Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Carballo pechou a Escola Obradoiro 'Casa dos Oficios', que contou con 40 alumnos e alumnas

A ACTIVIDADE PROLONGOUSE DURANTE 18 MESES

Carballo pechou a Escola Obradoiro 'Casa dos Oficios', que contou con 40 alumnos e alumnas

Mércores 23 de decembro do 2009

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña, presidiron hoxe o peche da Escola Obradoiro 'Casa dos Oficios', que se desenvolveu no municipio ao longo dos últimos 18 meses e que conseguiu formar a 40 alumnos e alumnas en ocupacións tales como Carpintería de Aluminio, Albanelería e Pladur, Cantería, Electricidade e Xardinería. O alumnado tamén recibiu formación complementaria de Xestión Empresarial, Educación Compensatoria, Prevención de Riscos Laborais e outras materias relacionadas coa actividade laboral e empresarial. Todos puideron recoller o seu diploma no Centro de Formación, tamén ante a presenza do director desta actividade, Andrés Seoane Lago.

O pleno aborda a aprobación do traslado provisional dos postos do mercado municipal durante as obras

SESIÓN PLENARIA ORDINARIA DO MES DE DECEMBRO

O pleno aborda a aprobación do traslado provisional dos postos do mercado municipal durante as obras

Mércores 23 de decembro do 2009

A corporación carballesa celebra o luns 28 de decembro unha sesión plenaria ordinaria na que un dos principais asuntos da orde do día aborda a aprobación do traslado provisional dos postos do mercado municipal de abastos mentres duren os traballos da reforma integral. As melloras comezarán nos establecementos exteriores, un total de 16, polo que serán os primeiros en sufrir o traslado, situándose no andar superior do mercado. Durante o seu aloxamento provisional, todos contarán cunha superficie igual ou, nalgúns casos, lixeiramente superior á actual. En canto ás datas previstas para a adxudicación dos traballos, a mediados de xaneiro remata o prazo para a presentación de ofertas, polo que o Goberno local espera que un mes máis tarde, a mediados de febreiro, xa se teña producido a adxudicación provisional.

Recibido no Rexistro do Concello o informe previo á aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM)

MODIFICACIÓN PUNTUAL NO PLANEAMENTO PARA AMPLIAR ASPABER

Recibido no Rexistro do Concello o informe previo á aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM)

Luns 21 de decembro do 2009

O Rexistro de Entrada do Concello de Carballo vén de recibir hoxe, 21 de decembro, o Informe Previo á Aprobación Inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) elaborado pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. Xa se lle ten remitido unha copia do documento, de 17 páxinas, a todos os voceiros dos distintos grupos políticos municipais, ao igual que aos técnicos do Concello e ao equipo redactor do PXOM, co obxectivo de que nos próximos días se realice unha avaliación e análise das súas particularidades. O seguinte paso é convocar nos próximos días unha xuntanza da Comisión Informativa de Urbanismo para poder estudar o informe e seguir traballando na revisión do planeamento, tal e como se acordara na última Comisión Informativa.

Adxudicación provisional do Servizo de Asesoramento Xurídico a Inmigrantes e Emigrantes retornados do Concello

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Adxudicación provisional do Servizo de Asesoramento Xurídico a Inmigrantes e Emigrantes retornados do Concello

Luns 21 de decembro do 2009

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar na sesión ordinaria celebrada o luns 21 de decembro a adxudicación provisional do servizo de 'Asesoramento xurídico a inmigrantes e emigrantes retornados do Concello de Carballo', que debe ser dirixido por un avogado que se pon a disposición dos interesados e interesadas. O prezo de adxudicación previsto é de 17.000 euros e a persoa responsable da xestión do servizo será María José Fernández Mato. No acordo recóllese que o contrato terá un período de vixencia de dous anos, prorrogable, se hai mutuo acordo das partes, por dous anos máis. O horario actual deste servizo, situado nas dependencias dos Servizos Sociais dende setembro de 2003, é os luns de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas.

O Concello facilita informacion sobre a TDT e o apagón analóxico no CPEC do polígono de Bértoa

ENTREGADOS OS PREMIOS DAS II OLIMPÍADAS TECNOLÓXICAS

O Concello facilita informacion sobre a TDT e o apagón analóxico no CPEC do polígono de Bértoa

Venres 18 de decembro do 2009

O xoves 17 de decembro tivo lugar a II Xornada Carballo Porta Aberta, centrada en ofrecer información aos veciños e veciñas sobre a implantación da Televisión Dixital Terrestre (TDT) e o apagón da emisión analóxica, previsto no municipio para o 18 de xaneiro. Miguel Pérez, representante da Oficina Técnica da TDT en Galicia, e o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, informaron das claves do novo servizo televisivo. O Concello de Carballo ofrecerá información a quen o desexe no Centro de Promoción Económica (CEPC) situado á entrada do polígono de Bértoa, ademais de que os colectivos en risco de exclusión social poden solicitar até o 31 de decembro nas oficinas de Servizos Sociais municipais axudas económicas para adquirir o seu receptor de TDT.

O Concello e a Obra Social de La Caixa colaboran para mellorar o Servizo Municipal de Axuda no Fogar

O ACORDO IMPLICA UNHA ACHEGA DE 6.000 EUROS

O Concello e a Obra Social de La Caixa colaboran para mellorar o Servizo Municipal de Axuda no Fogar

Venres 18 de decembro do 2009

O Concello de Carballo, representado polo Alcalde, Evencio Ferrero, e a Obra Social de La Caixa, representada polo director da súa oficina carballesa, Francisco Felípez, veñen de asinar hoxe un acordo polo que se realiza unha donación de 6.000 euros á Administración Local para mellorar o Servizo Municipal de Axuda no Fogar. Este servizo conta en Carballo con 15 traballadores e traballadoras, que pasarán a ser 16 en 2010, e con aproximadamente 60 beneficiarios. Funciona a diario de luns a domingo en horario de 8.00 a 22.00 horas e ofrece servizos ás persoas dependentes. O Alcalde subliña que este acordo forma parte da estratexia do Concello para colaborar con todo tipo de entidades á hora de impulsar a cultura, o deporte e o traballo social.

O Servizo de Normalización Lingüística distribúe as cartas dos Reis Magos nos principais puntos da vila

TAMÉN HAI ETIQUETAS PARA COLOCAR NOS AGASALLOS

O Servizo de Normalización Lingüística distribúe as cartas dos Reis Magos nos principais puntos da vila

Xoves 17 de decembro do 2009

O Concello de Carballo, dentro das actividades do Servizo de Normalización Lingüística, distribuirá polos principais puntos da vila unha carta dos Reis Magos, así como un modelo de misiva para que os nenos e nenas lles pidan os seus agasallos. Así, as súas maxestades de Oriente encomendáronlle ao Concello que difundise a carta que eles mesmos escribiron, dirixida a todos os cativos e cativas do municipio. Nesta carta os Reis anuncian que moi pronto andarán por Carballo, pois chegarán o día 5 de xaneiro arredor das cinco e media da tarde, e pídenlles aos rapaces e rapazas que, para non equivocarse cos agasallos, lles comuniquen os seus desexos escribíndollos nunha carta.

Principian os traballos para a dotación de aglomerado na Avenida de Bergantiños da capital municipal

ABERTA DE NOVO AO TRÁFICO A RÚA VILA DE NEGREIRA

Principian os traballos para a dotación de aglomerado na Avenida de Bergantiños da capital municipal

Mércores 16 de decembro do 2009

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Obras que dirixe Luís Lamas, informa de que veñen de principiar os traballos para dotar da primeira capa de aglomerado a avenida de Bergantiños da capital municipal. O obxectivo desta actuación, que comezou a finais de setembro deste ano, é acondicionar a totalidade da vía para que os vehículos e os peóns poidan circular con normalidade despois da apertura ao tráfico rodado da avenida de Bergantiños hai aproximadamente dous anos. A empresa adxudicataria é Construcciones Vázquez y Reino e o proxecto conta cun orzamento de 126.440 euros.

A II Xornada Carballo PortaAberta aborda as claves da implantación da TDT no territorio municipal

FINALIZAN AS II OLIMPÍADAS TECNOLÓXICAS

A II Xornada Carballo PortaAberta aborda as claves da implantación da TDT no territorio municipal

Martes 15 de decembro do 2009

O Telecentro situado no primeiro andar do Pazo da Cultura acolle o xoves 17 de decembro a celebración da II Xornada Carballo PortaAberta, unha cita que pretende abrir unha fiestra ao mundo das Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación e que nesta edición centrarase da implantación da Televisión Dixital Terrestre (TDT) no territorio municipal. Segundo informa o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, nestes momentos a cobertura de TDT no municipio de Carballo é do 94 por cento, polo que esta cita, na que estará presente un representante da Oficina Técnica da TDT en Galicia, pretende afondar nas claves para chegar ao 6 por cento restante antes do apagón analóxico. O xoves 17 a partires das 19.30 horas.

O Nadal Pequespectacular, as panxoliñas, a música, o teatro, Papá Noel e os Reis Magos artellan o Nadal Cultural 2009

DO 9 DE DECEMBRO AO 10 DE XANEIRO

O Nadal Pequespectacular, as panxoliñas, a música, o teatro, Papá Noel e os Reis Magos artellan o Nadal Cultural 2009

Venres 11 de decembro do 2009

O programa de actividades do Nadal Cultural 2009 de Carballo pretende "enriquecer" estas datas creando unhas "festas moi tradicionais", segundo a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro. As asociacións do municipio, os centros educativos, o tecido empresarial e o Concello unen esforzos nun programa enfocado especialmente para os máis cativos e cativas. As actuación do Nadal Pequespectacular, unha cita xa consolidada ano tras ano, o Festival de Panxoliñas, a música, o teatro, as exposicións ou as visitas de Papá Noel e os Reis Magos son os protagonistas entre o 9 de decembro, en que principiaron as II Olimpíadas Tecnolóxicas do Concello de Carballo, desta volta centradas na figura de Alfredo Brañas, e o 6 de xaneiro, coa despedida dos Reis Magos.

O Concello convoca a XII edición do Certame Fotográfico 'Xosé Manuel Eirís'

O PRAZO DE PRESENTACIÓN REMATA O 11 DE FEBREIRO

O Concello convoca a XII edición do Certame Fotográfico 'Xosé Manuel Eirís'

Xoves 10 de decembro do 2009

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Belén Lendoiro, convoca a XII edición do Certame Fotográfico 'Xosé Manuel Eirís'. Trátase dun concurso que pretende contribuír á creación artística e a fomentar a divulgación da fotografía e que ten lugar dende o ano 1997. A denominación de 'Xosé Manuel Eirís' para o certame provén do recoñecemento que o Concello de Carballo e as entidades culturais do municipio queren render a unha persoa vinculada ao mundo cultural e artístico de Carballo e de Galicia, preocupada pola recuperación e promoción do patrimonio cultural e pola implicación da cidadanía. Os interesados e interesadas en participar no concurso deben presentar as súas propostas antes do 11 de febreiro de 2010.

A Aula Aberta da Rede de Dinamización empregouse en máis de 500 ocasións no mes de novembro

O CENTRO CONTA CON 30 NOVOS USUARIOS E USUARIAS

A Aula Aberta da Rede de Dinamización empregouse en máis de 500 ocasións no mes de novembro

Mércores 9 de decembro do 2009

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, con sede na Aula Aberta situada no Telecentro do primeiro andar do Pazo da Cultura de Carballo, informa de que no mes de novembro que vén de rematar se impartiron un total de 4 obradoiros tecnolóxicos, a través dos que se formou a 39 persoas e que se estenderon ao longo de 30 horas. Os obradoiros impartidos este mes foron 'Iniciación á Informática', 'Iniciación a Internet' e 'Creación de correo electrónico'. Cabe tamén destacar outro levado a cabo como 'Procura de emprego a través de Internet', que pon de manifesto a grande diversidade formativa que oferta a Rede e o interese que espertou esta iniciativa, especialmente en momentos de crise económica.

Compartir: