Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A poboación do Concello de Carballo chega aos 31.252 veciños e veciñas, cun crecemento de 238 habitantes en 2009

BARÓMETRO MUNICIPAL

A poboación do Concello de Carballo chega aos 31.252 veciños e veciñas, cun crecemento de 238 habitantes en 2009

Venres 5 de marzo do 2010

O Concello de Carballo vén de presentar os datos do Barómetro Municipal anual que se vén realizando dende o ano 2003. Os datos, actualizados a 1 de xaneiro de 2010, indican que a poboación total do municipio é de 31.252 habitantes. O saldo neto do Padrón municipal amosa que en 2009 houbo 1.178 altas fronte a 940 baixas, o que ofrece un crecemento neto de 238 veciños e veciñas neste período. Porén, o Alcalde, Evencio Ferrero, afirma que a crise tamén se empeza a notar un pouco nos indicadores municipais, xa que, fronte aos datos positivos de 2008, en 2009 téñense rexistrado máis defuncións que nacementos, cun crecemento vexetativo negativo de -2. En todo caso, a poboación de Carballo segue a medrar, cun balance total de 15.966 mulleres e 15.286 homes, sendo máis da metade persoas entre os 35 e os 64 anos.

O comercio de Carballo resiste os embates da crise, segundo un estudo do Observatorio da Cámara de Comercio

O MUNICIPIO CONTA CON 686 ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS

O comercio de Carballo resiste os embates da crise, segundo un estudo do Observatorio da Cámara de Comercio

Xoves 4 de marzo do 2010

O comercio de Carballo e a súa área de influencia configúranse como "unha das principais fontes de emprego do territorio". Este sector tense visto afectado pola crise, pero tamén ten superado mellor a situación en comparación co conxunto de Galicia. Así, segundo un estudo realizado en 2009 polo Observatorio Socioeconómico da Cámara de Comercio, "o comercio de Carballo resiste". O municipio constitúese como o principal centro de actividade comercial das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, cun total de 686 comercios minoristas (exclúense as grandes superficies e os establecementos dos centros comerciais); en segundo lugar atópase Cee, con 248. Porén, o comercio ten experimentado unha ralentización no seu crecemento e acusa certas problemáticas que hai que afrontar. O Alcalde carballés, Evencio Ferrero, afirma que é o momento de "facer políticas reais" e "trazar colectivamente alternativas" que ofrezan "solucións" para superar a actual conxuntura económica.

O cantautor Roger de Flor presenta no Pazo da Cultura o seu traballo 'Naturalidad silvestre'

VENRES 5 DE MARZO ÁS 21.00 HORAS

O cantautor Roger de Flor presenta no Pazo da Cultura o seu traballo 'Naturalidad silvestre'

Xoves 4 de marzo do 2010

O cantautor de Fene Roger de Flor presenta o venres 5 de marzo no Pazo da Cultura o seu último e esperado traballo 'Naturalidad silvestre'. Nel ofrece, na súa maioría, composicións propias de estilos como o swing pop, o country ou a balada, sempre co toque humorístico e persoal que este artista lles imprime ás súas cancións. En canto á súa traxectoria, logo de participar en diversos proxectos, como Bang 74 ou La sociedad protectora del hombre mono, De Flor inicia a súa carreira en solitario no ano 2007. Destaca por ser un músico imaxinativo, versátil e con talento capaz de mesturar a tradición coa súa propia sensibilidade pos moderna. A cita, incluída no programa dos Venres Culturais 2010, é a partires das 21.00 horas. O prezo da entrada é de 3 euros; 2 euros con prezo especial con desconto. A taquilla estará aberta de 19.00 a 21.00 horas.

O Telecentro de Carballo acolle o 11 de marzo unha cata virtual de viño por vídeo conferencia

A SEDE DA CITA É A FEIRA DO VIÑO DE CHANTADA

O Telecentro de Carballo acolle o 11 de marzo unha cata virtual de viño por vídeo conferencia

Mércores 3 de marzo do 2010

Os veciños e veciñas de Carballo que queiran saber un pouco máis sobre enoloxía tan só teñen que anotarse e participar na cata virtual que terá lugar o próximo xoves 11 de marzo en vídeo conferencia e retransmitida de xeito simultáneo a oito Telecentros de Comunicación en toda Galicia, entre os que se atopa o de Carballo. A cita desenvolverase en horario de 20.00 a 22.00 horas e a solicitude de participación pode formalizarse dende o portal web do Centro Multimedia de Galicia. En tan só cinco días que leva aberto o proceso de inscrición, xa se teñen solicitado 100 das 229 prazas ofertadas para a cata, que terá lugar en Chantada, Santiago de Compostela, Tui, O Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos, Carballo, Oroso, e Catoira. Os interesados e interesadas en inscribirse tamén poden facelo chamando ao Telecentro no 981 704 300.

O Centro de Dinamización da Sociedade da Información pechou febreiro con 40 novos usuarios e usuarias

IMPARTÍRONSE 28 HORAS DE FORMACIÓN TECNOLÓXICA

O Centro de Dinamización da Sociedade da Información pechou febreiro con 40 novos usuarios e usuarias

Mércores 3 de marzo do 2010

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información (RDSI) continuou en febreiro co seu traballo a prol da inmersión da sociedade galega nas Novas Tecnoloxías en Carballo. No mes que rematou impartiu un total de 3 obradoiros tecnolóxicos, a través dos que se formou a 30 persoas e que se estenderon ao longo de 28 horas. Os obradoiros impartidos este mes foron 'Iniciación á Informática', 'Iniciación á Internet' e 'Creación de correo electrónico'. Asemade, un total de 40 persoas inscribíronse como usuarios/as da Rede para poder aproveitar -sempre de xeito gratuíto- as instalacións e todas as iniciativas que se ofertan nas horas de Aula Aberta, que foi utilizada nun total de 516 ocasións. En canto aos números xerais da Rede, desde que botara a andar neste concello de Carballo en xaneiro de 2007 foron xa 883 os usuarios e usuarias que fixeron o carné da RDSI.

Un total de 17 persoas, a maioría mulleres, recollen os diplomas dun curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes

O CONCELLO SOLICITA CINCO ACTIVIDADES FORMATIVAS PARA 2010

Un total de 17 persoas, a maioría mulleres, recollen os diplomas dun curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes

Mércores 3 de marzo do 2010

Un total de 17 persoas veñen de finalizar un curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais. Trátase de 16 mulleres e un home, todos en estado de desemprego, das comarcas de Bergantiños e Arteixo e pertencentes aos sectores nos que a taxa de paro é maior. A Deputación da Coruña seleccionou no seu momento ao Concello de Carballo como lugar onde impartir esta actividade, enmarcada no proxecto Rede Xiana (Xestión Integral, Accesibilidade, Novas Tecnoloxías e Adaptabilidade no mercado laboral galego) e promovido pola Deputación na convocatoria de Axudas do Fondo Social Europeo durante o período 2007-2013 a través do Ministerio de Administracións Públicas. A Concelleira de Formación, María Manso, subliñou que o coidado de persoas dependentes "é un traballo de vocación" e desexoulles aos recentes diplomados que atopen "pronto un posto de traballo, algo bo para vós e para a sociedade".

Entrega o mércores 3 de marzo dos diplomas do curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes no Domicilio

REDE XIANA

Entrega o mércores 3 de marzo dos diplomas do curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes no Domicilio

Martes 2 de marzo do 2010

María Manso Cid, Concelleira de Formación, Emprego e Participación Veciñal informa de que o mércores 3 de marzo ás 12.00 horas ten lugar no salón de plenos do Concello de Carballo a entrega de diplomas do curso -na imaxe o día da súa presentación- de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais incluído na Rede Xiana (Xestión Integral, Accesibilidade, Novas Tecnoloxías e Adaptabilidade no mercado laboral galego). Está prevista a presenza no acto do Alcalde, Evencio Ferrero. A Deputación da Coruña, no ano 2009, seleccionou ao Concello de Carballo para ser entidade sede e impartir o cursiño destinado a alumnas desempregadas da comarca de Bergantiños e de Arteixo pertencentes aos sectores con maior taxa de desemprego.

O fotógrafo Marcos Rodríguez resulta gañador do XII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís

REPARTÍRONSE 1.850 EUROS EN GALARDÓNS

O fotógrafo Marcos Rodríguez resulta gañador do XII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís

Martes 2 de marzo do 2010

Unha obra do fotógrafo Marcos Rodríguez vén de ser elixida como gañadora do XII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, que repartiu un total de 1.850 euros en premios nesta edición. O título da imaxe que quedou en primeiro lugar é 'Toda unha vida', e, neste caso, o galardón consiste da dotación de 700 euros e un diploma acreditativo O segundo premio, dotado con 450 euros e un diploma, recaeu na fotografía que leva por título 'Explosión de cor', presentada por Antonio Iglesias Núñez. O Premio Especial Carballo, que distingue as imaxes centradas no municipio, está dotado con 450 euros e diploma, e nesta ocasión recae na fotografía 'A ponte', presentada por José López Pérez. Por último, o xurado decidiu conceder un Accésit de 250 euros á fotografía 'La ventana', de Ángel Pérez de León. Esta edición ten rexistrado un total de 78 participantes.

Adxudicación definitiva da obra de 'Urbanización do polígono 27', situado na contorna da rúa Perú

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Adxudicación definitiva da obra de 'Urbanización do polígono 27', situado na contorna da rúa Perú

Luns 1 de marzo do 2010

A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar de xeito definitivo a obra de 'Urbanización do polígono 27' da capital municipal, situado na contorna da rúa Perú e que supón, así mesmo, a dotación de servizos para as rúas Chile, Bos Aires e Pontevedra. A principios de febreiro comezaron os traballos correspondentes aos propietarios dos terreos. Agora, e despois da adxudicación definitiva a Construcciones Ramón Vázquez y Reino SL por 130.036 euros, sumaranse tamén as melloras a cargo da Administración Local. Os traballos implican a instalación de canalizacións e alumeado, a pavimentación do firme e a creación de beirarrúas, do mesmo xeito que se ten feito xa no polígono 26, situado ao seu carón, e que supuxo a mellora do primeiro treito da rúa Perú. O prazo de execución previsto é de nove meses.

O domingo 28 de febreiro remata a I Ruta do Pincho de Inverno

O SORTEO DE PREMIOS É O MARTES 2 DE MARZO

O domingo 28 de febreiro remata a I Ruta do Pincho de Inverno

Venres 26 de febreiro do 2010

O domingo 28 de febreiro remata a I Ruta do Pincho de Inverno, organizada pola Concellaría de Promoción Económica e na que teñen participado e colaborado un total de 11 locais de hostalería de Carballo. A iniciativa vénse realizando todos os sábados e domingos dende o pasado 30 de xaneiro. Aínda, pois, esta fin de semana, os establecementos que colaboran coa proposta ofrecen o sábado e domingo de 13.00 a 15.00 horas e de 20.00 a 22.00 pinchos de balde coas consumicións. O único requisito é que os pinchos sexan elaborados, creativos, únicos e diferentes. Como ata o de agora, e como se fixo tamén coa I Ruta do Pincho de Verán, a organización quere seguir recollendo as impresións dos veciños e veciñas que o desexen. Para iso pón á súa disposición o seguinte blog: <www.blogoteca.com/depinchosporcarballo>.

O Concello contribúe ao repoboamento da ribeira do Paseo do Anllóns coa plantación de 200 árbores

AS ESPECIES EMPREGADAS SON AMENEIROS E BIDUEIROS

O Concello contribúe ao repoboamento da ribeira do Paseo do Anllóns coa plantación de 200 árbores

Venres 26 de febreiro do 2010

A Concellaría de Servizos que dirixe Luís Lamas informa de que durante os últimos días a Brigada de Medio Ambiente ten plantando arredor de 200 árbores de ribeira nas marxes do río Anllóns ao seu paso pola capital municipal. O tramo obxecto da actuación é o Paseo que transcorre entre o parque do Anllóns e o Muíño do Quinto, en que se actuou na marxe esquerda do río; e entre o Muíño do Quinto e a Ponte de Bértoa, en que se ten actuado nas dúas marxes. O obxectivo da medida é o de substituír o elevado número de exemplares caídos tanto durante os fortes temporais que teñen asolado o municipio, como os falecidos por causas naturais. Hai que subliñar que nas últimas semanas teñen desaparecido moitos ameneiros a causa dunha praga presente en toda a comarca.

A compañía ceense Talía Teatro representa no escenario do Pazo a obra 'Palabras Encadenadas'

VENRES CULTURAIS

A compañía ceense Talía Teatro representa no escenario do Pazo a obra 'Palabras Encadenadas'

Xoves 25 de febreiro do 2010

O venres 26 de febreiro, dentro do programa dos Venres Culturais 2010, o auditorio do Pazo da Cultura acolle a representación de 'Palabras Encadenadas' da compañía ceense Talía Teatro que, nesta ocasión, propón un thriller psicolóxico con moito suspense e tensión dramática, escrito polo dramaturgo español contemporáneo Jordi Galceran e protagonizado nesta versión por Toño Casais e María Ordóñez. Esta montaxe supón xa a estrea número 26 da compañía dirixida por Artur Trillo, que enfoca as súas producións tanto para adultos como para nenos. Este espectáculo teatral, que conta coa colaboración do Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), comeza ás 21.00 horas. A entrada é de 3,5 euros; o prezo especial con desconto é de 2,5 euros. A taquilla estará aberta de 19.30 a 21.00 horas.

Compartir: