixas. No que respecta aos veciños e veciñas doutras nacionalidades, continúa a medrar o colectivo uruguaio, con 218 persoas (7 máis que o ano anterior).
NOVAS TECNOLOXÍAS
Venres 19 de xuño do 2009
O Concello de Carballo vén de estrear unha nova "plataforma de internet", en verbas do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, que introduce tres novas páxinas web diferenciadas enfocadas á atención cidadá, ao ocio e o turismo, e aos negocios e o investimento empresarial, baixo os epígrafes, respectivamente, de Atención Cidadá, Vive Carballo e Inviste en Carballo. O obxectivo destas tres páxinas é atender as distintas necesidades dos usuarios, dependendo da información que demanden. A nova web xurde dentro dun proxecto incluído dentro de Carballo Conect@, unha iniciativa que condensa a Axenda Dixital Local do Concello de Carballo cos obxectivos de fomentar o uso das Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación e promover as infraestructuras necesarias para mellorar substancialmente a conectividade a estas tecnoloxías.
SAN XOÁN 2009
Xoves 18 de xuño do 2009
O venres 19 de xuño a partires das 21.30 horas, a Praza do Concello de Carballo acolle unha nova edición do festival Rockin', un concerto de rock&roll no que participarán ata catro grupos, ademais de incluír unha sesión de pinchadiscos, para ir quecendo o programa de Festas de San Xoán 2009. Desde os americanos The Chesterfield Kings, ata Roy Loney coa banda donostiarra Señor No, pasando polos galegos Samesugas e contando coa presenza dos carballeses Killer Cats. Propostas que abranguen dende os sons de garaxe, ata o rock and roll máis puro, os aires punks e o rockabilly, sen esquecer os dj, que rematarán a noite ofrecendo tamén grandes doses de rock dende a cabina.