Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Dez concertos e un total de 23 agrupacións conforman o programa do 'Novembro con música '09'

MÚSICA DE TODOS OS ESTILOS PARA TODOS OS PÚBLICOS

Dez concertos e un total de 23 agrupacións conforman o programa do 'Novembro con música '09'

Luns 9 de novembro do 2009

Un ano máis chega ao outono de Carballo o programa 'Novembro con música', coa vocación de concentrar distintas épocas e estilos, grupos profesionais e afeccionados nunha oferta para todos os públicos. Así o manifestou a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, durante a presentación das actividades, nas que ten especial importancia a difusión do traballo das agrupacións musicais de Carballo, así como as propostas para toda a familia. Un total de dez concertos protagonizados por 23 agrupacións conforman unha oferta dun "mes da música" no que se plasma unha "programación estable na que calquera idade pode ter encontro", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero. Todos os concertos serán de balde no Pazo da Cultura entre o 13 de novembro e o 5 de decembro.

Adxudicados en 260.000 euros os traballos para a execución dun centro social en Cances da Vila

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Adxudicados en 260.000 euros os traballos para a execución dun centro social en Cances da Vila

Luns 9 de novembro do 2009

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar en sesión ordinaria a adxudicación provisional dos traballos para a execución dun centro social na parroquia de Cances, en Cances da Vila (vista da parroquia na imaxe). O prezo de adxudicación é de 266.577,65 euros, o que supón unha baixa dun 17 por cento sobre o orzamento base de licitación, de 321.177,89 euros. A empresa encargada de realizar as obras será Construcciones Riotorto, que oferta un prazo de execución de sete meses. Hai que lembrar que xa na Xunta de Goberno do pasado 10 de outubro tíñase sacado adiante a cesión dos terreos necesarios, e que o proxecto poderá realizarse a través dun acordo coa Deputación da Coruña, que achegará o 80 por cento do orzamento global do proxecto. O obxectivo é que o novo centro social entre en funcionamento no curso 2010-2011.

Carballo estrea a Praza Eduardo Pondal, un novo espazo público de 2.100 metros cadrados

A CONSELLEIRA DE TRABALLO E O ALCALDE CORTARON A CINTA INAUGURAL

Carballo estrea a Praza Eduardo Pondal, un novo espazo público de 2.100 metros cadrados

Venres 6 de novembro do 2009

O casco urbano carballés conta a partir de hoxe cun novo espazo público e de ocio. A Conselleira de Traballo, Beatriz Mato e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, veñen de cortar a cinta inaugural da Praza Eduardo Pondal, situada na rúa do mesmo nome, no entorno do CEIP Bergantiños. Os traballos foron realizados polos preto de 40 alumnos e alumnas da Escola Obradoiro de Carballo, que crearon un espazo de 2.100 metros cadrados no que se teñen empregado materiais de alta calidade e compoñentes de alta resistencia e durabilidade. Así mesmo, a nova praza conta con 450 metros cadrados destinados a xogos infantís. No acto de inauguración tamén estiveron presentes o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña, a Concelleira de Formación, María Manso e numerosos membros da corporación, así como os alumnos e profesores da Escola Obradoiro.

Carballo conta con recursos de auga suficientes como para garantir o abastecemento a "moi longo prazo"

SEGUNDO O ESTUDO DIRECTOR REALIZADO POR EYSER ENXEÑERÍA

Carballo conta con recursos de auga suficientes como para garantir o abastecemento a "moi longo prazo"

Venres 6 de novembro do 2009

O territorio municipal de Carballo conta con recursos de auga suficientes como para garantir o abastecemento da poboación do Concello e dos futuros asentamentos industriais a "moi longo prazo". Así o indica o 'Estudo director para a mellora do abastecemento no termo municipal de Carballo' realizado por Eyser Enxeñería a petición da Administración Local. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, tamén subliña que "a rede hídrica é o bastante boa como para non ter que construír un encoro". Poren, o estudo inclúe un plan de actuacións a curto, medio e longo prazo cun orzamento de 9.035.600 euros e un horizonte de execución datado no ano 2025, cando a poboación do Concello, segundo as previsións, sería de preto de 45.000 habitantes, e o chan industrial de 25 hectáreas.

O Concello de Carballo e o Eixo Atlántico traballan conxuntamente para mellorar a mobilidade no municipio e na comarca

APOSTA POLO FERROCARRIL COMO MEDIO DE TRANSPORTE

O Concello de Carballo e o Eixo Atlántico traballan conxuntamente para mellorar a mobilidade no municipio e na comarca

Xoves 5 de novembro do 2009

Representantes do Concello e do Eixo Atlántico colaboran para planificar de forma conxunta a vertebración da mobilidade e do transporte no municipio e na Costa da Morte. Ambas institucións veñen de celebrar hoxe en Carballo unha xuntanza de traballo para definir e matizar os aspectos que afectan ao seu desenvolvemento, centrado en dous puntos principais: a súa importancia estratéxica pola proximidade coa Coruña e o Porto Exterior e con Santiago de Compostela; e o seu poder de liderado como cabeceira de comarca e porta de entrada á Costa da Morte. Nesta reunión estiveron presentes o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; o Coordinador dos Estudos de Transporte, Luis Domínguez; o responsable de Planificación do Eixo, Martín Prado; o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña, entre outros.

O Centro de Dinamización da Sociedade da Información de Carballo pecha o mes con máis de 70 novos usuarios e usuarias

EN OUTUBRO O TELECENTRO EMPREGOUSE EN PRETO DE 600 OCASIÓNS

O Centro de Dinamización da Sociedade da Información de Carballo pecha o mes con máis de 70 novos usuarios e usuarias

Xoves 5 de novembro do 2009

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información que ten a súa sede no Telecentro informa de que durante o pasado mes de outubro impartiu un total de nove obradoiros tecnolóxicos, a través dos que se formou a 72 persoas e que se estenderon ao longo de 68 horas. Os obradoiros impartidos este mes foron 'Iniciación á Informática', 'Iniciación á Internet e 'Creación de correo electrónico'. Cabe tamén destacar outros levados a cabo como 'Currículo a través do ordenador' e 'Procura de emprego a través de Internet', que poñen de manifesto a diversidade formativa da Rede. Asemade, 73 persoas inscribíronse como novos usuarios e usuarias da Rede para poder aproveitar -sempre de xeito gratuíto- as instalacións e todas as iniciativas que se ofertan nas horas de aula aberta do Telecentro, que foi utilizado nun total de 588 ocasións.

Carballo acolle entre o 13 e o 21 de novembro as III Xornadas de historia: Alfredo Brañas, contexto e ideario

ASISTENCIA DE BALDE NO PAZO DA CULTURA

Carballo acolle entre o 13 e o 21 de novembro as III Xornadas de historia: Alfredo Brañas, contexto e ideario

Mércores 4 de novembro do 2009

O salón de actos do Pazo da Cultura de Carballo acolle os días 13, 14, 20 e 21 de novembro as III Xornadas de historia: Alfredo Brañas, contexto e ideario. Organizadas polo Concello e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), pretenden abondar na figura do pai do rexionalismo, centrándose na súa biografía e no seu contexto ideolóxico e cultural, que deu como froito o nacemento do galeguismo. Esta cita monográfica realízase con motivo do 150 aniversario do nacemento de Alfredo Brañas e culmina unha serie de actividades que se teñen levado a cabo ao longo de 2009, como a homenaxe que recibiu o escritor no Panteón de Galegos Ilustres en Santiago de Compostela. A asistencia a estas xornadas é de balde, e aqueles membros do profesorado que se inscriban previamente na páxina web da AS-PG, poden obter homologación por 10 horas lectivas.

Preto de 700 escolares asisten á representación de 'Comedia Bífida', de Nobicarelo Teatro, no Pazo da Cultura

'EN GALEGO, POR QUE NON?'

Preto de 700 escolares asisten á representación de 'Comedia Bífida', de Nobicarelo Teatro, no Pazo da Cultura

Martes 3 de novembro do 2009

O auditorio do Pazo da Cultura de Carballo acolle durante a mañá do martes 3 de novembro dúas representacións da obra 'Comedia Bífida, á que asistirán preto de 700 escolares de 1º e 2º de Bacharelato dos distintos centros de ensino de toda a comarca de Bergantiños e outras zonas próximas. As representacións teñen lugar ás 10.00 e 12.00 horas. 'Comedia Bífida' é unha montaxe de Nobicarelo Teatro na que se presentan, con moito humor e ironía, algunhas das situacións que a diario se viven en relación coa lingua galega. O obxectivo é, precisamente, reflexionar sobre este tipo de situacións. Esta actividade enmárcase dentro do programa 'Bocaberta' da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O Concello vén de realizar, en colaboración coa DGT, a revisión dos vehículos de transporte escolar do municipio

SEGURIDADE VIARIA: NON SE TEÑEN ATOPADO IRREGULARIDADES

O Concello vén de realizar, en colaboración coa DGT, a revisión dos vehículos de transporte escolar do municipio

Martes 3 de novembro do 2009

O Concello de Carballo vén de realizar, en colaboración coa Dirección General de Tráfico (DGT) unha campaña especial sobre control do transporte escolar e de menores, sen que se teñan atopado irregularidades nos vehículos que realizan este servizo nos centros de ensino situados dentro do termo municipal. A revisión realizouse entre o 15 e o 28 de outubro e fíxose especial fincapé no emprego dos cintos de seguridade e nos sistemas de retención, xa que, en caso de accidente, o emprego do cinto salva vidas e reduce a gravidade das lesións. Esta revisión é obrigatoria dende o pasado curso lectivo 2007-08, segundo o RD 442/2001 do 27 de abril sobre as condicións de seguridade no transporte escolar e de menores.

A XVIII edición do FIOT baixou o pano nunha fin de semana de altísima calidade teatral e cheo de público

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO '09

A XVIII edición do FIOT baixou o pano nunha fin de semana de altísima calidade teatral e cheo de público

Luns 2 de novembro do 2009

A edición número XVIII do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT '09) de Carballo vén de chegar ao seu remate nunha fin de semana na que os tres días o público encheu por completo o auditorio do Pazo da Cultura, e na que os aplausos non deixaron de soar para render xusta homenaxe a tres apostas teatrais que elevaron a calidade do festival nun fin de festa excepcional. O venres 30 o Teatro do Noroeste e a súa 'Glass City', 'cidade de cristal', puxeron en escea un musical trepidante. O sábado 31, Teatro Corsario representou o clásico 'El caballero de Olmedo' con grande gusto estético e artístico. E Lola Herrera e Juanjo Artero cubriron as expectativas en 'Seis clases de baile en seis semanas' (na imaxe), obra na que foron continuamente arroupados polo respetable.

O Concello emprende a retirada dos residuos dun total de seis vertedoiros incontrolados

BUSCA DOS INFRACTORES: SANCIÓNS DE 500 EUROS

O Concello emprende a retirada dos residuos dun total de seis vertedoiros incontrolados

Luns 2 de novembro do 2009

A Brigada de Medio Ambiente do Concello de Carballo procederá o 3 de novembro -aproveitando que se trata do día no que funciona o Punto Limpo Móbil- á retirada dun total de seis vertedoiros incontrolados atopados en distintos puntos do territorio municipal. A maior parte deles estaban situados en pistas secundarias, sendo na maioría dos casos residuos considerados como voluminosos, con obxectos como electrodomésticos vellos, colchóns ou persianas. O Concello xa está emprendendo as investigacións oportunas para saber quen son os responsables e, se procede, poñer en marcha as sanción oportunas, que poden ir dende 90 euros ata 500 ou incluso 900 euros para verteduras químicas.

O FIOT '09 chega á súa fin coa presenza do teatro galego, dun clásico de Lope de Vega e da coñecida actriz Lola Herrera

VENRES 30, SÁBADO 31 E DOMINGO 1 NO PAZO DA CULTURA

O FIOT '09 chega á súa fin coa presenza do teatro galego, dun clásico de Lope de Vega e da coñecida actriz Lola Herrera

Venres 30 de outubro do 2009

A edición da maioría de idade do Festival Internacional Outono de Teatro chega á súa fin con tres propostas ben diferentes. O teatro galego de Noroeste, o clásico con Corsario e a presenza da actriz Lola Herrera (na imaxe), marcan o peche dunha edición na que se ten colgado en moitas ocasións o cartel de 'todo vendido', especialmente para ver estas últimas propostas do FIOT. O venres 30 retrátase a Galicia dos anos 50 con 'Glass city'; o sábado 31 'El caballero de Olmedo' fará viaxar aos espectadores ao Século de Ouro da literatura española coa popular historia de Don Álvaro; por último, o domingo 1 de novembro chega a esperada actuación da actriz Lola Herrera, que, coa réplica de Juanjo Artero, atrévese a recibir 'Seis clases de baile en seis semanas'. Todas as citas ás 21.00 horas no Pazo da Cultura.

Compartir: