PODEN SOLICITARSE NO CPEC DO POLÍGONO DE BÉRTOA
Venres 15 de xaneiro do 2010
O Concello de Carballo informa de que o prazo para solicitar receptores de TDT de forma gratuíta para colectivos en risco de exclusión social continúa até o 30 de marzo de 2010. Os/as cidadáns que teñen máis de 65 anos ou algunha discapacidade visual ou auditiva poden informarse no Concello de se reúnen os requisitos para solicitar un sintonizador de Televisión Dixital Terrestre. O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio vén de poñer en marcha un plan de apoio aos colectivos en risco de exclusión, que consiste na cesión de decodificadores aos membros destes colectivos que non conten con un e que residan nos municipios incluídos na Fase I do Plan Nacional de Transición á TDT, entre eles o de Carballo.
OS PRINCIPAIS PROXECTOS SON O FÓRUM E A BIBLIOTECA COMARCAL
Venres 15 de xaneiro do 2010
Os orzamentos do Concello de Carballo para o exercicio de 2010 chegan aos 22.407.109,51 euros, dos que un total de 5.563.154,16 euros serán os investimentos reais, unha cifra que supón o 25 por cento do importe total do presuposto. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliñou o carácter "prudente" destas contas, mentres que a Concelleira de Facenda, María Jesús Vázquez, falou dun "orzamento realista e austero", adaptado á actual conxuntura económica. En todo caso, tamén resaltan que se trata dunhas cifras que supoñen importantes investimentos para Carballo, con achegas como 1.172.562,55 euros para culminar o proxecto Fórum Carballo no barrio da Milagrosa; ou unha de 1.500.000 euros para a construción dunha biblioteca comarcal.
IMPLANTACIÓN DA TDT
Venres 15 de xaneiro do 2010
O luns 18 de xaneiro iníciase no territorio municipal de Carballo o apagón do sinal analóxico de televisión, que pasará a ser substituído de xeito progresivo polo da Televisión Dixital Terrestre (TDT). Así, pouco a pouco, as diferentes cadeas deixarán de emitir o seu sinal en formato analóxico e as diferentes zonas do municipio pasarán a recibir só o sinal de TDT. Para calquera dúbida, consulta, información ou reclamación, os interesados e interesadas poden porse en contacto coa Xunta de Galicia no teléfono 981 57 21 54, por correo electrónico na dirección <oficinaTDT@xunta.es> ou acceder á páxina web <www.tdtgalicia.es>. O Concello pon a disposición dos cidadáns o teléfono de información 981 75 76 93. Tamén pode obterse máis información do Centro de Promoción Económica (CPEC) do polígono de Bértoa.
TEATRO, MÚSICA, MAXIA E EXPOSICIÓNS
Xoves 14 de xaneiro do 2010
Un total de 20 actividades, nove de teatro, tres de maxia, catro concertos e catro exposicións, conforman os Venres Culturais 2010, unha programación estable que se distribúe nas fins de semana -especialmente os venres- entre xaneiro e abril elaborada con criterios de "calidade, coa presenza de grupos profesionais" e buscando "un programa atractivo para os carballeses e carballesas e para a xente da comarca", segundo subliña a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro. O programa principia o venres 22 de xaneiro coa actuación do humorista carballés Rober Bodegas que ofrece o espectáculo 'E un condón por se pillo', creado e interpretado por el mesmo. E continúa con compañías como Talía Teatro, Titzina Teatro ou artistas como o Mago Dani García e o Mago Rafa.
O PROPIETARIO DEBERÁ AFRONTAR O PAGO DAS COSTAS DO PROCESO
Mércores 13 de xaneiro do 2010
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Servizos, informa de que, por primeira vez, ten recorrido aos xulgados para facer efectiva a limpeza dunha finca, neste caso situada na parroquia de Ardaña. A Administración Local notificou no seu momento ao propietario a necesidade de que realizara as tarefas para favorecer a prevención e defensa de incendios forestais na súa propiedade. Transcorrido o prazo establecido para a realización destas tarefas, comprobouse que non se levaran a cabo, polo que se ordenou a execución subsidiaria destes labores. Ao non ter o Concello autorización para entrar na parcela, recorreu ao Xulgado Contencioso-Administrativo nº 1 da Coruña que concedeu permiso para realizar os traballos o 12 de xaneiro de 2010 a partires das 10.00 horas.
O CONCELLO PIDE AOS CIDADÁNS QUE EXTREMEN AS PRECAUCIÓNS
Venres 8 de xaneiro do 2010
O Concello de Carballo, a través do servizo de Protección Civil, informa de que a neve caída nas últimas horas, así como as baixas temperaturas previstas para a fin de semana, fan perigosa a circulación de vehículos por varias das vías e estradas do municipio. Así, é perigoso o tránsito pola estrada de Santiago, a CP-1914, que chegou a estar cortada por mor da neve ao longo da mañá do venres 8, mentres actuaron as máquinas quitaneves. A pesares diso non houbo que lamentar ningún ferido ou accidente importante nesa vía, aínda que moitos camións e vehículos tiveron que estacionar nas beiravías da estrada para evitar as colisións. A situación foi así mesmo complicada na estrada da Silva, a AC-413, que tamén estivo unhas horas cortada. O Concello pide precaución aos conductores e conductoras, especialmente polo xeo, de cara á fin de semana.
OBRAS E SERVIZOS
Martes 5 de xaneiro do 2010
Entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2009 o Concello, a través da Alcaldía, ten recibido un total de 1.408 avisos de veciños e veciñas para realizar servizos de mantemento e arranxos en todo o territorio municipal, unha cifra que supón un incremento de 103 respecto de 2008. A Brigada de Obras é a encargada de xestionar estas peticións, que nun 48,9 por cento (689 avisos) refírense a substitucións e reparacións no alumeado público, especialmente nas parroquias. Tamén foron maioría en 2008, cun 50,6 por cento do total e 661 avisos sobre o alumeado. Poren, as demandas tamén se centran nos sinais de tráfico; nos servizos de auga, luz, saneamento ou teléfono; en Carballo Limpo; nos equipamentos dos edificios municipais; na limpeza de espazos públicos ou na mellora da rede viaria. Os veciños e veciñas poden realizar as súas peticións ou demandas no teléfono 981 704 700.
CABALGATA 2010: MARTES 5 PARTIRES DAS 18.00 HORAS
Luns 4 de xaneiro do 2010
O Concello de Carballo e a Asociación Xuvenil Fogar da Xuventude organizan a Cabalgata de Reis 2010, coa que tamén colabora o Centro Comercial Bergantiños-Haley co reparto de caramelos e agasallos entre os asistentes. O itinerario inclúe a chegada ao CCB-Haley, o martes 5 de xaneiro ás 18.00 horas, para que as súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar poidan efectuar a saída e percorrer as principais rúas do centro da capital municipal ás 18.30 horas. Está previsto que haxa unha recepción dos Reis Magos para os nenos e nenas de Carballo nunha carpa situada na Praza do Concello a partires das 20.00 ou 20.30 horas, aproximadamente.
UN TOTAL DE 1003 ABONOS E 262.323 EUROS
Mércores 30 de decembro do 2009
O ano 2009 péchase co mellor balance da historia, tanto no aspecto económico, como a nivel de abonados, do Padroado Deportivo Municipal. Os ingresos por abonos e cursos acadaron este ano os 262.323,6 euros, cun incremento de case un 10 por cento respecto do exercicio anterior. Así o expresou Marcos Trigo, Concelleiro de Deporte, que tamén subliñou que o nivel de autofinanciación do Padroado ten medrado até un 34 por cento, con previsión de chegar ao 41 en 2010. Dende a posta en marcha do sistema de accesos en 2004, a autofinanciación tense incrementado dende un 6 por cento en 2003 até o 34 por cento do 2009. O número de titulares de abonos é de 1003, dos que desfrutan 1924 veciños e veciñas, producíndose en 2009 un incremento dun 23 por cento.
SESIÓN PLENARIA ORDINARIA DE DECEMBRO
Martes 29 de decembro do 2009
A corporación carballesa vén de aprobar o traslado provisional dos postos do mercado municipal de abastos mentres duren os traballos da reforma integral, que principiará en 2010 e que conta cun orzamento de 2.443.436,78 euros. As melloras comezarán nos establecementos exteriores, un total de 16, polo que serán os primeiros en sufrir o traslado, situándose no andar superior do mercado. Durante o seu aloxamento provisional, todos contarán cunha superficie igual ou, nalgúns casos, lixeiramente superior á actual. O Goberno local espera que a mediados de febreiro, xa se teña producido a adxudicación provisional e os traballos de remodelación poidan comezar canto antes.
DO 28 AO 30 DE DECEMBRO NO PAZO DA CULTURA
Luns 28 de decembro do 2009
O Pazo da Cultura acolle entre o 28 e o 30 de decembro o popular Festival Nadal Pequespectacular, unha cita xa tradicional, con vida propia dentro do Nadal Cultural, que cada ano inclúe espectáculos de música, danza, maxia ou teatro dirixidos aos máis cativos e cativas. O luns 28 de decembro é a quenda de Al Suroeste Teatro, con 'Princesas: olvidadas o desconocidas', cun orixinal espectáculo de danza. O martes 29 chega a Compañía Artestudio con 'A volta ao mundo en menos dunha hora'; e o peche é o mércores 30 con Berrobambán e a súa 'Bicharada'. Todas as citas son a partires das 18.00 horas e custan 3,5 euros (2,5 con desconto especial), excepto 'Bicharada', que custa 2,5 euros (2 con desconto). Os nenos e nenas xa poden coller a butaca e desfrutar.
NA SALA DA BAIXOCUBERTA DE 18.00 A 21.00 HORAS
Mércores 23 de decembro do 2009
A sala da baixocuberta do terceiro andar do Pazo da Cultura de Carballo acolle entre o 22 de decembro e o 24 de xaneiro a 'I Exposición de Motos clásicas', organizada pola Asociación Cultural Deportiva e Recreativa amig@s das Motos Clásicas de Bergantiños en colaboración co Concello. A mostra conta coa presenza dun total de 20 motocicletas dos anos 50, 60 e 70 e diversas fotografías dalgunhas das concentracións de motos realizadas pola asociación. A exposición poderá visitarse en horario habitual de 18.00 a 21.00 horas. A organización informa aos visitantes de que, para poder realizar o percorrido pola mostra, será necesario ir acompañado polo conserxe do Pazo da Cultura. O motivo é favorecer a protección das motos, a maioría delas pezas moi delicadas.