NA SEGUINTE FASE OS EQUIPOS DE BALONMÁN E FÚTBOL 7 MASCULINO
Martes 7 de xullo do 2009
O Concello de Carballo vén de acadar a súa primeira medalla nos VIII Xogos do Eixo Atlántico A Coruña 2009, a primeira para os deportistas do municipio na historia da competición. Pablo Balsa impúxose en natación, na carreira dos 100 metros libres, cun tempo de 55'' 03 e conseguindo a medalla de ouro. Un total de cinco rapaces e cinco rapazas estrearon onte a competición na piscina, co bo resultado de Pablo Balsa (na imaxe co Alcalde, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo) e outros destacados como o cuarto posto de Marcos del Río nos 100 metros costas masculino ou o quinto posto na proba dos 4x100 estilos masculino. No que respecta a outras competicións, seguen adiante os equipos de balonmán masculino e o equipo de fútbol 7, tamén masculino, que están xa na seguinte fase. Tamén ratificou o seu avance o equipo de baloncesto masculino, mentres que as rapazas sufriron unha derrota.
URBANIZACIÓN DO POLÍGONO 9 DA CAPITAL MUNICIPAL
Martes 7 de xullo do 2009
A Xunta de Goberno Local vén de adxuducar de xeito provisional, na sesión ordinaria celebrada o 6 de xullo, a obra de ‘Instalación do alumeado no campo de fútbol anexo das Eiroas'. Trátase dun proxecto incluído na terceira fase do Plan especial de iluminación e outros complementos para campos de fútbol municipais de herba artificial da Deputación da Coruña. O importe de adxudicación é de 58.184,73 euros, mentres que a empresa adxudicataria é Ifecgas Pereira SL. Con esta actuación, dótase ao campo anexo dunha mellora no alumeado artifical coa instalación de novas torres. No complexo deportivo das Eiroas téñense investido dende finais do 2007 preto de 900.000 euros en diferentes obras de mellora
FONDO ESTATAL DE INVESTIMENTO LOCAL
Martes 7 de xullo do 2009
Arrincan os traballos que van converter unha parte da rúa Desiderio Varela carballesa nunha zona peonil. Hoxe, 7 de xullo, os operarios principiaron co valado da vía, no tramo entre a rúa Vázquez de Parga ata o cruce coa rúa Colón, para acometer as obras que converterán este treito nun espazo de uso peonil. O proxecto de peatonalización da rúa Desiderio Varela está incluído nas actuacións do Concello de Carballo realizadas con cargo ao Fondo Estatal de Investimento Local (FEIL). O seu orzamento de adxudicación é de 186.143,85 euros, mentres que a empresa encargada de realizar os traballos é Construcciones Alejandro Martínez e Hijos, SL. O prazo de execución previsto para o desenvolvemento dos traballos é de tres meses e medio e a través desta obra está previsto empregar a doce persoas.
FIN DE SEMANA DO 11 E 12 DE XULLO
Martes 7 de xullo do 2009
A praia de Razo acolle a fin de semana do 11 e 12 de xullo unha das probas internacionais do circuíto masculino de surf Quicksilver King of the Groms, dirixido a surfistas menores de 16 anos e que está considerado coma unha das citas máis importantes para os novos valores deste deporte. A de Razo será unha das dúas eliminatorias que se van desenvolver en España este ano e que serán clasificatorias para a fase final europea. Só seis surfistas españois poderán pasar á final que se celebrará entre o 7 e o 8 de agosto en Zarautz (Euskadi) e no que tomarán parte un total de 32 deportistas procedentes de toda Europa. Nesta final europea os surfistas sub-16 deberán loitar por unha das dúas prazas que estarán en xogo para asistir á final absoluta a nivel mundial en Francia.
O BALONCESTO MASCULINO ARRINCA CUNHA VICTORIA CONTRA O SARRIA
Luns 6 de xullo do 2009
O Concello de Carballo participa nos VIII Xogos do Eixo do Atlántico, que teñen lugar entre o 5 e o 10 de xullo na cidade da Coruña cun total de 67 participantes nas modalidades de Fútbol 7 masculino, balonmán masculino, natación masculina e feminina, baloncesto masculino e baloncesto feminino. Os Xogos do Eixo do Atlántico pretenden ser un tempo de convivencia, diversión, intercambio e lecer entre miles de mozos e mozas do noroeste peninsular que estarán representando aos concellos máis poboados de toda Galicia e o norte de Portugal. A apertura destes Xogos tivo lugar o domingo 5 de xullo, na que máis de 1.800 deportistas desfilaron polas rúas da Coruña para unirse na praza de María Pita e desfrutar dunha cerimonia espectacular dirixida e executada polo grupo de teatro Els Comediants.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 6 de xullo do 2009
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar na sesión ordinaria do luns 6 de xullo a realización de varios trámites encamiñados a sacar adiante o proxecto para a creación dun Centro Social en Cances da Vila (na imaxe, vista da parroquia de Cances). O pleno ordinario de xuño sacou adiante a dotación dunha achega municipal con cargo ao remanente de tesourería para o desenvolvemento dos traballos por un importe de 64.235 euros. O proxecto é co financiado pola Deputación provincial ata chegar a un custo total de 321.177 euros e para o que xa está xustificada a dispoñibilidade dos terreos. Entre as novas xestións, a Xunta de Goberno solicita a autorización á Dirección Xeral de Patrimonio como paso previo á contratación das obras, ademais de completar a documentación do proxecto coa especificación do número de aparcadoiros que haberá dispoñibles no novo equipamento (un total de 20) ou o tipo de materiais.
RECEPCIÓN NA ALCALDÍA
Venres 3 de xullo do 2009
O programa do Verán Cultural de Carballo 2009 principia con música e exposicións. Despois da inauguración o xoves 2 de xullo da mostra 'Reflexos de Carballo', que permanece no Pazo ata o 10 de agosto, agora é o momento de principiar coa oferta musical, neste caso co Festival dúas Beiras, organizado pola asociación Casa del Uruguay El Ceibo e o Concello de Carballo. Este festival nace da motivación por amosar os diversos estilos musicais de ambas beiras do Atlántico e as influenzas culturais dos dous países como ferramenta integradora e do coñecemento mutuo. Pola beira galega está prevista a actuación das cantareiras da asociación Raigañas de Cerqueda (Malpica), mentres que por parte de Uruguai chegan La Tríada, Batería de Murga. A cita é o sábado 4 de xullo no Pazo da Cultura a partires das 21.00 horas. A entrada é de balde ata completar o aforo.
NOVAS TECNOLOXÍAS
Venres 3 de xullo do 2009
A Rede de Dinamización da Sociedade da Información continuou en xuño co seu traballo a prol da inmersión dos veciños e veciñas de Carballo nas NovasTecnoloxías. No mes que remata impartíronse un total de 5 obradoiros tecnolóxicos, a través dos que se formou a 51 persoas e que se estenderon ao longo de 40 horas. Ademais, 23 persoas inscribíronse como usuarios/as da Rede para poder aproveitar -sempre de xeito gratuíto- as instalacións do Telecentro e todas as iniciativas que a Rede oferta nas horas de aula aberta, que foi utilizada nun total de 297 ocasións. En canto aos números xerais da Rede, desde que botou a andar neste concello de Carballo en xaneiro de 2007 foron xa 648 os usuarios e usuarias que fixeron o carné da RDSI. Neste tempo leváronse a cabo 53 obradoiros nos que se formou a 459 participantes. Tamén se fixeron dúas charlas e sete iniciativas, nas que participaron 40 persoas.
CONCELLARÍA DE CULTURA
Xoves 2 de xullo do 2009
O programa do Verán Cultural de Carballo 2009 xurde coa vocación de contar cunha oferta diversa e de calidade para diferentes públicos, así como ofrecer a todos os cidadáns de Carballo e aos visitantes que se achegan ao noso municipio durante o verán a posibilidade de enriquecer o tempo de lecer nun período de carácter especialmente lúdico. Así o expresou a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, durante a presentación das actividades, que tamén serven para involucrar e dar a coñecer o traballo das principais agrupacións musicais e artísticas de Carballo. O cine, o teatro, os libros, a lingua, as exposicións e os festivais centran o programa, con citas xa tradicionais como a Praza dos Libros, o Festival Sereas e Piratas e o programa Noites de cine, ademais dos Venres Culturais.
VISITA DA CONCELLEIRA DE CULTURA
Mércores 1 de xullo do 2009
Un ano máis un nutrido grupo de carballeses e carballesas viaxarán á vila de L’Isle Jourdain, pequena capital da Gascuña tolosana, en Francia, coa que o Concello de Carballo está irmandada desde o ano 1994. Os vencellos que unen ambas as dúas vilas tradúcense cada ano en intercambios coma este. A última das visitas institucionais foi en xuño de 2008, cando o alcalde, Evencio Ferrero, se desprazou até a vila francesa acompañado por unha nutrida delegación do Comité de Irmanamento con L’Isle Jourdain (na imaxe). Nesta ocasión, na viaxe organizada polo Comité de Irmanamento, a representante do Concello de Carballo é Belén Lendoiro, concelleira de Cultura e Normalización Lingüística.
VISTO BO PARA AS BOLSAS DE ESTUDOS 2009-2010
Martes 30 de xuño do 2009
A corporación carballesa vén de celebrar unha sesión plenaria ordinaria na que sacou adiante un suplemento de crédito por un importe de 481.866,10 euros con cargo ao remanente de tesourería. Con esta cantidade está previsto financiar parte da construción dun centro social en Cances e tamén a instalación de paneis de enerxía solar na piscina Vila de Noia da capital municipal (na imaxe). O pleno da Deputación provincial vén de aprobar o acordo para poder financiar nun 80 por certo o custe destas instalacións, con cargo a un plan de investimentos en instalacións deportivas e a un plan para edificios culturais. O Goberno local sacou adiante unha operación de crédito que permite aportar as cantidades necesarias para completar o financiamento, con 37.095 euros para os paneis solares e 64.235 para o centro social de Cances, para o que xa hai terreos dispoñibles.
XUNTANZA DA MESA DE CONTRATACIÓN
Luns 29 de xuño do 2009
A mesa de contratación encargada da adxudicación do proxecto para a reforma do mercado de abastos da Praza do Concello mantivo hoxe -luns 29 de xuño- unha nova xuntanza na que se procedeu á apertura da proposta técnica presentada polos cinco estudos de arquitectura que superaron a pre selección previa, realizada tamén pola mesa de contratación. Trátase de Hermo Iglesias Veiga Arquitectos, con sede na Coruña; Grupo TAU, A Coruña; Mur & Garganté, Arquitectos Asociados, de Barcelona; Abadeus Arquitectura, da Coruña, e Eptisa Servicios de Ingeniería, de Madrid. A súa documentación será remitida a un grupo de expertos, que avaliarán as cinco propostas e redactarán un informe técnico que indicará cal delas é a máis axeitada.