ÉXITO DA I XORNADA DO DEPORTE E TURISMO SEN BARREIRAS
Venres 7 de agosto do 2009
O Pazo da Cultura de Carballo vén de acoller o mércores 5 de agosto a 'I Xornada Galega do Deporte e Turismo sen Barreiras', unha cita na que se reflexionou sobre o mundo da discapacidade e o dereito de acceso en igualdade das persoas ao deporte, ao lecer e ao turismo. No desenvolvemento da Xornada, os asistentes recoñeceron que son precisos os investimentos para facilitar a normalización do acceso a diversas instalacións para as persoas con discapacidade, tanto na súa condición de persoa como na de deportista. Tamén se falou de fomentar a inclusión de todas as persoas na sociedade, e no caso do deporte, esixen que se fale de deportistas non de discapacitados.
VENRES 7 DE AGOSTO NO XARDÍN E NA PRAZA DO CONCELLO
Xoves 6 de agosto do 2009
O venres 7 de agosto continúa a programación do Verán Cultural 2009 con dúas actividades destinadas tanto a público infantil como adulto. O Xardín Municipal e a Praza do Concello son os escenarios onde a compañía Elefante Elegante e o grupo folk Ophiusa, respectivamente, ofrecerán espectáculos moi diversos ante o público carballés. Ás 20.00 horas é a quenda de Elefante Elegante, que presenta 'Tristán cara de can' un espectáculo onde as palabras transfórmanse en xestos nunha comedia visual e xestual dirixida ao público familiar. E ás 22.30 horas o grupo folk Ophiusa presenta o seu último traballo 'Paos', unha nova proposta que xorde a partires da música tradicional galega.
CARBALLO REXISTROU UN 20 POR CENTO DE NOVOS DOADORES
Mércores 5 de agosto do 2009
A campaña 'Este verán salva vidas. Comparte saúde. Doa Sangue', promovida o luns 3 e o martes 4 de agosto no municipio coruñés de Carballo polo Centro de Transfusión de Galicia (CTG), Protección Civil e o Concello, acadou un excelente índice de participación, chegando a un total de 119 doazóns de sangue, das que o 20 por cento (24 doazóns) correspondíanse con cidadáns que efectuaban a súa primeira doazón de sangue. A iniciativa consistiu na distribución de información sobre a doazón de sangue nos domicilios dos veciños e veciñas de Carballo por parte da corporación municipal e de Protección Civil de Carballo, que tamén promoveu a iniciativa nas praias do municipio.
O ALCALDE ABRIU A ACTIVIDADE NO PAZO DA CULTURA
Mércores 5 de agosto do 2009
O Pazo da Cultura de Carballo vén de acoller o 5 de agosto a 'I Xornada Galega do Deporte e Turismo Sen Barreiras', unha cita que naceu coa arela de divulgar os dereitos de todos os cidadáns en igualdade de oportunidades, especialmente no que respecta ao deporte e ao tempo de lecer. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, expresou no acto inaugural o compromiso do Concello coa accesibilidade e desexou que a xornada non sexa só "un panexírico do bo que queremos facer no futuro, senón unha xornada de reflexión e de avance na eliminación de barreiras". Entre as 10.30 e as 14.00 horas o Pazo da Cultura acolleu dúas conferencias e dúas táboas redondas coa participación de entidades como Íntegro, Aspaber, a Red Española de Turismo Accesible (Redestable), ou o Centro de Deporte Adaptado de La Molina, patrocinado pola Fundación Cruyff.
A EMPRESA É A CORUÑESA ABADEUS ARQUITECTURA SLP
Luns 3 de agosto do 2009
A Xunta de Goberno Local reunida o luns 3 de agosto en sesión ordinaria vén de acordar a adxudicación definitiva do contrato de servizos para a 'Redacción do proxecto básico e de execución da obra Remodelación do mercado municipal do Concello de Carballo'. O importe da actuación é de 93.960 euros e a empresa encargada de afrontar este traballo é Abadeus Arquitectura SLP, que conta con domicilio social na Coruña. No seu momento, na mesa de contratación, Abadeus recibiu a máxima puntuación despois de ser avaliada e de terse elaborado un informe por parte dun grupo de expertos. O prazo de execución previsto para a redacción do proxecto é de 58 días naturais contados a partires da notificación do acordo de adxudicación do contrato.
SÁBADOS E DOMINGOS ENTRE O 8 E O 30 DE AGOSTO
Sábado 1 de agosto do 2009
Un total de 16 locais de hostalería da capital municipal participan na I Ruta do Pincho de Verán do Concello de Carballo, unha iniciativa que terá lugar durante as fins de semana entre o 8 e o 30 de agosto e que forma parte da promoción dos Feiróns de Tempada. Os establecementos que colaboran coa iniciativa ofrecerán os sábados e domingos de 12.00 a 14.00 horas e de 20.00 a 22.00 pinchos de balde coas consumicións.
NOVAS TECNOLOXÍAS: RDSI
Venres 31 de xullo do 2009
A Rede de Dinamización da Sociedade da Información (que ten a súa sede en Carballo no Telecentro do Pazo da Cultura) impartiu durante o mes de xullo un total de 4 obradoiros tecnolóxicos, a través dos que se formou a 45 persoas e que se estenderon ao longo de 33 horas. Os obradoiros impartidos este mes foron 'Correo electrónico' e 'Procesador de textos: Writer'. Cabe tamén destacar outros levados a cabo como 'Aprende xogando' e 'Facebook', que poñen de manifesto a grande diversidade formativa que oferta a Rede. Asemade, 23 persoas inscribíronse como novos usuarios e usuarias da Rede para poder aproveitar -sempre de xeito gratuíto- as instalacións e todas as iniciativas que esta oferta nas horas de aula aberta, que foi utilizada nun total de 447 ocasións.
VERÁN CULTURAL: VENRES 31 DE XULLO
Venres 31 de xullo do 2009
O programa do Verán Cultural 2009 prosegue en Carballo o venres 31 de xullo co espectáculo 'A maxia da Santa Compaña' a cargo do Mago Teto, onde a maxia máis sorprendente mestúrase coa cultura e coa tradición galega. Nun encontro coa Santa Compaña na Costa da Morte, esta entrégalle ao mago parte dos seus poderes e o Libro da Sabedoría cheo de maxia e conxuros. Música en vivo, teatro, danza, zancudos, adiviñacións, escapismos e demais fenómenos extraordinarios concéntranse nesta orixinal aposta, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña e que principia ás 22.30 horas na Praza do Concello.
MÉRCORES 5 DE AGOSTO NO PAZO DA CULTURA
Venres 31 de xullo do 2009
O Concello de Carballo vén de presentar a 'I Xornada Galega do Deporte e Turismo Sen Barreiras' que se celebrará o vindeiro mércores 5 de agosto. Trátase dunha aposta do goberno local pola accesibilidade fomentando "que todo o mundo teña unha oportunidade para facer o deporte que lle gusta en igualdade de condicións" e ofrecer "igualdade de oportunidades para facer máis proveitoso o tempo de lecer", segundo subliñaron o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, durante a presentación da cita. A 'I Xornada Galega do Deporte e Turismo Sen Barreiras' terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo entre as 10.00 e as 13.30 horas e contará coa presenza de representantes de varias asociacións de deporte adaptado e de deportistas de diversas especialidades.
CONCELLARÍA DE DEPORTE
Xoves 30 de xullo do 2009
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, veñen de recibir no salón de plenos da Casa do Concello aos 30 integrantes do equipo do club Salvamento y Socorrismo Carballo (Sysca) que se proclamou campión galego en categorías infantil, alevín e cadete na competición celebrada en Marín. Ferrero felicitou aos nenos e nenas que participaron no campionato pola súa boa tempada e trasladoulles as felicitacións de todos os carballeses e carballesas pola súa actuación. Tamén recibiron un agasallo conmemorativo e foron felicitados persoalmente tanto por Trigo como por Ferrero
OS CARBALLESES E CARBALLESAS REALIZARON 1.162 DOAZÓNS EN 2008
Mércores 29 de xullo do 2009
O Concello de Carballo, Protección Civil e o Centro de Transfusión de Galicia (CTG), impulsan unha iniciativa que ten como obxectivo promover a participación dos veciños e veciñas nas campañas de doazón de sangue e, deste xeito, garantir o axeitado desenvolvemento do labor asistencial nos centros sanitarios galegos, que precisarán ao redor de 44.000 doazóns de sangue nos meses de verán para cubrir todas as necesidades dos pacientes, especialmente polo incremento no número de accidentes. As persoas que desexen participar poden acudir á unidade móbil do CTG que estará situada na Praza do Concello de Carballo o luns 3 e o martes 4 de agosto en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.
CONCELLARÍA DE CULTURA E NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Martes 28 de xullo do 2009
O V Curso de verán 'Traballando en lingua, do compromiso individual aos argumentos', organizado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña en colaboración coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e o Concello de Carballo, que tivo lugar entre o 15 e o 17 de xullo vén de facer públicas as súas conclusións. Entre elas, hai que subliñar que 'cómpre dotar os discursos sobre a lingua de novos argumentos, imaxinativos, modernos, claros, rigorosos, integradores, coherentes, firmes e conciliadores' e que 'é preciso elaborarmos un abano de argumentarios dirixidos aos diversos grupos sociolingüísticos existentes na complexa realidade galega'.