VISTO BO DEFINITIVO Á EXECUCIÓN DO CENTRO SOCIAL DE CANCES
Luns 23 de novembro do 2009
A Xunta de Goberno Local vén de sacar adiante a aprobación definitiva do proxecto de urbanización do polígono 27, situado no entorno da rúa Perú da capital municipal, e que afecta ao ámbito situado entre a rúa Pontevedra e a rúa Estrela. Despois deste trámite, unha vez os propietarios presenten o aval da obra, xa poden principiar os traballos. Segundo este acordo, así mesmo, o Concello será o responsable de contratar as obras e de asumir os gastos para acondicionar o tramo que falta da rúa Perú, porque así está estipulado no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Así se fixo no polígono 26 (que recollía o primeiro treito da rúa) e así se vai asumir agora. O custo desta actuación elévase a 133.000 euros, e o Concello espera adxudicar as obras antes de que remate o ano.
PRINCIPIAN OS TRÁMITES DA SUBESTACIÓN ELÉCTRICA DO POLÍGONO
Sábado 21 de novembro do 2009
A corporación carballesa celebrará o próximo 26 de novembro unha sesión plenaria extraordinaria na que un dos principais asuntos da orde do día é a aprobación do Plan de Obras e Servizos (POS) 2010 da Deputación da Coruña, por un importe de 693.758,08 euros, dos que o organismo provincial achegará 656.003,34. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo subliñar que, a pesares de que nesta anualidade a Deputación permite que o 50 por cento do importe do POS se empregue para gastos correntes para afrontar a crise, a Administración carballesa destinará a totalidade do importe a investimentos, como se viña facendo nos últimos anos. O pleno de novembro celébrase o día 26 porque o 30 remata o prazo para presentar na Deputación os proxectos do POS.
DOMINGO 22 DE NOVEMBRO: FEIRA DAS ASOCIACIÓNS
Venres 20 de novembro do 2009
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Igualdade que dirixe Dores Silveira, organiza unha serie de actos con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. O domingo 22 o Xardín Municipal acollerá a tradicional Feira das Asociacións, na que se se divulga o traballo destas entidades e se emprenden accións de sensibilización entre a poboación contra a violencia. Por outra banda, está prevista a inauguración o venres 27 de novembro da exposición 'Evolución das mulleres galegas no ámbito laboral', que estará no Pazo da Cultura. Así mesmo, o pleno da corporación subscribiu unha declaración institucional na que se fai especial fincapé na prevención da violencia e na colaboración para axudar ás vítimas.
NOVEMBRO CON MÚSICA 2009
Venres 20 de novembro do 2009
O Novembro con música 2009 enchen a programación da próxima fin de semana cunha oferta moi variada centrada nun recital poético musical e na mostra 'Lugares de incendios', así como na promoción do folclore tradicional de Carballo, coa celebración do festival 'Sons de aquí'. O 20 de novembro inaugúrase no Pazo da Cultura a exposición 'Lugares de Incendios' no marco dun recital poético-musical a cargo do poeta e dramaturgo Paco Souto e o pianista Serxio Moreira. Pola contra, o 21 de novembro é a quenda do festival de música tradicional 'Sons de aquí', no que participan as agrupacións folclóricas máis representativas do municipio. As dúas citas son o venres e o sábado ás 21.00 horas no Pazo da Cultura.
O INVESTIMENTO PREVISTO É DE 370.000 EUROS
Xoves 19 de novembro do 2009
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de anunciar a adxudicación definitiva dos traballos para a creación de departamentos para usuarios no peirao de Razo. Serán unhas vinte casetas para uso dos mariñeiros, principalmente como almacéns. A actuación recae sobre unha Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por AIN Empresa de Servicios e Atlántica de Construcción y Medioambiente. O orzamento base de licitación era dun total de 425.307,58 euros, poren, a UTE ten feito unha oferta económica de 371.336,21 euros (430.749 euros con IVE). O prazo de execución previsto para o desenvolvemento das melloras é de nove meses, polo que o proxecto estará rematado en 2010.
PREMIOS: MÁIS DE 500 EUROS EN LIBROS E XOGUETES
Mércores 18 de novembro do 2009
Como en anteriores edicións, o Concello de Carballo organiza, a través da Concellaría de Cultura, o Concurso de Cartel e Postal de Nadal. Con este certame, seleccionarase a tarxeta de felicitación do Concello de Carballo e o cartel que anunciará as vindeiras festas de Nadal. Neste concurso poderán participar todos os nenos e nenas do municipio de Carballo, alumnado de Educación Infantil ou Educación Primaria, así como integrantes de entidades como ANPAS ou asociacións culturais, coa única limitación de presentar unha soa obra por neno/a. Os premios, dotados con xoguetes, material didáctico e libros, distribúense da seguinte maneira: 1º premio: 210 euros; 2º premio: 100 euros; e 3º premio: 60 euros.
A OBRA ACADOU UNHA PUNTUACIÓN DE 4,81
Luns 16 de novembro do 2009
A organización do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT '09) informa de que, unha vez feito o reconto e analizadas as puntuacións emitidas polos espectadores ao longo dos dez espectáculos de teatro de sala, o Premio do Público 2009 é para 'Seis clases de baile en seis semanas' de Pentación Espectáculos (na imaxe), que participou no festival o domingo 1 de novembro con grande éxito de público e coa presenza dos coñecidos actores Lola Herrera e Juanjo Artero. Este galardón consiste en invitar a esta compañía, que acadou unha puntuación de 4,81 sobre 5, a unha futura edición do FIOT. A segunda compañía clasificada foi Teatro Corsario con 'El caballero de Olmedo' e unha puntuación de 4,5, e o terceiro posto, con 4,4, foi para a compañía galega Teatro do Noroeste e o seu espectáculo 'Glass City'.
13 E 14 DE NOVEMBRO NO PAZO DA CULTURA
Venres 13 de novembro do 2009
O salón de actos do Pazo da Cultura de Carballo acolle durante os días 13, 14, 20 e 21 de novembro as 'III Xornadas de historia. Alfredo Brañas: contexto e ideario', nas que diversos estudosos do autor farán unha análise da súa figura, obra e pensamento. Xosé Manuel Beiras, Xan Fraga e Xosé Ramón Freixeiro Mato serán os que se encarguen de abrir as ponencias na primeira fin de semana destas xornadas, que se enmarcan nos actos do 150 aniversario do nacemento do pai do rexionalismo, e o veciño máis ilustre da vila carballesa. Esta cita, organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e polo Concello de Carballo, teñen lugar no Pazo da Cultura da vila bergantiñá.
PROXECTO 'VIAXE CARA A VIDA'
Venres 13 de novembro do 2009
O Concello de Carballo vén de subscribir un convenio coa asociación sen ánimo de lucro Terra de Homes para desenvolver no municipio o proxecto 'Viaxe cara a vida', un programa de asistencia médica para nenos e nenas que padecen patoloxías que non poden ser tratadas nos seus países de orixe, especialmente de África. Os menores viaxan ata Galicia para poder ser atendidos no Hospital Materno Infantil, e durante a súa estadía viven non só no centro sanitario, senón nunha familia de acollida ata a súa completa recuperación. O Concello, ademais dunha achega económica, vai favorecer a implantación do proxecto coa celebración de varios actos de sensibilización para animar aos veciños e veciñas a que se fagan voluntarios e colaboren coa entidade.
VENRES 13, SÁBADO 14 E DOMINGO 15 DE NOVEMBRO
Xoves 12 de novembro do 2009
O venres 13 de novembro arrinca o programa do Novembro con música '09 cunha oferta moi variada de estilos musicais. O primeiro día chega a percusión con vocación internacional de Omar Percussion Group (na imaxe), pero ese mesmo día tamén se celebra a quinta edición do festival de rock 'Live in Cances', no que actuarán grupos locais como The Cerne, Killer Cats e Versión Imposible. O sábado 14 a proposta é completamente diferente, co tradicional Festival de Corais. E a fin de semana remata cunha oferta dirixida aos máis cativos e cativas, enmarcada dentro do programa En familia. Artestudio Teatro representa un espectáculo de música e contacontos titulado 'A haima de Agmed'. Variedade e ofertas para todos os públicos neste comezo do Novembro con música '09.
DO 28 DE NOVEMBRO AO 6 DE DECEMBRO
Mércores 11 de novembro do 2009
A Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Manuel García Guillín anuncia a celebración da segunda edición do Feirón de Outono o próximo domingo 29 de novembro. Poren, como vén sendo habitual nas últimas convocatorias, as actividades esténdense máis aló da xornada de feira, nesta ocasión, coa celebración dun Mercado de Artesanía que ten lugar entre o 28 de novembro e o 6 de decembro na Praza do Concello. Nesta cita, que se celebra por primeira vez en Carballo, está prevista a presenza de artesáns chegados dende todos os puntos de España, como Valladolid, Asturias, Granada, Ourense, Salamanca, Valencia, Cáceres e o propio Carballo. E haberá postos con produtos como coiro, prata, herbas medicinais, pedras semi preciosas ou madeira.
CONCLUSIÓNS DO PROGRAMA 'DE TI DEPENDE. CARBALLO SOSTIBLE'
Mércores 11 de novembro do 2009
O Concello de Carballo vén de presentar as conclusións do programa de actividades 'De ti depende. Carballo sostible' que durante máis dun mes se ten desenvolvido no Pazo da Cultura en torno ao urbanismo e a sustentabilidade. Despois da realización de obradoiros de sensibilización e divulgación, de xornadas formativas e de foros de participación dirixidos a técnicos municipais, a veciños e veciñas en xeral e ao tecido empresarial do Concello, as conclusións apuntan a que Carballo fixo un gran esforzo en materia medioambiental na última década. Poren, tamén se teñen detectado novas necesidades, segundo apuntou Roberto González, de OBZ Consulting, empresa responsable da realización das actividades. Entre elas, a creación de infraestruturas para transportes alternativos como a bicicleta, a mellora dos recursos dispoñibles para os peóns, ou a ampliación da gama de residuos a reciclar.