A ENTREGA DO PREMIO TERÁ LUGAR O 24 DE OUTUBRO
Xoves 15 de outubro do 2009
O Festival Internacional Outono de Teatro, FIOT '09, decidiu outorgar o galardón do Xograr de Outono 2009 ao autor, director de escea, narrador oral e actor: Cándido Pazó. A decisión da concesión deste galardón foi adoptada pola a Asociación Cultural Telón e Aparte xunto cos anteriores Xograres do Outono, Celso Parada, Artur Trillo, Vítor Mosqueira, Quico Cadaval e Dorotea Bárcena, que elixiron ao novo premiado polo súa rica traxectoria profesional e a súa implicación no teatro galego. Ademais, ao longo das 18 edicións do FIOT, ten participado en numerosas ocasións na actividade da Rúa dos Contos, e en teatro de sala como director de escea e autor. A entrega do premio terá lugar o 24 de outubro nos momentos previos á representación de 'Kvetch' da compañía Teatro do Morcego no auditorio do Pazo da Cultura.
A ACTIVIDADE TERÁ LUGAR NA NAVE 4 DO PROXECTO FÓRUM
Xoves 15 de outubro do 2009
A Deputación da Coruña, os concellos de Carballo e Boiro e a Asociación de Hostaleiros de Ferrol colaboran para poder implantar un módulo formativo de hostalería non regrada no complexo da Casa dos Oficios da Milagrosa, incluído no proxecto Fórum Carballo. Nesta actuación colabora o organismo provincial a través dun convenio que destina un total de 700.000 euros para a construción das naves do recinto, incluída a nave 4 onde está prevista a implantación do novo módulo. O vicepresidente provincial, Pablo Villamar, subliña que a formación é unha das demandas principais do sector turístico na Costa da Morte, así como no Barbanza, para incrementar a calidade do servizo. O Alcalde, Evencio Ferrero, resaltou a importancia de "favorecer a cualificación dos hostaleiros" e de seguir avanzando nesta liña estratéxica.
ORDENANZA DE SEGURIDADE, SALUBRIDADE E HIXIENE
Mércores 14 de outubro do 2009
O Concello de Carballo informa de que emprende unha campaña para acadar a limpeza dos solares baleiros situados no casco urbano municipal. Así, segundo a ordenanza de Seguridade, Hixiene e Limpeza de Parcelas e Solares, os propietarios teñen a obriga de manter os seus solares limpos e libres de residuos, evitando o crecemento incontrolado de maleza e outros vexetais que afecten ás parcelas colindantes, e que en ningún caso poderán invadir as vías públicas. Con esta campaña, a administración local inicia unha inspección dos solares e parcelas para detectar aqueles que non cumpren coa normativa.
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO 2009
Martes 13 de outubro do 2009
Remata a primeira e longa fin de semana da edición que supón a maioría de idade do FIOT cun grande éxito de público. O letreiro de 'todo vendido’ colgouse nas sesións do domingo e do luns, a XI Rúa dos Contos encheu os principais bares, pubs e tascas do centro da vila e os aplausos acompañaron as apostas da organización. Os espectáculos de sala e o teatro de rúa conviviron nunha perfecta simbiose nunha fin de semana intensa, que principiou o mércores 7 co monólogo de David Amor e rematou o luns 12 pola noite coa Compañía Cuarta Pared e o seu espectáculo 'Siempre fiesta' (na imaxe).
ACORDO PARA A PREVENCIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS
Martes 13 de outubro do 2009
A Xunta de Goberno Local, reunida o martes 13 de outubro en sesión extraordinaria, vén de sacar adiante un convenio que regula a cesión dos terreos necesarios, por parte dos veciños e veciñas, para permitir a construción dun Centro Social en Cances. O futuro edificio estará situado na zona do Campo da Feira desta parroquia. Hai que lembrar que este novo equipamento poderá edificarse a través dun acordo coa Deputación da Coruña, que destinará un total de 256.942, 31 euros para financiar as obras. A achega provincial supón o 80 por cento do orzamento global do proxecto, que ascende a 321.178 euros. O obxectivo é que o novo centro social entre en funcionamento no curso 2010-2011.
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO
Venres 9 de outubro do 2009
Tres estreas chegadas dende Madrid e Lisboa caracterizan a primeira fin de semana dos espectáculos de sala no Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT '09). A ponte do Pilar propicia a representación de funcións durante tres días. Unha rolda que principia o sábado 10 de outubro coa portuguesa Companhía do Chapitô e unha estrea en España, a shakespeariana 'A tempestade'; que continúa o domingo 11 cos madrileños Ron Lalá e o espectáculo 'Mundo y final' (na imaxe), estrea en Galicia; e que remata o domingo cunha compañía madrileña con máis de 20 anos nos escenarios, Cuarta Pared, e a súa obra 'Siempre fiesta', tamén unha estrea en Galicia. Tres apostas moi diferentes que abordan a arte da comedia dende diferentes perspectivas.
OBRAS E SERVIZOS
Venres 9 de outubro do 2009
Entre o 1 de xaneiro e o 9 de outubro de 2009 o Concello, a través da Alcaldía, ten recibido un total de 1.000 avisos de veciños e veciñas para realizar servizos de mantemento e arranxos en todo o territorio municipal. A Brigada de Obras é a encargada de xestionar estas peticións dos cidadáns, que nun 45 por cento (460 avisos) refírense a substitucións e reparacións no alumeado público, especialmente nas parroquias. Outras das peticións refírense aos sinais de tráfico e carteis indicadores; a servizos de auga, luz, saneamento ou teléfono; a avisos xestionados a través de Carballo Limpo; aos equipamentos e mobiliario dos edificios municipais; á limpeza de espazos públicos ou á mellora da rede viaria do Concello.
12 DE OUTUBRO: UN TOTAL DE 102 INSCRITOS
Venres 9 de outubro do 2009
O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o luns 12 de Outubro a disputa do VII Motocross Concello de Carballo, unha proba do Campionato Galego na que están inscritos un total de 102 pilotos, acadándose o número de participantes máis elevado de toda a tempada de 2009. As categorías son de 65, 85,125, 250 e 450 e hai que subliñar a alta competitividade das carreiras, xa que aínda non está decidido ningún dos campionatos. Trátase da primeira proba de Motocross que se corre no Circuíto de Bértoa dende a súa reapertura, o 18 de xullo de 2009, e da terceira proba de motor a nivel galego. Os adestramentos serán a partires das 11.00 horas, e até as 13.30 horas, mentres que as carreiras serán pola tarde, a partir das 15.30 horas.
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO
Mércores 7 de outubro do 2009
O mércores 7 de outubro principia o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT '09) cunha das actividades paralelas máis consolidadas do FIOT: a Rúa dos Contos, na que se poderá desfrutar de doce espectáculos teatrais de pequeno formato en cafeterías e pubs do centro urbano carballés. Esta edición número XI da Rúa dos Contos desenvolverase durante cinco noites, desde o mércores 7 ata domingo 11 de outubro, e a entrada a estes espectáculos é libre e gratuíta. O encargado de levantar o pano tanto do FIOT como da Rúa dos Contos é o monologuista David Amor, que estará a partires das 22.00 horas na Cervecería La Bombonera co seu espectáculo 'No censure'.
O PACTO DO EMPREGO ASINARÁ UN CONVENIO DE COLABORACIÓN
Mércores 7 de outubro do 2009
O Concello de Carballo está establecendo xuntanzas e mantendo contactos con outros municipios da comarca e con representantes do Pacto Territorial de Emprego da Costa da Morte para acadar a sinatura dun convenio co Ministerio de Industria que permita impulsar dende o territorio a presentación de proxectos empresariais xeradores de actividade económica e emprego. A última reunión foi o martes 6 de outubro, e nela estiveron presentes o deputado Xavier Carro; o Alcalde de Malpica, Ramón Varela; o Concelleiro de Obras de Carballo, Luís Lamas; o Tenente de Alcalde carballés, José Antonio Viña; e o Alcalde, Evencio Ferrero, que falaron das próximas actuacións e da natureza das axudas, dirixidas a concellos e empresarios.
12 DE OUTUBRO: NOS PAVILLÓNS VILA DE NOIA E CARBALLO CALERO
Mércores 7 de outubro do 2009
O próximo 12 de outubro Carballo acolle unha vez máis o Torneo de Basket das Festas do Pilar, que chega á súa quinta edición e que xa se ten convertido nunha cita deportiva tradicional no calendario do Concello. Esta xornada de baloncesto divídese no Torneo de Minibasket, que se celebra no pavillón Carballo Calero e que conta coa participación da Escola Basket Xiria, o Colexio Artai, o ACB Costa da Morte, o Basquet Coruña Atlántico e o CB Cambre; e no Torneo de Seleccións, no pavillón Vila de Noia e coa participación da Selección Galega Cadete Masculina, a Selección Galega Infantil Masculina o Basquet Coruña Atlántico, a Escola Basket Xiria e o Colexio Artai.
HABERÁ SERVIZO DE CANGURAXE PARA OS VECIÑOS E VECIÑAS
Martes 6 de outubro do 2009
O mércores 7 de outubro principian os obradoiros destinados a formar e informar á cidadanía en educación e participación para preservar o medio ambiente incluídos no programa de actividades 'De ti depende. Carballo sostible'. Este ciclo -que dura até o 11 de novembro- arrinca a partires das 13.00 horas cunha sesión destinada aos técnicos e técnicas do Concello, mentres que ás 20.30, e até as 22.00 horas, será o obradoiro aberto para os veciños e veciñas. A cita é no segundo andar do Pazo da Cultura e a organización informa de que, para favorecer a conciliación familiar, haberá un servizo de canguraxe para facilitar a participación dos cidadáns. Os nenos e nenas recibirán un obradoiro medioambiental na planta baixa mentres ten lugar a sesión para adultos.