SESIÓN PLENARIA ORDINARIA DO MES DE XULLO
Martes 28 de xullo do 2009
A corporación carballesa vén de sacar adiante por maioría dos seus membros a aprobación definitiva da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello. Este documento inclúe unha relación da estrutura organizativa de tódolos postos de traballo municipais -nestes momentos uns 200- e valora cada posto de traballo e qué obrigas lle corresponden a cada empregado. Despois dun longo proceso iniciado no anterior mandato, agora o documento, que conta co apoio de todas as organizacións sindicais, pasa o seu visto e prace definitivo, despois de terse resolto un total de 21 alegacións presentadas por 18 persoas. A aprobación tivo lugar na sesión plenaria ordinaria do mes de xullo celebrada o luns 27, na que tamén saíu adiante o acordo económico para a implantación da RPT.
CONCELLARÍAS DE EDUCACIÓN, BENESTAR E DEPORTE
Luns 27 de xullo do 2009
Un total de 200 nenos e nenas participan na 'XVI Escola de Verán' e na '5ª Escola de Xogo e Iniciación Deportiva para Peques' que organizan as Escolas de Balonmán Xiria, coas que colabora o Concello de Carballo. Están dirixidas para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e inclúen actividades deportivas, lúdicas e culturais que se desenvolven tanto no Pavillón Vila de Noia como no CEIP Fogar entre o 6 de xullo e o 4 de setembro. Precisamente no CEIP Fogar vén de ter lugar a presentación das escolas cos seus monitores e con todos os nenos e nenas que participan, nun acto que contou coa presenza da Concelleira de Benestar, Dores Silveira; da Concelleira de Educación, Mar Eirís; e do Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, departamentos que colaboran con estas escolas.
SESIÓN PLENARIA ORDINARIA DO MES DE XULLO
Venres 24 de xullo do 2009
A corporación celebra o luns 27 de xullo a sesión plenaria ordinaria relativa ao mes de xullo na que o principal asunto da orde do día é a aprobación definitiva da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Carballo. Despois dun longo proceso iniciado no anterior mandato, agora o documento, que conta co apoio de todas as organizacións sindicais, pasará o seu visto e prace definitivo. A RPT inclúe unha relación da estrutura organizativa de tódolos postos de traballo do Concello -nestes momentos uns 200- e valora cada posto de traballo e qué obrigas lle corresponden a cada empregado. Pretende, entre outras cousas, a "redución da precariedade laboral", "crear unha estrutura equitativa de salarios" e "orientar a capacitación profesional de cada traballador", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero.
CONCELLARÍA DE DEPORTE
Venres 24 de xullo do 2009
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, veñen de recibir na Casa do Concello ao equipo feminino cadete da Asociación Deportiva Fogar, que se proclamou o pasado 4 de xullo Campión de España de Triatlón por equipos na proba disputada na vila pontevedresa do Grove. Pasan a sumar o seu cuarto título de campionas na categoría cadete, revalidando os logros de 2005, 2006 e 2007. O Alcalde quixo entregarlles un agasallo conmemorativo e felicitalas polos seus logros deportivos, ademais de instalas a seguir traballando, especialmente coa teima de "potenciar o deporte feminino en Carballo".
CONCELLARÍA DE BENESTAR
Xoves 23 de xullo do 2009
A Concellaría de Igualdade e Benestar, a través dos Servizos Sociais do Concello de Carballo, cofinancia e colabora na iniciativa ‘Escola de Xogo e Iniciación Deportiva para Peques’, organizada pola Asociación Deportiva Xiria, o Padroado Municipal e Vieiro. Trátase dunha iniciativa lúdico deportiva dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos. As actividades englobadas na escola (deportivas e culturais, educación física de base, psicomotricidade, xogos populares, xogos na piscina, inglés, informática, manualidades, excursións ao monte ou a praia, etc.) supoñen unha forma distinta de aproveitar o tempo de lecer dos nenos nas súas vacacións escolares.
OBRAS DO FONDO ESTATAL DE INVESTIMENTO LOCAL (FEIL)
Xoves 23 de xullo do 2009
Os operarios da empresa Construcciones Alejandro Martínez e Hijos SL veñen de principiar os traballos para a urbanización das rúas Saúde, Vitoria e Cinceiro da capital municipal carballesa, un proxecto incluído no Fondo Estatal de Investimento Local (FEIL). Mentres que o mércores a empresa realizou o traslado de materiais e instalou a caseta de obra, o xoves 23 o corte ao tráfico rodado na rúa Saúde (entre a rúa Cinceiro e a Luis Calvo) marca o principio das melloras. A actuación conta cun orzamento de 227.710 euros e cun prazo de execución de catro meses. Durante este tempo, os cortes de tráfico iranse alternando entre estas tres rúas dependendo do desenvolvemento das obras.
SÁBADO 25 DE XULLO A PARTIRES DAS 21.30 HORAS
Mércores 22 de xullo do 2009
A praia de Razo acolle o sábado 25 de xullo a IV edición do Festival Sereas e Piratas, unha cita para a música indie-pop tanto en Galicia como "incluso de fóra", sendo "un festival pequeno que se foi convertendo nalgo máis grande", en verbas de José Antonio Deus, presidente da Asociación Cultural Rebeldía, organizadora da cita xunto co Concello de Carballo. A partires das 21.30 horas catro importantes grupos do panorama musical galego e tamén nacional encherán o escenario. Trátase de Los Justicieros, dende Malpica; Holywater, dende Lugo; ou os tamén galegos Disco Las Palmeras! e Igloo, sendo esta última agrupación unha das maiores atraccións desta cita musical, que rematará cunha sesión de dj que conta coa presenza do carballés Fran Rives.
O MÉRCORES 22, O VENRES 24 E O SÁBADO 25 DE XULLO
Martes 21 de xullo do 2009
O mércores 22 de xullo continúa a programación do Verán Cultural 2009 coa segunda das propostas incluídas no proxecto 'Las Huellas de la Barraca: 400 años del arte nuevo de hacer comedias de Lope De Vega'. Nesta ocasión, serán os actores e actrices da Universidade de Alacante, os que representen unha comedia do dramaturgo Lope de Vega, chamada 'Quien todo lo quiere: comedia famosa'. Este espectáculo está organizado pola Sociedade Estatal de Conmemoraciones Culturales e comeza ás 21.30 horas na Praza do Concello. Se a previsión meteorolóxica para o mércores pola tarde é de choiva, a representación terá lugar no Auditorio do Pazo da Cultura.
FORMACIÓN E EMPREGO
Luns 20 de xullo do 2009
A Deputación da Coruña seleccionou ao Concello de Carballo para ser a sede dun curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes no Domicilio que conta con 18 alumnas desempregadas da comarca de Bergantiños e Arteixo pertencentes aos sectores con maior taxa de desemprego. Este curso enmárcase no proxecto Rede Xiana (Xestión Integral, Accesibilidade, Novas Tecnoloxías e Adaptabilidade non mercado laboral galego) promovido pola Deputación da Coruña e enmarcado nas axudas do Fondo Social Europeo durante o período 2007-2013. Hoxe vén de arrincar a actividade, que foi inaugurada pola Concelleira de Formación, María Manso; polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e pola deputada provincial Pilar Souto.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 20 de xullo do 2009
A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria do 20 de xullo, vén de aprobar o expediente de contratación do proxecto para mellorar a travesía de Malpica da capital municipal (na imaxe). A través dun convenio asinado co Concello de Carballo, a Consellería de Infraestruturas financiará cunha achega de 907.000 euros as obras de acondicionamento e mellora da seguridade viaria do treito da estrada autonómica AC-416 (entre os puntos quilométricos 0 e 1,360) ao seu paso polo núcleo urbano de Carballo, mentres que o Concello aporta 240.000 euros, chegando o importe total da actuación a 1.150.000 euros. Así mesmo, recibiu o visto bo o expediente de contratación para a 'Reparación completa do firme da prolongación da avenida de Bergantiños' da capital municipal. Neste último caso, o orzamento de contrata chega a preto de 130.000 euros.
VERÁN CULTURAL 2009
Venres 17 de xullo do 2009
O venres 17 de xullo ás 20.00 horas o Xardín Municipal acolle o espectáculo 'Varietés' a cargo da compañía Títeres Seisdedos, que presenta unha proposta na que estarán presentes un equilibrista, unha médium, un trapecista, unha cupletista e, por suposto, a cabra malabarista. Os monicreques ofrecen unha pequena homenaxe aos artistas de rúa, cunha posta en escea con dous actores manipuladores que presentan números de carácter circense e cabaretero. Trátase dunha aposta para os máis cativos e cativas incluída dentro da programación do Verán Cultural 2009. Este actuación conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo e está dentro das actividades de Cultura Vai Verán 2009.
CENTRO DE FORMACIÓN
Venres 17 de xullo do 2009
A Deputación da Coruña seleccionou ao Concello de Carballo para acoller e impartir un curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes no Domicilio que contará con 18 alumnas desempregadas da Comarca de Bergantiños e Arteixo pertencentes aos sectores con maior taxa de desemprego. Este curso enmárcase no proxecto da Rede Xiana (Xestión Integral, Accesibilidade, Novas Tecnoloxías e Adaptabilidade non mercado laboral galego)promovido pola Deputación da Coruña e enmarcado na covocatoria 2007 de Axudas do Fondo Social Europeo durante o período de intervención 2007-2013 a través do Ministerio de Admnistracións Públicas.