O IMPORTE É DE 89.500 EUROS
Mércores 24 de febreiro do 2010
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de asinar hoxe co Conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez Casado, o convenio para o desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Infraestructuras no Medio Rural (PEIM Rural) 2009-2010. Este acordo subscribiuse no Concello da Baña ao mesmo tempo que con outros trece concellos da provincia e supón o arranxo e mellora de catro camiños rurais do municipio carballés: o camiño de Guitoi-A Contía, na parroquia de Sofán; o camiño O Picoto-Ponte de Quintela, en Artes; o de Aseñado a Fonte de Cobo, en Berdillo; e o camiño Castrillón-Agramaior, na parroquia de Lema (na imaxe). O importe total das actuacións previstas no Concello de Carballo chega a 89.552,39 euros, do total de 1,2 millóns que a Consellería ten previsto investir entre os 14 concellos.
APROBADO O INVENTARIO DE BENS, QUE CHEGA A 258 MILLÓNS DE EUROS
Martes 23 de febreiro do 2010
A sesión plenaria ordinaria do mes de febreiro, celebrada o luns 22, sacou adiante dous acordos que impulsan a creación dunha Subestación Eléctrica no Parque Empresarial de Bértoa. Trátase, por unha banda, da Depuración física e xurídica de parcelas de titularidade municipal situadas no polígono para aumentar a fronte dos terreos nos que se instalará o novo servizo, situados no entorno do actual circuíto de campo a través do polígono industrial. A parcela pasa dos 1.550 metros cadrados previstos inicialmente a ter 1.900. Por outra, o acordo tamén inclúe, a través dunha permuta, a cesión ao Concello por parte de Xestur duns terreos de similar valor (uns 110.000 euros) e cunha superficie de 1.200 metros cadrados situados na ampliación do polígono. O obxectivo da nova subestación é garantir que as empresas conten cun subministro eléctrico suficiente para cubrir as súas necesidades.
OBRAS E SERVIZOS
Luns 22 de febreiro do 2010
O Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, informa de que, segundo o plan de execución das obras de mellora da Avenida de Malpica da capital municipal, ao longo desta semana principiarán os traballos para a instalación do pavimento nas beirarrúas desta vía. Os operarios están traballando na marxe dereita da rúa, na que xa teñen instalado os servizos, entre os que se atopan os de saneamento e canalización de fecais e pluviais, ou os de electricidade. Agora é a quenda da instalación das baldosas nas beirarrúas, unhas obras que comezarán á altura da confluencia da Avenida de Malpica coas rúas Perú, Ponte e Luís Calvo. Unha vez que se teña rematado coa marxe dereita, está previsto que se realicen o mesmo tipo de melloras na outra marxe, para rematar os traballos coa instalación dun novo firme na vía e coa colocación do mobiliario urbano.
O CENTRO DE DÍA: EN MARCHA NO SEGUNDO SEMESTRE DE 2010
Venres 19 de febreiro do 2010
O Concello buscará un financiamento alternativo para poder sacar adiante o proxecto para construír unha segunda Escola Infantil para Carballo en 2010 ante a imposibilidade do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar de garantir este financiamento. Así se desprende dunha xuntanza mantida hoxe entre o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Servizos Sociais, Dores Silveira, co Xerente do Consorcio Galego, Roberto Rodríguez, convocada precisamente para falar da situación deste proxecto. En todo caso, o Consorcio sí que se compromete a incluír as futuras instalacións, unha vez rematadas, na súa Rede Pública e a garantir os gastos de mantemento do novo servizo a partir do ano 2011. Nestes momentos todo indica que a redacción do proxecto de obra desta actuación estará rematado e dispoñible o próximo mes de marzo.
O INVENTARIO DE BENS MUNICIPAIS ESTÁ VALORADO EN 258 MILLÓNS
Venres 19 de febreiro do 2010
A sesión plenaria ordinaria do mes de febreiro que se celebra o luns 22 inclúe entre os asuntos da orde do día a aprobación do acordo de permuta con Xestur Coruña SA para a construción dunha subestación eléctrica no Parque Empresarial de Bértoa. O obxectivo desta actuación é garantir que as empresas instaladas no polígono e as que se implanten no futuro conten cun subministro eléctrico suficiente para cubrir as súas necesidades. O acordo inclúe unha lixeira modificación na superficie da parcela, que pasa dos 1.550 metros cadrados previstos inicialmente a ter 1.900, co que se aumenta a fronte do solar, situado no entorno do actual circuíto de campo a través do polígono industrial. O acordo inclúe, a través da permuta, a cesión ao Concello por parte de Xestur duns terreos de similar valor (uns 110.000 euros) e cunha superficie de 1.200 metros cadrados na ampliación do polígono.
MATRÍCULA PREVISTA DE 291 NENOS EN INFANTIL EN 2010
Xoves 18 de febreiro do 2010
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Educación, Mar Eirís, veñen de entrevistarse coa Xefa Territorial de Educación, María Teresa Villaverde Pais, co obxectivo de transmitirlle as demandas do Concello nesta materia, así como as actuacións previstas pola Administración Local para o ano 2010. Un dos principais obxectivos é acadar que se aborde a ampliación do CEIP Bergantiños da capital municipal para poder darlle resposta aos inminentes problemas de escolarización que se presentan para o próximo curso 2010/2011. Así, está prevista a matriculación de 291 nenos de 3 anos, dos que case as dúas terceiras partes (un total de 211) corresponden ao casco urbano. A Xefatura Territorial adquiriu o compromiso de estudar a ampliación do CEIP Bergantiños.
DOMINGO 21 DE FEBREIRO ÁS 18.00 HORAS
Xoves 18 de febreiro do 2010
Despois da animada paréntese do Antroido, continúa o programa dos Venres Culturais 2010, nesta ocasión co ciclo 'En familia', dirixido especialmente aos máis cativos e cativas. A cita é o domingo 21 de febreiro co espectáculo de monicreques 'Rosalía, a pulga que escribía', que desenvolve a compañía galega Galitoon ás 18.00 horas no Pazo da Cultura. A obra, de 50 minutos de duración, conta a historia de Rosalía, unha pulga moi, moi pequena que escribe cartas. Os interesados e interesadas en acudir á cita poden reservar as entradas no teléfono 981 704 300 de 11.00 a 14.00 horas, ou tamén compralas directamente de 16.00 a 18.00 horas na Taquilla do Pazo da Cultura o mesmo día da función. O prezo ordinario da entrada é de 2,5 euros, mentres que o prezo reducido é de 2 euros.
A OFERTA SUPÓN UNHA BAIXA NO PREZO DUN 23 POR CENTO
Mércores 17 de febreiro do 2010
A mesa de contratación do proxecto de 'Execución da remodelación do Mercado Municipal' de Carballo vén de realizar -nunha xuntanza que tivo lugar ás 12.00 horas- a proposta para a adxudicación provisional da obra, que recaería na empresa carballesa Decoraciones J. Bello. A oferta supón unha baixa dun 23 por cento sobre o prezo de adxudicación, polo que se pasa dun orzamento de 2.443.436,78 euros a un de 1.881.446,33 euros. O prazo previsto para o desenvolvemento dos traballos tamén ten sufrido unha notable redución, pasándose de 16 a 10 meses. Así mesmo, Decoraciones J. Bello ofrece melloras adicionais na súa proposta, sen coste algún, por un importe de 265.042,6 euros. O Concelleiro de Urbanismo, José Antonio Viña, espera que a sinatura do contrato, unha vez superados os trámites administrativos, poida producirse na segunda quincena de marzo.
OBRAS E SERVIZOS
Martes 16 de febreiro do 2010
Entre o 1 e o 31 de xaneiro de 2010 o Concello, a través da Alcaldía, ten recibido un total de 187 avisos de veciños e veciñas para realizar servizos de mantemento e arranxos en todo o territorio municipal, unha cifra que supón un incremento de 43 respecto do mesmo mes de 2009. A Brigada de Obras é a encargada de xestionar estas peticións, que na súa maioría (con 107 chamadas) refírense a substitucións e reparacións no alumeado público. Dende o ano 2008 este servizo non ten deixado de medrar, pasándose de 75 avisos en xaneiro dese ano, a 85 en 2009 e aos 107 de 2010. As demandas veciñais tamén se centran nos sinais de tráfico; nos servizos de auga, luz, saneamento ou teléfono; en Carballo Limpo; nos equipamentos dos edificios municipais; na limpeza de espazos públicos ou na mellora da rede viaria. Os veciños e veciñas poden realizar as súas peticións ou demandas no teléfono 981 704 700.
ASISTIRÁ Á FINAL ESTATAL O 25 DE FEBREIRO EN MADRID
Martes 16 de febreiro do 2010
O Concello de Carballo, a través do proxecto 'Bergantiños: pasado e presente', impulsado polo Centro de Dinamización da Sociedade da Información situado no Telecentro do Pazo da Cultura, ten resultado gañador do 'II Concurso Maiores cON iniciativa' organizado pola fundación Fundetec e que conta co apoio da Xunta a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. A iniciativa consiste nun blog elaborado por persoas maiores que reflicten as súa vivencias recollendo a historia da comarca filtrada pola súa experiencia. O proxecto ten sido seleccionado entre os tres mellores de toda Galicia, polo que os seus representantes acudirán a Madrid o 25 de febreiro para competir na convocatoria a nivel nacional, da que sairá un único galardoado. Os outros concellos que resultaron agraciados con Carballo foron: Ribadeo, con 'Memoria de Muller'; e Allariz con 'As herbas medicinais en Allariz: unha historia de recuperación e empoderamento feminina'.
ENTREGA DE PREMIOS O MARTES 16 DE FEBREIRO
Luns 15 de febreiro do 2010
Un total de 10 iniciativas destinadas a fomentar o uso das Novas Tecnoloxías entre as persoas maiores de Galicia concorrerán á final autonómica do II Concurso Maiores con Iniciativa, organizado por Fundetec para recoñecer o esforzo dos axentes sociais que se preocupan por fomentar a inclusión deste colectivo na Sociedade da Información, así como a propia implicación das persoas maiores participantes. O Centro de Dinamización de Carballo ten sido seleccionado coa proposta 'Bergantiños: pasado e presente', na que maiores do municipio recolleron os seus recordos e vivencias nun blog. Das 16 iniciativas presentadas sairán tres gañadoras, e tanto os dinamizadores/as como todas e cada unha das persoas maiores que participaron nelas recibirán un orixinal trofeo tecnolóxico. Os tres gañadores autonómicos pasarán á final nacional do Concurso, da que sairá un único galardoado.
O ANTROIDO DESPÍDESE CO ENTERRO DA SARDIÑA
Luns 15 de febreiro do 2010
O Concurso e Desfile de Disfraces Comparsas e Carrozas do Antroido de Carballo 2010 repartiu máis de 6.000 euros en premios e subvencións nunha convocatoria moi concorrida que encheu de veciños e veciñas e de concursantes chegados de toda a comarca as rúas máis céntricas da capital municipal. O frío non arredou aos participantes, que fixeron gala de bo humor, simpatía, orixinalidade e creatividade durante máis de dúas horas nas diferentes categorías. Os primeiros premios recaeron en categoría infantil: en comparsas en 'Anos 60 contra anos 80'; en disfraces de grupo, gañaron 'Pan de Carballo'; e en individual, 'A galiña poñedora'. En categoría de adultos gañaron: en individual, 'A Lechuza'; en parellas 'Corazóns de San Valentín; en grupos 'Bob Esponxa'; en comparsas 'Soldadiños de plástico'; e, por último, en carrozas 'Festa fin de curso' (na imaxe). O premio especial 'Choqueiro de Bergantiños' foi a parar a 'Dorinda e Antón. Mercadoría a un patacón'.