CONTOS PARA FALAR
Luns 5 de outubro do 2009
O salón de actos do Pazo da Cultura de Carballo acolle as mañás do luns 5 e o martes 6 de outubro 'Contos para falar’, unha actividade de dinamización lingüística na que, a través dunha montaxe narrativa musical, nenos e nenas emprenden unha viaxe lúdica coa lingua e a comunicación como protagonistas. O obxectivo destas actividades é que os máis pequenos e pequenas relacionen o uso da lingua galega na lectura e na comunicación oral con actividades positivas, participativas e agradables para que, deste xeito, tamén desenvolvan actitudes positivas respecto da lingua propia dende o punto de vista afectivo e funcional.
FIOT: DO 7 DE OUTUBRO AO 1 DE NOVEMBRO
Luns 5 de outubro do 2009
Un total de 49 actores, 18 contacontos, 10 obras de sala no auditorio do Pazo da Cultura e 6 estreas, unha delas estrea en España, conforman o programa do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT '09). A cita chega nesta XVIII edición á súa maioría de idade cos obxectivos de "manter a traxectoria e calidade" e "achegarse máis ao público", en verbas do presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro. A organización quixo subliñar a dificultade de pechar o programa "nun entorno de crise ao que o festival non podía quedar inmune". Aínda así, o Alcalde, Evencio Ferrero, resaltou a vontade de que "é unha programación para desfrutar e para que nos encha de ánimos en momentos de necesidade". O festival aposta de novo polos seus sinais de identidade, como son a Rúa dos Contos -que duplica a súa presenza- o Festival de Teatro Lido e o premio Xograr de Outono, sen esquecer a calidade do teatro de sala.
XOVES 1 E VENRES 2 DE OUTUBRO
Xoves 1 de outubro do 2009
O Pazo da Cultura concentra o xoves 1 e o venres 2 de outubro tres ofertas culturais ben distintas centradas no teatro, na música e na literatura. O xoves é a quenda da presentación do XVIII Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT '09), que inclúe a actuación do humorista Xosé Touriñán. Tamén o xoves chega a música da man do XX Festival Internacional de Música de Pulso e Púa 'Cidade de Cristal', cun concerto a cargo dunha importante agrupación rusa, Izumrud-Grupo Esmeralda, do Teatro da Comedia Musical de Ekaterimburgo. E, por último, o venres regresa o programa Literactúa, desta volta coa presentación e proxección de 'Na bágoa da marea', un miniepisodio dedicado a Carballo da serie de internet 'Para mariñeiros nós'.
MODIFICACIÓN DO HORARIO DA AULA ABERTA
Martes 29 de setembro do 2009
A Rede de Dinamización da Sociedade da Información (RDSI), en colaboración co Concello de Carballo, anuncia máis actividades de achegamento ás novas tecnoloxías que terán lugar no Telecentro do Pazo da Cultura (na imaxe) durante o mes de outubro. Os obradoiros que se van desenvolver tratan sobre 'Iniciación á Informática', 'Iniciación á Internet', 'Creación dunha conta correo electrónico', 'Elaboración do currículo co ordenador' e 'Procura de emprego en Internet'. Por outra banda, a RDSI informa do cambio de horario da aula aberta do Telecentro, que terá lugar o xoves 1 de outubro. Así, pasará a ser: de luns a venres de 10.30 ás 14.00 horas e de luns a xoves de 16.30 a 20.30 horas.
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO 2009
Martes 29 de setembro do 2009
A organización do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT '09) volve apostar polo teatro de rúa coa XI edición da Rúa dos Contos, unha actividade que xa se ten convertido nun festival máis dentro do FIOT. Nesta quenda incluiranse moitos e divertidos espectáculos de pequeno formato que terán lugar en diferentes locais de Carballo como: A Cabaña, Pub Silfo, Café Valle Inclán, Café Colón, A Reserva, Pub A Tentación, O Patacón, Cósmic, Bodegón O Pescador e Cervecería A Bombonera. Desde o xoves 7 e ata o domingo 11 de outubro, entre as 21.00 e 01.00 horas, poderemos asistir aos espectáculos de David Amor, Avelino González (na imaxe), Celso Fernández, Toñito de Poi e Cándido Pazó, entre outros.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Martes 29 de setembro do 2009
A Xunta de Goberno Local, reunida o luns 28 de setembro, acordou a adxudicación definitiva do contrato de obra para a 'Transformación da rede unitaria do polígono de Bértoa en separativa de fecais e pluviais', un paso máis nos traballos de urbanización do parque empresarial (na imaxe) que se están desenvolvendo nestes momentos e que transformarán o polígono nunha área industrial de preto de dous millóns de metros cadrados. A empresa encargada de desenvolver a actuación será Excavaciones y Obras Públicas Galicia SL, por un orzamento de 178.950 euros. O prazo de execución é de 60 días a contar dende o día seguinte á sinatura da acta de replantexamento.
APROBADO O PROXECTO PARA A TRAVESÍA DE SÍSAMO
Martes 29 de setembro do 2009
A sesión plenaria ordinaria do mes de setembro celebrada o luns 28 serviu para sacar adiante a aprobación da ampliación da zona azul, nunha cuarta fase, na capital municipal carballesa. Esta medida afecta á rúa Rosalía de Castro, con 44 prazas de estacionamento; a parte da rúa Sol, dende a glorieta até a ponte, con 14 prazas máis; á praza da Milagrosa, con 20 prazas de aparcamento; e ao primeiro tramo da rúa Miño, con 14 novas prazas de zona azul. Trátase dun total de 92 novos espazos para eliminar os vehículos ventosa do centro urbano carballés limitando o tempo de estacionamento a un máximo de 90 minutos.
O 1 DE OUTUBRO É A PRESENTACIÓN OFICIAL DO FESTIVAL
Luns 28 de setembro do 2009
A XVIII edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT '09) será presentada o xoves 1 de outubro ás 20.00 horas no salón de actos do segundo andar do Pazo da Cultura. Nesta cita expoñerase o programa completo de actividades que integran o festival, no que a presenza internacional cobra especial relevancia, xa que poderemos desfrutar de propostas teatrais arriscadas e interesantes tanto pola temática utilizada como polas montaxes. Serán un total de dez representacións de sala a cargo de compañías de Galicia, Madrid, Castilla-León, Portugal, Arxentina e Chile.
ENTRE O 1 DE OUTUBRO E O 11 DE NOVEMBRO
Luns 28 de setembro do 2009
O Concello de Carballo, a través dunha subvención da Consellería de Medio Ambiente, desenvolve un ano máis un programa de actividades destinadas a formar e informar á cidadanía en educación e participación para un medio ambiente sostible. Está prevista a celebración de obradoiros de sensibilización, accións formativas, circuítos científicos de actividades experimentais e foros de participación. Trátase de actividades dirixidas especialmente a técnicos do Concello, ao tecido asociativo de carácter económico e profesional e ao tecido asociativo cidadán, facendo especial fincapé no urbanismo sustentable e no transporte e a mobilidade. Desenvolveranse no Pazo da Cultura entre o 1 de outubro e o 11 de novembro. Hai que subliñar, así mesmo, que o Concello de Carballo recibiu a puntuación máis alta de toda Galicia na convocatoria da subvención.
PROXECTO RÍOS: DOMINGO 27 DE SETEMBRO
Venres 25 de setembro do 2009
A asociación ecoloxista Adega, despois do éxito da primeira xornada de limpeza simultánea en ríos desenvolvida o ano pasado, repite a experiencia o domingo 27 de setembro coa participación dun total de 22 municipios. Entre eles, atópase o Concello de Carballo, que colabora cedendo o material necesario para eliminar e tratar os residuos que se atopen na ribeira do río Anllóns, onde se desenvolverá a actividade. A limpeza comeza sobre as 11.00 horas e realizarase no treito que transcorre entre a estación de autobuses e o Muíño do Quinto. Os interesados e interesadas en participar nesta cita poden poñerse en contacto co responsable de Adega en Carballo, Xosé Dubra, no número de teléfono 679 16 76 63.
MÁIS DE 90 NOVAS PRAZAS DE ZONA AZUL PARA O CASCO URBANO
Venres 25 de setembro do 2009
A corporación carballesa celebra unha sesión plenaria ordinaria o luns 28 de setembro na que un dos principais asuntos da orde do día é a aprobación do proxecto de 'Urbanización da DP-1901 Carballo-Sísamo (Fase I)'. Este treito abrangue dende o punto quilométrico 0,000, situado no cruce coa avenida de Malpica, até o 0,730. A Deputación provincial, titular desta estrada, asume de xeito íntegro o importe dos traballos, que contan cun orzamento previsto de 597.398,55 euros. O Concello cede os terreos necesarios para realizar as obras, mentres que o organismo provincial asume a execución da actuación. A aprobación do proxecto no pleno é o primeiro paso para iniciar o proceso de contratación.
COMISIÓN ESPECIAL DE SEGURIDADE DE CARBALLO
Xoves 24 de setembro do 2009
A Comisión Especial de Seguridade do Concello de Carballo, que preside o Alcalde, Evencio Ferrero, vén de concluír nunha xuntanza celebrada o 23 de setembro que as infraccións penais teñen baixado notablemente entre xaneiro e setembro de 2009. En concreto, un 17,69 por cento respecto do mesmo período do ano anterior. O Concelleiro de Seguridade, Benedito Viña, subliña que se trata dunha "evolución positiva", xa que os datos "manteñen unha liña descendente nos últimos anos". Poren, asegura que "esto non significa que haxa que estar completamente satisfeito" coas estatísticas e chama á Garda Civil e á Policía Local a que sigan coordinando os seus esforzos.