NOVA SINALIZACIÓN HORIZONTAL
Venres 12 de febreiro do 2010
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Seguridade e Tráfico que dirixe Benedito Viña, informa de que dende o xoves 11 de febreiro estanse colocando nun total de seis puntos da capital municipal novas sinalizacións de 'Perigo. Zona Escolar'. Esta actuación forma parte do Plan de mellora de seguridade viaria nos colexios, e está previsto que os novos sinais horizontais -triangulares, de material termoplástico e fixados ao firme das rúas- estean completamente instalados o sábado 13 de febreiro. As rúas que disporán desta nova sinalización son: a Carballo Calero, no entorno do CEIP Bergantiños; a Desiderio Varela, no entorno da Ludoteca Municipal; a Fotógrafo Xosé Vidal, no entorno do CEIP Xesús San Luis Romero; a Vila de Noia, no entorno do CEIP Fogar (na imaxe); a Avenida de Bergantiños, no entorno do IES Alfredo Brañas; e a rúa Muíño, no entorno da Escola Infantil 'As Landras'.
CONTINÚA ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA O CONCURSO
Xoves 11 de febreiro do 2010
O Antroido de Carballo principia o venres 12 de febreiro cunha variada oferta de actividades para o público de todas as idades. Os máis pequenos poderán elaborar diferentes elementos para disfrazarse no obradoiro que terá lugar na Ludoteca Municipal a partires das 18.00 horas. E tamén pola tarde, a partir das 19.30 horas e ata a 1.00, haberá ambientación a cargo da Charanga Os Chinchorros, que achegará a música festiva ás principais prazas e rúas da capital municipal. O sábado 13 os nenos e nenas terán a súa propia festa de disfraces con música, animadores, xogos, cancións e baile: de 18.00 a 20.00 horas na Praza do Concello. E o domingo chegan os pratos fortes: o Concurso e Desfile de Disfraces, Comparsas e Carrozas, para o que aínda segue aberto o prazo de inscrición. E o baile para maiores na Praza do Concello coa orquestra Trebol a partires das 20.30 horas.
NON SE REXISTROU NINGÚN PEÓN FERIDO NESTE PERÍODO
Xoves 11 de febreiro do 2010
A Concellaría de Seguridade e Tráfico que dirixe Benedito Viña fai público o balance da actividade desenvolvida polos servizos da Policía Local e Protección Civil ao longo do mes de xaneiro. O informe indica que se teñen rexistrado 15 accidentes de circulación con sete feridos: cinco condutores (catro deles de motos) e dous ocupantes. Porén, a Policía Local subliña o feito de que ningún peón teña resultado ferido neste período. Os servizos de Protección Civil teñen acudido a seis incendios, tanto no municipio coma noutros concellos da comarca: tres deles urbanos (en dúas casas e unha cheminea en colaboración co Parque Comarcal de Bombeiros); e tres rexistrados nuns cables, nun contador e nunha papeleira. Así mesmo, a Policía Local ten acudido no mes de xaneiro a 56 chamadas de veciños e veciñas demandando servizos asistenciais de seguridade cidadá.
CONCELLARÍA DE IGUALDADE E BENESTAR
Martes 9 de febreiro do 2010
O Concello de Carballo, en colaboración coa Xunta de Galicia e a Asociación Mulleralia, ten posto en marcha un Banco do Tempo Municipal, un servizo que funciona dende hai uns meses e que está situado no primeiro andar do Museo de Bergantiños da capital municipal. Un Banco do Tempo é un espazo concibido para impulsar e favorecer os intercambios de tempos entre as persoas, apoiando a cooperación informal entre particulares para o desenvolvemento de diversas actividades nun determinado contorno. Así, unha persoa deposita unas horas de tempo ofrecendo un servizo informal que quere dar e, a cambio, pode pedir tempo a outras persoas para algunhas necesidades súas do día a día. As horas nin se compran, nin se venden, só se intercambian. Os interesados e interesadas en obter máis información poden chamar ao teléfono 622 566 228. O horario de atención das oficinas é de luns a venres de 9.30 a 13.30 horas.
UN TOTAL DE 30 GRAVADOS
Luns 8 de febreiro do 2010
A sala do andar -1 do Pazo da Cultura de Carballo acolle até o 25 de febreiro unha selección de 30 das 219 obras presentadas ao III Premio de Arte Gráfico Internacional Jesús Núñez, prestixioso certame centrado no gravado e organizado pola Deputación da Coruña e que conta coa colaboración da Fundación CIEC (Cento Internacional da Estampa Contemporánea de Betanzos), situada na casa natal de Jesús Núñez, unha das figuras vivas máis importantes do arte galego. A mostra inclúe o primeiro premio e os dous accésits concedidos, que recaeron en tres xilografías. O primeiro, cunha dotación de 6.500 euros, foi a parar a unha madrileña, Eva Satín, con 'Invisible Darkness'; e os dous accésits recaeron en dous autores arxentinos: Alicia Candiani con 'Serie continentes', e Alberto César Lavera con 'Retrospectiva'. A exposición pode visitarse en horario de 18.00 a 21.00 horas.
ENTRE O 11 E O 13 DE FEBREIRO
Venres 5 de febreiro do 2010
O Grupo de Acción Costeira Costa da Morte (GAC3), do que o Concello de Carballo forma parte, informa de que durante os próximos días realizará unha serie de sesións informativas destinadas aos posibles promotores, axentes sociais, público en xeral e interesados e interesadas no programa de axudas establecidas ao abeiro do Eixe 4 do Fondo Europeo de Pesca, centrado no desenvolvemento sostible das zonas pesqueiras a través do progreso local e a reestruturación da actividade. Hai que lembrar que o GAC3 está formado polos concellos de A Laracha, Malpica, Ponteceso, Cabana, Laxe, Vimianzo, Camariñas e Muxía, ademais de Carballo. As sesións desenvolveranse os días 11, 12 e 13 de febreiro nas localidades de Camariñas, Cabana e Malpica, respectivamente.
ENTRE O 12 E O 16 DE FEBREIRO
Venres 5 de febreiro do 2010
Carballo vestirase de Antroido entre o venres 12 e o martes 16 de febreiro para repartir un total de 4.550 euros en subvencións e 2.425 euros en premios entre o Concurso de disfraces, comparsas e carrozas e o Enterro da Sardiña, que terán lugar o domingo 14 e o martes 16, respectivamente. En total, preto de 7.000 euros para artellar os pratos fortes dun programa no que tamén hai que subliñar a presenza de animación de rúa, de obradoiros de Antroido na Ludoteca municipal, de bailes nas parroquias de Berdillo, Sofán, Rus, Razo ou Cances e a celebración de dous bailes para maiores coa degustación de orellas e filloas. Todo pensado para que "non falte a festa e para que teñamos a ocasión de ver bos, divertidos e atrevidos disfraces", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero.
MELLORA DAS RÚAS CHILE, BOS AIRES E PONTEVEDRA
Venres 5 de febreiro do 2010
A principios desta semana os operarios da empresa Construcciones Vázquez y Reino comezaron a delimitar a zona onde xa se están desenvolvendo nestes momentos os traballos de urbanización do polígono 27 da capital carballesa. A actuación comprende un ámbito de máis de 10.000 metros cadrados no entorno da rúa Perú, aínda que tamén supón a dotación de servizos para as rúas Chile, Bos Aires e Pontevedra. En todas elas está prevista a instalación de canalizacións e alumeado, a pavimentación do firme e a creación de beirarrúas, do mesmo xeito que se ten feito xa no polígono 26, situado ao seu carón e que supuxo a mellora do primeiro treito da rúa Perú. O desenvolvemento desta zona implica a cesión ao Concello dunha parcela de 1.300 metros cadrados para equipamentos.
O VENRES 5 E O DOMINGO 7 DE FEBREIRO
Xoves 4 de febreiro do 2010
Os Venres Culturais estrean o mes de febreiro centrados no teatro e na maxia. O dúo cómico Mofa e Befa, dirixido por Quico Cadaval, presenta o venres 5 ás 21.00 horas 'Shakespeare para ignorantes', unha delirante comedia que realiza unha viaxe por algunhas das escenas máis descoñecidas do dramaturgo. Mofa e Befa, ou o que é o mesmo, Vítor Mosqueira e Evaristo Calvo, son dous vellos coñecidos do público carballés. Coa súa imaxinación, a súa ironía e o seu humor delirante seguro que espertan as gargalladas do público do auditorio do Pazo da Cultura. A entrada é de 3,5 euros, 2,5 con desconto. O domingo 7, ás 18,00 horas é a quenda do ciclo 'En familia', neste caso co espectáculo 'Somorgujo', do mago Kiko Pastur, centrado na maxia de preto e un guión próximo ao misterio. O prezo da entrada é 2,5 euros, 2 con desconto.
INSCRICIÓNS PARA O ENTERRO DA SARDIÑA
Mércores 3 de febreiro do 2010
A Concellaría de Cultura informa de que xa está aberto o prazo para anotarse no Concurso de Disfraces, Comparsas e Carrozas do Antroido 2010, que ten lugar o día 14 de febreiro ás 18.00 horas na Praza do Concello. As comparsas e carrozas teñen de prazo para a inscrición até o venres 12 de febreiro no Pazo da Cultura, mentres que os participantes con disfraces en grupos, parellas ou individual poden facelo até o mesmo 14 de febreiro unha hora antes de que principie o concurso, na mesma Praza. Así mesmo, tamén está aberto o prazo para participar no Enterro da Sardiña, que ten lugar o martes de Antroido, 16 de febreiro, ás 21.30 horas. Os interesados e interesadas poden anotarse no Pazo da Cultura antes do 12 de febreiro, ou o mesmo día 16 de 20.00 a 21.00 horas no Concello.
ENTREGA DE DIPLOMAS
Martes 2 de febreiro do 2010
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Cultura e Emigración, Belén Lendoiro, veñen de entregar os diplomas acreditativos da realización dun Curso de Restauración de 100 horas de duración para formar a mulleres pertencentes ao colectivo inmigrante e favorecer así o seu asentamento na vila e a súa integración no mercado laboral. Un total de seis mulleres asistiron a esta actividade, que completa outra de 40 horas de duración, realizada previamente, e na que participaron 16 persoas. Segundo explicou Belén Lendoiro, elixiuse o sector servizos pensando nas características de Carballo, unha localidade especialmente relevante pola súa actividade hostaleira. O Concello, que organizou esta iniciativa en conxunción con liñas de axudas da Xunta de Galicia, espera seguir ofrecendo novas actividades formativas no futuro.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 1 de febreiro do 2010
A Xunta de Goberno Local celebrada o luns 1 de febreiro vén de dar o visto e prace á aprobación definitiva do proxecto de urbanización do polígono 11 da capital municipal carballesa, situado no entorno da Vila de Negreira e o Camiño do Bosque. O ámbito ten unha superficie de 5.200 metros cadrados e o seu desenvolvemento realizarase mediante unha xunta de compensación. Segundo consta no PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal), o obxectivo deste polígono é completar a ordenación do chan urbano, garantindo a cesión pública destinada a zona verde. Delimítase unha mazá de reducidas dimensións, adaptándose os aliñamentos ás aperturas viarias transversais da zona da Lagoa. Os prazos de execución das obras fíxanse en seis meses para o seu inicio e 18 meses para a súa finalización dende a aprobación do proxecto de urbanización.