SINATURA DUN CONVENIO DE COLABORACIÓN EN MADRID
Venres 30 de outubro do 2009
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de asistir hoxe en Madrid á sinatura dun convenio de colaboración entre o Pacto do Emprego da Costa da Morte e o Ministerio de Industria para xestionar unha serie de axudas dirixidas a empresarios e emprendedores e destinadas a impulsar dende o territorio a presentación de proxectos xeradores de actividade económica e emprego. No acto de sinatura tamén estivo o presidente do Pacto do Emprego, o Alcalde de Muxía, Félix Porto. O Concello quere subliñar as condicións destas axudas, especialmente vantaxosas, xa que ofrecen cretos ao 0 por cento de tipo de xuro e cun período de amortización de 15 anos, sendo os primeiros 5 de carencia.
O CONCELLO ESPERA ABRILA AO TRÁFICO CANTO ANTES
Venres 30 de outubro do 2009
Os traballos de humanización e peonalización da rúa Desiderio Varela da capital municipal carballesa están a piques de finalizar. Nos últimos días retiráronse as máquinas e o Concello espera poder abrir a rúa ao tráfico o antes posible. Ante esta circunstancia, representantes do Concello, -entre os que se atopaban o Alcalde, Evencio Ferrero, o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, o Concelleiro de Tráfico, Benedito Viña ou o Sarxento da Policía Local, Constantino Vázquez- mantiveron o xoves 29 de outubro a última hora da tarde unha xuntanza cos comerciantes desta rúa para acordar as súas condicións de peonalización ou semipeonalización. Finalmente, e co consenso dos presentes, decidiuse que a rúa será semipeonil, mantendo os mesmos horarios para a circulación do tráfico rodado da rúa Coruña.
PUNTO LIMPO MÓBIL O PRIMEIRO MARTES DE MES
Venres 30 de outubro do 2009
O Concello de Carballo lembra aos veciños e veciñas que o depósito de lixo como mobles, colchóns, electrodomésticos ou outro tipo de voluminosos na rúa ou nun dos colectores para recollida domiciliaria -de orgánicos, vidro, de envases ou papel- pode implicar unha sanción de ata 500 euros, segundo se recolle na Ordenanza de Limpeza. De feito, neste momento estanse estudando algúns casos que, por reiterativos, serán obxecto de sanción. Os cidadáns que queiran desfacerse deste tipo de residuos deben facelo unicamente no Punto Limpo ou a través do Punto Limpo Móbil. Este último, funciona o primeiro martes de cada mes, polo que estará dispoñible o próximo martes 3 de novembro.
O DOMINGO 1 DE NOVEMBRO É O ÚLTIMO PERCORRIDO
Xoves 29 de outubro do 2009
O programa de sendeirismo 'Pasiño a pasiño' chega ao seu remate esta fin de semana despois de ter desenvolvido un total de sete rutas ao longo de todo o ano 2009, a falta da última, que fai a oitava. Durante este tempo, sen ter en conta a xente que participará no último dos percorridos, un total de 550 persoas teñen saído a facer sendeirismo por terras de Carballo, Bergantiños e a Costa da Morte. O domingo 1 de novembro a partires das 9.00 horas será o momento do peche, cunha ruta que camiñará polo litoral de Camariñas, dende Cabo Vilán cara ao sur. A hora de volta está prevista para as 14.00 horas e os interesados e interesadas poden confirmar a súa asistencia até o venres 30 de outubro nas oficinas do Padroado Deportivo Municipal.
INICIACIÓN Á INFORMÁTICA E Á INTERNET
Mércores 28 de outubro do 2009
A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, en colaboración co Concello de Carballo, anuncia máis actividades de achegamento ás novas tecnoloxías que terán lugar no mes de novembro no Telecentro de comunicación situado no primeiro andar do Pazo da Cultura. Trátase dun total de catro obradoiros, un de búsqueda de emprego por Internet, e outros tres dirixidos a maiores, relacionados coa iniciación á informática e ao uso de Internet e as novas tecnoloxías. Asemade, está prevista a realización da charla 'Solicitude de cita previa para o médico e a ITV', que terá lugar o día 13 de novembro, ás 10.30 horas no Telecentro, e que consistirá en expoñer información sobre este proxecto.
CONVERSA O XOVES 29 CON TEATRO DEL NOROESTE
Mércores 28 de outubro do 2009
O Festival Internacional Outono de Teatro, FIOT '09, chega á última etapa do seu percorrido apostando por unha programación intensa durante toda a fin de semana, na que haberá espectáculos moi distintos con compañías de dentro e de fora de Galicia. Poren, as actividades comezan xa o xoves 29, con 'Café con...'. Trátase dun encontro informal con tres actores da compañía galega Teatro do Noroeste, entre eles estará a actriz Luma Gómez. No encontro, facilitarán unha relación próxima coa compañía e tamén a posibilidade de achegarnos ao proceso de creación do espectáculo 'Glass City'. Este encontro está aberto a todos e todas aqueles que queiran e desexen dialogar e opinar sobre teatro, e comezará a partir das 20.00 horas no Pazo da Cultura.
SESIÓN PLENARIA ORDINARIA
Martes 27 de outubro do 2009
A corporación municipal vén de aprobar por unanimidade na sesión plenaria ordinaria do mes de outubro a aprobación dun Convenio de colaboración entre o Concello e o Ministerio de Vivenda que permitirá sacar adiante o financiamento necesario para a reforma integral do mercado municipal. A través deste acordo, Vivenda realiza unha achega de 1,8 millóns de euros que será efectiva nun cen por cen neste mesmo ano 2009, antes incluso do comezo dos traballos. Así mesmo, queda estipulado que as obras deben estar rematadas nun máximo de 24 meses despois da sinatura do convenio, algo que se producirá, así mesmo, ao longo deste ano 2009. En próximos días está previsto que se fixe a data para que a Ministra, Beatriz Corredor, subscriba o acordo.
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO (FIOT '09)
Luns 26 de outubro do 2009
O FIOT '09 vén de afrontar a súa penúltima fin de semana cun dos actos xa tradicionais do festival: a entrega do Xograr de Outono, que distingue a persoas ou asociacións relacionadas co mundo do teatro pola súa traxectoria e contribución ao desenvolvemento das artes escénicas. Este ano, o galardón recaeu no director, autor teatral e monologuista Cándido Pazó, que o recolleu arroupado polos xograres de anos anteriores Artur Trillo, Celso Parada e Víctor Mosqueira, así como por Dorotea Bárcena, Xograresa de Outono 2008, que o presentou coma "un home que anda polos camiños" e que "empezou como actor cando o teatro profesional aínda non existía".
O ORZAMENTO DOS TRABALLOS SUPERA OS 800.000 EUROS
Luns 26 de outubro do 2009
A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de adxudicar de xeito provisional o contrato de obras para a 'Mellora da seguridade vial na AC-416, PQ. 0+000-1+360. Avenida de Malpica'. A empresa responsable dos traballos será Construcciones López Cao SL por un importe total de 844.248 euros. A Xunta e o Concello de Carballo subscribiron no mes de xaneiro deste ano un convenio de colaboración con, a entón Consellería de Política Territorial, agora de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que asumirá aproximadamente o 80 por cento do importe da mellora, mentres que o Concello carballés achegará o 20 por cento restante. O prazo de execución ofertado polo licitador para o desenvolvemento dos traballos é de 105 días naturais.
CANDIDO PAZÓ RECOLLE O XOGRAR DE OUTONO
Venres 23 de outubro do 2009
O Festival Internacional Outono de Teatro aborda a súa penúltima fin de semana apostando pola comedia e contando no seu cartel coa última das estreas en Galicia desta XVIII edición, e tamén coa última das actuacións internacionais. Trátase de 'Fo', da compañía Los Modernos (na imaxe), que o venres 23 ofrece un espectáculo chegado da Arxentina que conta con máis de 1.000 funcións en España e que aposta polo humor intelixente e elegante. Por outra banda, o sábado 24 chega a primeira das propostas galegas deste FIOT '09, coa veterana compañía Teatro do Morcego e Seiva Troupe, unha mestura de Santiago e Oporto coa obra 'Kvetch: o rosmón', nunha 'comedia americana sobre a ansiedade'. As dúas citas son a partires das 21.00 horas e teñen un prezo de 5 euros.
CREACIÓN E MODIFICACIÓN DE VARIAS ORDENANZAS
Venres 23 de outubro do 2009
A corporación municipal celebra o luns 26 de outubro unha sesión plenaria ordinaria na que o principal asunto da orde do día é a aprobación do convenio de colaboración entre o Concello e o Ministerio de Vivenda que permitirá sacar adiante o financiamento necesario para a reforma integral do mercado municipal. A través deste acordo, Vivenda realiza unha achega de 1,8 millóns de euros que será efectiva nun cen por cen neste mesmo ano 2009, antes incluso do comezo dos traballos. Así mesmo, queda estipulado que as obras deben estar rematadas nun máximo de 24 meses despois da sinatura do convenio, algo que se producirá, así mesmo, ao longo deste ano 2009.
VENRES 16 E DOMINGO 18 NO PAZO DA CULTURA
Venres 16 de outubro do 2009
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT '09) continúa esta fin de semana con dúas propostas ben distintas. Por un lado, o venres 16 chegan as marionetas da compañía chilena El Viaje Inmóvil, que recrea a historia de 'Gulliver' en Liliput (na imaxe). E por outro, o domingo 18 aparece o humor surrealista de Sexpeare, unha compañía madrileña que representa 'El título de este espectáculo no es mi madre'. As dúas son vellas coñecidas do FIOT, xa que os chilenos aterraron no festival en 1996 con grande éxito de público, mentres que os madrileños xa teñen arrincado as risas do auditorio con 'For sale'. A cita será, ámbolos dous días, ás 21.00 horas no Pazo da Cultura, e o prezo das entradas é de 5 euros.