Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Aprobado o expediente de contratación para a 'Execución da remodelación do Mercado Municipal'

ADXUDICACIÓN DA INSTALACIÓN DE PANEIS SOLARES NA PISCINA

Aprobado o expediente de contratación para a 'Execución da remodelación do Mercado Municipal'

Mércores 9 de decembro do 2009

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de contratación para a execución da reforma integral do mercado municipal de Carballo. Os trámites principian despois de que o Concello recibira a finais de novembro o convenio subscrito co Ministerio de Vivenda, polo que o Goberno central realiza unha achega de 1,8 millóns de euros -dos 2.443.436,78 euros do orzamento global da obra- que será efectiva nun cen por cen neste mesmo ano 2009. O procedemento de adxudicación estipulado no expediente é aberto e os criterios a ter en conta inclúen o plan de execución, a proposta económica, a reducción de prazos e as melloras sen custo adicional. Así mesmo, o expediente indica que o prazo de execución dos traballos, que está previsto que principien despois do Nadal, sexa de 16 meses.

A pista de patinaxe de 'xeo ecolóxico' abre as súas portas para estar en Carballo ata o 10 de xaneiro

NO APARCADOIRO DO CENTRO COMERCIAL BERGANTIÑOS

A pista de patinaxe de 'xeo ecolóxico' abre as súas portas para estar en Carballo ata o 10 de xaneiro

Venres 4 de decembro do 2009

O aparcadoiro do Centro Comercial Bergantiños acolle dende hoxe unha pista de patinaxe sobre xeo. Do 4 de decembro ao 10 de xaneiro os habitantes de Carballo, pero tamén de Bergantiños e de toda a Costa da Morte, así coma os visitantes, poderán desfrutar sobre os patíns por quinto ano consecutivo. Ademais, este ano a pista conta cunha novidade, xa que está feita de xeo artificial, o que, ademais de beneficiar ao medio ambiente, xa que é un material ecolóxico, supón un aforro no gasto do subministro eléctrico de máis de 10.000 euros. A organización resalta que se trata dun produto novidoso que, ademais de incrementar a seguridade, tamén reduce a sensación térmica e mellora a superficie. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presente na inauguración, subliñou esta aposta como un impulso para que a vila "siga sendo un referente comercial para toda a familia".

Máis de mil nenos de 14 colexios teñen participado no Concurso de Cartel e Programa de Nadal 2009

MANUEL PÉREZ GONZÁLEZ, AUTOR DA POSTAL GAÑADORA

Máis de mil nenos de 14 colexios teñen participado no Concurso de Cartel e Programa de Nadal 2009

Xoves 3 de decembro do 2009

O Concello de Carballo vén de fallar o Concurso de Cartel e Programa de Nadal 2009, convocado pola Concellería de Cultura. O xurado, presidido pola Concelleira, Belén Lendoiro, estivo integrado por alumnos dos centros de ensino, representados neste caso por Daniel Lorenzo Carracedo e Antón Díaz Sánchez, do CEIP Fogar, e Uxía Esmorís Suárez e Alejandro Cotelo Bello, do Colexio Artai; por un representante dunha asociación cultural do municipio, que este ano foi Melani Recarey Gerpe, da Asociación Cultural Nemeth: e tamén participou o debuxante Miguel Anxo Calvo Pose. Logo das oportunas deliberacións, resultou elixido como 1º premio, e por tanto postal gañadora a presentada por Manuel Pérez González, do CEIP Fogar, de 3 anos, outorgándoselle un premio de 210 euros en libros e xoguetes educativos e un diploma.

As obras para a mellora dos accesos ao porto de Razo, incluídas no POS 2009, entran na súa fase final

COLOCADO O AGLOMERADO NA RÚA GRAVADOR MANUEL FACAL

As obras para a mellora dos accesos ao porto de Razo, incluídas no POS 2009, entran na súa fase final

Mércores 2 de decembro do 2009

A Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas informa de que nestes momentos teñen entrado na súa fase final os traballos para mellorar os accesos ao peirao de Razo, que se desenvolven entre Arnados e Razo da Costa e cara ao porto. As tarefas de explanación están practicamente rematadas e tan só falta engadir a capa de rodadura, uns traballos que os operarios emprenderán tan pronto as condicións meteorolóxicas o permitan. A obra 'Acceso ao porto de Razo' está incluída no Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación de 2009, que conta cun importe global de máis de 850.000 euros. A empresa encargada dos traballos é Construcciones López Cao SL e o importe de adxudicación é de 124.537,60 euros.

Carballo xa conta coa documentación para iniciar os trámites de contratación da reforma integral do mercado

RECIBIDO O CONVENIO CO MINISTERIO DE VIVENDA

Carballo xa conta coa documentación para iniciar os trámites de contratación da reforma integral do mercado

Luns 30 de novembro do 2009

O Concello de Carballo xa ten no seu poder o convenio de colaboración subscrito entre a Administración Local e o Ministerio de Vivenda que permitirá sacar adiante o financiamento necesario para a reforma integral do mercado municipal. O documento coa sinatura da Ministra, Beatriz Corredor, xa está nas dependencias municipais, polo que o Alcalde, Evencio Ferrero, avanza que o proceso de contratación podería comezar xa na próxima Xunta de Goberno Local. A través deste acordo, Vivenda realiza unha achega de 1,8 millóns de euros que será efectiva nun cen por cen neste mesmo ano 2009, antes incluso do comezo dos traballos. Así mesmo, queda estipulado que as obras deben estar rematadas nun máximo de 24 meses a partires da sinatura do convenio.

O pleno saca adiante a primeira iniciativa veciñal do Concello, presentada pola Asociación San Salvador de Sofán

LUZ VERDE PARA UN POS DE PRETO DE 700.000 EUROS

O pleno saca adiante a primeira iniciativa veciñal do Concello, presentada pola Asociación San Salvador de Sofán

Venres 27 de novembro do 2009

O pleno da corporación sacou adiante na sesión extraordinaria do mes de novembro a aprobación dunha iniciativa veciñal da Asociación de Veciños San Salvador de Sofán. É a primeira vez que se emprega este mecanismo, recollido no Regulamento de Participación Cidadá. O obxectivo é adquirir unha parcela de 913 metros cadrados e valorada en 80.000 euros e ampliar o espazo público do adro da igrexa de Sofán para poder celebrar as actividades parroquiais. A iniciativa consiste en que o financiamento da adquisición repártese a partes iguais entre o Concello e a Asociación, con 40.000 euros cada parte. Os veciños teñen un tempo para conseguir recadar o importe, con achegas veciñais dun mínimo de 50 euros. Una vez adquirida a parcela, o Concello asume a elaboración do proxecto de remodelación, para o que xa hai un pequeno borrador.

Carballo conta por quinto ano consecutivo cunha pista de patinaxe no Nadal, nesta ocasión de "xeo ecolóxico"

ENTRE O 4 DE DECEMBRO E O 10 DE XANEIRO

Carballo conta por quinto ano consecutivo cunha pista de patinaxe no Nadal, nesta ocasión de "xeo ecolóxico"

Venres 27 de novembro do 2009

O Concello de Carballo contará un ano máis, e xa son cinco consecutivos, cunha pista de patinaxe no aparcadoiro do Centro Comercial Bergantiños dende o 4 de decembro ata o 10 de xaneiro. A principal novidade deste Nadal é que non se trata dunha pista de xeo, senón de xeo artificial que, ademais de ser dun material completamente ecolóxico, supón un aforro no gasto do subministro eléctrico de máis de 10.000 euros. A organización resalta que se trata dun produto novidoso que, ademais de incrementar a seguridade, tamén reduce a sensación térmica e mellora a superficie para a patinaxe nun 95 por cento. O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, quixo subliñar o importante "esforzo" económico se ten realizado para manter a pista en tempos de crise e que Carballo siga a ser un "referente do ocio no Nadal".

O Concello convoca as II Olimpíadas Tecnolóxicas de Carballo, dentro das Xornadas Carballo PortaAberta

INSCRICIÓNS NA AULA ABERTA DA RDSI NO PAZO DA CULTURA

O Concello convoca as II Olimpíadas Tecnolóxicas de Carballo, dentro das Xornadas Carballo PortaAberta

Xoves 26 de novembro do 2009

O Concello de Carballo, a través da súa Concellaría de Promoción Económica, e en colaboración coa Rede de Dinamización da Sociedade da Información, levará a cabo na primeira quincena de decembro as II Olimpíadas Tecnolóxicas de Carballo -enmarcadas dentro das Xornadas Carballo PortaAberta, nas que os/as participantes terán a oportunidade de aprender e amosar os seus coñecementos sobre o concello, e o uso das Novas Tecnoloxías. Estas Olimpíadas consistirán na presentación dunha serie de probas nas que os/as participantes deberán investigar no patrimonio cultural, histórico, artístico, material e inmaterial do Concello, ben a través de traballo de campo, ben a través de consulta de información bibliográfica.

Arrincan as actividades do Feirón de Outono coa inauguración do I Mercado de Artesanía

SÁBADO 28 DE NOVEMBRO ÁS 11.00 HORAS NA PRAZA DO CONCELLO

Arrincan as actividades do Feirón de Outono coa inauguración do I Mercado de Artesanía

Xoves 26 de novembro do 2009

O sábado 28 de novembro principian as actividades do segundo Feirón de Outono coa inauguración, na Praza do Concello, do I Mercado de Artesanía, que estará aberto ao público entre o 28 de novembro e o 6 de decembro. Nesta cita, que é a primeira vez qu se celebra en Carballo, está prevista a presenza de artesáns chegados dende todos os puntos de España, como Valladolid, Asturias, Granada, Ourense, Salamanca, Valencia, Cáceres e o propio Carballo, con produtos tan variados como coiro, prata, herbas mediciñais, pedras semi preciosas ou madeira. O horario dos postos que participan neste I Mercado de Artesanía é de 11.00 a 15.00 horas pola mañá e de 17.00 a 20.00 horas pola tarde.

A construción das glorietas de acceso, último paso para rematar a primeira ampliación do polígono de Bértoa

O DELEGADO TERRITORIAL, DIEGO CALVO, VISITOU AS OBRAS

A construción das glorietas de acceso, último paso para rematar a primeira ampliación do polígono de Bértoa

Xoves 26 de novembro do 2009

As obras da primeira fase de ampliación do polígono de Bértoa de Carballo, que ten unha superficie de preto de 740.000 metros cadrados, están a piques de rematar. Así o puido comprobar o Delegado Territorial da Xunta de Galicia, Diego Calvo, durante unha visita ás instalacións, na que percorreu a totalidade do parque empresarial. Estivo acompañado pola xerente de Xestur-Coruña, entidade que desenvolve os proxectos de ampliación do polígono, María Doporto; polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e por numerosos membros da corporación municipal. Calvo percorreu as instalacións e observou o estado de execución dos traballos, dos que tan só resta a construción das glorietas de acceso, que estarán rematadas tan pronto o bo tempo permita a execución das obras.

O Concello conmemora o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

CONCELLARÍA DE BENESTAR

O Concello conmemora o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Mércores 25 de novembro do 2009

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Igualdade e Benestar que dirixe Dores Silveira, conmemora o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Despois da celebración o pasado domingo 22 da Feira das Asociacións e dun reparto masivo de lazos brancos entre os veciños e veciñas, está previsto inaugurar o venres 27 a exposición 'Evolución das mulleres galegas no ámbito laboral', organizada pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello. Así mesmo, o pleno da corporación subscribiu por unanimidade unha Declaración institucional con motivo do 25 de novembro, que fai especial fincapé na prevención da violencia e na colaboración para axudar ás vítimas.

Principian os traballos para mellorar a travesía de Malpica, que contan cun orzamento de 845.000 euros

O PRAZO DE EXECUCIÓN PREVISTO É DE TRES MESES

Principian os traballos para mellorar a travesía de Malpica, que contan cun orzamento de 845.000 euros

Martes 24 de novembro do 2009

Os operarios da empresa Construcciones López Cao veñen de principiar esta semana os traballos para a mellora da travesía de Malpica da capital municipal, que contan cun orzamento de 844.248 euros. A Xunta de Goberno Local adxudicou o contrato de obras para a 'Mellora da seguridade vial na AC-416, PQ. 0+000-1+360. Avenida de Malpica' a finais do mes de outubro e a través dun convenio coa Xunta de Galicia. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asumirá aproximadamente o 80 por cento do importe da mellora, mentres que o Concello carballés achegará o 20 por cento restante. Os operarios principiaron as obras picando as beirarrúas existentes no tramo de vía situado na rúa Poñente, á altura do cruce entre a rúa Ponte e a rúa Perú.

Compartir: